De neno, contáronme a estoria da sublevación de Luzbel, o máis belo dos anxos, contra Deus. Impresionoume a súa grandeza máis ca épica e o relato serviume para imaxinar nitidamente a invención do Inferno e aparición de Satán no mundo e no trasmundo. Anxos, Arcanxos, Serafíns, Querubíns, Dominacións, Tronos, Virtudes e Potestades son as diferentes castes de anxos ou espíritos puros que conseguín manter na memoria. Logo estaban o Anxo da Garda e os anxiños consistentes na cabeza dun pícaro con dúas aliñas apegadas que poboan os retábulos barrocos. O pior dos meus pesadelos infantís foi un no que me vin acosado por un enxamio de tales mostros cativos, que rían perversos. Mahoma veneraba estas figuras incorpóreas, que el herdara da Biblia, e nada menos ca o Corán lle foi transmitido por Deus a través dunha delas. De mozo, poucas veces me divertín tanto como o día no que lin no Padre Feixóo unha humorística distinción racionalizada ao modo tomista entre a natureza dos anxos e a dos trasnos, co fin de deixar en ridículo coido que aquel Padre Laínez que defendía a existencia dos segundos. Eu teño moita máis simpatía polos tardos ou trasnos galegos ca polos anxos inconsúteis e sobrehumanos. Unha extrañísima afección dos anxos revelouse en certos poetas do século XX, entre os que non se contan certamente Pound nin Maiakovski, afección producida pola irradiación que un día exerceu Rainer Maria Rilke. É certo que poetas crentes coma Gerardo Diego escribiron bonitas bagatelas sobre os Angeles de Compostela. Pro tamén contumaces materialistas (Alberti) foron capaces de convocalos como tal no libro Sobre los Ángeles. O comunista cristianizante e unamuniano Blas de Otero é autor dun duro libro titulado Ángel fieramente humano. En canto a Lorca, este poeta máximo meteu, entre ciganos inesquencibeis, figuras andróxinas ou asexuadas de arcanxos belísimos representados en estatuas públicas de Granada. Estes anxos literarios non deben, digo eu, de provir de Lost Paradise, o poema perfecto de Milton. Como tampouco pensaría nel Ricardo Carballo Calero cando deu á luz na Benito Soto o libro titulado Anxo de Terra, nin tampouco Aquilino Iglesia Alvariño, castelanizante ocasional, ao poñerlle ao seu, cuase contemporáneo do anterior, Contra el Ángel y la noche. A moda dos anxos literarios debeu de se ir cando Ánxel (tamén) Rei Ballesteros deu á luz a súa novela Dos anxos e dos mortos, coa cal o espírito da nova narrativa pareceu ter unha continuidade do máis esixente. De meniño non tiven demasiada fe na existencia dos anxos (había tantísimos seres invisibeis nos que crer!) e de maior nunca sentir a necesidade de xogar á fantasís fabricando anxos poéticos. Un día non lontano durmín incómodo nun hotel alemán debido a que este estaba situado nunha Engelstrasse. Coidei ao principio que se trataba dunha rúa á memoria de Federico Engels; pro non: era só a Rúa do Anxo.Vexo apegado nun farol da Porta do Sol, Vigo, un carteliño no cal calquera de esas sectas modernas que andan polo mundo captando diñeiro dos inocentes anuncia un curso sobre "Metafísica de los Angeles". Xa non se trata, ai, de anxos poéticos senón da nova relixión dos anxos que, procedente dos EE UU, irrumpeu con forza na cultura de masas hai anos. Por iso, na actualidade, cando me falan en anxos non penso en San Miguel, nin no da Garda, nin nos das cabeciñas aladas, senón na cara de apalambrado que pon Nicholas Cage cando fai de anxo no cine.
Sem comentários:
Enviar um comentário