Por X.L. Méndez Ferrín. Algúns galegos teñen escrito esta tempada na prensa sobre as palabras despectivas e arrogantes que George Steiner proferiu sobre a nosa lingua galega. Manuel Rivas, que é o escritor galego máis traducido e coñecido no estranxeiro, veu decer, entre outras cousas, que o que necesita a nosa lingua (e a nosa cultura) é facerse perceptíbel no mundo. Estou dacordo con el, pro mal poden conseguir facernos un perfil visíbel no mundo aqueles que se non consideran a sí mesmos e desprezan a propia identidade.Se vostedes atravesan as pontes internacionais que, felizmente, unen as dúas ribeiras do Miño, verán que ao entrar en Galicia non hai cartel ningún que informe de tal feito. Se vostede aterra nun aeroporto de Galicia despois dun vóo internacional non recibirán ningún tipo de información a respecto desta nosa "nacionalidade histórica". Tamén se veñen de fóra por tren e entran na librería da estación comprobarán que alí non hai libros escritos no noso idioma.Os pelegríns que chegan onda nós de lonxe non encontran no Cebreiro ningunha indicación de que entraron en Galicia e que Galicia é así e asá. Unha vez culminada a súa viaxe, se visitan a libraría da catedral non encontrarán ningún libro sobre o camiño de Santiago escrito na lingua do país. Hai xente que está a reclamar que a información sobre Galicia se lle ofreza aos pelegríns xa desde o Bierzo, pero iso sería pedir a lúa. De xeito que son milleiros os suxeitos que fan a rota xacobita e patean unha boa parte de Galicia para, regresando aos seus lugares de orixe, ignorar que estiveron neste vello Reino. Eu estou seguro que se lle preguntan a Shirley MacLange ou á filla de Bush, que fixeron a pé o camiño de Santiago, por Galicia, polo seu idioma, pola súa historia, non saberían contestar. A desaparición de Galicia ás veces é un feito deliberado. Fábricas de conservas de peixe que comercializan os seus productos con selo de Vigo, España sen mencionar a Galicia son un caso frecuente. Outro sería o de Colin Smith, que publicou o Merlín e Familia en traducción inglesa ocultando deliberadamente que a primeira edición da obra foi feita por Alvaro Cunqueiro en galego. Pro o caso máis estúpido da ocultación de Galicia é o do diccionario enciclopédico portugués de Lelo e Irmão, editorial do Porto cuxa matriz está á mesma distancia da miña casa que a sede da Academia Galega. Esta obra describe así o Miño: "Rio de Espanha e de Portugal, que nasce nas Astúrias, em Espanha, e deságua no Atlântico, em Caminha, Portugal". Se é así como perciben o Pai dos Nosos Ríos, sen ningunha relación cun país chamado Galiza, uns solventes editores da cidade de Porto, cómo nos verán os lisboetas ou os alentejanos? Sinxelamente, non existimos para eles. Certo, as raíces da ideoloxía nacional portuguesa son profundamente anti-galegas. Recoñecer a nosa existencia histórica sería, xustamente, negar o relato consensuado da fundación de Portugal. Deixemos o caso galegoportugués por imposíbel de ser solucionado. Nós estamos empeñados en ver Portugal e eles nin quixeron nin queren nin quererán nunca ver a Galiza. Os nacionalistas galegos chegan á madurez e ao uso da razón política o día no que renuncian a Portugal e á fantástica redención que desa república nos poida chegar. E, se os portugueses non nos ven, o resto dos humanos tamén non. Steiner si que nos vé, pero resultámoslle cativos e sen categoría.
1 comentário:
Home, perdoe-me vostede mais o dicionário de que falastes non representa Portugal nem os portugueses. Pola parte que me toca sinto-me mais galego que alentejano mais isso nom bem ó caso. Que tamém ai muitos galegos para quem o Minho é apenas um ponto de passagem para o Porto ou Lisboa. E muitas vezes falo portugues, principalmente em Vigo, e respondem-me "que no te comprendo"...
Assi, que facer?
Enviar um comentário