Puro lume foi o que puidemos sentir os poucos espectadores deste xenial concerto. Calor, cores vivas e soños nixerianos cada vez que danzamos cos ollos pechados. Poucos foron quen de permanecer sentados todo o concerto. A banda é pura enerxía afrobeat: catro ventos, dúas guitarras, teclados, batería, dúas coristas-danzantes deliciosas e tres percusionistas máis. Seun Kuti semella un rebelde seminarista nixeriano, con pantalóns brancos aptretados, zapatos brancos de vendedor de churros e camisa branca axustada, que sacou contra o final da actuación para apoteose das féminas. Algúns machos imitaban malamente as danzas das dúas mozas africanas. Este home segue a pegada musical e o compromiso político do seu vello. Os seus concertos son coma unha oración pagana de ledicia, saxo rompente e sabor africano. Se non fora por algúns cambios de ritmo soberbios, as dúas horas semellarían unha soa canción circular, sen acougo. O sosego só se acada ao final. Iso si, Seun Kuti baila moito mellor que o seu pai, quen falaba con bastante máis propiedade e tiña a cabeza mellor amoblada ca el. A pesar de todo, un notable alto. Festa rachada. Funki, jazz, percusión, electricidade e paixón.
sábado, maio 23, 2009
O gran Seun Kuti e a orquestra Egypt 80
Puro lume foi o que puidemos sentir os poucos espectadores deste xenial concerto. Calor, cores vivas e soños nixerianos cada vez que danzamos cos ollos pechados. Poucos foron quen de permanecer sentados todo o concerto. A banda é pura enerxía afrobeat: catro ventos, dúas guitarras, teclados, batería, dúas coristas-danzantes deliciosas e tres percusionistas máis. Seun Kuti semella un rebelde seminarista nixeriano, con pantalóns brancos aptretados, zapatos brancos de vendedor de churros e camisa branca axustada, que sacou contra o final da actuación para apoteose das féminas. Algúns machos imitaban malamente as danzas das dúas mozas africanas. Este home segue a pegada musical e o compromiso político do seu vello. Os seus concertos son coma unha oración pagana de ledicia, saxo rompente e sabor africano. Se non fora por algúns cambios de ritmo soberbios, as dúas horas semellarían unha soa canción circular, sen acougo. O sosego só se acada ao final. Iso si, Seun Kuti baila moito mellor que o seu pai, quen falaba con bastante máis propiedade e tiña a cabeza mellor amoblada ca el. A pesar de todo, un notable alto. Festa rachada. Funki, jazz, percusión, electricidade e paixón.
sexta-feira, maio 22, 2009
En clave australiana: II-SP e o boomerang
Morre a avoa blogeira
quarta-feira, maio 20, 2009
Arraianos no feisbuc

terça-feira, maio 19, 2009
Seun Kuti en Pontevedra

Seun Kuti é o derradeiro fillo de Fela Anikulapo Kuti. O seu vello foi o creador do Afrobeat, corrente musical arraiana onde as haxa, e non podemos resitir a tentación de ir comprobar este sábado 23 de maio, no Pazo de Cultura de Pontevedra, se estamos ante o seu digno herdeiro. Imos á procura do espíritu arraiano do vello Kuti, para ver se a continuación da estirpe está garantida.
Fela Kuti, nixeriano e creador do Afrobeat, morto en 1997 segue sendo un dos referentes da música africana máis comprometida e brillante. Seun Kuti, na foto, aterra agora en Pontevedra coa lendaria banda do seu vello, Egypt 80, liderándoa como saxofonista e vocalista. Imos ver se arde ou non arde a cidade do Lérez e se os músicos nos fan arder a nós tamén, para arrincarnos o cheiro da celulosa. Neste caderno arraiano daremos boa conta deste concerto argallado pola xente da fábrica de chocolate. Seguiremos a informar...
segunda-feira, maio 18, 2009
Arredor do mapa de cores do xefe
En 1956 un valioso narrador galego da miña xeración, Xohán Casal, morto novo, fechouse no seu cuarto e escribiu un auto-manifesto en castelán que levaba o título de "Hacia un mapa de colores". Trataba da necesidade de que todas as nacións sen estado do mundo se convertisen en repúblicas libres e autodeterminadas. Fortemente utópico, o escrito de Xohán Casal fundamentábase nun libro que poucos galegos vivos leron: "Doutrina nacionalista" de Ramón Vilar Ponte con prólogo de Vicente Risco. Despois, Casal pasouse ao galego. Está moi divulgada a idea de que os nacionalismos (das nacións sen estado) son perxudiciais; especialmente, na circunstancia española, o vasco, o catalán e o galego (por orde de displicencia). Soe argumentarse contra estes nacionalismos que o mundo camiña cara unidades políticas superiores e que as nacións de poboación pouco numerosa son inviabeis como estado. Deixemos a unha banda o feito de que Islandia (mesmo en crise) é a república do mundo capitalista (controlado) máis próspera e feliz, a pesares de non ter senón uns centos de milleiros de habitantes. O caso é que a profecía de Xohán Casal resultou realidade. Desque el escribiu "Hacia un mapa de colores" deica hoxe, no mundo xurdiron infinidade de novas repúblicas independentes. Antes de Casal, e a raíz da Revolución de Outubro e da Guerra Europea, Finlandia, Checoslovaquia e outros países pintaron o mapa de Europa con matices inéditos. Eu relembro o continente africano sen outros estados que Liberia, Unión Sudafricana e Exipto, pois Etiopía na miña nenez fora invadida polas valentes forzas expedicionarias do Duce para crear o Novo Imperio Romano. E ben, ao longo da miña vida fun vendo como Africa enteira se descolonizaba, para ben unhas veces e outras para regular, e aquel mapa ia sendo coloreado con todas as cores e combinacións da cuatricomía e do Arco da Vella. Asia e Oceanía tamén se vestiron de tintas rechamantes; por veces coa cor do sangue, caso Viet Nam, Laos e Cambodja. O comunismo e o neutralismo progresista chamábanlle a éstes "movementos de liberación nacional". E fomentábannos a Unión Soviética, as democracias populares, China, Cuba. Israel apareceu no mapa político, esta vez con cores sombrizas de inxustiza en permanente expansión cartográfica. Un vento contrario da Historia fomentou, despois, os nacionalismos capitalistas seguindo a directiva dos EEUU. A consigna era aniquilar a URSS e, na queda do estado federal do socialismo real, accederon á independencia repúblicas que xa intentaran ter pintada a súa cor no mapa da "nova" Europa deseñada pola Alemaña nazi: as bálticas, Georgia, Ucraíña, Bielorrusia. Nas estepas da Asia Central, coa música de Borodin ao fondo, apareceron as cores dos novos estados petroleiros. Logo foi preciso destruir Yugoslavia, e o odio relixioso e o fanatismo incitado polo estranxeiro culminou en repúblicas independentes tan inverosimeis coma é Kosovo. Non sei con que cor figura Kosovo no mapa desta triste Europa en que nos tocou vivir. Ao mellor resulta ser de cor Ilusión, coma dicía Quevedo.Escribiu Étienne Balibar: o nacionalismo é plástico. Todo pende de que contido de clase teña e a quen sirva. Penso en Tibet e en que de acadar a independencia que lle procuran as forzas negras da historia, levará ao mapamundi a cor da alienación relixiosa e da tristura pre-lóxica.
domingo, maio 17, 2009
Manifesto das Redes Escarlata
1.-Aínda que a nosa militancia pertence a diversas opcións políticas, consideramos boa nova o artellamento dunha candidatura que defende a autodeterminación desde posicións inequívocas de esquerda.
2.-O Estado marcou no seu horizonte a eliminación física de calquera ideoloxía hostil á monarquía constitucional. Nese proxecto común do PSOE e do PP quedan significativamente dentro da legalidade -así o advertimos no seu momento ao denunciarmos a Lei de Partidos- as organizacións ultradereitistas de signo xenófobo, nazi, católico, etc.
3.-A resposta contra este novo esmagamento das ideoloxías que España desexa expulsar da libre confrontación nun proceso electoral non debe vir só das propias institucións europeas, senón dos partidos, sindicatos e plataformas que se din democráticas. De non se dar unha inmediata reacción por parte do resto do espectro político galego, coidamos que no futuro será realmente difícil evitar a sospeita de que o silencio e a insolidariedade sirvan outro amo diferente do que, unha vez máis, criminaliza a defensa da autodeterminación e do anticapitalismo.
Saúde e República
Compostela, 15 de maio de 2009
sexta-feira, maio 15, 2009
A morte de John Ford
Agora que só me dedico ao cultivo profisional de bonsais, xa o podo contar, porque eu estaba alí, ao pé da súa cama. Podo dicir que hai tres versións sobre as derradeiras palabras de John Ford antes de morrer e que as tres son verdadeiras, porque seica a verdade sempre é unha mentira que aínda non ten sido descoberta, ou algo así dixeron pola radio... Velaí van as tres versións da mesma realidade (algún día voltaremos falar aquí de Connemara e de homes tranquilos).1. Un cura irlandés está a facer unha cerimonia de extrema unción interminable. Ford está en coma, deitado na cama do hospital, pero milagreiramente abre un ollo para dicir: Santa maría madre de Dios...
2. O cura moe aos santos todos coa extrema unción. Non dá rematado e Ford sae do seu letargo comatoso para dicir: Coooortén!, como se estivera rodando O home que matou a Liberty Valance.
3. Estamos na mesma situación, no leito de morte, co cura e coas uncións extremas e, de súpeto, o director abre un ollo e di: non teredes un puro por ai?
terça-feira, abril 28, 2009
Gripoume o porco
Daquela tamén soñabamos espertos que as chuchis se nos espetaban, cando as levabamos de paquete, nas apuradas de frenada que caracterizaban aos machotiños. Só podiamos soñar, e de cando en vez, mangar algunha moto na vila e darlle unhas voltas co ferro a fondo ata toupala. A aquilo chamábaselle gripar. Popopopooooooo.... e había que levar rectificar o motor onde o angelito de ourense e blablablá...
Seica os porcos tamén griparon nestes días, con tanto chourizo, tanta cachucha e tanto xamón que lle jalamos non é de estranar, é o seu xeito de protestar... o mesmo que griparon os informativos infumables da TVG, onde fan directos ata para dicir que chove no inverno e que fai sol no verán, sen importar o que lle custan eses alardes técnicos a todos os galegos. Nada mellor para animar a comer porco que poñer á reporteira vestida de badiola nunha granxa porcina. Mágoa dunha entrevista en directo co porco xefe supremo dicindo: "home, xa se sabe que somos marisco de curral e que uns picamos e outros non, pero a todos nos chega o san martiño e a gripe do porco voando que ás veces te pilla coa pezuña de pé"... e esas cousas espontáneas e informativas que tranquilizan aos consumidores. Tamén gripou o bicéfalo bipartito, coa súa lingua bífida de beizos insaboros. Os que non griparon foron os medios de comunicación galegos, que foron untados con máis de 50 millóns de euros polas "nosas" consellerías, para logo metela dobrada por onde empezan os cestos. Toda unha lección de independencia e democracia nun país excesivamente civilizado, onde os porcos falan e gripan, son trucados e levan tubarro. Claro que o que non chupa por un lado, chupa polo outro. Pero que conste que nós non levamos un can desa tarta de santiago con purín que se repartiu entre os avutres, aínda que somos un medio de referencia no país onde os cerebros adoptan forma de lacón. Gripoume o porco e eu sen paracetamol na casa. Haberá que embimbalo, que a augardente cura todo...
segunda-feira, abril 27, 2009
Mulleres da raia
domingo, abril 26, 2009
Reflexións arraianas de domingo pola mañá

segunda-feira, abril 20, 2009
Mouros en Celanova e cánabo en Vilanova
sexta-feira, abril 17, 2009
Eloi Lozano, cineasta arraiano
sexta-feira, abril 10, 2009
O xefe e un tempo novo que empeza
sexta-feira, março 27, 2009
O xefe e o balón intragástrico do galeguismo prehistórico
segunda-feira, março 23, 2009
O Furriolo no Fondo dos Espellos
Por Xosé Luís Méndez Ferrín, xefe dos arraianos A posgaleguidade imaxinada do xefe
segunda-feira, março 16, 2009
Cos mortos ao lombo
sexta-feira, março 13, 2009
O xefe contra o provincianismo
segunda-feira, março 09, 2009
O xefe sobre Darwin
segunda-feira, fevereiro 16, 2009
O xefe no paraninfo da memoria
quarta-feira, fevereiro 11, 2009
Por unha política arraiana
sexta-feira, fevereiro 06, 2009
Homenaxe nacional ao xefe

Hoxe, venres, 6 de febreiro de 2008 celébrase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O noso enviado espacial seguirá informando en vindeiras conexións virtuais coa blogosfera arraiana.
segunda-feira, janeiro 26, 2009
O xefe arredor do nacionalismo plástico
O nacionalismo sionista fundaméntase na arela de os xudeus poderen ser os donos de Palestina, solo ao que eles, vindos da Diáspora, chaman Eretz Israel. Pro esa terra ten un nome, Palestina, e pertence a un pobo e a unha nación que é a árabe. Dous nacionalismos se achan fronte a fronte. Un deles, o sionista, é colonialista e pretende expulsar do seu territorio ao pobo que lexitimamente o posúe. O outro nacionalismo é defensivo e arela recuperar o país que lle fora arrebatado pola forza das armas estranxeiras. O nacionalismo é, si, plástico.
No interior de cada nacionalismo xoga o principio de contradicción e os intereses de clase. O sionismo serve ao Imperio norteamericano e constitúe a peza central do expansionismo capitalista en Oriente Próximo. Socialista desde os días fundacionais do baasismo, glorioiso na xesta do FLN en Alxeria, brillante na escena internacional nos días de Gamal Abdel Nasser e nos que se foron sucedendo os movementos que esnaquizaron as monarquías titiriteiras en Exipto, Irak, Siria, o nacionalismo árabe foi sempre laico e nel ocuparon un lugar central personalidades ateas de orixe familiar cristián como Tarik Aziz (onde está ese preso político, se está vivo?) ou o doutor George Habash no tempo en que existían os países non alineados e neutralismo anti-imperialista.
A agresión criminal ao pobo prisioneiro do guicho de Gaza prodúcese nun intre terribel no que o nacionalismo árabe en crise foi en parte substituído na vangarda popular polo confisionalismo relixioso. Aínda así, hoxe e alí a razón e a xustiza están da parte tamén deses mahometanos reducidos á escravitude e á dor colectiva polo estado de Israel.
sábado, janeiro 03, 2009
O Xefe e Viale Moutinho na Academia Galega
Por esta razón a Academia Galega, na súa última reunión plenaria, elixiu Viale Moutinho como membro de honra. Vense sumar así o escritor do Porto, hoxe radicado na illa da Madeira na que nacera, a un reducido elenco no que, vivos, figuran Giusepe Tavani e John Rutherford. A elección de Viale Moutinho produciuse por unanimidade. Agora podemos pensar que, mercé a el e ás súas relacións no universo cultural portugués, a Academia Galega terá ocasión de se facer realmente na República de a carón.
Viale Moutinho é un escritor moi importante das letras contemporáneas que brillou na poesía, no ensaio, na erudición histórica, e que innovou con forza o conto, a novela curta e a novela en Portugal. Igualmente foi un xornalista de moi longo alento e un conferencista reputado nos máis altas tribunas do seu País.
Teño sobre a mesa unha colección de contos deste noso autor que están prontos para veren a luz nas edicións A Nosa Terra. Titúlase a obra Negra sombra! negra sombra! con palabras pedidas emprestadas máis ao poema estremecedor de Luís Pimentel ca aos versos inmorredoiros de Rosalía. Falan moi ben o galego estes relatos nos que a dicción concisa, as luces inagardadas, a precisión fulgurante das descripcións, a referencia punxente á historia da Galicia Mártir dos anos trinta, o discurrir onírico dos acontecementos que nos arrebata, completan una obra mestra do conto contemporáneo que, orixinalmente en portugués, deita unha luminosidade rara sobre a nosa realidade. O extrañamento alucinado confóndese co realismo e o lector síntese, simultáneamente, distanciado e absorbido.
Que coincidan no tempo o nomeamento de Viale Moutinho como académico de honra e a publicación deste seu libro na lingua galega que el quer moito ben representa un sucedido memorábel.
quarta-feira, dezembro 17, 2008

Xosé Luís Méndez Ferrín, que participa cun artigo nesta publicación.
Carlos Pereira, neto de Celso de Poulo, alcalde republicano de Gomesende asasinado polos falanxistas en agosto de 1936 no Alto do Furriolo.
Xulio Medela, redactor e coordinador da sección de cinema e audiovisual da revista Arraianos.
Aser Álvarez, director da revista Arraianos e coordinador deste Caderno Arraiano.
Noutrora, videocreación da artista celanovesa Xudit Casas.
Homenaxe a Elixio Rodríguez, o aviador arraiano, documental do realizador vigués Afonso Vázquez.
19.00h: Presentación do documental San Salvador, de Patricia Nogueira, sobre cando o mosteiro de Celanova foi prisión, coa presenza dalgúns dos seus protagonistas e colaboradores neste proxecto. Haberá música en directo, un debate do documentario e servirase un viño galego ao remate do pase.
segunda-feira, dezembro 15, 2008
O Xefe fala do artista arraiano Xulio Fontes
Estes días Xulio Fontes, pintor e escultor procedente de Quintela de Leirado, na mesma raia montuosa do Crastro Leboreiro, que vive e traballa en Vigo para Galicia e para o Mundo, abriu unha exposición no Hotel Junquera. É para min un gozo maior permitirme o luxo dun paseo pola rúa que tantos acordanzas de xuventude me trai para descansar na obra de Fontes. Exposición intensa e variada, como múltiples e incensantes son as preocupacións e as ideas deste autor sempre alerta, convén comezar a súa visita polas pedras. Hai anos, Xulio Fontes descobriu as ánimas ocultas no interior das pedras, dos seixos, dos cantullos, dos pandullos. El ve nestes refugallos xeolóxicos inútiles e perdidos no mundo sen función definida, nin práctica nin estética, unha forma oculta. E o artista, sen lle tocar ou case sen modificar a forma e a textura, fai emerxer unha mensaxe coa axuda das cores, e non só da intervención cromática. De pronto, a pedra, en contacto con Fontes, fai unha metamorfose e maniféstase como é ou, mellor dito, como o artista ve que é quer que sexa. Pezas inquedantes, misteriosas, sorpréndenos e transpórtanos a un alén do cal nin sabiamos a fondura nin a perigosidade. As pedra de Fontes son aparecidos que nos ollan desde o magma dos principios do Mundo; por veces intranqulízannos; sempre nos penetran. E non é só iso o que hai no Junquera, pois alí pendura Fontes, nun festival multicolor e rechamante, ás veces diriamos que "guineano" ou "bantu", unha pintura feliz que ás veces é tamén obxecto e, case sempre, é máis que cadro. Sendo forma "en si mesma", e volume, e textura, moitas pezas aparentemente pictóricas de Fontes rebordan a súa condición e convértense, máis alá das convencións, nunha cousa diferente que lle naceu á cidade. É tan potente o colorido das obras de Xulio Fontes que se aparenta moito a aquel estalido de luces e formas que se produce no interior dos nosos ollos cando recibimos un golpe neles.
terça-feira, dezembro 09, 2008
Un relato arraiano de Noelia Rodríguez
“Galicia, será a miña xeración quen te salve? “
Uxío Novoneyra
A xeración dos papaventos
Na tradición chinesa, cando fina unha persoa, acostúmase botar a voar un papavento na súa sepultura, coa esperanza de que a sua alma atinxa antes o firmamento.
Miña avó, que gostaba de falar cos ditos dos vellos, dicía a miúdo que nós eramos así porque nolo deron todo cociñado, e malia que non lle falta razón, eu teño a certeza de que non somos unha xeración perdida. Na miña xeración hai moitos que pensan que nunca vivimos mellor ca hoxe, pero moitos máis, estamos convencidos de que o mundo que lles deixemos ós nosos fillos merece ser mellor ca iste en que vivimos. Outra cousa non sexa, polo menos ensinarémoslles a voar papaventos.
Presentación do Caderno Arraiano en Celanova

TARDE
Lugar: Salón de actos do Concello de Celanova
Data: sábado, 27 de decembro
Organiza: Asociación Arraianos
sexta-feira, dezembro 05, 2008
O xefe sobre a represión franquista aos xudeus
Caso sonado foi o de Abraham Zsbarski, preso en San Simón e asasinado polos falanxistas sen formación de causa. Un fillo deste ocupa un lugar central na historia de Galicia en 1936. Médico pola Universidade Compostelana e tenente de complemento, Zsbarski o Mozo foi, no Goberno Civil de Pontevedra, elemento fundamental do Comité da Fronte Popular que intentou o 20 de xullo de 1936 resistir o golpe fascista. Zsbarski (entendo que comunista), Guiances (socialista) e Bóveda (galeguista) resultaron condenados á pena capital por un consello de guerra formado por xefes e oficiais sen honor. A Guiances conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua pro os seus compañeiros caíron baixo as balas do pelotón de fusilamento. O franquismo perseguiu e dispersou o que quedaba das familias Dainoff, Zsbarski e Kuper. O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos.
Voces e foros novos están a facer historia das mulleres galegas que destacaron en tempos recentes. A viguesa Lydia Kuper (ou Kúper de Velasco), ben pouco tida en conta, merecía unha investigación biográfica en regra. Sendo ela mociña asistiu na Facultade de Letras de Madrid (a dos finos e esguíos ulmeiros: Otero) ás clases de luminarias intelectuais da escola de Menéndez Pidal como Pedro Salinas. Lydia viviu no departamento feminino da Residencia de Estudiantes so a tutela de María de Maeztu e alí coincidiu con Teresa Díaz, outra ilustre viguesa que foi catedrática de inglés e directora do Instituto Feminino que hoxe leva o nome de San Tomé de Freixeiro. Destruída e dispersada a familia Kuper, a xoven Lydia asentou para sempre en Madrid.
"Que tendrán los novelistas rusos que los traduce del francés un catalán que no sabe castellano y aún así nos fascinan". Non sei se estas palabras atribuídas a Lorca foron ou non pronunciadas algunha vez na Cervecería de Correos, en Bakanik ou no paseo á lúa pola Quintana dos Mortos (ou Quintá de Mortos). En todo caso Lydia Kuper traduciu do ruso ao castelán maxistralmente, incluíndose no seu catálogo os autores soviéticos. Hai pouco, Lydia culminou (con case 90 anos de idade), o seu Guerra y Paz: a mellor traducción que da obra catedralicia de Tolstoi se teña feito a lingua románica ningunha, din os que saben. Mario Muchnik (Taller e Persoa) foi o editor entusiasmado.
Eu agora evoco o día no que esta intelectual recuperou emocionada de mans do gobernador de Pontevedra Virginio Fuentes a bolsa de papel que contiña unha presa de moedas de ouro que lle foran expropiadas á súa familia en 1936. Con Lydia estaba o seu curmao Elías, director dos deportes en Novidades de Moscova que sempre tiña presente o Celta nas súas crónicas nostálxicas. Luís Ferreiro Loredo, que estaba tamén no acto, poderalles contar mellor ca min todo isto.
terça-feira, dezembro 02, 2008
A represión franquista en Celanova

O día 27 de decembro imos celebrar en Celanova unha xornada de debate e reflexión sobre o que foi a represión franquista na comarca. Será presentada unha nova edición do I Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista na Raia Seca, que incorpora variado material audiovisual (Noutrora, de Xudit Casas e O aviador arraiano, de Alfonso Vázquez) e un documental de Patricia Nogueira (San Salvador) sobre o tempo en que o mosteiro foi usado como prisión. Tamén haberá unha charla dos investigadores do programa interuniversitario de investigación sobre a represión franquista en Galicia: os nomes, as vítimas, or lugares.
Foro Social Galego
Máis de 70 colectivos e 190 persoas a titulo individual xa fixeron a súa
adhesión previa ao Foro Social Galego (FSGal), malia que os propios días da
celebración tamén se poderán facer no espazo da organización, que estará
situado no Auditorio de Galiza. O FSGal terá lugar no Campus Norte de
Santiago de Compostela entre o 5 e 7 de decembro de 2008.
A adhesión ao FSGal responde a un compromiso con un proceso de reflexión,
debate, formulación de propostas e artellamento de redes e loitas sociais,
que pretende autofinanciarse na medida do posíbel, porén, os espazos do
FSGal están abertos a todos e todas. O FSGal é un espazo libre.
O Foro Social galego contará con 14 actividades autoorganizadas polos
movementos sociais, así como con 14 horas de proxección de audiovisuais de
índole social, a presentación de 15 iniciativas, libros, manifestos e
propostas de formación de redes e unha completa programación cultural.
Máis de 40 voluntarios e voluntarias coidarán de que toda a fin de semana
discorra o mellor posíbel e unha nómina de 12 xornalistas voluntarios e
voluntarias, profesionais e estudantes de Ciencias da Información na súa
meirande parte, encargaranse de cubrir os debates e publicalos na web do
FSGal: http://www.forosocialgalego.org
Tanto os grupos musicais, como de teatro ou circo que colaboran co proceso
do Foro, fano altruistamente. Entre eles estarán Ataque Escampe, A Compañía
do Ruído, Casilda Alfaro, García (Dios ke te crew), Leite de Nai, Leo
Arremecághona, Charanga Os Jalochos, Os Chiquilicuatres, Pel de Noz, Sacha
na Horta, Tino Vaz e Tonhito de Poi, entre outros.
Amais disto, e malia que non é un acto propio do FSGal, o domingo 7 ás 12:30
horas, no Auditorio de Galiza, desenvolverase un Asemblea de Movementos
Sociais autoconvocada e autoxestionada.
Homenaxe a Voces Ceibes
segunda-feira, dezembro 01, 2008
Experiencias coa censura franquista
A exposición "Editar en galego baixo a censura franquista", unha colección documental na Fundación Penzol de Vigo, fíxome remoer moito sobre as miñas experiencias naquel período sombrío.
Lembro, nos anos cincuenta do século pasado, un coloquio universitario no que Gonzalo Torrente Ballester, aínda intelectual do Réxime, glosaba un concepto que se atribúe, non sei se con exactitude, a Nietzsche. A idea sería esta: a grandeza do escritor ceibe consiste en decer o que pensa burlando a censura. Por aquela época Alfonso Sastre e Dionisio Ridruejo debateron nunha polémica pública (coido que na revista "Primer Acto") sobre a actitude do dramaturgo fronte á censura. Buero sostiña que o autor teatral debía esforzarse en transmitir as súas ideas sorteando con abstraccións e ambigüidades a censura e Sastre optaba por non ceder e expoñerse a que os textos dramáticos fosen prohibidos e non chegasen a ser postos en escena. A pureza e honradez máxima do autor de Escuadra hacia la muerte ocasionou que boa parte das súas obras non subisen aos escenarios nos tempos de Franco. Pola contra, o de "Historia de una escalera" foi un autor teatral aplaudido polas multitudes.
Teño agora enriba da mesa un volume coa obra galega completa de Curros Enríquez editado por Hernando en Madrid no ano 1943. Nada de "Aires da miña Terra" nin d´ O Divino Sainete foi suprimido nin corrixido pola censura. O libro estaba nos escaparates de Compostela en 1955, ano no que tiven ocasión de o comprar. Como é que uns versos que foron declarados anti-católicos e blasfematorios polo bispo de Ourense, incluído o famoso soneto/diatriba contra Iñigo de Loyola, pasaron intocados pola censura catro anos máis tarde do triunfo de Franco na Guerra Civil? Como uns poemas tan radicais políticamente pudieron ser publicados nun ano no que en España parecía que a democracia ía ser enterrada para sempre? Eu non o sei, pro si podo segurar que a censura actuaba con mayor ou menor severidade e contundencia de xeito aparentemente arbitrario.
En 1958 os censores permitiron a publicación dun meu conto que se titulaba "O asasino". Nel, nun país inexistente pro claramente fascista, o pobo se subleva contra o totalitarismo e axustiza un paseador. Moitos anos máis tarde, en 1972, eu sometín á censura outro conto, titulado esta vez "Elipsis", no que, tamén nun país imaxinario outro (e o mesmo) asasino fascista é submetido á xustiza popular despois de triunfar a Revolución. O segundo conto viu a luz sen problemas na revista do Centro Galego de Baracaldo pero non puido figurar no libro titulado igualmente "Elipsis", porque a censura tachou a totalidade do relato cunha aspa en lapis vermello.
En canto a Eduardo Blanco Amor, podo decer que tiven nas miñas mans o manuscrito de "A esmorga", masacrado polo famoso lapis vermello e definitivamente prohibido na súa totalidade. Foi entón cando a editorial Citania de Bos Aires se fixo cargo da obra e a publicou lonxe do alcance das gadoupas franquistas. Pouco tempo máis tarde a censura permitiu a posta en escena no García Barbón de Vigo, en galego e sen a menor supresión, de "A puta respectuosa" de Sastre e de "A raposa e as uvas" de Guilherme de Figueiredo, sen problema ningún, O "Hamlet" de Cunqueiro, sen embargo, foi recortado (non sei se polo seu mesmo autor), secuestrado nas librarias e reducido aos circuitos de "arte y ensayo", en xeral máis permisivos.
Conto isto para insistir en que todo o cúmulo de problemas históricos que presenta a acción da censura sobre a literatura galega dista aínda de estar hoxe ben analizado e interpretado.

