O II FESTIVAL INTERNACIONAL
DE CINE RURAL CARLOS VELO DA A COÑECER OS FINALISTAS DESTA EDICIÓN NO
REALIMENTATE 2015 DE LALÍN
O II FICCVelo vaise celebrar
do 26 ao 28 de xuño en Cartelle e Celanova
Entre as máis de cen
curtametraxes recibidas, procedentes de quince países, o Comité de Selección do
II FICCVelo resolveu escoller os seguintes traballos como finalistas:
Na categoría de documental:
Waiting for the t(rain) de Burkina Faso
Minerita de Bolivia
Santiago, olladas de perfil
de Galicia
Som Pastor de Mallorca
Por qué non cantades todas
de Galicia.
E na categoría de ficción:
Whale Valley de Islandia y
Dinamarca
Julia de Colombia;
Aquí no pasa nada de
México;
Garand de España
Cólera de España.
O Realiméntate 2015, que se celebra ata o domingo en Lalín, co
obxectivo de reivindicar a volta ao mundo rural dende unha perspectiva
contemporánea, foi o escenario escollido pola organización do Festival
Internacional de Cine Rural Carlos Velo para dar a coñecer os finalistas desta segunda
edición do certame cinematográfico, que terá lugar en Cartelle (Ourense) os
vindeiros 26, 27 e 28 de xuño.
Un total de dez traballos, cinco
na categoría de documental e cinco na de ficción, foron os traballos escollidos
para pasar á fase final do II FICCVelo. Historias locais e universais
procedentes de seis países diferentes que retratan aspectos moi diversos do
mundo rural contemporáneo, deixándonos unha paisaxe chea de grandes interrogantes.
Colombia, México, Galicia, Islandia, España, Bolivia e Burkina Faso
son os países de procedencia dos traballos finalistas, “documentais e ficcións
que demostran que o noso percorrido pola vida e as cuestións existenciais que
nos impón son moi semellantes en todas partes do mundo”, comentan os directores
do festival, Inés Vázquez e Aser Álvarez, gratamente soprendidos polo
extraordinario nivel dos traballos seleccionados.
O FICCVelo realiméntase
Durante esta fin de semana os dez
traballos finalistas vanse proxectar no marco do Realiméntate 2015 como un
avance do II FICCVelo, dándolle a oportunidade ao público de Lalín de votar e
escoller co seu voto os mellores traballos de documental e ficción. Os
organizadores do FICCVelo destacaron na rolda de prensa que comparten con
Realiméntate unha visión de conxunto do mundo rural, da alimentación, a saúde,
a cultura e a sustentabilidade.
Estes puntos en común e as
reflexións compartidas sobre o mundo rural levaron a facer da capital do Deza
unha extensión do II FICCVelo, para dar a coñecer os finalistas desta edición e
proxectar ao aire libre os traballos finalistas. O Xornal Agrario Galego, un portal web galego especializado no mundo
rural contemporáneo, creado no marco das iniciativas multidisciplinares do I
FICCVelo, é o medio oficial do
Realíméntate 2015 e foi tamén presentado no marco desta feira
agroalimentaria, cultural e gastronómica de Lalín.
O Festival, organizado polos
colectivos LAREIRA POP e ARRAIANOS,
avanza así na súa vontade fundacional de servir como punto de encontro para os
profesionais do sector audiovisual que traballan en entornos rurais e xerar un
espazo para o debate e a reflexión
creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, dende unha
perspectiva multidisciplinar e contemporanea.
http://www.lareirapop.com/
Sem comentários:
Enviar um comentário