XL Méndez Ferrín no Faro de Vigo. 3 de agosto. O famoso chiste de Castelao sempre se me representou en Pontevedra. Un paisano olla para a comida e ceiba con medio riso o ironia lapidaria: "Lástima de bois!. Hai uns anos tal frase constituiuse, con éxito, en lema dun movemento contra as corridas de touros en Ourense. Hoxe non lle dirá moito a vastos sectores da nosa sociedade porque no contexto xa non hai bois e, mesmamente, cuase xa non hai agricultores. Hoxe xa non existen bois de tiro (os colludos son outros) en Galicia, pero a súa memoria aínda alenta. Cando García Lorca escribe en galego fainos ver cos ollos da nocturnidade fantástica os "lentos bois a iauga" e toda Galicia fica evocada. "Aran os bois e chove"- dixera Díaz Castro nun dos mellores poemas da historia da literatura galega. Traduzámos isto á lingua do norte de Burgos e verán que desastre: "aran los bueyes y llueve".No seu libro "As Tres Columnas" Sabino Torres danos curiosas noticias do misérrimo universo taurino de Pontevedra. Faise acordante das putiñas de antano cando daban o salto do Campo do Boi da Moureira ao Campo da Torre, e mesmo relaciona Pepe Hillo de Barrantes con aquel bairro de tolerancia. Sempre no ambiente da prostitución triunfou o espírito español e andalucista cuxos símbolos son a baixa canción aflamencada e os touros.Faime moita graza saber por Sabino que esas tropas chamadas "peñas" que, uniformadas ao estilo Pamplona, se puxeron de moda en Pontevedra haberá vinte e tantos anos tiveron como autor intelectual o bibliófilo ligado á Misión Biolóxica de Galicia Antonio Odriozola. A imitación dos sanfermines, na vila de Pontevedra, xorde unha amósega do profundo auto-odio de moitos galegos. (Uns queren ser españois, outros vascos, outros pamplonicas, outros portugueses, outros escoceses ou irlandeses). Póñanse como se poñan, o certo é que a corrida de touros da Peregrina de Pontevedra é unha festa absolutamente allea ás tradicións e á cultura galega. Aínda que a patronice o concello de BNG-PSOE.Vexo por aí movementos anti-taurinos que basean os seus argumentos abolicionistas na crueldade da festa. Respecto esa liña de protesta, tan vella que nos fai acordantes do que Jovellanos chamou "policía de espectáculos". Pro eu gosto das corridas de touros en España e en Portugal, ainda que en Galicia me parezan unha presenza incongruente e provinciana. Confeso, pois, que me sinto ben, por exemplo, en Coria, vendo a bárbara tourada na praza da vila como a vería un turista norteamericano do tipo Welles ou do tipo Hemingway, admirándose da salvaxada.Tamén declaro ser partidario da demolición da praza de touros de Pontevedra e de destinar tan considerábel superficie a un edificio cultural digno da cidade que chamamos vila. En todo caso o único bon que lle debe Pontevedra á súa praza de touros é a revista Litoral. Fundada esta por Sabino Torres a principio dos cincuenta, a súa cabeceira foi adquirida uns dez anos despois por Domingo Dominguín, empresario da praza de touros. Como este era membro activo do PCE, entregoulle o periódico aos comunistas e a outras persoas simpáticas e animosas da intelectualidade local. Entre todos conseguiron facer de Litoral a revista máis ceibe, culta e progresista do territorio franquista na época. "Deus escreve direito com linhas tortas"- como reza a Biblia protestante dos portugueses.
1 comentário:
Os touros,no monte,ou na devesa, non sei con certeza onde viven, en Pontevedra, en A Coruña, en Sevilla, en Madrid, xa hai cornudos de sobra
Enviar um comentário