A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, e a Federación de Ensino de Comisions Obreiras de Ourense teñen o pracer de convidalo ó acto HOMENAXE AOS MESTRES E MESTRAS REPUBLICANOS REPRESALIADOS POLO FRANQUISMO que terá lugar no Centro Cultural Deputación Ourense coa proxección do documental “La escuela fusilada”
(de Daniel Álvarez e Iñaki Pinedo - 2006, 50 min.) e posterior coloquio cos homenaxeados
e cun dos autores do documental.
Día: 28 de marzo
Hora: 19:45 horas
Rúa Progreso, 30 — Ourense
O 2006 declarouse como Ano da memoria, coa intención de que as suas actividades e celebracions teñan continuidade no tempo. Con este motivo, distintas entidades e organizacións galegas quixemos homenaxear ós homes e mulleres, docentes, mestres e mestras, que foron mortos ou represaliados durante a Guerra Civil e na posterior ditadura, como un recoñecemento a eles e ás súas familias.
Neste acto intervirán representantes das institucións galegas, mais o protagonismo principal será, loxicamente, para os homes e as mulleres daquela extraordinaria xeración de educadores e educadoras que viviron (e sobreviviron) á máis dura proba, persoal e profesional das súas vidas.
D. José Sueiro Martínez e D. Antonio Vázquez Martín, Mestres, son testemuñas vivas que poden dar conta duns acontecementos dramáticos que endexamais deberan ter acontecido. Neles queremos recoñecer e homenaxear a todos os que perderon a vida ou foron represaliados,
en Galicia, por defender a liberdade, a lexitimidade democrática e un modelo educativo renovado, laico e de calidade.
Teremos, ademais, a oportunidade de ver unha película documental que aborda emocionadamente aqueles dramáticos acontecementos, “La escuela
fusilada” de Daniel Alvarez e Iñaki Pinedo, e contaremos, tamén, coa presenza dun dos seus autores.
Por último, a Comisión Organizadora quere agradecer públicamente a colaboración institucional
recibida, o apoio dos sindicatos do ensino, herdeiros daquela tradición educativa, e das entidades promotoras e colaboradoras, así como ás persoas participantes e ás familias dos mestres e mestras fusilados en Galicia polos franquistas.
2 comentários:
Hia un filme que onte se estreou en Compostela e que vos pode interesar:
A derradeira lección do mestre
de Xoan Carlos Garrido
Moi recomendabel
Enviar um comentário