segunda-feira, fevereiro 25, 2008

O xefe fala da rota de Breogán

X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Comentabamos eiquí na pasada sesta feira a presenza estelar de Galicia na Feira Internacional do Libro desa Habana da que tantas ideas e iniciativas boas para Galicia teñen saído, xeralmente do desagrado da parte cavernaria do País. Debémoslle, pois, agradecemento hoxe ao goberno cubano cuxas autoridades culturais designaron o noso como País especialmente invitado. Nun País que ten algúns habitantes empeñados en non querer ser País que haxe un País que o considere País non deixa de constituir unha boa inxección de auto-estima, que é o contrario do auto-odio na terminoloxía psico-social contemporánea. Tamén os que consideran que Galicia é Nación deben de lle agradecer moito á Xunta, e especialmente á Consellería de Cultura, que ela soubese estar á altura das circunstancias e lles representase a multitude de xentes chegadas á Habana desde todo o mundo que Galicia, existe realmente.
A visibilidade de Galicia no panorama internacional cobrou nitidez a outra semana en Vigo, ou sexa sobre as ondas do mar de Vigo. O buque da súa Maxestade Británica Lancaster viaxou de pé feito ou sexa ex professo para que na súa cuberta tomase posesión a nova Cónsul do Reino Unido en Galicia. En presenza do comandante (catro galóns e coca) do barco, a embaixadora británica en Madrid, Denise Holt, fixo un belo discurso que en parte reproduciu a prensa. Falou da presenza, de súbditos (así se chaman a eles mesmos) británicos en Galicia e da etapa de relacións británico-galegas que se vai abrir coa nova orientación do consulado, con sede en Vigo. "Galicia e o Reino Unido comparten cultura atlántica e pasado celta", parece que concluiu a embaixadora, que demostrou saber de nós e das navegacións contadas no lebor Gabála e das relacións de Fisterra a Fisterra das que falara Paulos Orosio e que figuran secretas no interior do noso Himno. Lucy Watson, a cónsul recén nomeada, dixo coñecer Galicia ben e prometeu chegar a coñecela aínda mellor. Moitas grazas e beizóns a estas dúas señoras por recoñecer en a nosa existencia e agradecidos tamén ficamos ao Amirantado que ordenou a viaxe dunha súa fragata para que o acto de institución do Consulado británico en Galicia ostentase a relevancia formal máis alta. Naturalmente, a Madrid nunca podería ser enviado un navío de guerra. Con todo, este cronista non esquence que, na outra banda do noso mar, Irlanda do Norte continúa ocupada.
Galicia está a dar pasos firmes e seguros no camiño que rematará con recoñecemento mundial da súa realidade social, pasaxística, histórica, cultural e linguística. Lonxe quedan os tempos nos que os turistas marítimos corrían en Vigo a mercar recordos en forma de bailarinas andaluzas, touros e toureiros e chapeos mexicanos.

Sem comentários: