Detrás de todo grande home sempre hai unha gran muller. Eiquí vemos a Gloria Díaz, con 85 anos, cubrindo a ruta entre Ludeiros e a fronteira da Magdalena. Lembro que cando coñecín a Elixio Rodríguez e á súa dona, Gloria Díaz, en Bande, descubrín realmente o que foi a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia. Porque unha cousa é ler nos libros de Historia e outra moi diferente que che conten a súa vida os que tiveron que fuxir para conservala. Xa escribín algunhas cousas sobre Elixio neste mesmo blog, e na homenaxe que lle fixemos en Celanova trala súa morte. Pero nunca escribira sobre Gloria, a nai dos cinco fillos do Elixio, a súa compañeira e arquiveira de lembranzas, a amiga da nosa familia. Unha muller doce e agarimosa, unha amiga de verdade, a quen lle quedei debendo unha visita a México, como falaramos na súa derradeira viaxe a Bande. Saldaremos esa deuda logo.
Era unha muller moderna e activa, falangueira, fumadora e infatigable, cun extraordinario sentido da amizade, un sentimento tan fondo que mesmo a levaba a percorrer longas distancias con nós cando celebrabamos os nomeamentos do Arraiano Maior da Raia Seca. Atrevíase con calquera cousa. Nesta imaxe de Suso Díaz vemos a Gloria ao pé da Pena de Anamán, cos amigos do Castro Laboreiro, escoitando a invocación telúrica do Pai Fontes.
E nestoutra imaxe, na que aparecen Gloria, Aser, Pementa Junior e Senior e o Xefe Arraiano, estamos comezando a nosa ruta entre Ludeiros e A Magdalena, onde nomeamos a Xose Luís Méndez Ferrín I Arraiano Maior da Raia Seca. Sabemos que cada día que vaiamos á serra, cada día que sigamos as mariolas da fronteira, Gloria vai seguir a camiñar con nós polos vellos vieiros do contrabando. Beizóns a Gloria, a Elixio e aos seus fillos e netos. Vémonos no Camiño.
Sem comentários:
Enviar um comentário