quinta-feira, abril 05, 2007

O Porto e os biorritmos arraianos



Xa cho dicía eu, meu querido irmau arraiano, que cada corazón humano ten un ritmo diferente, aínda que hai quen bota toda a vida sen sabelo. Pero o teu xa sabes que é de ská e o meu de reggae. Mándoche esta postal para non dicir nada importante. Coma sempre. Ti xa me coñeces: Dispersoberbio perfecto!
Prque os patíns on line éche o que teñen. Que te pos a darlle pedal e non das parado nunca. Pero non hai como patinar sobre as augas remexidas do Minho, o deles e o noso quero dicir, sen esquecer que lle aínda debo ao Lima un descenso en canoa dende Muíños até Viana do Castelo, con mostacho esturrxado e foto finish no Bon Xesús en branco e negro. Pero iso será outro día, porque hoxe vou on line e co vento a favor. Os portugueses venme cara de español e os españois (ou galegos?) tómanme por portuñol. Seica van ver se xa abriron os de ikea.


Un tipo con pinta de sospeitoso patina coma un foguete polas rúas da moi doce, marroquí e napolitana cidade do Porto, cun saxo enorme dourado ao lombo e o bandullo cheo coma un bocoio. En Leça de Palmeira agárdanos Álvaro Siza no restaurante Boa Nova, un refuxio de finais dos 50 que se agocha entre as penedas da beiramar e refinería de galp. A Habana ao fondo. Uns mariñeiros surfean coa chalupa ao curricán. Música moderniña e moita percusión. Vento norte. Merda. A sopa de legumes xa está fría e Siza aburrido de falar. Sempre esquezo que cobran a manteiga salgada. Parvo do carallo.


De Boa Nova a Boa Vista. Das pendedas á rocha da música. Patino por entre os camións petroleiros até o bairro do percebe alado sen mirar aos ollos a ninguén. Só unha muller que me dice en castellano que ella ha vivido en orense y que estoy majara. Pido indicacións e lévame amable até o centro rítmico da cidade. Alí está a cosmopolita pena de Anamán. A primeira obra do arquitecto holandés Rem Koolhas en Iberia Pen Ínsua. A Casa da Música do Porto. Os arredores deste edificio son o paraíso dos rolers e dos skaters, que me reciben coma a un deus de Papúa.


Entro agatuñando da emoción. O edificio marea, coloca, pon cego, lisérxiame os caralludos traseiros, sobácame as pálpebras húmidas de bágoas e acelérame o ritmo. Pouso o saxo sobre o chan brando das escadas e tomo morfina con Coltrane. Todo é música na casa. Interruptus da luz, portas de madeira forradas de veludo, pasos sobre aceiro, madeira e vidro. Descuadres, desenfoques, claridade, orden, vértices imposibles.


A xente camiña agarrada ás paredes sen a axuda de drogas sintéticas nin analóxicas. A Orquestra Aragón?. Non pode ser. Pero este cheiro a habanos... Este destino ás veces é un can de palleiro. Abro a porta e aparecen eles, pedíndome que toque as congas no tema Killing me softly. Aforro 15 ouros de entrada levito sobre violíns, percusión, piano, baixo e frauta traveseira. A loiraza dime que fique alí para sempre, pero lembro que teño que impedir os vía crucis miñotos con resistencia pacífica.


Meter fuciño sen fouciño que limite os sentidos, e a ver se aprendemos algo que mellore os biorritmos arraianos...




Fundada em 1939 por Oscar Aragón Cantero, a Orquestra Aragón mantém‑se em plena actividade tanto no seu país, Cuba, como em concertos por todo o mundo. Traz à Casa da Música as sonoridades tradicionais cubanas, que tem procurado ao longo dos anos enriquecer com novas composições e incursões de ritmos das mais variadas proveniências.

3 comentários:

Axente secreto de Lobeira 1 disse...

¡Qué fermoso!

Anónimo disse...

A saber que tipo de cogomelos comiches antes de coller os patíns

Anónimo disse...

lisérxica crónica