A cousa puido ser moito peor...
Xúroche que vimos a cabeza dun lobo relambéndose por tras dunha peneda... e resultou ser unha xesta azoutada polo vento; escoitamos polo GPS as voces ancestrais do principio do mundo, dicíndonos que a noite nos quería bravos e sen teito, rodeados do neboeiro da morte, vento e chuvia reconfortantes e os buxatos rindo de nós...
Imaxínanos, que par de bandidos!!... querendo seguir a raia seca polos curutos esgrevios do Xurés, e cos marcos da fronteira a dar chimpos corga abaixo; soñando coma dous parvos con adivinar as coordenadas exactas da nosa posición na serra, cando o mapa se revirou e nos fixo a puñeta con estilo esborrallandose nunha bola de papel mollado e ilexible. De verdade!! Incluso nós estivemos a piques de ser borrados do mapa, cando a sensación de absoluta perda nos enganchou coas súas poutas de lobo polo pescozo de collóns cruzados.
Non puidemos nin voltar sobre os nosos pasos, e tivemos que meter monte abaixo por unha bimbarreira entre d√∫as corgas. Seica hai que perderse totalmente para recuperarse totalmente...
De onde vimos?, Onde vamos?, Quen somos?. Xúroche que a certidume só nos deixaba respostar a terceira cuestión: somos dous toliños na procura de aventura o día menos indicado. Nas outras dúas cuestións non había acordo posible... Igual foi por iso que nos abrazamos coma dous meniños cando por fin alviscamos a chairada de Pradoseco.
2 comentários:
Voa voa, paxariño...
O monte hai que amalo e respetalo, porque pode custar disgustos e xogarnos malas pasadas...
Enviar um comentário