Despois do triunfo do golpe militar do 1936 en todas as gornicións dependentes da capitanía xeral da Coruña e da marítima de Ferrol en Galicia, a Academia Galega entrou en crise. Crise que estuda admirabelmente ben X.L. Axeitos nun artigo histórico que verá a luz en breve. Durante a guerra había algún académico en zona republicana (Cabanillas, Castelao) e outros, represaliados, na franquista (Otero Pedrayo). Temeuse seriamente pola desaparición do Instituto, inda que este debeu de ter bos padriños no corazón da besta (pensó sempre en Eugenio Montes). Entraron novos membros, como Filgueira Valverde, Cuevillas ou Bouza Brey, que permitiron que a Academia, se ben, desnaturalizada, seguise estando máis ou menos viva.Naqueles días negros, coa Academia intervida políticamente e posta baixo o poder absoluto do rector da Universidade Compostelana, a institución nomeou a Franco "presidente de honor" ou "membro de honor" –non sei ben. Nunca este suxeito, na súa dilatada vida como dictador omnoímodo, tivo o menor contacto coa Academia Galega, que eu saiba. Xa leremos o que Axeitos publique, sen dúbida definitivo.E ben, na súa última reunión plenaria na Rúa das Tabernas a Academia Galega acordou retirarle a Franco o seu título honorífico. Na cidade da Coruña, que é a que en Galicia conserva con maior lealtade e contumacia os nomes públicos do franquismo, a repercusión do acordó acatado pola corporación que vela oficialmente polo idioma vai ter un especial significado. Coido que a fórmula usada para expulsar a Franco das Tabernas foi algo así: dado que o nomeamento foi forzado polas circunstancias golpistas da 1936, Franco nunca foi en realidade membro honorífico da Academia e, en diante, non o será en absoluto nin sequera de xeito irregular. Así, discretamente e sen demasiada publicidade, a Academia de Curros, Murguía, Castelao, Cabanillas ou Otero Pedrayo sumouse á Universidade de Compostela e a todas as altas institucións que eliminaron dos seus protocolos herdados o nome do galego que máis daño lle fixo a Galicia en todos os días da súa Historia. Algúns pensan, e non sen razón, que a resolución tomada pola Academia é algo serodia. Pro, en troques, resulta moi oportuno expulsar a memoria de Franco da nosa Academia nun intre no que o goberno autonómico de Núñez Feijóo está a tomar medidas destinadas á destrucción da lingua galega e, polo tanto, franquistas.Durante a sesión académica na que se tratou do asunto de referencia, este seu cronista estivo pensando en Philippe Petain, mariscal de Francia, vencedor de Verdun, escritor con méritos propios e membro da Academia Francesa desde 1925. Foi considerado traidor á Patria por colaborar co III Reich e coa ocupación de Francia, e por presidir unha república satélite de Alemaña e fascista. A pena de norte a que foi xustamente condenado resultou xenerosamente conmutada. Pero a súa norte moral republicana executouse de veras ao lle seren retirados os graus militares e as condecoracións. Perdeu Petain a condición de académico en 1945, ao día seguinte da Liberación. O mariscal Petain era moi admirado por Franco, tanto que este lle ofreceu un exilio dourado en España. Agora Franco xa foi radiado da Academia Galega por razón semellantes ás que asistiron á Academia Francesa para radiar Philippe Petain.
Sem comentários:
Enviar um comentário