sexta-feira, abril 06, 2007

ARRAIANOS POLA XUSTIZA E A DIGNIDADE


PRONUNCIAMENTO SOBRE O PROXECTO DE LEI DA MEMORIA HISTÓRICA
(En fase de trámite no Congreso dos Deputados)


En relación coa recuperación da Memoria Histórica, valoramos positivamente a aprobación polo Parlamento Galego o pasado 28 de decembro dunha Proposición non de Lei para a “rehabilitación xurídica, persoal e moral de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas e represariadas por defenderen a legalidade democrática, as aspiracións de autogoberno de Galicia e a xustiza social”. Sumámonos á petición do Parlamento Galego para que o Goberno Central inicie “as accións necesarias que permitan a anulación dos consellos de guerra a que foron sometidos”. Entendemos que a represión da ditadura chega ata 1977 e comprende represión de todo tipo: política, sindical, social, moral, educativa, económica, etc.

Consideramos que o citado Proxecto de Lei debería incluír os seguintes aspectos:

1. Condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal.
2. Recoñecemento explícito da resistencia antifranquista e de todas as persoas que loitaron pola liberdade.
3. Declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenza, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior ditadura.
4. Aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade, previsto no articulado do Proxecto de Lei: imprescriptibilidade, dereito a saber, dereito á xustiza, dereito á reparación.
5. Consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade.
6. Instar a todas as administracións (central, autonómica e local) para que se retiren dos espazos públicos os símbolos franquistas, dos monumentos, edificios, placas, rúas e prazas e as referencias ás persoas relacionadas coa ditadura.
7. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
8. Instar á Administración a que apoie aos familiares das vítimas da represión na busca de información, presentación de reclamacións, etc.
9. Intervención publica das distintas administracións nas labores de localizacións, identificación das fosas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación, divulgando os resultados; elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.
10. Revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais sobre o período republicano, sublevación militar fascista, ditadura e resistencia antifranquista.
11. Regulación da apoloxía do franquismo como delito e prohibición de toda exaltación do mesmo.

Sem comentários: