quarta-feira, julho 22, 2015

Looking for Bill Viola

Deixamos eiquí só un pequeno avance do que vai ser a peza de videocreación, dirixida por Aser Álvarez e editada por Mariana Romero, realizada recentemente por Arraianos Producións, na que os protagonistas son os alumnos e alumnas do instituto de Celanova, que reflexionan sobre a obra do artista estadounidense Bill Viola. 
Coa colaboración do propio Viola, Eugenio Ampudia, José Rivela, Óscar Doviso, Rubén  Méndez, Yasmina Vázquez, Miguel Pérez e moitas máis persoas, coñecidas e anónimas, conseguimos perpetrar unha videocreación de 12 minutos cuxo avance deixamos eiquí coma un petisco do que vai vir á volta do verán. Onde o mundo se chama Celanova, seguimos "Looking for Bill Viola".  

sábado, junho 13, 2015

Xa temos os dez traballos finalistas do II FICCVelo



O II FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE RURAL CARLOS VELO DA A COÑECER OS FINALISTAS DESTA EDICIÓN NO REALIMENTATE 2015 DE LALÍN

O II FICCVelo vaise celebrar do 26 ao 28 de xuño en Cartelle e Celanova

Entre as máis de cen curtametraxes recibidas, procedentes de quince países, o Comité de Selección do II FICCVelo resolveu escoller os seguintes traballos como finalistas:




Na categoría de documental:

Waiting for the t(rain) de Burkina Faso
Minerita de Bolivia
Santiago, olladas de perfil de Galicia
Som Pastor de Mallorca
Por qué non cantades todas de Galicia.



E na categoría de ficción:

Whale Valley de Islandia y Dinamarca
Julia de Colombia;
Aquí no pasa nada de México;
Garand de España
Cólera de España.



O Realiméntate 2015, que se celebra ata o domingo en Lalín, co obxectivo de reivindicar a volta ao mundo rural dende unha perspectiva contemporánea, foi o escenario escollido pola organización do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo para dar a coñecer os finalistas desta segunda edición do certame cinematográfico, que terá lugar en Cartelle (Ourense) os vindeiros  26, 27 e 28 de xuño.


Un total de dez traballos, cinco na categoría de documental e cinco na de ficción, foron os traballos escollidos para pasar á fase final do II FICCVelo. Historias locais e universais procedentes de seis países diferentes que retratan aspectos moi diversos do mundo rural contemporáneo, deixándonos unha paisaxe chea de grandes interrogantes.


Colombia, México, Galicia, Islandia, España, Bolivia e Burkina Faso son os países de procedencia dos traballos finalistas, “documentais e ficcións que demostran que o noso percorrido pola vida e as cuestións existenciais que nos impón son moi semellantes en todas partes do mundo”, comentan os directores do festival, Inés Vázquez e Aser Álvarez, gratamente soprendidos polo extraordinario nivel dos traballos seleccionados.


O FICCVelo realiméntase
Durante esta fin de semana os dez traballos finalistas vanse proxectar no marco do Realiméntate 2015 como un avance do II FICCVelo, dándolle a oportunidade ao público de Lalín de votar e escoller co seu voto os mellores traballos de documental e ficción. Os organizadores do FICCVelo destacaron na rolda de prensa que comparten con Realiméntate unha visión de conxunto do mundo rural, da alimentación, a saúde, a cultura e a sustentabilidade.

Estes puntos en común e as reflexións compartidas sobre o mundo rural levaron a facer da capital do Deza unha extensión do II FICCVelo, para dar a coñecer os finalistas desta edición e proxectar ao aire libre os traballos finalistas. O Xornal Agrario Galego, un portal web galego especializado no mundo rural contemporáneo, creado no marco das iniciativas multidisciplinares do I FICCVelo, é o medio oficial do Realíméntate 2015 e foi tamén presentado no marco desta feira agroalimentaria, cultural e gastronómica de Lalín.

O Festival, organizado polos colectivos LAREIRA POP e ARRAIANOS, avanza así na súa vontade fundacional de servir como punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual que traballan en entornos rurais e xerar un espazo para o debate e  a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, dende unha perspectiva multidisciplinar e contemporanea.



http://www.lareirapop.com/



segunda-feira, maio 25, 2015

Encontros na Terceira Raia


Hai raias e Raias. Xa dixemos algún día que todo o interesante adoita acontecer case sempre na fronteira, onde hai confrontación, roce, fusión, cópula e mestizaxe... Por iso sempre andamos a voltas cos límites e cos lindeiros. E por iso vivimos sempre na Raia. Nesta imaxe vemos a Plácido Romero e a Paco Macías conversando con Miguel Urbano e coa súa dona, trala entrevista realizada recentemente en Vila Nova de Gaia, para o novo proxecto audiovisual de ArraianosPro

Este home sabio, xornalista, escritor e comunista, foi membro do DRIL e, a pesares de non teren a mesma ideoloxía, un dos grandes amigos de Pepe Velo, celanovés ilustre e Arraiano entre os Arraianos. Seguiremos informando destes e doutros encontros na Terceira Raia...

domingo, abril 19, 2015

Coidado con estes Arraianos que che son multimedia!

A familia arraiana aumenta e aínda non sabemos moi ben onde vai ir parar toda esta sementeira multimedia sen profilácticos de por medio. "Con esta crise que non nos deixa respirar e van estes tipos e montan unha produtora e consultora cultural", comenta a nosa perruqueira polo baixo cando imos facer a permanente e as mechas. Mais non podemos deixar de facer tolerías, por moito que queiramos (non é o caso) nin só porque nos digan que estamos coma cabras. Queremos ser os buxatos dos vosos soños máis atrevidos...  
Vivimos na raia, habitamos as fronteiras do principio do mundo, onde sempre acontece todo o interesante. Eiquí sabemos que só os vellos e os mortos deixan de facer toladas cando xa non cren no imposible. Estamos moi vivos, máis vivos ca nunca. Coma quen di, case acabados de nacer. Mamando dos tetos da vida coa forza succionadora e cósmica do Heracles á sombra do Penagache.

domingo, março 08, 2015

O recuncho de Miguel Urbano



EUA E ISRAEL CUMPLICES DO «ESTADO ISLAMICO»

A revista digital Resumen Latino-americano informou na sua edição de 7 de março que em Tal Abata, um subúrbio de Mossul, tropas iraquianas prenderam três assessores militares do EIIL (o chamado Estado Islâmico) que possuíam passaportes dos EUA e de Israel.

A notícia não causou surpresa em Bagdad, cujo governo é aliado dos Estados Unidos. Dias antes,  o serviço de segurança iraquiano informara que armas de fabrico israelense são usadas com frequência por combatentes jihadistas. Um dos últimos casos ocorreu na cidade de Al Ramadi. Como as obtiveram?

Uma situação ainda mais grave foi debatida  no parlamento de Bagdad. O tema foi a denuncia de que  aviões dos EUA  têm  lançado armas  em acampamentos e  concentrações de milícias jihadistas.

A oposição ao governo afirma que situações como essas levam a crer que não obstante as suas críticas ao jihadismo, Washington e Telavive atuam como seus cúmplices.

Escritores como o australiano John Pielger responsabilizaram os EUA por uma dupla política em relação à organização terrorista. A sua força aérea bombardeia (aliás com escasso êxito) áreas ocupadas pelo EIIL; mas muitos dos combatentes jihadistas, autores de crimes monstruosos, receberam treino militar do SAS britânico e da CIA.


O presidente Obama e o Pentágono não se pronunciaram até ao momento sobre a apreensão de passaportes americanos a assessores militares da organização terrorista.

Artigo de Miguel Urbano para o Caderno Arraiano

terça-feira, fevereiro 10, 2015

Sísifo Confuso (traballos e días de Francisco Leiro)

Trala nosa recente incursión neoiorquina para filmar a Francisco Leiro nun dos seus espazos vitais e de traballo, presentámosvos este pequeno petisco en vídeo do que rodamos, argallado polo gran Mariana Romero para Arraianos Producións.
Se quedades con ganas de máis é que está ben feito. Así que xa nos contaredes... Nós tamén temos ganas de máis Leiro




sexta-feira, janeiro 30, 2015

Sísifo Confuso en NYC

En Brooklyn atopamos o seu lugar de traballo. Unha mesa, unha cadeira, un paquete de tabaco, uns lapis de cores e pouco máis. Só un misterioso cartaz de Sísifo Confuso e unha maleta baleira no chan. Pechamos así o triángulo Cambados, Madrid Nova Iorque, un percorrido que nos leva unha e outra vez de volta ao principio do mundo: Cambados, a pedra, o viño, o mar... Un soño líquido nunha sesta neoiorquina. Un buceador entre as bateas. E dúas inmensas esculturas flotando no Atlántico. O trouquelear subterráneo do metro cruza o océano...
Da outra beira da ría de Arousa están Coney Island e o sur do sur de Brooklyn. E o lugar onde se fan as mellores pizzas e onde hai máis santos e mafiosillos por metro cadrado que en ningures. Os italianos son así. Eles fan pizzas e nós empanadas. Pero eles venden mellor ca nós, aínda que non aguantan moi ben o empurre dos invencibles chineses sobre a cada vez máis pequena Little Italy. Non somos nada sen o taichí.
Pero na escultura éche outra cousa. E as luras frixidas. Mesmo hai sargos de imitación en Chinatown que están como dios feitos ao forno con patacas e cebola. E hai escultores que son grandes cociñeiros, sen que iso implique que os cociñeiros teñan que ser á forza grandes escultores, aínda que si pintores.
O documental vai ter que rematar como mandan os noso deuses celtas, cunha festa en Cambados, onde todo comeza e termina. O sol emerxe do mar en Coney Island e afúndese na ría de Arousa. "Cambados está alí", asegura o artista. Unha gaivota fuxe espantada. Comprobamos que todo está en orde. Hai algúns rusos raros pola zona. E Sísifo Confuso... puro azucre na vida do artista verdadeiro.


domingo, janeiro 04, 2015

Sísifo Confuso. Os traballos e os días de Francisco Leiro

Veleiquí unha imaxe do estudio de Francisco Leiro en Madrid. Leiro conversa con Plácido Romero e Lisardo García Bueno, dous dos membros do equipo que está a rodar este documental centrado nas condicións físicas e mentais do proceso creativo do escultor de Cambados. É o día despois da inauguración da súa exposición Purgatorio na Galería Marlborough de Madrid. Triángulo arraiano entre Cambados, Madrid e Nova Iorque. Sísifo Confuso. Os traballos e os días de Francisco Leiro. http://leirodocumental.tumblr.com/

domingo, novembro 30, 2014

Gloria Díaz na lembranza dos Arraianos


Detrás de todo grande home sempre hai unha gran muller. Eiquí vemos a Gloria Díaz, con 85 anos, cubrindo a ruta entre Ludeiros e a fronteira da Magdalena. Lembro que cando coñecín a Elixio Rodríguez e á súa dona, Gloria Díaz, en Bande, descubrín realmente o que foi a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia. Porque unha cousa é ler nos libros de Historia e outra moi diferente que che conten a súa vida os que tiveron que fuxir para conservala. Xa escribín algunhas cousas sobre Elixio neste mesmo blog, e na homenaxe que lle fixemos en Celanova trala súa morte. Pero nunca escribira sobre Gloria, a nai dos cinco fillos do Elixio, a súa compañeira e arquiveira de lembranzas, a amiga da nosa familia. Unha muller doce e agarimosa, unha amiga de verdade, a quen lle quedei debendo unha visita a México, como falaramos na súa derradeira viaxe a Bande. Saldaremos esa deuda logo.

Era unha muller moderna e activa, falangueira, fumadora e infatigable, cun extraordinario sentido da amizade, un sentimento tan fondo que mesmo a levaba a percorrer longas distancias con nós cando celebrabamos os nomeamentos do Arraiano Maior da Raia Seca. Atrevíase con calquera cousa. Nesta imaxe de Suso Díaz vemos a Gloria ao pé da Pena de Anamán, cos amigos do Castro Laboreiro, escoitando a invocación telúrica do Pai Fontes. 

E nestoutra imaxe, na que aparecen Gloria, Aser, Pementa Junior e Senior e o Xefe Arraiano, estamos comezando a nosa ruta entre Ludeiros e A Magdalena, onde nomeamos a Xose Luís Méndez Ferrín I Arraiano Maior da Raia Seca. Sabemos que cada día que vaiamos á serra, cada día que sigamos as mariolas da fronteira, Gloria vai seguir a camiñar con nós polos vellos vieiros do contrabando. Beizóns a Gloria, a Elixio e aos seus fillos e netos. Vémonos no Camiño.




segunda-feira, novembro 24, 2014

quarta-feira, outubro 22, 2014

Outro mundo rural é posible coa tracción animal

Este microdocumental, realizado por Plácido Romero e Aser Álvarez, acaba de obter un premio especial do xurado no Minidoc, un festival de documentais etnográficos organizado pola Fundación Carmen Arnau, de Toledo. Noraboa aos Arraianos por este traballo onde se recollen algúns dos aspectos tratados no II Congreso Transfronterizo de Tracción Animal, celebrado na Bola e Celanova, en Ourense, e no Castro Leboreiro, en Portugal. O vindeiro día 7 de novembro, os directores viaxarán a Toledo para recoller esta mención especial para o minidocumental "Traballo animal".

quarta-feira, outubro 15, 2014

Celanova é audioINvisual

Hoxe deixámosvos unha pequena mostra do que é a enerxía criativa dun lugar onde o mundo se chama Celanova. Este delicioso traballo de Xudit Casas é unha curtametraxe documental realizada para o II Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural, que se celebrou en Celanova no mes pasado e onde tamén participamos os de Arraianos e Aquela Celanova, cunha sesión de espiritismo práctico, na Praza do Millo, ao carón da Taberna do Galo, entre licandorios e mámoas. 
Somos unha potencia ou padecemos algunha doenza (individual e colectiva?. O futuro é prometedor, aínda que ás veces non o pareza... Adiante Ateneo de Celanova!!
Fe de ratas. O tipo das gafas de sol (uns óculos vilmente introducidos pola directora para desprestixiar ao entrevistado, cunha escura ferramenta de posprodución) e que fala a diorbenditodemildemos non quería dicir "contra o entorno" senón, "a pesares do entorno".
Polo demáis, desfrutade deste estupendo vídeo, onde poderedes comprobar que Celanova é audiovisual

terça-feira, setembro 30, 2014

Un pouco de tracción animal para o mundo cibernético

Veleiquí un pequeno documental de Plácido Romero gravado en Celanova e no Castro Laboreiro durante o II Encontro Transfronteirizo de Tracción Animal da APTRAN.

quarta-feira, setembro 24, 2014

Homenaxe ás vítimas da represión franquista no Mural do Furriolo

ESTE DOMINGO, 28 DE SETEMBRO, ÁS 12 NO MURAL DO FURRIOLO (A BOLA)

Homenaxe aos represaliados polo franquismo no Mural do Furriolo, obra de Xosé Vizoso

Presentación dunha investigación histórica de Pablo Sánchez sobre o derradeiro alcalde republicano de Celanova: "Benito Cancela e o seu tempo, un persoeiro esquecido da nosa historia" 

 
Este vindeiro domingo, 28 setembro, ás 12 da mañá, imos celebrar un acto reivindicativo artístico, poético e musical, para facer memoria e homenaxear ás vítimas da represión franquista. Vai ser no Mural do Furriolo (A Bola), unha obra promovida por Arraianos e deseñada por Xosé Vizoso, que está ao pé da estrada entre Celanova e Xinzo OU-531, no Alto do Furriolo.

Durante este acto público, que vai contar coa presenza do propio Xosé Vizoso, imos lembrar moi especialmente ao derradeiro alcalde republicano de Celanova, Benito Cancela, unha vítima da represión franquista que foi recuperada do esquecemento grazas a un traballo de investigación do historiador celanovés Pablo Sánchez, que vai ser presentado o domingo á mañá no Furriolo, contando tamén coa presenza dos descendentes deste exalcalde represaliado.  

Este traballo fai un percorrido pola vida do derradeiro alcalde republicano de Celanova. É a vida dun verdadeiro home de paz, atrapado nun mundo de desenfrenada xenreira, ira e violencia, desatada nos momentos máis críticos da historia desta vila. Momentos convulsos da nosa historia contemporánea nos que Benito Cancela ―unha figura que aínda agarda un reconoñecemento por parte das institucións― ofreceu desde o seu natural talante conciliador, pacífico e tolerante, un exemplo de integridade que lle permitiu gañar o respecto tanto dos seus correlixionarios coma dos seus opoñentes.
Bo e xeneroso coma poucos, o seu carácter humanista, compasivo e tolerante, non impedíu que vivira unha cruel represión franquista tralo alzamento fascista do 36, en forma de boicot ao seu negocio, o Bar Hotel Cuba, nin tampouco evitou que tivera que vivir agochado nun zulo ou pasar un pesadelo interminable de desterro, xuízos, cárcere e confiscacións, até morrer no anonimato e no ostracismo político, sen ter recibido ningún recoñecemento.

Neste acto público de reivindicación, memoria e homenaxe, tamén van estar presentes os descendentes de Benito Cancela,  así como membros do colectivo Arraianos, persoeiros do mundo da cultura e representantes de organizacións de Galicia e Portugal que traballan na recuperación da memori
a. 

segunda-feira, setembro 22, 2014

Encontros na Raia Seca I (entre Arraianos Maiores)

Hai cousas na vida que realmente pagan a pena. Como propiciar conexións cósmicas e mesmo encontros entre arraianos. Nesta imaxe de Aser Álvarez, sobre un fondo posmoderno sen igual, vemos a dous dos máis grandes mestres da literatura galaicoportuguesa. Son Luandino Vieira e Xosé Luís Méndez Ferrín, que se coñeceron persoalmente o outro día en Lobios, no marco da entrega dos Premios Arraianos 2014, que nesta edición foron para Lois Soto (Arraiano Universal) e para o colectivo Porta Treze (Arraiano Maior), do que o Luandino é promotor e argallante maior, canda María Alonso Seisdedos. 
Encontros na Raia Seca I (entre Arraianos Maiores). "Un enorme pracer coñecer ao máis grande escritor africano de todos os tempos, mais eu pensei que eras preto, carallo", espetoulle o Ferrín. "Cala que pela túa culpa teve que estudar a literatura galega enteira", respostoulle o Luandino. Así foi como comezou a conversa entre estes dous grandes autores, que dende hai anos se len mutuamente e se admiran dende a distancia que a fronteira agranda. Mais desfronteirizando enténdese a xente. Porque todo o interesante acontece sempre na raia. 

quinta-feira, setembro 11, 2014

Habemus Arraiano Maior e Arraiano Universal do 2014

Por unanimidade do cónclave druídico celebrado polos Arraianos sen Fronteiras na croa de Castromao, coincidindo coa superlúa de finais do verán, o Premio Arraiano Maior de 2014 é para o coletivo cultural Porta Treze, de Vila Nova de Cerveira http://portatreze.wordpress.com/, polo seu traballo desfronteirizador e solidario entre os pobos, as artes e maiormente entre mundo e poesía.
Dende o alto do Castromao, e trala abondosa inxestión de poción máxica elaborada polo noso druída de garda, puidemos ver aínda a estrela libertaria de Lois Soto alampeando no ceo xusto sobre a torre medieval de Vilanova dos Infantes e da casa do Mago Ferrín, e por iso decidimos outorgarlle a distinción de Arraiano Universal, antes do amencer. E non  se fale máis, que todo se sabe. 
Pois iso, Arraianos do Mundo, vémonos o vindeiro venres, 19 de setembro, ás 18.30 en Lobios, para comezar esta nova viaxe ao pincipio do mundo.

quinta-feira, julho 17, 2014

Xa está eiquí Aquela Celanova, o libro

Xa está eiquí o fermoso libro Aquela Celanova, que o vindeiro 26 de xullo ás 12 da mañá imos apresentar na Casa dos Poetas de Celanova. 
Non estamos a falar só dun novo libro de fotos antigas de Celanova, que tamén, mais este proxecto colectivo é aínda moito máis ca iso. É o resultado dun longo proceso de recollida de material e de propiciar encontros entre aquela, esta e a outra Celanova, a través da famosa páxina de facebook creada por Pío Álvarez, a quen logo se lle sumaron Arraianos e Lareira Pop para facer realidade este proxecto, agora xa en papel, grazas á colaboración duns editores tan entusiastas como atrevidos.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Benito Reza, Baldo Ramos, Inés Vázquez, Toni Álvarez e Aser Álvarez axudaron a facer realidade este soño colectivo de Aquela Celanova.

quarta-feira, junho 11, 2014

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE CARLOS VELO DA A COÑECER OS DEZ TRABALLOS FINALISTAS


Veleiquí unha pequena mostra nesta promo do I FICCVelo realizada por Bruno Nieto. A natureza, a despoboación, os modelos de xestión do común ou o mantemento da memoria. O amor, a morte e os vencellos coa familila e cos amigos. Os traballos finalistas do I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo recollen unha boa mostra das temáticas, especialmente vencelladas ao presente, ao pasado e sobre todo, ao futuro do mundo rural, facendo seu o espírito co que nace o primeiro festival de cinema rural de Galicia. Os directores do FICCVelo, Inés Vázquez e Aser Álvarez, os membros do xurado e do comité de selección deron a coñecer os cinco finalistas en cada categoría a concurso, que se resolverá durante a celebración do festival, do 20 ao 22 de xuño en Cartelle e no Multiusos de Arraianos na Chaira de Amoroce (Celanova).  


No caso do documental, os finalistas son: Hijos de la Tierra, de Patxi Ruiz; Trazos en la Cumbre, de Alejandro Victorero; Espés, de Tànit Fernández Ciria e Isaac Rodríguez; La selva invisible Albert Pérez e Concejo Abierto, de Carmen Comadrán. “Trátase de traballos de gran calidade centrados en comunidades no rural como Espés, no que se narra a situación dun pobo do pirineo aragonés na voz dos seus útlimos catro habitantes, ou Selva Invisible, centrada nas comunidades indíxenas da marxe do río Ampiyacu, na amazonía peruana. En grave perigo de desaparición tamén. Son realidades transversais que encaixan perfectamente co espírito e cos intereses do noso festival”, explica o seu director, Aser Álvarez. Unhas curtas que veñen abaladas, ademais, polos recoñecementos en prestixiosos festivais como o Premio 'Perpetuum Libertas' Cinema Perpetumm Mobile, Bielorrusia (2014) no caso de Concejo Abierto; o de Mellor Guión e Mellor Dirección do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña de Espés ou o premio a Mellor Curtametraxe no Festival de Cine ELCO, acadado por Trazos en la Cumbre. 

Deste primeiro peneirado tamén saíron os cinco finalistas en la categoría de ficción, traballos de temáticas tamén moi diversas pero vencelladas a evolución persoal e as relacións humanas: Epitafios, de María Ballesteros, que conta coa participación do televisivo Arturo Valls; Porsiemprejamon, Ruth Díaz; Mi ojo derecho, de Josecho de Linares, que acadou, entre outros o premio ao Mellor director no Festival de cine "¡qué bello es vivir!" e o segundo premio a Mellor Curta no Festival Internacional de Cine Rengo (Chile); “Al otro lado”, a cargo de Alicia Albares y Trío de Ases, de Virginia Valderve y Javier Gallego. 

Os organizadores agradeceron a todos os autores que enviaron os seus traballos para optar a unha praza como finalistas nesta primeira edición do FICCVelo. “Sentímonos moi soprendidos pola calidade e pola cantidade dos traballos recibidos e tamén vemos que os realizadores que apostan por este formato de curtametraxe coinciden con nós necesidade de crear un circuito estable de visionado deste tipo de traballos”, aseguran Inés Vázquez e Aser Álvarez, "e por iso creamos a Cineclube Carlos Velo, co que lle imos dar continuidade ás nosas actividades ao longo de todo o ano". 

quarta-feira, junho 04, 2014

Xuño é o mes do cine rural

Coa chegada do soslticio de verán chega tamén o primeiro festival galego de cinema rural, o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que se vai celebrar os vindeiros días 20, 21 e de xuño en Cartelle, localidade natal do gran cineasta galego Carlos Velo no Centro Multiusos de Arraianos en Celanova. Nos vindeiros días daremos conta do programa completo de actividades.

O FICCVelo forma parte dunha rede nacional e internacional de festivais de cinema rural vai manter unha estrutura e programación estables a través da creación do Cineclube Carlos Velo.

Case 200 traballos, cunha calidade media extraordinara e chegados de todo o mundo, aspiran a ser un dos dez finalistas nas categorías de documental e ficción. No marco deste festival tamén imos presentar o primeiro número do Xornal Agrario Galego, unha publicación de referencia sobre o mundo do agro e do comunitarismo de Galicia.

Alí onde estea, Carlos Velo anda a argallar cos deuses celtas para que todo flúa coa forza irreductible dos ciclos naturais. O festival que leva o seu nome, para reivindicar a súa figura e o seu xeito de ser e de estar no mundo, vai celebrar a súa primeira edición, superando as nosas espectativas máis optimistas, grazas á colaboración e confluencia de vontades de numerosas persoas, institucións e empresas. A teimosía de Velo por facer de Galicia un referente internacional no mundo audiovisual está a dar os seus froitos tendo como epicentro o seu Cartelle natal e as actividades que imos desenvolver, ao longo de todo o ano, no Cineclube Carlos Velo. Marcade na axenda as datas, do 20 ao 22 de xuño, e reservade o solsticio de verán para viaxar con nós ao principio do mundo a través do mellor cinema rural nacional e internacional. 

segunda-feira, abril 21, 2014

Celso Emilio Ferreiro on the road no mes de maio

Testemuños, arte a poesía arredor de CEF


Venres, 2 de maio en Celanova ás 20.30. Casa dos Poetas.
Venres, 9 de maio en Pontevedra ás 19.30. Feira do Libro. 
Luns, 12 de maio en Santiago ás 11. Seminario Menor. 
Mércores, 14 de maio en Lugo ás 20 h. Maio de Lingua.
Venres, 16 de maio en Ourense ás 20.15. Centro Cultural da Deputación.
Mércores, 28 de maio ás 12.45 en Santiago. IES Pondal (Conxo).
Xoves, 29 de maio ás 19.30 en Madrid. Casa de Galicia en Madrid. 

Trala edición dun dobre deuvedé con abondoso material inédito sobre o poeta, que inclúe a aproximación contemporánea do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF (Mestre Mateo ao Mellor Documental do ano pasado) xa está dispoñible nas librarías este traballo colectivo, baixo o título 102 testemuños de aniversario, onde se recollen as opinións dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, xunto cos testemuños doutros persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como os Labregos do Tempo dos Sputniks, rapeiros ou gaiteiros. 

A edición, coordinada por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada, rescatando da mesa de edición «unha selección das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un making of sobre estes traballos. A edición complétase con outros dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de Baldomero Moreiras, creada para este traballo, así como Noutrora, unha videocreación que asina Xudit Casas. Arraianos, que dedicou máis de dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar os deuvedés en diferentes localidades de Galicia, España e Portugal. Seguiremos informando...