Pódese subir a un outeiro nunha noite limpa con pouca lúa. Por exemplo ao curuto de Castromao, dominando o val do Arnoia. O que se ve na terra é unha morea de puntos de luz relativamente espallados ou agrupados en pequenas constelacións. Máis de 138, que é o número de pezas do Opus de Beethoven, e menos de 8.479, as estrelas que seica poden verse no ceo a simple vista. Debera abondar esta complexidade topolóxica para espantar o reduccionismo.
Mais non abonda. No tocante ao rural, seguimos entre a ideoloxía da maquinaria pesada e o quilovatio, a barbarie progresista, e a procura romántica do ser nacional embaixo da boina dos paisanos, do Santo Grial no rabo dunha vaca.
Miseria mental e política (ou prepolítica). Populismo, clientelismo, anarcocapitalismo, simple desleixo, delincuencia pura e dura... Non hai trapallada que non atope aquí a súa patria.
Teño diante unha foto dun libro de Oteiza. Vense uns homes comendo nunha mesa grande a carón dun caserío. O escultor glosa deste xeito: “Emocionante reunión, la pasión de reunirnos los vascos (pero sólo para comer, para jugar). Hemos perdido el apetito espiritual. La montaña deja de ser un mamífero: es un armario. ¿De dónde venimos, cómo somos, qué no somos capaces de hacer y de apostar en el orden espiritual? Parece, últimamente, que vamos a aprovechar este apetito que nos reúne para comenzar a pensar”.
Iso foi o que quixemos facer nós. Aproveitar o apetito que nos xunta para comezar a pensar sobre a vida nas aldeas. Ou máis modestamente, para preguntar quen anda aí.
Sem comentários:
Enviar um comentário