domingo, dezembro 16, 2018

Certame Escolar Internacional de Podcast e Relato Radiofónico en galego Xosé Mosquera Pérez



Convocado o I Certame Escolar de Podcast e Relato Radiofónico en galego Xosé Mosquera Pérez

O instituto Rosalía de Castro de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Arraianos Producións, promotora desta iniciativa, veñen de presentar o primeiro Certame Escolar Internacional de Podcast e Relato Radiofónico que se fai en Galicia. Este premio leva o nome de quen foi a primeira estrela mediática de Galicia, Xosé Mosquera Pérez, un activista cultural e comprometido galeguista, que durante os anos 30 deu vida ao popular personaxe radiofónico “O vello dos contos” nos micros da emisora decana da radio no noso país, Unión Radio Galicia, que comezou a emitir xa en 1932. En xuño de 1933, facíaselle unha multitudinaria homenaxe no Hotel Compostela, momento que recolle a imaxe de arriba.  


O certame, o primeiro destas características en Galicia, está dirixido ó alumnado do último curso de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros educativos de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Como indican as bases, van ter que gravar un relato radiofónico cunha duración máxima de 5 minutos sobre algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea cada ano no Día das Letras Galegas.

Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas, autor que ademáis de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, pois os dous formaban parte do primeiro cadro de actores de Unión Radio Galicia, tal e como se recolle na foto de abaixo, onde Antón Fraguas é o primeiro pola esquerda, e Mosquera Pérez, pola dereita.


O texto do guión e maila gravación, que poden ser elaborados individualmente ou en grupo, deberán enviarse ó correo electrónico certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org antes do 17 de maio de 2019. O premio para o relato gañador é de 1.000 euros. E tanto o podcast gañador coma os finalistas van ser emitidos en directo nun programa de radio, durante a gala de entrega de premios, antes do final do curso 2018-2019. 

Dende este luns, 17 de decembro, todos os centros educativos de Galicia e tamén os que imparten galego no exterior, recibirán a convocatoria coas bases deste primeiro certame escolar internacional de podcast e relato radiofónico en galego, que reproducimos a continuación. Agardamos os vosos traballos!!





Sem comentários: