A exposición "Editar en galego baixo a censura franquista", unha colección documental na Fundación Penzol de Vigo, fíxome remoer moito sobre as miñas experiencias naquel período sombrío.
Lembro, nos anos cincuenta do século pasado, un coloquio universitario no que Gonzalo Torrente Ballester, aínda intelectual do Réxime, glosaba un concepto que se atribúe, non sei se con exactitude, a Nietzsche. A idea sería esta: a grandeza do escritor ceibe consiste en decer o que pensa burlando a censura. Por aquela época Alfonso Sastre e Dionisio Ridruejo debateron nunha polémica pública (coido que na revista "Primer Acto") sobre a actitude do dramaturgo fronte á censura. Buero sostiña que o autor teatral debía esforzarse en transmitir as súas ideas sorteando con abstraccións e ambigüidades a censura e Sastre optaba por non ceder e expoñerse a que os textos dramáticos fosen prohibidos e non chegasen a ser postos en escena. A pureza e honradez máxima do autor de Escuadra hacia la muerte ocasionou que boa parte das súas obras non subisen aos escenarios nos tempos de Franco. Pola contra, o de "Historia de una escalera" foi un autor teatral aplaudido polas multitudes.
Teño agora enriba da mesa un volume coa obra galega completa de Curros Enríquez editado por Hernando en Madrid no ano 1943. Nada de "Aires da miña Terra" nin d´ O Divino Sainete foi suprimido nin corrixido pola censura. O libro estaba nos escaparates de Compostela en 1955, ano no que tiven ocasión de o comprar. Como é que uns versos que foron declarados anti-católicos e blasfematorios polo bispo de Ourense, incluído o famoso soneto/diatriba contra Iñigo de Loyola, pasaron intocados pola censura catro anos máis tarde do triunfo de Franco na Guerra Civil? Como uns poemas tan radicais políticamente pudieron ser publicados nun ano no que en España parecía que a democracia ía ser enterrada para sempre? Eu non o sei, pro si podo segurar que a censura actuaba con mayor ou menor severidade e contundencia de xeito aparentemente arbitrario.
En 1958 os censores permitiron a publicación dun meu conto que se titulaba "O asasino". Nel, nun país inexistente pro claramente fascista, o pobo se subleva contra o totalitarismo e axustiza un paseador. Moitos anos máis tarde, en 1972, eu sometín á censura outro conto, titulado esta vez "Elipsis", no que, tamén nun país imaxinario outro (e o mesmo) asasino fascista é submetido á xustiza popular despois de triunfar a Revolución. O segundo conto viu a luz sen problemas na revista do Centro Galego de Baracaldo pero non puido figurar no libro titulado igualmente "Elipsis", porque a censura tachou a totalidade do relato cunha aspa en lapis vermello.
En canto a Eduardo Blanco Amor, podo decer que tiven nas miñas mans o manuscrito de "A esmorga", masacrado polo famoso lapis vermello e definitivamente prohibido na súa totalidade. Foi entón cando a editorial Citania de Bos Aires se fixo cargo da obra e a publicou lonxe do alcance das gadoupas franquistas. Pouco tempo máis tarde a censura permitiu a posta en escena no García Barbón de Vigo, en galego e sen a menor supresión, de "A puta respectuosa" de Sastre e de "A raposa e as uvas" de Guilherme de Figueiredo, sen problema ningún, O "Hamlet" de Cunqueiro, sen embargo, foi recortado (non sei se polo seu mesmo autor), secuestrado nas librarias e reducido aos circuitos de "arte y ensayo", en xeral máis permisivos.
Conto isto para insistir en que todo o cúmulo de problemas históricos que presenta a acción da censura sobre a literatura galega dista aínda de estar hoxe ben analizado e interpretado.
segunda-feira, dezembro 01, 2008
Experiencias coa censura franquista
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário