O 20 e 21 de xuño de 2014 Cartelle e
Celanova (Ourense) van acoller a I Edición do Festival Internacional de Cine Carlos Velo, un espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes
documentais e de ficción cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación
da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo. Mais este evento tamén vai ser un lugar de encontro para os profesionais do audiovisual en xeral e para o debate multidisciplinar e creativo sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural.
Con esta iniciativa reivindicamos a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo,
e imos promover a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos,
sociais, culturais e obras colectivas e creacións audiovisuais arredor
do mundo rural e do seu futuro. Arraianos e Lareira Pop promoven e organizan este festival.
O Centro Educativo, Comunitario e Terapéutico A Chaira de Amoroce vai acoller o vindeiro sábado, 15 de marzo, ás 11 da mañá, a presentación oficial do primeiro festival de cinema rural de Galicia, o I FICCVelo. Mais xa podes inscribir a través da rede a túa curtametraxe documental ou de ficción para participar no I Festival Internacional de Cine Carlos Velo, que se vai celebrar en Cartelle e Celanova os días 20 e 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. Un evento para os amantes do bo cine e para os que cremos que outro mundo rural é posible. Seguiremos informando.
Sem comentários:
Enviar um comentário