segunda-feira, agosto 22, 2011

Manifesto arraiano 2011


Percorramos o que nos falta pola parte dos seus confíns no lado esquerdo,
e designemos, alomenos un apunte, dos vértices por onde pasa a raia que
separa os nosos pobos dos de Portugal.
Subamos piramidales peñascos, tan riscados como o alto Pirineo, para
vencer os cumios máis altos do Xurés pola banda de Riocaldo ata a pedra
“do bocelo”, pedra situada na beira do Río Límia, a promontoria elevación
é o marco levantado pola natureza para protexer a entrada do noso Limia
pola fronteira con Portugal.


Comezamos este manifesto arraiano cun fragmento lo libro “O Río Limia e os
seus contornos”
, escrito polo entrimeño Benito Fernández Alonso que é nado
o 28 de outubro de 1848 nesta vila, e que foi bautizado na fermosa igrexa
que nos agarda para comezar esta xornada. Hoxe os arraianos tiñamos que
ter presente a un persoeiro ilustre deste tan ilustre concello, un
persoeiro que adicou parte do seu tempo vital a defender o noso patrimonio
e a divulgalo. Debémoslle tamén o feito de ter sido o fundador do “Boletín
da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense”
.

Recordar ós nosos antergos é reafirmarnos no que somos, aínda que iso nos
faga sentir con toda a súa forza o peso do pasado, un peso co que temos
que empurrar este presente de desalentos e bicos mustios nun eido
asulagado de bágoas e follas secas que non se erguen ao vento porque o
vento cómprenos para encher o peito aflito de soidade.

Dicía Álvaro Cunqueiro que “O soño vai rubindo polas veas do arbre / unha
vida enteira que pasa /  até facerse paxaro nunha ponla / un paxaro que
recorda canta e vaise / denantes de que todos os arbres morran”
. E
certamente, con nós, morren as nosas aldeas, apáganse as lareiras nas que
aquecer o sentimento e fraguar os anceios que atan a quen os mama a unha
forma de vida en clara decrepitude. Trocamos o mundo de cor por una
palestra de ocres que mingua canto máis desexamos tornar ao principio da
vida, e deixamos voar o recordo como o fai Ramón Sismundi no célebre poema
de Federico García Lorca “Cantiga do neno da tenda” e que di: “Ao longo de
rúas infindas / os galegos paseiaban / soñando un val imposíbel / na verde
riba da pampa”.


Pero os arraianos non deixaremos de nos erguer onde queira que nos
atopemos, para facer nosos os versos do poeta monzabiqueño Eduardo Pita
que dixo: “Eu diria dos apátridas que somos / daquela pátria que nos
sobra. / Diria daqueles que por amá-la / proscritos ficaram / proscritos
morreram”
. Para erguémonos das cinsas e respirar o fume dos carballos que
se derreten nas pedras aos nosos pés. E retornar coma os paxaros dos que
falou Cunqueiro nunha reforestación da terra matricial e nutricia, que
empreñada, endexamais deixará de parir fillos que a desermen.

Un deses fillos é o noso arraiano maior, Bento da Cruz, que fixo da súa
memoria o alicerce no que sustentar unha extensa obra de persoeiros e
escenarios que son froito do apego que sente por este mundo trasmontano
onde se visten as súas novelas e os seus contos para facernos gozar cunha
temática rural e arraiana coa que nos identificamos plenamente. Bento da
Cruz é un arraiano maior que recolleu a memoria oral dun pobo para salvala
do esquecemento. O escritor que ía para cura e que retrata o seu tempo coa
mestría de quen sabe do que fala, porque o que escribe é a fala da sua
memoria inesgotable, coma o curso dun río que ben podería ser o Miño e que
tan acertadamente describe o poeta estremeño Álvaro Valverde cando nos di
do noso río máis arraiano: “Del río, la metáfora oscura: / la negra sierpe
que curva alinea / su dibujo incesante”
. Pero, parece non conformarse cos
anos infantes vividos en Peireses, e il mesmo di que: “A maior pena que me
ficou desse tempo foi não ter vivido essa extraordinaria experiência de
vida na aldeia entre os 15 e os 21 anos. Senti toda a vida a falta desse
percurso de juventude”
. Isto pon de manifesto o que moitos pensamos, que
sempre é pouco o tempo que temos para os nosos, para afondar nas raizames
e nos lugares da nosa infancia e do noso principio do mundo.


Remato como empecei, citando a Benito Fernández Alonso, que noutro
fragmento do seu libro “O Río Límia e os seus contornos”, deixounos verbas
tan fermosas coma estas: “As augas torrencias vaciadas dende enormes
alturas despréndense en desurros, partidas en infindos regos, que coma
fermosas cintas de prata destrenzadas dunha enfeixada cabeleira, presenta
ondeantes faixas arxentadas, que descorren coma serpes polo declive das
ladeiras”
.

E así, unxidos da auga que traza as meirandes raias, e deixándonos levar
pola forza do seu curso que remata nos muiños fariñentos da nosa memoria,
os arraianos de aquí e de acolá, defenderemos a nosa memoria, e todo o que
supón un patrimonio cultural, etnográfico e unha forma de ser e de vivir o
mundo singulares e únicas. Con esa idea non minguaremos na teima de
recoñecer a aqueles que agrandan a nosa identidade, facéndoa universal,
coma o mestre Ferrín e padre Fontes e o Bento da Cruz.

Beizóns, saúde e ledicia, irmáns arraianos.

Suso Díaz

Sem comentários: