segunda-feira, janeiro 06, 2014

Arraianos inaugura o seu Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce en Celanova

Antonio Crespo (AGADER), Moreiras e Álvarez (Arraianos) e Xosé Manuel Puga (GDR16)

Despois de dez anos de intensa actividade, o colectivo Arraianos comeza unha nova andaina coa posta en marcha dun ambicioso proxecto de desenvolvemento rural pioneiro en Galicia. Coincidindo co 102 aniversario de Celso Emilio Ferreiro, o pasado sábado 4 de xaneiro de 2014, inauguramos o Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce. 

Na Voz de Galicia, Faro de Vigo e La Región recolleron este importante acontecemento e as palabras de Antonio Crespo, director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, cando definía este proxecto coma "un dos mellor valorados por Agader dos que se presentaron en toda Galicia, polo seu carácter innovador e comprometido cos colectivos máis desfavorecidos e co territorio e pola súa capacidade para xerar actividades de valorización do entorno e desenvolvemento rural en toda a zona, por iso acadou unha valoración tan alta", dixo o director de Agader durante a presentación, diante de autoridades, veciños, amigos e responsables de diferentes colectivos e do GDR 16

Os Arraianos comezamos así con forza este ano 2014, no que imos desenvolver unha intensa actividade ligada á celebración do noso décimo aniversario como colectivo. Coa inauguración do Centro Cultural, Educativo e Terapéutico A Chaira de Amoroce, espazo de encontro, de axuda aos máis necesitados e de intercambio de ideas, saberes e experiencias, empeza unha nova andaina aínda máis comprometida co territorio, coa nosa identidade, coas novas xeracións e cos colectivos máis desfavorecidos. 

Todos sodes benvidos ao noso principio do mundo e lembrade que contamos con todos vós para desenvolver o noso proxecto complementario de voluntariado social. Levamos xa 10 anos desfronteirizando mais, como podedes ver, seguimos a loitar por derrubar os límites, as barreiras e as fronteiras irracionais, xa sexan políticas, sociais ou simplemente mentais. Adiante Arraianos!!




Sem comentários: