segunda-feira, junho 11, 2007

Contra o Himno Galego


Hai xornalistas dedicados a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Á Presidente do Parlamentiño e á Mesa que a asiste parece que non lles chista o Himno Galego de Pascual Veiga e Eduardo Pondal, por iso ordenan a antroidada de facelo soar en plan "Café de Chinitas" na inauguración da lexislatura ou o que sexan as sesións que se procesan na antiga Escola de Veterinaria do Hórreo. Nantronte lin a X.C. Caneiro e coñezo que, para o autor de Verín, a letra do Himno Galego é detestábel como poema. Tamén é verdade que nese mesmo día vin, que na opinión de Bieito Iglesias, o poema Os Pinos de Pondal que lle dá as palabras ao Himno constitúe a mellor de todas as letras posibeis porque só a poden entender os críticos especialistas en lírica simbolista. É corrente ouvir falar por aí contra os nosos símbolos nacionais, mormente á medida en que o cardume madrileño se fai mesto, toldado e ameazante contra todo nacionalismo que non sexa o español. Característica do colonizado é mimar, case sempre con resultados ridículos, as maneiras do colonizador. As raparigas africanas con sosténs impostos polo misioneiro a lles cubrir os peitos e o régulo antropófago toucado con chapeo de copa sempre foron considerados, senón o retrato, si a triste caricatura do colonizado. Este fai usualmente ostentación da súa subalternidade e o primeiro que o Amo lle esixe é que careza de símbolos abstractos que excedan a condición tribal. Entre nosoutros: empanada e polbo si; Himno Nacional non. Hai xornalistas dedicados todo o tempo a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia. Estes son os "bufóns d´El Rei" cuxa misión non é outra ca a de facer rir o Amo. Outros columnistas, con aspecto demacrado de náufragos nas praias finistérricas dos xornais de Galicia, imitan aquilo que nunca serán, ou sexa asinantes de textos nas páxinas metropolitanas de El Mundo ou El País. Son lúgubres, malencónicos e están doídos. Soen usar da ironía ou do sarcasmo para asemellarse cos seus modelos superiores en canto se afanan en tratar unha e outra vez das "miserias" do nacionalismo incesante. Agora, aqueles que marcan en Madrid a axenda dos media, decidiron que toca tratar da letra da Marcha Madrid. Pois ben, pillando bola, o columnista colonizado aproveita para poñer a feder o Himno Galego, naturalmente esperando o aplauso do Amo e a acollida na Casa Grande do Pensamento Hexemónico. Os máis biliares, con moito, parecen ser os que proceden da esquerda e do nacionalismo, o cal, como facía Vicente Risco, consideran pecados de xuventude. E estes mesmos son os máis contumaces en recorrer á imitación do pésimo columnista metropolitano e en insistir no tema monográfico da ruptura de España adobiando o gorigori monorcorde coa burla de todo o que en Galicia é alto, non español, nobre, soberbio: poño por caso a poesía de Eduardo Pondal. E ben, se queren tratar do Himno, trataremos do Himno. De momento non porque xa esgotei o espazo que este xornal xenerosamente me concede: "O fel de ter que vivir/ entre badulaques tantos...": por Celso Emilio Ferreiro.

Sem comentários: