domingo, abril 01, 2007

Morreu o editor e documentalista Carlos Díaz

Mirando esta foto que pendurou Manuel Bragado no seu blog, lembro a impresión que me causou o camarada Carlos a primeira vez que o vin, todo vestido de branco, co pelo para atrás en con gafas de sol, falando con bo criteiro: Boa xente.
Coñecín a Carlos Díaz Martínez a través do fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís. unha tarde de verán no Auditorio de Galicia, en Santiago Compostela. Daquela anadabamos a argallar un monográfico da Revista Arraianos sobre o poeta celanovés. Foi tal a conexión e a empatía entre nós, que ese mesmo día acoordamos que Carlos (Artesa) ía dirixir o proxecto gráfico do número seis da nosa revista: Celso Emilio fai 95 anos. Viñeron despois reunións e conversas para coordinar o monográfico nas que o entendemento a sintonía entre nós deu pé a novos e ilusionantes proxectos para o futuro. Proxectos que agora imos retomar os arraianos por Carlos. Polo seu entusiasmo, pola súa honradez, pola súa amizade, por ter a sorte de atopármonos e porque o seu bo facer profesional marcou o inicio desta nova etapa da Revista Arraianos. Até logo Carlos. Beizón.

2 comentários:

Anónimo disse...

...un dos derradeiros traballos de Carlos Díaz Martínez como editor é o fermoso monográfico de Arraianos sobre Celso Emilio, cuxo proxecto gráfico foi dirixido por este amigo, discreto e traballador, que nos acaba de deixar

Anónimo disse...

Arraiamos neste caderno o artigo que publica Manuel Bragado no Faro de Vigo....

Cando aínda estabamos sobrecollidos pola morte prematura de Xosé Manuel Freire Caamaño, o profesor e crítico de Radio Ecca e d' "A Nosa Terra", soubemos da do editor coruñés Carlos Díaz Martínez. Dúas perdas de senllos traballadores da República das Letras Galegas que moito nos magoan. Freire (a quen o poeta Antonio García Teijeiro dedicou estes días un artigo memorable) e Carlos Díaz foron dúas persoas xenerosas que, dende o trastenda, traballaron de forma tan incansable como discreta na causa de visibilizar a lingua e a cultura da patria común.
A vida de Carlos quedou sempre vencellada a Suíza, onde emigrou aos once anos e onde se diplomou en Socioloxía e Animación Socio-cultural na Universidade de Xenebra, a cidade onde viviría ata 1987. Comprometido, dende moi novo, coa causa do nacionalismo, desempeñou durante anos a responsabilidade das actividades da UPG en Suíza, participando en múltiples iniciativas culturais, asociativas e políticas da comunidade galega. Promotor do grupo de emigrantes "Os Irmandiños" (1972) e animador da "Sociedade A Nosa Galiza" de Xenebra, destacouse alí polo seu xenio e afouteza como editor (que realizaba baixo o alcuño de "Baltan").
Dende "A Nosa Galiza", a publicación periódica da famosa sociedade xenebrina, promoveu, a finais de 1972, a publicación de varios poemas de Celso Emilio Ferreiro (daquela en Venezuela), iniciando así a súa ventureira colaboración co poeta de Celanova. En 1973 coidará as segundas edicións (facsimilares) de dous poemarios de Ferreiro asinadas baixo pseudónimo, "Cantigas de escarnio e maldecir" (Arístides Silveira) e "Al César Enano" (Stow Kiwotto Lumen), impresas as dúas en Xenebra contando coa colaboración de Pierre Claude. Meses máis tarde, ocuparase da edición príncipe de "Cemiterio privado" que xa aparecerá baixo o selo de Edicións Roi Xordo, primeira editorial, e a única ata hoxe, fundada por emigrantes galegos en Europa. Uns meses antes aparecera no mesmo selo "Aldraxe contra a xistra" de Manuel María, outro escritor ao que Carlos quedaría moi unido.
Retornado a Galicia en 1988, Carlos desenvolvería unha amplísima labor editorial -primeiro no xornal "A Nosa Terra" e na editorial "Espiral Maior" (da que sería fundador xunto a Miguel Anxo Fernán Vello) e, dende 1995, en Xerais- destacando a súa preocupación pola recuperación do patrimonio gráfico e documental galego do que era un dos nosos mellores coñecedores. O seu traballo de investigación e coleccionismo neste eido do patrimonio fotográfico permitiu a edición de dezasete álbums de postais, que contribuíron a recuperar a memoria visual de cidades e vilas galegas no primeiro terzo do século pasado; do primeiro álbum internacional de imaxes sobre a Bela Otero; ou dun aclamado volume sobre a obra do fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, figura da quen preparaba unha gran exposición. Actividade memorialística que despregou, tamén, como colaborador de diversos proxectos editoriais do xornal "La Opinión d' A Coruña", como documentalista da fotobiografía de Manuel María ou como comisario das exposicións "Galicia fora de Galicia", "Culturas no Camiño Xacobeo", "Masonería Universal. Familia Galega" (outro tema do que era gran especialista), e "Manuel Facal. 25 anos de obra gráfica".
Con todo, e sendo importante este labor editorial sobre o patrimonio fotográfico galego, Carlos Díaz destacou sobre maneira como deseñador-editor de dez títulos de bibliofilia de arte, outras tantos cartafoles de obra gráfica de autores e artistas galegas, editados por Producións Culturais Artesa, empresa da que era propietario. Editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural, nestes formidables volumes (seguramente algunhas destas edicións, como as de "Sempre en Galiza" de Castelao ou "O outro" de X.L. Méndez Ferrín, son algunhas das máis fermosas que se teña feito en galego) expresou as súas maiores querenzas e mellores saberes. A pesar de quedar roído polo verme dun cancro de vertixe, conseguiu ultimar a formidable edición artística de "Longa noite de pedra" do seu benquerido Celso Emilio, que será acompañada por unha escultura de Silverio Rivas.
No momento do seu pasamento a súa familia foi acompañada pola calor fraterna dos seus íntimos e dos seus compañeiros coruñeses do Ateneo Republicano de Galicia (ARGA), entidade na que se ocupaba, como non!, da súa liña editorial (agasallounos con máis dunha ducia de libros presididos pola tricor en cuberta) e da que era membro moi destacado. Cónstanos que a "liberación" do vello caserón de Panaderas 12, onde viviu Casares Quiroga, aledoulle o seus últimos días. Sen dúbida, o vindeiro 14 de abril, os compañeiros berraremos alí na súa honra: "Saúde e República, Carlos".
bretemas@gmail.com