terça-feira, junho 05, 2007

Homenaxe aos votantes

A esquerda e o nacionalismo votante espera dos partidos vencedores unha política municipal contraria ao neoliberalismo
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Coas pasadas eleccións municipais o retroceso do PP vese que continúa, e continuará sen dúbida deica o afundimento total cando perda as deputacións que aínda goberna. Logo abrirase o período de reacción da dereita que seguramente pasará por unha refundación en clave non sucursalista, ou así o pensan algúns que claman sempre polo partido nacionalista de dereita ou centro. Converterse niso parece que é ao que tende o BNG e no proceso parece que perde votos e se converte nunha especie de teloneiro do PSOE. Esta columna está moi alegre pola derrota, coido que irreversibel, do PP de Fraga Iribarne. Outras dereitas virán, pero non terán eses seus ollos. E, agora, aquí manda un partido que se di de progreso e ás veces de esquerda e que depende en todo dun Madrid onde perde as eleccións e máis un partido que di non ser de esquerda senón non se sabe de que, que non fala do Pobo senón de cidadanía e xente e que, sendo unionista, é de dirección galega e reclámase do nacionalismo. Asi e todo, sabemos que as multitudes, as masas, o pobo, o proletariado, as camadas populares, a pequena burguesía ilustrada (disimúlenme este cúmulo de palabróns prohibidos: é deliberado) que votaron PSOE e BNG si que pensaban votar esquerda real e independentismo. E pensaban votar para que nos concellos se leven a cabo reformas, algunhas adiadas desde a noite dos séculos XIX e XX. Non falo de "revolución", como cantaba estúpidamente a propaganda electoral do BNG, polo menos en Vigo. Falo de reformas necesarias que adecuen, no plano da administración local, as institucións que constitúen aparellos xa innútiles, ás nosas realidades do século XX. E outras cousas.Naturalmente que a esquerda e o nacionalismo votante espera dos partidos vencedores unha política municipal contraria ao neoliberalismo e que recupere os servizos cedidos a empresas privadas que, sinxelamente, están a nos colonizar e a se bulrar de nosoutros. Claro que eses votantes queren apoio ao galego e posta en vigor de ordenanzas e é prácticas de política lingüistica eficaces nos municipios e non lle tolerará a Abel Caballero o desprezo que lle merece o noso idioma igual que non llo tolerou a Ventura Pérez Mariño. Por suposto que os votantes esixirán unha planificación democrática do urbanismo e non aceptarán máis a dictadura do empresariado da construcción. E pedirán cultura en forma de bibliotecas, arquivos e museos reais e tanxibeis. E esixirán a creación das Xuntas de Freguesía e, xa que son dúas as deputacións liberadas do sistema arcaico do PP, pensan que diante dos novos gobernantes se abre a tarefa da comarcalización como paso previo á extinción das catro provincias decimonónicas e inútiles. Naturalmente a esquerda dos votantes reais non aceptará a privatización do porto acompañada de recheos e novas pontes sobre a ría en Vigo, nin a gasificación de Ferrol, nin a universalización das eólicas por todas partes e reclamará políticas medioambientais orientadas ao ben común como mandaba nada menos que Tomás de Aquino, sempre tan aristotélico. E así poderíamos seguir porque os votantes nacionalistas e de esquerda non piden a lús, ao meu xuízo, senón reformas que entran no terreo do posíbel. Estarán PSOE-BNG á altura do programa implícito das multitudes que os votaron nos lugares nos que, ao revés que Cangas, ou Ferrol, non teñen presenza municipal partidos de esquerda xenuína e ambición independentista?

Sem comentários: