Carne de vacún criada en liberdade nos montes de Ourense. Este é o
proxecto que empezou Roberto Álvarez canso da vida na cidade. Dez anos
despois na zona non hai lumes e si unha carne de excelente calidade que
está a triunfar. Esta é a historia das Galeguesas...
-Qué te levou a dedicarte á cría en extensivo de gando vacún de carne?
Despois de anos emigrado en Madrid quería facer algo ligado á terra, quería volver á aldea e facer algo que me permitise vivir aquí. E a gandeiría en extensivo foi o que máis me atraeu.
-Cómo naceu o proxecto da Facenda O Agro?
O primeiro paso foi matricultarme nun curso de pastoreo de ovellas e fabricación de queixos en Euskadi. Despois, durante tres anos, entre o 2003 e o 2005, dediqueime a convencer aos veciños de Santiago de Amoroce, unha aldea situada a uns quilómetros de Celanova, para que me arrandasen os montes comunais. Eran uns terreos sen coidar dende había décadas que, como desgraciadamente sucede en Galicia, eran pasto do lume de forma periódica. Finalmente, os veciños e veciñas arredendáronme as 115 hectáreas por 20 anos.
Tiña claro que quería facer gandeiría extensiva e a idea inicial era mercar razas autóctonas de Galicia, sobre todo cachena. Pero polo camiño, avarióuseme o tractor e tiven que chamar ao proveedor de Cataluña para encargarlle a peza danada. Na conversa xurdiron os meus plans e tanto falamos que me convenceu de que, polo menos, fose coñecer vacas da raza francesa Salers. Convencéronme e en maio de 2005 desembarcaron en Amoroce as 25 primeiras vacas de raza salers.
O nome de Facenda o Agro púxenllo porque “Agro” é o acrónoimo de Álvarez González Roberto e porque ese era o alcume do meu avó. Dende aquela, e a base de moito traballo, tanto a superficie como a cabana gandeira foron aumentando. Hoxe temos 100 cabezas de gando salers.
-Por qué optaches pola raza Salers para a túa explotación e non polas razas autóctonas galegas?
Como dixen foi por casualidade. Pero a día de hoxe tamén teño un rabaño de 140 cabezas de vaca Cachena. A raza Salers é unha das mellores vacas do mundo para alta montaña: é unha vaca moi mansa e rústica que da moi bos resultados en carne, tanto en cantidade como en calidade. É unha raza que deberíamos ter en conta para os nosos montes.
"En Galicia a gandeiría extensiva é a solución máis efectiva e máis económica para loitar contra os incendios"
-Elaboras hamburguesas con carne das túas reses e bautizáchelas co nome de Galeguesas. De onde xurdiu a idea? Cales son as súas características e que tal se están comercializando?O meu irmán recomendoume que fixera hamburguesas porque hai uns anos empezáronse a poñer de moda nos restaurantes. Decidimos probar, e moimos a carne do noso vacún, mesturámola con pan relado, sal, ourego e perexil. Démoslle forma redonda e empezamos a introducila nos lotes de carne que vendíamos. Foi un éxito.
Unha vez feitas, un amigo alemán de Hamburgo, chamoulles “Galeguesas” e trunfaron. Elaborámolas na nosa carnicería que temos en Celanova e vendémolas tanto en fresco como envasadas ao baleiro, para consumir nos seguintes 3 ou 5 días. Tamén se poden conxelar e aguantan meses. Para preparalas non requiren desconxelación, senón que se poden poñer directamente na plancha ou na tixola.
O seu sabor e o seu valor nutricional non son comparables ás hamburguesas das grandes industrias. As nosas están elaboradas cunha carne de altísima calidade, alimentada con produtos naturais e que vive ao aire libre. E iso nótase.
-Onde podemos atopar os produtos da facenda O Agro?
As Galeguesas comercialízanse en diferentes tendas gourmet de Galicia e degústanse en restaurantes de Santiago, Vigo, Ourense, A Coruña, Madrid e Barcelona.
Ademais, pódense encargar na nosa páxina web www.facendaoagro.com
-Qué potencial lle ves á gandeiría extensiva en Galicia?
Véxolle todo o potencial porque temos todos os elementos necesarios: clima, tradición gandeira, base territorial e xente traballadora. O que nos falta é que todas estas pezas se combinen para aproveitar o enorme potencial que temos para producir carne de calidade.
-Galicia, e en concreto a provincia de Ourense, é pasto dos lumes cada verán. É a gandeira extensiva a mellor política de prevención de incendios forestais?
A gandeiría é unha ferramenta imprescindible para minimizar o risco de lume. É a máis efectiva e a única economicamente viable pois transforma o mato susceptible de ser queimado en proteína animal. E ademais, permite outro tipo de actividades ao seu redor como o sendeirismo, a produción de cogomelos, o mel, a caza, a reforestación con frondosas, as enerxías renovables...etc.
-Cales son os vosos proxectos e obxectivos para este ano?
Seguir coidando o producto e intentarmos medrar un pouco na comercialización. Despois de dez anos loitando, queremos aliviarnos tamén un pouco das débedas e queremos chegar a outros mercados tamén locais.
-Por último, que lle pedirías ás administracións públicas, e en concreto á Xunta, á hora de apoiar aos emprendedores que coma ti queren vivir da gandeiría en Galicia?
Pois pediríalles que fagan as leis cos pés na terra, coñecendo o traballo a pé de campo, e non só dende as oficinas. Neste sentido, paréceme imprescindible que se acometa en Galicia un ordenamento do territorio e poñer en valor a enorme base territorial que está abandonada.
Tamén me parece fundamental que se incentive que entre capital humano novo na agricultura e na gandeiría para poder levar adiante novos proxectos nun entorno rural que en Galicia está morrendo.
Publicado no Galicia Confidencial
Sem comentários:
Enviar um comentário