quinta-feira, março 29, 2007

Xurxo Lourenzo en Celanova


XURXO LORENZO
HOME, TERRA E ALMA

Xurxo Lorenzo nace en Ourense o 11 de febreiro de 1910. Era fillo de don Xosé Lorenzo, intelectual liberal e de tendencia obreirista. Don Xosé proviña de vellas estirpes fidalgas da parte de Lobeira e Calvos de Randín. A súa esposa, dona Joaquina, representaba o enlace da fidalguía labrega coa burguesía urbana viguesa.
Xurxo sería hoxe considerado intelectualmente superdotado. Aprendeu a ler, el só, apenas con catro anos. Manifestou tamén grandes calidades de debuxante desde moi noviño, recibindo clases particulares dese os sete anos. Os libros de Xulio Verne logo o aburren. Descobre a exiptoloxía, chegando asombrosamente, con menos de quince anos, a coñecer os rudimentos da escritura xeroglífica. Rexeita os clásicos, e en plena crise romántica adolescente, devora as obras de Larra, Victor Hugo e Dumas. Ese civilizado romanticismo non o abandonará xamais no decorrer da súa breve e intensa existencia. Aprende a tocar bandurra, guitarra, laúde e mandolina. Coñece con certa profundidade as técnicas musicais, virándose de seguida para a música popular. Ingresa en Madrid na escola de arquitectura. Comeza a colaborar en diarios galegos, e sobre todo, na publicación Nós. Tórnase, aos poucos, apaixonado e profundo galeguista, aínda que a actividade política nunca o encheu. Abandona o curso de arquitecto, decepcionado polo cariz técnico e pouco artístico da disciplina, e matricúlase, xunto ao seu irmán Xoaquín (Xocas) en Filosofía e Letras. Comeza a publicar traballos sobre as antigüidades do Val do Limia, meténdose a fondo na investigación histórica. Compaxina maxistralmente tradición e visión de futuro, interpretando a arte popular desde unha perspectiva de modernidade. A súa aguda percepción artística fai que confeccione un arquivo de música popular de Lobeira, aproveitado despois por Xocas para a edición do Cantigueiro Popular da Baixa Limia. Procura con afán documentos antigos, destacando na súa faceta de transcritor e intérprete de vellos pergameos. Pasa longas temporadas en Lobeira, sobre todo nos veráns. Hai quen lembra a figura de Xurxo, a bailar a muiñeira, daquela vetada aos “señoritos”. Desterrado de Compostela, xunto ao seu irmán Xocas, por mor do seu galeguismo, instálase en Zaragoza. Por causa dun furúnculo, morre inesperadamente o 3 e abril de 1934. os seus restos descansan no cemiterio ourensán de San Francisco.

OBRA PUBLICADA
- Un casamento en Lobeira (1934)
- Blasós de Ourense (1930)
- Foro de Lobeira (1930)
- A cristianización do castro de Monterrei (1931)
- Protocolo dos documentos galegos da outra Idade Media
- O crismón na escritura de Galicia (1933)
- Tres estacións de arte rupestre da serra de Lobeira (1933)
- Catálogo dos castros galegos – Terra de Lobeira (1933)
- Notas arqueolóxicas do cruceiro marítimo de Ultreia (1934)

OBRA INÉDITA
- índice dos documentos do mosteiro de Celanova no arquivo histórico nacional
- Corpus de documentos visigodos galegos
- Unha casa na Hermida
- Blasós de Ourense (terceira parte)
- Etnografía galega da outra idade media
- O castro da pías da moura en Entrimo
- O río Limia
- Santa María a Real de Entrimo
- A casa galega
- O hábitat nas citanias
- O hábitat no outo medioevo, etc.

Sem comentários: