Manifesto arraiano 2013
Eu son un Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén.
Os que nos criamos nas aldeas deste país, os que tivemos unha vida plena abrindo camiños coas limitacións propias de cada tempo, identificámonos con Balbino, dalgún xeito tivemos o seu mesmo sentir, aínda que non cavilásemos coma él.
Balbino cavilaba, adoecía por entender o mundo do seu arredor, cousa nada fácil para un rapaz, sentíase un incomprendido, e as súas ideas sobre un mundo máis xusto, non se reflictían no devir diario. Os tesouros do pobre non son máis ca estrelas no camiño a ningures na noite de San Lourenzo. O verdadeiro tesouro habita a imaxinación, que non coñece nin destingue clases, é a ferramenta máis poderosa que posuímos, coutala é renunciar a unha plenitude negada po los perxuizos, e por unha sociedade sempre encorsetada, na que Balbino viviu, e coa que nos identificamos os arraianos, pois dangún xeito, tamén nós somos él.
Hai cinco anos (no 2009), comezamos esta andaina proveitosa nun deses lugares arraianos identitarios do país, na fronteira de A Madalena, en Lobios. Ferrín fixonos a honra de ser o primeiro portador da aguillada, e naquela xornada, xa envestido de Arraiano Maior, falounos da raia como espazo cósmico que nos abraza a todos. O seguinte ano, nun deses lugares máxicos galaico-portugueses, en Castro Laboreiro, a aguillada pasou a mans do Padre Fontes, historia viva da raia barrosá, ideólogo e impulsor do Congreso de Medicina Popular que nestes días se celebra en Vilar de Perdices na súa vixésimo séptima edición, logo de trinta anos de intenso traballo. Entón, dixo o Buxo Fontes que habitamos a mesma serra e somos a mesma xente, nada nos separa, xuntanse os sentimentos. Bento da Cruz, o lobo guerrilleiro da telúrica raia que nos xungue, foi Arraiano Maior en 2011, e alí, no Monte do Pedreiriño en Entrimo, recolleu a aguillada e díxonos que: somos un mesmo pobo, coa mesma lingua (cuase), co mesmo sentir. Chegado o 2012, Celanova era o vértice, o lugar onde todo tiña que tomar outro cariz, cen anos despois do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, alí nos tiñamos que atopar para rememorar a súa obra, o seu sentir na vila de pedra, e alí os arrainos entregamos o primeiro recoñecemento como Arraiano Universal á fundación que leva o seu nome, él tiña que ser o primeiro, pois, en parte ou en todo, Arraianos érguese sobre os alicerces sementados por CEF. E tamén, nese acto, entregamos o Arraino Maior a Xesús Alonso Montero (depositario este ano da aguillada, que intuimos tivo que empregar nalgún lance na RAG). Dicía Alonso Montero o ano pasado que él non era merecente de tal recoñecemento, se acaso tentaría facer méritos para selo no futuro. E non perdeu o tempo, meses despois é elexido Pte. da RAG (o que nos congratula), para facer honra dese espíritu arraiano do que foi depositario.
Chegados aquí, queremos facer nosas as verbas de Rosalía de Castro, que nos dixo co gallo da publicación de Follas novas: Que o deixen pasar, como un romor máis, como un perfume agreste que nos trai consigo algo daquela poesía, que nacendo nas vastas soidades, nas campías sempre verdes da nosa terra e nas praias sempre hermosas dos nosos mares, vén dereitamente a buscar o natural agarimo nos corazós que sofren e aman esta querida terra de Galicia.
Sábeo ben XNV, que dalgún xeito entronca os seus vieros cos da poeta universal en varias ocasións, como amosa a súa biografía, pero, esas raizames medraron con forza aló das nosas fronteiras, en Bos Aires, irrigadas co saber, a cobiza e a forza de Anisia Miranda, arraiana tamén de cerna e espíritu, parte dun todo como é a obra de XNV, na que latexa Anisia para sempre, entre nós, con nós, aquí na terra dos seus antergos. Cada galego leva consigo un alento de Rosalía, pero, hai quen fai que ese alento se convirta en rumoroso, e medra alí onde for, porque o latexo da nosa poeta non atopa fronteiras, non existe barreira que impida o sentir dun pobo.
Xosé Neira Vilas, é de feito un arraiano dende sempre, borrou fronteiras co seu inigualable traballo no continente irmán, e soubo espallar a nosa lingua e cultura, coma non fixo ninguén, a semente de Balbino segue a medrar no planeta, e con él a cerna da nosa lingua. Cómpre dicir que nesta travesía, son moitas as veces que decorreron xuntos camiños NV e XAM, sen ter en conta a distancia física, dende a segunda edicición (xa en Galicia) de Memorias dun neno labrego, co prólogo de AM, andiveron xuntos os vieros da escrita, e co bo facer e empeño do inesquecible Isaac Díaz Pardo, para nós un arraiano entre os arraianos, que xa non o poderá ser Arraiano Maior, por razóns obvias, pero que estamos seguros acadará o Arraiano Universal.
Como ia decindo, eses camiños crúzanse unha e outra vez, agora para facer entrega da aguillada que tan ben coñeceu e manexou Neira Vilas (Balbino) na súa nenez. Pero os vencellos seguen, e multiplicaránse, pois a semente da memoria non se esgotará mentres queiramos acordala. Algo así como reflicte esta pasaxe de Querido Tomás: O río sigue no seu, coma fai catro o cinco mil anos. Sigue rolando, moendo o tempo e luindo pelouros con feroce teimosía; badúa, ruxe, agurgulla en escumas, fura nas raiceiras, e eu vexo nel a vida, o alento de cada hora dándolle feitío á eternidade, e síntome cativa no arrimo desta orela, destas pedras postas polo xenio andeiro dos romanos. Poesía da memoria, sentir e vivir o que se sente, deixarnos engaiolar pola liberdade de pensar, de ser o que queiramos ser, de ollar os mundos que nos peten, porque se a infancia é a única e verdadeira patria dun ser humano, a imaxinación da infancia constrúenos ou derrúbanos para sempre.
A nosa cultura e identidade non coñece de fronteiras, as raias son un pretexto para levar onde sexa a nosa lingua, a nosa cultura e razón de ser. Galicia constrúese no planeta, medra cos galegos aló onde estén, e os galegos medran nesa galicia arraiana, símbolo e raizame do noso país. Neira Vilas é un dos exemplos máis claros da nosa identidade universal, coa súa cobiza e a da súa dona Anisia, naceron páxinas inmortales da nosa literatura, coa editorial Follas novas, vencellaronse para sempre coa Rosalía facedora de patria nos vieiros da escrita, e no sentir do común. Eles os dous afondaron nesa cerna galega da Habana, para emerxer daqueles alicerces prodixosos a fala do noso pobo, para erguer novamente o facho da identidade nacida aló, na illa caribeña. Nada se fai sen vontade duns poucos, ben poucos son os que guían a vontade da masa, sempre cómoda ou acomodada.
Estamos aquí, porque aquí xermolou Balbino, co seu cavilar, cavilamos; e identificámonos, cos seus anceios deixamonos levar a un tempo que tamén é o noso tempo, de nós depende trocar o mundo, pese a que como din este fermosos versos do noso Balbino: o mundo está mal feito / e hai que seguir loitando, / dende a flor, / dende o canto do xílgaro, / dende o murmurio dos regueiros. Pois sí, seguiremos loitando contra, e encontra, dos que nos queren asoballar a nosa identidade. Como dicía Rosalía: Sófrese tanto nesta querida terra galega!
Rematamos como comezamos este manifesto, citando a Balbino, ese rapaz que camiña polo mundo sen fronteiras, espallando o sentir deste pobo: Eu son un rapaz, un ninguén. Algún día serei grande! E tan grande…
Beizóns, saúde e ledia, irmáns arraianos.
Suso Díaz
Fotografías: Huberto J. Vergara
Sem comentários:
Enviar um comentário