terça-feira, agosto 04, 2009

MANIFESTO ANDAINA

A VISTA DOS MEUS OLLOS...
Atopámonos enriba do carballo do Santo, en Ludeiros. Dende eiquí descansa a vista dos meus ollos. Refírome con este verso ás terras asulagada de Buscalque, encoradas pola lingua negra dun Lindoso que o afastou para sempre de min, do meu primeiro ollar de cada mañá, xunto con Aceredo, O Bao e A Reloeira, un dos vales máis fermosos dos que podíamos gozar os arraianos, a terra da infancia da miña muller e o val que nunca coñecerán os meus fillos.
O Limia debuxa os contornos dunha terra que se viste de gris e verde para coroarse nos altos de cornos de cabras ceibes e aguias que empreñan un ceo sempre azul. As urces e os toxos arnaus agochan ollos que adormecen de día para na noite camiñar polo mundo das ánimas, e é que eiquí onde os Lobos son guerrilleiros.
Nestas terras de contos, lendas e xentes labregas os Padres son admiradores das meigas e percuran o coñecemento do máis alá, eiquí, ao carón do lume que arde azul e que aquece os corpos arrefecidos.
O coto que é a nosa Serra de Santa Eufemia, martirio da nomeada santa, é unha ledicia para os ollos, que dende o alto se perden en Viana neses días limpos (coma o de hoxe), e que se agudizamos os ouvidos co ar que nos envolve, escoitaremos os Sons das baleas dos que nos fala a poetisa de Riocaldo.
Estas torgas apelidan ao poeta ibérico que decía: “Há sitios do mundo que são como certas existencias humanas: tudo se cojuga para que nada falte á sua grandeza e perfeiçao. Este Gerês é um deles”.
Os valentes eran os que se enfrontaban á vida coa esperanza de cambiar o futuro, os que nunca tiñan medo porque o medo era covarde e a liberdade había que gañala coa loita e cos ideais; os valentes foron os que puxeron os alicerces para unha liberdade duradoira e un mundo libre do fascimo, un deles foi o noso irmán aviador, Elixio Rodríguez, arraiano entre os arraianos. E valentes foron tamén aqueles que cada noite saían a percurar o pan co que encher os bandullos baleiros dos seus polos vieiros do contrabando, e enchían de vida a noite nas quenllas nas que camiñaba o xabón e o aceite, os cravos e a fariña, os ovos e os motores, as boinas e as armas, que como di o novo poeta de Celanova, Baldo Ramos, esas son aguias que aniñaron na nosa memoria.
Nesta nosa terra os camiños son de privilexio e os personaxes das nosas lecturas habitan en Arraianos. Entre eles están Nicasio Remuñán, Obdulia ou Dorinda.
Eiquí o noso mundo chámase Ludeiros, Lindoso, Soajo, Padrendo, Manín, Olelas, e o noso maio é frorido coma o de Curros, e os poemas son coma flores, así os retrata Joao Luís Días.
Compañeiros arraianos, comezamos a nosa andaina onde se atopan as chaves do ceo, agasallados polo centenario carballo de fondas raizames, raizames coma as do Pepe do Pementa (meu pai), un home que acumula multitudes de vivencias neste o seu terruño e que amablemente compartirá con nosoutros.
Este texto de Xesús Díaz abriu a xornada do Recoñecemento ao Arraiano Maior da Raia Seca de 2009

1 comentário:

TAGEN ATA disse...

Sempre me extrañou a falta de recoñecemento na nosa terra para todos ises personaxes salientables merecedores de distinción.

É certo que pola nosa austeridade, somos pouco dados a estas cousas, pero como dixera Goytisolo "Inmortal é o que vive na memoria dun pobo", e tamén viceversa, porque son os seus habitantes senlleiros, os que fan inmortal a historia dun pobo.

Así que, pola parte que me toca, OS MEUS PARABÉNS, por tan merecido nomeamento de Arraiano Maior, e tamén por permitirnos a algúns vagamundos estar ó tanto da actualide arraiana a través do blog.

SAÚDE