terça-feira, março 28, 2006
De Carrís e Sombras... Borrando Fronteiras
...e, como xa sabe toda a xentiña boa e xenerosa, dende aquel día da Nevosa non paramos de borrar a Raia; o noso grupo anda na parte que parece mais difícil, a dos territorios quebrados e indómitos das montañas, ui as montañas!, pero que na verdade é a mais doada de borrar porque os homes e a natureza que a habitan nunca souberon dela ou nunca a tomaron en serio, mais ben é unha raia retranqueira!...coma o vento que sube e baixa, que corre ora cara acá ora cara alá, os homes e a natureza destas serras nunca viron raia por ningures e cando, por mor das fantasías demenciais daqueles que se dín mais sensatos, tiveron que asumir a imposición dunha fronteira fixérono sempre cun desexo do demo de avantala.
Pois é, velaí vai a tropa Xurés arriba buscando o alto para ourear en terra de ninguén e de todos, como fan esas vacas-vaquiñas da serra cando nos suores do verao soben buscar o fresco nas ourelas venteadas dos cumios; subimos por ese val do río Homem que riscou o xeo do fermoso glaciar que miraba ao mar da vella Galiza bracarense, paseamos e oureamos nas alturas dos vellos mineríos dos Carrís e das Sombras, lugares onde moitos soñaron unha mellor vida ripando da terra o mineral que os homes malos precisaban para a guerra dos seus soños, soños imposibles tornados pesadelos e que tampouco teñen fronteiras coma todas as dores do mundo e coma todas as miserias.
E baixamos por ese val do Río Vilameá que riscou o xeo do fermoso glaciar que miraba ao corazón da nosa Galiza orfa...E colleunos a noite, como collía aos pigureiros co gado no monte, como (a)collía aos contrabandistas monte fora en fuxida-libre das fames, como (a)collía aos fuxidos do fascio e lles daba unha noite máis de vida. Unha cervexa fría e unha cea entre amigos á lareira na casa abrigo do Pisco valeunos para saber certo que o que estabamos facendo non era un soño, que cando saimos por esa terra vereada era certo que estabamos borrando fronteiras. Terémosvos ao tanto dos novos anacos de raia que vaian desaparecendo. Até á próxima.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
... dende nena, percorrín o Xurés co meu pai e memoricei cada recuncho desa serra.Aínda hoxe, podería chegar a identificalos pola orografía, pola forma dos penedos e até pola vexetación. Dá gusto sabervos percorrendo ises camiños... pero que envexa me dades tamén!!
Thank you!
[url=http://wjkwrnhr.com/pghc/gxup.html]My homepage[/url] | [url=http://yxclooht.com/krpc/seuh.html]Cool site[/url]
Good design!
http://wjkwrnhr.com/pghc/gxup.html | http://szgfzehb.com/wtne/drbv.html
Enviar um comentário