segunda-feira, abril 09, 2007

O Xefe fala do amigo Carlos

CORUÑÉS E PATRIOTA
Hai outras Coruñas, mais é a Coruña das persoas como Carlos Díaz a que levantou o monumento a Curros que o é tamén ao nacionalismo, á Republica, ao laicismo e á confianza no Home
X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Morreu Carlos Xohán Díaz Martínez, que, alén de amigo e home activísimo e leal, encarnaba a figura dun certo tipo de coruñés que, para ben de Galicia, se obstina en non desaparecer da sociedade. Falo do nacionalista que se nega ao accidentalismo asumido pola maior parte dos seus correlixionarios (hoxe, o BNG) e considera que a aspiración á forma de goberno republicana é irrenunciábel e está unida ao laicismo e á confianza no progreso do Xénero Humano. Naturalmente, non é privativa das xentes da Coruña esta actitude ideolóxica e sentimental, pro Curros Enríquez, que era de Celanova, sabía ben que a cidade de Díaz Porlier e Juana de Vega constituía un emblema visual de todo iso. Hai outras Coruñas, mais é a Coruña das persoas como Carlos Díaz a que levantou o monumento a Curros que o é tamén ao nacionalismo, á Republica, ao laicismo e á confianza no Home. Por cima, Carlos Díaz sumaba ao exemplo das figuras do pasado o valor e constancia do proletariado coruñés que el e a súa familia vían representado nos Irmáns da Lexía, victimas, como tantos outros, do terror branco no Campo da Rata segundo creo.Carlos Xohán apredeu a arte de ser galego na emigración obreira de Suíza, a onde marchou meniño acompañando seus pais, coruñeses de Atocha. Xa a principios dos anos setenta el pertencía á xove garda (daquela aínda vermella) da UPG e era incansábel. En Xenevra (mandábanos escribir así o exónimo) promovía un novo centro galego (Irmandade Galega na Suíza) máis próximo do nacionalismo ca o benemérito e máis vello que fundaran Anllo, J. Angel Valente, o outro Suso Vaamonde e máis amigos (A Nosa Galiza). Amante das artes gráficas, puña en marcha alí en Xenevra as Edicións Roi Xordo. E non se editaba na Roi Xordo só política: tamén dos seus obradoiros artesanais saía poesía de combate. Luis G. Blasco "Foz" exiliado en París e Carlos X. Díaz estudante e traballador en Xenevra constituíronse en executores dunha renovación política na emigración galega en Francia e en Suíza que tiña como eixo o nacionalismo frentista de esquerda que ao tempo impulsaba a UPG a través da organización de masa ANPG. Tiveron éxito.Os derradeiros relanzos da vida de Carlos X. Díaz Martínez, que media entre 1988 e o pasado 31 de marzo, foron moi productivos. Ademais das actividades asociativas que el centrou, nesta etapa, no Ateneo Republicano da Coruña, puxo en valor o seu valiosísimo arquivo persoal de documentos da Resistencia antifranquista facendo posíbel que accedesen a el os investigadores da memoria. Difundiu mediante a edición as súas coleccións privadas, en especial a moi nutrida de postais. Aplicouse ao que eu considero a súa vocación fundamental: a edición de libros. Por riba de todo, Carlos X. Díaz era editor vocacional e, moi concretamente, editor de textos en idioma galego. Primeiro foino, xunto con M.A. Fernán-Vello, de Espiral Maior; logo, el só, das Promocións Culturais Artesa, que fabricaron algunhas alfaias bibliográficas que pasarán á historia do libro en Galicia. Colaborou, igualmente, con outras editoriais como é o caso de Edicións Xerais de Galicia, Vigo.Entusiasta, intrépido, cordial, Carlos X. Díaz Martínez extinguiu a súa vida e xa é cinsa. Prevalecerá a súa obra xenerosamente consagrada á colectividade e, en canto nós vivamos, e aínda máis alá, ha pervivir a súa memoria de coruñés e patriota.

Sem comentários: