sábado, fevereiro 24, 2007

Manuel Lourenzo premiado co Casa dos Poetas


Felicitamos aos membros do Patronato pola súa decisión de concederlle o XXIII Premio Celanova, Casa dos poetas ao dramaturgo Manuel Lourenzo, "polo seu compromiso en prol do teatro galego e universal, como espello dos problemas sociais e existenciais ós que se enfronta o ser humano".

Lourenzo, membro destacado do colectivo Abrente, que naceu vencellado á Feira de Teatro de Ribadavia, é un dos fundadores do teatro galego contemporáneo e hoxe constitúe un referente en todos os eidos da actividade teatral, xa sexa actuando, dirixindo, producindo, ensinando, teorizando ou creando textos teatrais. Textos soberbios, clásicos e contemporáneos, sempre comprometidos e que nos obrigan a reflexionar, textos complexos e con fondura coma Contos Troianos, que tivemos o pracer de coñecer nunha moi recomendable montaxe que hai unhas semanas estreou na Sala Yago de Santiago.


A honestidade intelectual de Lourenzo tamén é indiscutible, tan indiscutible coma a súa traxectoria de máis de corenta anos facendo teatro, cine e televisión dende Galicia; en defintiva, facendo país.
A ver se algún día podemos presenciar algunha das súas montaxes teatrais en Celanova.

1 comentário:

Anónimo disse...

Celanova e a súa frenética actividade cultural. Uffffffff...

Non lembro a última montaxe teatral que veu á vila. Foron tantas e tan boas...
Pero voulle preguntar aos meus avós e aos meus pais, a ver se eles se lembran.