VIAXA NA MÁQUINA DO TEMPO DE ANACOS DE VIDA (SEN SAIR DA CASA)
Agora que temos que estar confinados #nacasiña imos convidarvos a viaxar no tempo sen sairmos do noso domicilio. E facémolo convencidos de que calquera revolución debe comezar polo noso interior, onde habita a nosa memoria, e que unha crise sempre é unha oportunidade... Así que aproveitemos estes tempos duros para desfrutar das pequenas cousas da vida coa nosa xente, descrubrindo as pequenas e as grandes historias que se agochan tralas fotos antigas de @anacosdevida.
"Isto é unha auténtica revolución emocional", comenta un dos protagonistas do capítulo de Anacos de Vida durante a preestrea do capítulo de #anacosdevida en Santa Comba (A Coruña). O mesmo escoitamos en Bueu, na Estrada, en Celanova, en Noia ou Guntín... e en todos os lugares polos que viaxamos no vello bus de #anacosdevida.
So estas emocións, mais tamén as apertas, ás bagoas e o agarimo que recibimos, sobre todo da xente maior, mais tamén dos cativos e as cativas, que agora coñecen mellor as súas propias raíces, xa xustifica o noso intenso traballo durante os últimos meses, percorrendo na máquina do tempo de #Anacosdevida, as aldeas e vilas de Galicia para recuperar a memoria gráfica e oral do noso país.
"Este programa valoriza a historia local e a memoria individual e colectiva, fai pobo e sobre todo, fomenta a comunicación interxeracional, e por iso é un programa que debera estar na grella dunha televisión pública", asegura un antropólogo e economista galego, experto en medios de comunicación social.
Na primeira tempada deste programa quixemos ir descubrindo esas pequenas e grandes historias que hai tralas fotos antigas dos arquivos familiares de Galicia, eses #anacosdevida que tod@s gardamos con agarimo nas nosas casas e nos nosos corazóns, esas imaxes de antano que non adoitan sair nos libros nin nos medios de comunicación, mais que forman parte do que somos, do que fomos e do que podemos chegar a ser como pobo...
A mecánica deste novo formato audiovisual, nacido nun lugar onde o mundo se chama Celanova, é tan sinxela como orixinal. Os presentadores, Alba Prol e Aser Álvarez (este último tamén dirixe o programa) veñen do pasado a bordo dunha máquina do tempo moi especial e convidan ao alumnado dos centros educativos a coñecer as súas propias raíces familiares a través das fotos antigas que teñen nas súas casas. Propician así un fermoso intercambio xeracional. Veleiquí o punto de partida de cada un dos capítulos deste formato creado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, para a CRTVG, un soño colectivo chamado Anacos de Vida, cuxos primeiros capítulos xa podes desfrutar eiquí na web: @anacosdevida
Sobre este punto de partida, unha escolma das fotos dos arquivos familiares, comeza a búsqueda da foto misteriosa por parte do equipo de investigación, composto por alumnado dos centros educativos de cada concello, unha procura que culmina ao final de cada capítulo, co descubrimento do segredo que agocha esa imaxe.
A foto do pasado é outra das imaxes principais do programa, unha imaxe que sempre agocha unha gran historia que nos fai viaxar cara atrás no tempo. Mais como non todo pode ser miara cara atrás no tempo, @anacosdevida tamén ten a sección denominada "a foto por facer", onde nos centramos nalgún tipo de acontecemento que sucede durante a gravación de cada capítulo de @anacosdevida.
Queremos agradecer todas as mensaxes de agarimo, de ánimo, de parabéns, de sorpresa, de ledicia e de felicitacións que nos fostes enviando ao longo dos últimos meses polas diferentes canles do noso programa. Foi un goteo constante coa emisión de cada un dos capítulos que fixemos nesta primeira tempada de #anacosdevida, unha viaxe no tempo e no espazo, recuperando a memoria gráfica e oral de Galicia, un percorrido que agardamos poder continuar en breve... Sodes moitas as que nos demandades máis pequenas historias todos os sábados na televisión pública de Galicia.
E lembrade que tod@s @s que formades parte desta gran familia de @anacosdevida xa sodes tamén un anaquiño da nosa vida e deste fermoso proxecto... Beizóns por axudarnos a facer posible este soño individual e colectivo chamado @anacosdevida...
Noia, Santa Comba, Bueu, Guntín, Carral, Cambados, Maceda, A Estrada, Celanova... forno os concellos que fomos percorrendo no vello bus de @anacosdevida, lugares onde fomos descubrindo fermosas historias e fotos antigas que nos axudan a saber quen somos, de onde vimos e até onde podemos chegar...
Grazas por abrirnos as portas das vosas casas, das vosas almas e compartir con nós as vosas lembranzas máis queridas e as vosas fotos antigas, e con elas moitas desas pequenas e grandes historias que descubrimos, recuperamos e contamos en Anacos de Vida. Até pronto.
Seguimos navegando na procura das mellores fotos antigas e historias de Galicia en Anacos de Vida.
Xa queda menos para volver sentir o arrecendo da primavera mentres paseando á beira do río e a brisa do mar nas nosas meixelas. Agardamos que todas estas pequenas e grandes historias que agochan as fotos antigas, estes #anacosdevida que tantas persoas quixeron compartir con nós vos axuden a levar mellor estes momentos e coñecer as nosas raíces. Saúde, ledicia e amor apra tod@s
Sem comentários:
Enviar um comentário