sábado, novembro 14, 2020

De Carballo a Carvalho e a capacidade transformadora da educación


Veleiquí estamos os dous inseparables cabezudos que ao longo destes meses pandémicos nos fomos facendo bos compas de viaxes, troulas, lecturas, músicas, rodaxes e que mesmo así, tanto tempo xuntos, nos acabamos facendo grandes amigos. Nesta imaxe de Xoán Alrey, que serve para ilustrar esta info ben interesante sobre algúns dos nosos proxectos documentais sobre Ricardo Carvalho Calero, que fixemos con Arraianos Producións, non se sabe moi ben quen colle a quen, quen terma de quen, quen turra de quen... Sempre me levei moi ben cos mortos. E Carvalho é un morto ben vivo. 


Foi este noso idilio unha xeira ben fermosa, que comezamos pouco antes do confinamento, con "De Carballo a Carvalho. Percurso pola vida e obra de Ricardo Carvalho Calero", un documental con fins divulgativos e pedagóxicos que foi unha encomenda da Agal, nun percurso que continuamos todo o mes de maio co proxecto Unha palabra para don Ricardo, que fixemos para a Real Academia Galega, e aínda houbo tempo de crear un proxecto multimedia chamado "Carvalho Calero sem fronteiras", coa axuda dun equipo de xente extraordinaria, todos convencidos das potencialidades transformadoras da educación e da utilidade do audiovisual neste eido. E aínda houbo recitais poéticos, diálogos entre poetas eróticos e rock, músicas e outras drogas de curso legal para as nosas almas e para reivindicar a este pequeno grande home de Galicia. Un home sen fronteiras. 


Coido que Carvalho está contento co traballo feito, co carácter divulgativo e pedagóxico que lle demos a todos os proxectos, ou polo menos iso é o que me di don Ricardo cando me meto dentro del... Fun  feliz. Agora, seino... Seguimos na xeira das Letras Galegas!!

Sem comentários: