Usamos moito o substantivo abstracto visibilidade e invisibilidade para nos referir a que Galicia e o seu idioma sexan ou non perceptibles no mundo exterior. A concesión do premio nacional (español) de ensaio en Madrid a unha obra de Justo Beramendi titulada precisamente De Provincia a Nación e na que non se fai referencia á nación española senón á nación galega constitúe todo un fito histórico. De algún xeito, o feito de o Ministerio de Cultura de Madrid lle outorgar tamén a Agustín Fernández Paz o premio nacional de literatura xuvenil por un libro, O único que queda é o amor, escrito precisamente en idioma galego, vén completar o proceso de revelado ao final do cal a foto dun país con características e idioma de seu pode ser contemplada nidiamente. Haberá xente digamos o clube financiero de Vigo, onde funciona a variedade lingüística local na que o ver se confunde co ollar ou co mirar, que siga na contumacia. Por outra parte o PEN Club acaba de despregar a súa actividade maior do curso actual coa celebración da Bienal Literaria Internacional en Compostela na que escritores de diferentes mundos, entre os que se inclúe o premio Nobel de orixe chinés, falaron entre si e coñeceron Galicia como cultura diferente a todas as culturas humanas.
CSertamente, cada un dos visitantes viu o que quixo ou estaba capacitado para ver. O PEN galego cumpriu moi ben a súa misión de chamar a atención dos visitantes sobre a nosa existencia.
Galicia débelle unha homenaxe de masas a Manuel Rivas por dúas razóns principais. Unha, porque el é un grande escritor vivo e vastamente seguido por infinidade de lectores. Outra, porque é o autor noso máis aprezado, non só en Madrid senón tamén alén dos Pireneus en nunha chea de linguas ás que foi traducido. Francia e París xa non son o centro da República Mundial das Letras segundo nos explicara con intelixencia e donaire Pascale Casanova nun libro destinado a permanecer, pro aínda mandan moito, estabelecen xerarquías, e infunden respecto universal. E tamén é verdade que na tal República Mundial das Letras as edicións da Gallimard representan o Tabernáculo ou a Arca da Alianza na que os máis valorados tesouros literarios son facturados desde Francia para o Mundo.
E ben: a última novela de Manuel Rivas (brillante e conmovedora), Os libros arden mal, foi editada en francés por Gallimard co título moi cortante e feliz de L´ ´eclat dans l´ abyme (ou dans l´ abîme, non sei porque non vin a traducción aínda). Xosé Manuel Pereiro, sempre coa ollada posta (el si) na nosa realidade, infórmanos de que Radio France emitiu fragmentos de L´éclat durante unha semana e de que o noso querido O´ Rivas foi entrevistado a toda plana como escritor en galego en Le Monde e en Le Figaro. Libération, máis afín sen dúbida, colocou ao autor coruñés en primeira por causa da súa novela sobre a Coruña e sobre Galicia en días de horror. Finalmente, o Premio Medicis, sempre de Francia, que se concede á mellor obra literaria en lingua non francesa, escolleu esta novela en galego de Rivas entre as 15 finalistas. O clube financiero de Vigo, para quen o galego é perxudicail para os negocios, debería reparar en que ningún libro escrito en castelán foi escolleito para o Medicis.
Os que teñen ollos para ver que miren e os que teñan ourellas para ouvir que escoiten.
terça-feira, novembro 04, 2008
Visibilidade da nación galega
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário