sexta-feira, março 27, 2009

O xefe e o balón intragástrico do galeguismo prehistórico

Como é sabido a Academia Galega dedicoulle o Días das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Esta figura é complexa. Por unha banda representa, en política, unha das posicións do lexitimismo galeguista de pre-guerra civil. Pola outra banda, Piñeiro é un autor dalgúns ensaios con intención filosófica e análise literarias. Eu sempre lembrarei con afecto que Ramón Piñeiro escribiu como prólogo a un meu libro un dos textos con máis intensa vontade de estilo dos que nunca producirá nin chegou a producir. Ou así o entendo eu, se cadra de xeito interesado. Pro, por cima e por baixo, de arca e de couso, Ramón Piñeiro foi sobre todo un activista político. É ben curioso o feito de que o autor lembrado no Día das Letras, sendo como era suxeito dedicado en corpo e alma á política, nunca escribiu verdadeiros textos políticos, aínda que as súas lucubracións sobre a filosofía da Saudade ben poderían ser lidas como textos políticos. Piñeiro foi o arquitecto principal do que podemos chamar o galeguismo da guerra fría. Dirixente incontestado e autócrata do seu grupo, liquidou o Partido Galeguista para organizar os seus seguidores no labor monográfico de facer literatura arredor da Editorial Galaxia de Vigo. Pro ese grupo non era só literario. Estaba dotado de ideoloxía. E os elementos constitutivos desta, que nós chamanos “piñeirismo”, con os seguintes: non nacionalismo, federalismo europeísta, anti-comunismo. No que se refire á literatura, Piñeiro era pragmático e sectario. Non aceptaba na literatura galega máis que tres direccións básicas: o lirismo, o humorismo e a fantasía. Así pensaba el e así o deixou escrito en varios lugares. Para el, o realismo, especialmente o socialrealismo, era unha tendencia altamente sospeitosa de infiltración comunista. Despois de abolir o Partido Galeguista e de negarse a acatar a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao, Piñeiro chegou á chamada Transición coas mans baleiras. Polo tanto, ao revés que os cataláns e os vascos, os galegos non puidemos facer valer o noso peso político cun goberno galego no exilio e, ao modo de Tarradellas, non fomos capaces de pór na pre-autonomía unha figura histórica do tipo de Antón Alonso Ríos. Así as cousas, Piñeiro tivo unha triste fin política. Condenou Martínez López e as boas persoas que intentaron tras a morte de Franco resucitar o Partido Galeguista. Montou, desesperadamente, unha pantasía chamada Realidade Galega con Carballo Calero e outros. Finalmente, foi deputado no Parlamentiño nas listas do PSOE, nun grupo chamado de “galeguistas históricos” no que estaban Benxamín Casal, Carlos Casares e Alfredo Conde. A verdade é que se os últimos eran iso, eu, poño por caso, podería chamarme a min mesmo “galeguista-pre-histórico” con total xustiza. Levamos xa meses con Ramón Piñeiro nomeado para o Días das Letras. O 17 de Maio aproxímase e a opinión pública de Galicia non recibe ninguna nova noticia sobre Ramón Piñeiro. Non vexo aportacións reveladoras nin sobre o seu pensamento teórico nin sobre a política (ou ausencia de política, máis precisamente) que el encarnaba con poder omnímodo sobre o estricto círculo dos seus seguidores. Por exemplo: seguimos sen saber por que Piñeiro foi preso nos anos corenta, cales foron os cargos da acusación e cal tribunal o condenou a unha severa pena de prisión. Nada do escrito por X.L. Franco Frande na súa obra Os anos escuros sobre Piñeiro e o piñeirismo foi, polo momento, acrecentado. Vexo que os que hoxe se consideran herdeiros de Ramón Piñeiro gardan un silencio moi extraño.

1 comentário:

Anónimo disse...

[B]NZBsRus.com[/B]
Dont Bother With Laggin Downloads Using NZB Files You Can Swiftly Find HD Movies, Console Games, MP3 Albums, Applications & Download Them at Flying Rates

[URL=http://www.nzbsrus.com][B]Newsgroup[/B][/URL]