quarta-feira, janeiro 09, 2008

De neta a avó


Elixio Rodríguez foi un home que, lonxe de forxarse un carácter áspero, despoixa dunha vida dura e de zafar da morte en varias ocasións, entre sorrisos e retranca sempre tentou deixar testemuña daquelo no que cría. Contando as historias do que viviu, dende a infancia até o final da súa vida, lembraba e describía cada intre coma se o tivera vivido só uns días atrás. Parecía respirar fondo cando falaba do verde recendente de Galicia e saboreaba as súas palabras cando pensaba nese pan e nesa carne que xa non eran coma as antes. Foi un home que nunca deixou morrer a ilusión do meniño que levaba dentro, e ese era un dos motivos polos que sempre pensei que era inmortal. A posibilidade da súa morte era unha desas cousas que anadaban aí e que sabía que tiña que acontecer tarde ou cedo, pola súa avanzada idade (97 anos). Pero só lembrarme da derradeira vez que o vin en Madrid, no aeroporto cando voltaba a México, que ao verme ergeu os brazos sen agardar e co rostro alumeado berrou: " a miña neta", faime pensar que non cabe a posibilidade de que deixe de existir xamais.
Eso mesmo foi o que pensei o pasado 4 de xaneiro, día do seu 98 aniversario, cando tantas persoas se xuntaron para lle render homenaxe pola súa vida íntegra e coherente e pola fonda pegada que nos deixou o seu paso polo mundo. Este evento tivo una gran carga emotiva e máis dunha bágoa foi derramada por familiares e amigos cando escoitamos cada unha das palabras que, ás veces coa voz entrecortada, se dixeron na súa honra. O estómago formigueaba ao ver cada ollada que se enchía de gratos momentos ao lembralo e a pel ourizábase ao ver a súa fotografía ao fondo, mentres se deixaba claro que Elixio Rodríguez é un ser que sempre vai vivir na nosa memoria e que, aínda que non foi un santo, foron moitos os que o lembraron e lembrarán sempre. Elixio foi un grande home coas ideas claras que deixou non só un bo feixe de descendentes senón taméninumerables amigos. Incluso para a xente que non tivo o privilexio e o pracer de coñecelo é un referente e todo un exemplo de vida comprometida e cunha historia extraordinaria.Toda a familia Rodríguez sentimonos inmensamente agradecidos polos actos do outro día en Lobios e Celanova e tamén polo esforzo que se puxo na súa organización. Estamos orgullosos de ver que tanta xente o aprezaba e que ao longo da súa vida conseguiu o que sempre quixo: deixar a súa tetemuña viva e, o que é máis importante, o seu exemplo vital, pra que as novas xeracións sigan loitando por un mundo e un país máis xusto.
Este texto foi escrito por Isa Talía, neta de Elixio Rodríguez que actualmente traballa e reside en Madrid.

Sem comentários: