sexta-feira, novembro 06, 2009

Lembranzas

Non vou escribir dos datos obxectivos polos que penso que o IES ten que quedar onde está, non, hoxe só quero falar das miñas lembranzas nese lugar.
Despois de máis de catorce anos aínda podo falar con claridade do primeiro día que entrei como alumna nese gran edificio que daquela se chamaba Instituto de Bacharelato Celso Emilio Ferreiro e que hoxe queren que se converta nun centro hoteleiro grazas a especulación do Concello da vila onde nacín e medrei pero na que, por desgraza, non podo vivir.
E así foi, como entrei nun mundo novo, de aulas cos teitos moi altos, escaleiras de pedra e unha biblioteca tan espectacular non só pola súa forma senón por algunha xoia que garda nos seus estantes.
O tempo foi pasando e alí topei con algúns bos profesores que me ensinaron moitas cousas pero sobre todo axudáronme a medrar como persoa, a amar a miña lingua, a miña historia e a miña vila.
Dentro destes muros, neses catro anos, estudei, rin, chorei, púxenme en folga pola calefacción, actuei en obras de teatro e nunha curtametraxe, fixen grandes amizades e fun descubrindo, pouco a pouco, o afortunada que era de estudar nesa marabilloso edificio.
Gústabame saír entre cambio e cambio de clase mirar por unha ventá ou ir ata as escaleiras de pedra. Non o facía sempre, pero si moitas veces. Tamén me encantaba meterme na biblioteca (ao entrar á esquerda, no fondo) onde hai unha ventá con dous asentiños de pedra e alí sentábame para ler ou estudar.
Pasados catro anos, ao acabar a facultade volvín para facer as prácticas do CAP e sentín a mesma sensación que o meu primeiro día de curso como alumna e tamén me parei nunha ventá un minuto e fun á biblioteca. Entón entendín, de repente, a importancia que ese conxunto de pedras tivo na miña experiencia, no que hoxe son. Agora non exerzo a docencia pero se algún día acabo nela espero ter a sorte de poder impartir as miñas clases nesas mesmas aulas.
Será que lembro isto (nestes últimos días moitas veces) porque, como di un sabio amigo meu, os grandes momentos da nosa vida —aínda que cando pasan non saibamos da súa importancia— quedan gravados nun recuncho do noso pensamento para sempre e aínda que non sexamos conscientes de que están aí, cando menos o esperas volven a ti como algo natural.
Supoño que moitos dirán que estas mesmas lembranzas tamén as podería ter en calquera edificio de calquera cidade pero eu dígolles que non, o IES non é só un edificio sen identidade e somos moitos os que alí pasamos algúns dos mellores momentos da nosa vida e ademais foi onde nos formamos e nos fixemos maiores. Educámonos nel moitas xeracións que non podemos permitir que se nos borre o noso pasado e o noso futuro polos intereses económicos duns poucos que non vai beneficiar en nada aos veciños.
Está claro que as miñas lembranzas non pesarán na decisión do concello, non terán importancia, pero se unimos todas, as de cada persoa que pasou por ese edificio si que terían forza.
Non podemos permitirllelo, espero que desta vez si loitemos contra os que nos queren roubar un anaquiño da nosa memoria que é o único que é realmente noso. Por iso gustaríame como veciña e ex-alumna que nos unamos toda a vila e os que dende fóra nos entenden e apoian cunha única voz para esixir que o Mosteiro siga sendo o que hoxe é, un edifico público de todos e cada un de nós.
Laura Montes García. Filóloga e ex alumna do IES de Celanova.

ONDE O MUNDO SE CHAMA DIGNIDADE

A dignidade dun pobo calíbrase pola capacidade que ten de deixar en herdanza un futuro sen hipotecas.
E o futuro dos pobos que non senten vergoña do seu pasado é o futuro que se crea dende a fidelidade á súa historia.
Ser fiel á nosa historia supón, primeiro, coñecela, e a seguir facer todo o posíbel por divulgala e conservala.
Teño para min que, nos tempos que corren, conservar xa non é a ideoloxía que inspira aos conservadores.
Agora os conservadores prefiren esquecer, cando non directamente ignorar.
Ignoran o seu patrimonio e esquecen dignificalo e enriquecelo. Hipotecan o futuro que non lles pertence, o futuro no que nunca creron, porque nunca demostraron ter unha visión madura e consistente de país. Gobernan para perpetuarse na ambición e pasan por alto –quizais por falta de cultura democrática, máis que por incompetencia– a maneira de paliar as necesidades daqueles que lles outorgaron un voto de confianza.
E isto, nun país coma Galicia, que custodia unha historia de resistencia e de constancia na súa identidade –nunca desenvolvida plenamente– é o preámbulo dun destino que as xeracións futuras –as que teñan que facer memoria desa herdanza común que chamamos patrimonio– non han saber asimilar, e do que han responsabilizar a todos aqueles que tivemos nas nosas mans o seu remedio.
Que Celanova é unha das vilas máis fermosas de Galicia sabémolo todos. E que é unha das vilas que menos desenvolveu as súas potencialidades culturais e turísticas resulta aínda máis evidente.
Eu, que vivo dende hai 21 anos nunha das cidades máis conscientes do seu patrimonio, como é Santiago de Compostela, que soubo acompasar os seus intereses económicos á súa circunstancia histórica, sempre dende o respecto e a posta en valor do seu inmenso capital turístico, relixioso e cultural, non deixo de sorprenderme con iniciativas como esta que hoxe nos une aquí coa finalidade de conter a hemorraxia de despropósitos que teño oído nos últimos tempos sobre a entelequia especulativa que o concello pretende arbitrar cun ben de interese público e patrimonial como é o mosteiro de Celanova.
Haberá algún inxenuo que pense que nunha cidade como Compostela o motor turístico e económico puido ser nalgún momento o Hostal dos Reis Católicos ou calquera outra empresa de hostalería situada na cidade?
Pregúntome como é posíbel pensar no futuro económico e turístico dunha vila como Celanova sen ter feito un estudo planificado, integral e contextualizador das súas necesidades e das posibilidades reais e contrastadas para a súa concreción.
Un proxecto coma este, que afecta non só a un pobo, senón a toda a comunidade galega, debería ser un proxecto público, consensuado e integrador. E de non se facer así, deberemos pensar que a iniciativa non é transparente nin beneficia os interesas xerais dos seus veciños.
É coherente que nunha vila como esta, onde non hai ningún tipo de oferta hostaleira, se conciba un proxecto tan afastado da súa realidade e das súas carencias? É razoábel que se pense en facer nun contexto sociolóxico no que o visitante que se move por intereses culturais ou relixiosos –que é o visitante que aquí se esperaría– reclama hoxe un tipo de hospedaxe que as axencias cualifican como “hotel pequeno e con encanto”, que é, por certo, o modelo hoteleiro que nos últimos anos ten éxito en destinos culturais como Santiago, Córdoba ou Toledo.
E por que, nunha vila tan necesitada de iniciativas creativas, de proxectos de futuro, de construír en definitiva, se propón destruír o que xa está feito: o noso instituto?
O instituto no que eu estudei non é só un centro de ensino que segue a xerar a maior riqueza á que un pobo pode aspirar (a formación e a cultura), senón que é un modelo de reconstrución que no seu día foi recoñecido co premio Europa Nostra.
E esa reconstrución, coherente coa historia deste edificio, é a nosa obriga respectala e conservala. E máis cando segue a dar o uso para o que foi concibida.
Quen non pasou por estas aulas ou carece da máis mínima sensibilidade para concordar coa indignación que inspira estas miñas palabras, dirá que esa mesma tarefa de formación podería facerse nun deses institutos de nova construción que uniformizan os espazos.
Pasar por estas aulas, por esta biblioteca, por estes corredores foi para min un dos maiores galanos que me ten feito a vida. É máis: estou convencido de que sen a fortuna que tiven de compartir cos meus compañeiros nestas dependencias centos de horas de estudo, de amizade, de descubertas durante catro inesquecíbeis anos da miña mocidade e formación, eu non tería aprendido o que é escribir dende a fidelidade a unha orixe e á estirpe de homes como Curros ou Celso Emilio.
Nesas aulas, nesa biblioteca, en tantos recunchos dese claustro escribín os meus primeiros poemas co convencemento de que o estaba a facer nun lugar privilexiado, no instituto máis fermoso que existe hoxe en Galicia –daquela aínda non era consciente disto– e nun dos poucos centros educativos de España –quizais comparábel só ao instituto Ramón Olleros Gregorio de Béjar, en Salamanca– que concilian dun xeito natural e exemplar a arquitectura co saber, a historia dun pobo coa esperanza de que os seus fillos sintan orgullo das súas raiceiras e constrúan un porvir que estea á altura do seu legado.
Cando no seu día o concello de Celanova xestionou intelixente e coherentemente a restauración da casa paterna de Curros e a converteu nun museo que divulga e promociona as traxectorias literarias dos autores que naceron nesta vila, todos os que sentimos Celanova coma un río que atravesa as nosas vidas, soubemos que se trataba dun traballo ben feito e imprescindíbel, porque se estaba sendo fiel a un patrimonio literario que pedía a súa conservación e dignificación.
Aceptaría algún veciño –por moitos ingresos que lle xerara a unha empresa privada a súa explotación– que ese edificio fora entregado en poxa pública para ubicar nel un hotel ou cousa semellante?
Pois como é posíbel concibir que o corazón polo que latexa toda a historia deste solar que San Rosendo chamou Villare e que se converteu cos anos neste impoñente conxunto monumental poida ser arrebatado a un pobo coa finalidade de poñelo en mans dunha empresa privada foránea que fará del un edificio sen memoria, sen a identidade coa que chegou a nós e non fomos quen de conservar?
Como estou convencido de que o pobo no que aprendín as cousas máis importantes desta vida non vai permitir que isto pase, e que vai estar á altura da súa xinea, comparto estas humildes palabras con vós, unhas palabras que respiran polas bocas das gárgolas que vixían, ameazantes, os pasos de todos aqueles que pretenden traizoar a súa memoria e o seu futuro.

Baldo Ramos, poeta e ex alumno do IES Celanova

O mosteiro de Celanova non se vende

Iniciamos con este texto un debate aberto sobre o uso público do mosteiro de Celanova e o proxecto do goberno local para desaloxalo e facer un hotel monumento. Agardamos as vosas opinións.
É comunmente aceptado que o patrimonio é o conxunto de bens tanxibles e intanxibles, que constitúen a herdanza dun grupo humano, unha sociedade ou un pobo e que reforzan emocionalmente o seu sentido de comunidade cunha identidade propia.
Tamén é sabido que para que haxa unha percepción desta idea por parte da comunidade é necesario que o patrimonio sexa posto en valor, isto é rescatalo da escura ignorancia sexa ésta material ou inmaterial, inocente ou interesada. Así pois para que un obxecto arqueolóxico, un monumento, unha obra de arte, etc., poida ser considerado como un ben patrimonial debe ser activado isto é, escollido e amosado ou utilizado publicamente de variadas maneiras.
A activación dos repertorios patrimoniais corresponde ós poderes públicos e así se ten feito ata actualidade no conxunto monacal de Celanova. Os usos sociais que se lle viñeron dando dende xa hai anos, sen lugar a dúbida redundaron en beneficio de toda a sociedade e en especial de toda a xente da vila e de arredores, sen distinción.
Pero de todos eles o que me pareceu o mais acertado e que garda unha especial vinculación co significado profundo do mosteiro foi o de adicar a zona claustral do Poleiro a Instituto de Ensino Medio. E non me refiro só a parte material, que por outra banda segue cumprindo a súa función con moita mais dignidade que moitos dos edificios modernos actuais dedicados a este fin. Senón, sobre todo, polo que significa de relación directa e continuadora cun antigo centro de cultura, historia
e arte que forma parte da mellor riqueza patrimonial de Galicia e de Celanova. E non se pode obviar este principio. O papel de uso para o ensino que, desde hai xa varios decenios, cumpre o IES de Celanova non só é un xeito insuperable de activación do ben patrimonial polo seu carácter de aproveitamento social e público, senón que é en sí mesmo xa un ben patrimonial, inseparable dos vellos muros do edificio, da biblioteca, do Poleiro, da Capela de S. Miguel, do coro gótico, da
fachada da igrexa, e de todo o demais. Porque só é así cando cumprirase de forma xusta a definición que fai a UNESCO cando ditamina que “o patrimonio é o legado que recibimos do pasado, o que vivimos no presente e o que transmitimos ás xeracións futuras”.
Non aceptalo así e frivolizar con argumentos supostamente economicistas xustificadores dunha privatización que posiblemente, e de forma non moi clara, beneficiaría só algúns é un xeito escandaloso de recoñecer o fracaso ou o escaso interese que as administracións manifestaron desde sempre por Celanova e a súa comarca.
Plácido Romero Bernardo,
Profesor de Historia do IES de Celanova desde 1988 a 2000

segunda-feira, novembro 02, 2009

O Xefe fal de católicos e católicos

Por XL Méndez Ferrín. O primeiro que aprende o inxenuo continental ao chegar a Oxford é a diferencia entre "católicos ingleses" (ou sexa anglicanos) e "católicos romanos" (os que obedecen ao Papa). Logo, ao recén chegado, se provén dun país de maioranza papista, chócalle moito a liturxia anglicana polo que ten de semellante a aquela á que está afeito desde a infancia. Sen entrarmos en disquisicións dogmáticas, o caso é que a Igrexa católica de Inglaterra (e todas as igrexas nacionais da súa constelación) é a cousa máis parecida que un poda imaxinarse á Igrexa Católica Apostólica Romana.Desde o século XIX, flúe una corrente de cregos e bispos anglicanos que se integran no catolicismo romano. O máis famoso foi o Cardeal Newman, de grande influencia no seu día. Na Grande Bretaña hai dous tipos de católicos romanos, moi diferentes entre si. O primeiro é o dos homes e mulleres de clase obreira que proceden de Irlanda e que soen ser seguidores do Celtic de Glasgow. O segundo, reducidísimo, intégrano os aristócratas e plutócratas (no R.U. esas cousas poden ir unidas) que, procedentes do anglicanismo, abrazaron eles ou os seus antepasados, o catolicismo romano. Os segundos poden parecer una elite soberbida e orgullosa da súa diferencia. Evelyn Waugh retratou moi ben este tipo curioso de parásitas sociais na novela Brideshead Rervisited. O propio Waugh, snob, era católico romano de novo troquel e apoiou, coma outros ingleses do xénero, a sublevación de Franco en xullo de 1936. Se a anglicana é a relixión da realeza e da clase alta, a relixión católica romana adoptada por anglicanos convértese nun signo de rara distinción.É certo que formal e aínda dogmaticamente os anglicanos parécense moito aos católicos romanos, pro non podemos ignorar os elementos protestantes que entran na composición da súa doctrina, disciplina e tradición. O máis notorio é o matrimonio, pois é ben sabido que os cregos poden casar e, aínda, as mulleres poden recibir o sacramento da orde, esquencendo estes anglicanos anovados que Deus escolleu encarnarse nun Xesús varón e non nunha femia humana e escolleu apóstolos masculinos. Ten importancia o feito de que o luteranismo levou os anglicanos a abolir as ordes relixiosas, así de frades coma de monxas. Finalmente, lembran vostedes os divertidísimos Canterbury Tales, de Chaucer, onde un conxunto de 29 peregrinos se poñen a contar estorias? Pois ben, o cisma anglicano, por influencia luterá, prohibiu terminantemente as peregrinaxes, por consideralas vá observancia, pouco acordes co espírito cristián e fonte de lucro ilícito para o clero.E ben, eu pregúntome se esta avalancha de cregos, bispos e pobo anglicano que está a punto de integrarse na denominación católica papista vai influir sobre o resto dos fieis desta até o punto de forzar o matrimonio dos cregos no rito romano, ou enfleblecer as comundiades de clero regular (e das monxas) e as perigrinacións e romarías, grandes coma a de Santiago, Roma e Xerusalén, ou pequeñas coma a do Corpiño, por un caso. Pero non penso eu que vaia haber demasiada conmoción co proceso de que estamos a falar. E confío en que a aversión que os anglicanos senten polas peregrinacións non vaia afectar seriamente ao chamado actualmente Xacobeo en canto negocio e en canto impostura.En todo caso parece que os usos e costumes eclesiásticos van mudar. Antes, só podíamos ver cregos (obedientes a Roma) casados en Oriente. Agora, ímolos ver tamén en Occidente. Será isto o primeiro anuncio de que a abolición do celibato sacerdotal obrigatorio está ás portas como signo dos tempos na Igrexa Católica Apostólica Romana? Non me preocupa en absoluto.

sexta-feira, outubro 30, 2009

O Xefe lembra a Anisia Miranda

XL. Méndez Ferrín. Esta boa amiga e escritora que acaba de falecer naceu en Cuba de país procedentes dos concellos de Verea e Celanova, polas partes máis montañosas dos baldíos arraianos. Un día Anisia falou dos seus antepasados na vila de San Rosendo. Despregou para os circunstantes un pano da cabeza, avermellado. Contounos que o pano pasara dunha avoa a súa nai e, desta, a ela. Esa prenda era para Anisia unha bandeira e un tesouro. Gardaba a memoria do desraizamento, da pobreza, da emigración, da galeguidade.
Un día, Anisia Miranda, tendo seis ou sete aniños, foi levada polo pai, republicano, a ouvir un mitin de Luís Soto e Castelao na Habana. Corría a ano 1938 e os antes citados comprían a súa xeira norteamericana e cubana de apoio á República durante a Guerra Civil. O pai de Anisia díxolle á nena que lle levase a Castelao uns diñeiros para a colecta. Castelao e Soto mandáro-lle ao fotógrafo que lle tirase un retrato á meniña. A organización fíxolle chegar á familia a foto da nena, moi vestidiña de miliciana española con gorro e todo. A foto consérvase e publicouse. Parece que aquel día quedou determinado que a cativa chegase a ser de maior un muller galegocubana en todas as súas dimensións.
Una segunda fase da súa emigración levou a Anisia e aos seus país a Buenos Aires, onde ela descubriu que o galego era unha lingua perseguida despois da lectura dun famoso artigo de Francisco Luis Bernárdez. En Buenos Aires a moza é xa unha xornalista e unha pedagoga que se achega ás Mocedades Galeguistas e que colabora con Xosé Neira Vilas na organización do Congreso da Emigración promovido polo Consello de Galiza en 1956. Naturalmente, Anisia Miranda estaba destinada a casar con Neira, e viceversa; e tal cousa ocorreu. Ambos levaron adiante a inesquencíbel empresa "Follas Novas", difusora do libro galego no Río da Plata e moito máis ca iso. Ambos deciden establecerse en Cuba para participar como revolucionarios na construcción do socialismo.
Pasaron moitos anos, e Anisia perseverou en Cuba nun labor constante como editora, ensaista, autora de libros infantís e xuvenís, en canto seu home conciliaba a súa misión na administración revolucionaria cun constante servicio de documentación e información que desde Habana el remitía aos puntos máis quentes da nosa resistencia. Logo o matrimonio formado por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas regresou definitivamente a Galicia, para crear na terra del Gres, un centro de animación cultural e unha fundación que desprega grande actividade.
En Buenos Aires, na Habana, en Gres Neira Vilas foise consolidando como un grande escritor contemporáneo en galego e Anisia Miranda nunca foi só unha acompañante súa. Ela soubo manter a propia identidade literaria e a forma dunha personalidade inconfundíbel, por moito que, ideolóxica e afectivamente, os membros deste biarcado se sentisen solidificados entre si.
Cháganos a noticia da norte de Anisia Miranda, ocorrida en Gres. As cinsas desta filla da diáspora e da emigración galega ficarán por sempre na Terra dos antepasados, que ela escolleu para vivir o derradeiro treito da súa biografía de intelectual orgánica e de muller traballadora. Fumos amigos e admiradores de Anisia Miranda e agora laiámonos do seu pasamento. Xa máis nunca nos veremos.

terça-feira, outubro 20, 2009

Cuando muere el amigo

19/10/2009 - Alexander Vórtice. NADA HAY más importante en la vida de un hombre como la amistad, la verdadera, la de quita y pon no me vale; nada tan importante como poder sonreír al lado de una persona que conoce todos tus defectos, y pese a todo, te quiere y aprecia. Escribo estas letras tiznado de dolor, de vacío aquí adentro: donde habita lo necesario, lo ciertamente trascendente. A lo largo de los años he aprendido que a los enemigos se les respeta e, incluso, se les elige: Yo los suelo elegir con sonrisa petulante, camisa de mangas largas y ojos de cuencas ennegrecidas. Estos son mis favoritos. Los otros enemigos que también me rodean, tal vez los más tocapelotas, son aquellos que en inicio fueron amigos: A estos les tengo un odio especial, y me gusta mirarles por la calle, si es que me los encuentro, directamente a los ojos, a ver quién de los dos resiste mejor el empalme de miramientos endemoniados. Pero los enemigos no son para mí cosa sería, son diversión de existencia vital pasajera, lo peor que te pueden llegar a hacer es acuchillarte en cualquier esquina de la vida que no escogí yo, la que me vino dada por un ser superior, o por evolución de circunstancia pasmosa. Y lo repito: Nada hay más importante que un amigo, nada es tan importante en la vida, nada duele más que perderle por un tiempo, lastima el alma perderlo para siempre. Esto fue lo que me pasó el pasado martes 13; sucedió en ese fatal día de herraduras, amuletos y ajos en la puerta de muchas casas, cuando murió mi estimable Luis Carlos Boullosa. Pereció en Madrid, me aseguran que de manera repentina, como si tal cosa, tal y como se suele venir a este mundo de sal y corbatas mortificadas. Recuerdo perfectamente el arañazo de incomprensión que recorrió mi espina dorsal, y la semana anterior, en la que había hablado con él lealmente, como amigos, como dos personas decentes. Aún hoy soporto esa raspadura brutal y maloliente, y sé perfectamente que se vengará de mí en el momento menos esperado, tanto sea mañana, como dentro de un año, como dentro de un lustro o una década: Porque cuando muere un amigo también tú vas muriendo con él, ya no eres un ser completo, algo te falta, algo te abuchea en las tripas, y la vida la tomas más en serio, y te acuerdas que eres tan mortal como un ciempiés en una refinería. El martes pasado feneció Luís y yo sentí pena de mí mismo. Aún no soy consciente de la perdida, porque la conciencia suele filtrar los sentimientos más profundos, los más esenciales en la vida de un hombre con el tiempo. Lo único que puedo decir ahora: “Descansa en paz, acompañante Luis Carlos”. Los que aquí nos quedamos no entendemos aún lo que tú ya has comenzado a concebir.

segunda-feira, outubro 19, 2009

O xefe en Bonaval

Por XL Méndez Ferrín. Visitamos o Museo do Pobo Galego de Bonaval. Carlos García Martínez, ánima férrea da institución, foinos ensinando as salas nas que se gardan os arquivos e as bibliotecas de Antonio Fraguas, de Xaquín Lourenzo, de Taboada Chivite e, en parte, de Fermín Bouza Brey. Persoas, todas elas, dedicadas a coñecer a cultura e tradicións do pobo galego que lle legaron o seu expolio ao Museo e á posteridade. Impresiona o Museo do Pobo Galego no seu conxunto excelentemente instalado no mosteiro dominicano cuxa fundación ou sagrazón de 1230 cantara precisamente Bernal de Bonaval, o trovador compostelán.
Tras duns seiscentos anos de dominio monástico, o liberalismo burgués do século XIX expulsou de Santa María de Bonaval os frades que aquí mandara asentar San Domingos. Hoxe, entre aqueles muros garda a memoria nacional-popular o Museo de Pobo Galego. No que fora cemiterio romántico (aló está a cova de Aurelio Aguirre) hai agora un precioso parque público. Baixo a cruzaría gótico-mendicante de Bonaval instalarase o panteón de homes e mulleres ilustres de Galicia. Non hai letreiro ningún que, coma no Pantheón de París rece algo así como A PATRIA AGRADECIDA ("LA PATRIE RECONNAISSANTE"). Sen embargo os xacigos de Rosalía e de Castelao enchen de sentido nacional aquel espazo.
Grazas á secularización e exclaustración do goberno Mendizábal os conventos de Compostela pasaron a poder das institucións civís. A universidade e o concello saíron beneficiados e a cidade clerical por excelencia convertiuse en centro de ciencia e de cultura laicas. O antigo templo retirado do culto, como panteón de galegos ilustres nunca funcionou de modo satisfactorio. Pondal e outros grandes vultos xacen no belísimo cemiterio mariño da Coruña: San Amaro. Grandes homes e mulleres de Galicia terminaron enterrados en moi diversos lugares da nosa xeografía. Nunca houbo un regulamento protocolario do panteón de Bonaval, o que ocasionou que acollese restos de individuos de importancia menor. Chegou a usarse Bonaval mesmo para desfiles de modas.
Foi precisamente tal desfile o pretexto que aproveitou o Arcebispo de Santiago para pleitear pola recuperación de Santa María de Bonaval. Todo este escuro asunto nunca foi explicado debidamente. Pro parece ser que a mitra compostelá reclamou perante os tribunais a igrexa que acolle o panteón de galegos ilustres, e os xuíces fallaron favorabelmente. O cal constitúe unha burla histórica. A desposuída no século XIX foi a comunidade de Bonaval ou, se se quer, a orde relixiosa dos dominicanos ou dominicos. O Arcebispo nunca posuíu Bonaval e sen embargo os xuíces parece que llo adxudicaron. Un espazo de dominio público e, ademais, cargado de simbolismo nacional pasou diante dos nosos ollos a mans eclesiásticas ás que nunca pertencera e ninguén dixo nin fixo nada sobre tal asunto.
Visitamos dúas exposicións en Bonaval, nos claustros que hoxe ocupa o Museo do Pobo Galego. Unha, a colección de adiviñas e os traballos manuais que recolleron e procesaron os nenos do Colexio Público Cristina de Carballo. Outra, a mostra Ceibes no Monte na que traballaron os profesores e alumnos do Instituto Terra de Turonio, de Gondomar. Esta última versa sobre os bestas ceibes nos montañas do Sul de Galicia, especialmente nas do concellos de Gondomar. Coido que o Museo do Pobo Galego é a primeira vez que se abre á dimensión ecuestre da nosa cultura popular.

sexta-feira, outubro 16, 2009

O xefe fala do orgullo galego

Por XL Méndez Ferrín. Manuel Outeiriño descubriu un texto inédito e se cadra extraviado de Florentino L.A. Cuevillas, quen, por cima de pai da nosa prehistoria, foi home de pensamento robusto e prosador en galego de grande fineza. O manuscrito apareceu en cas de Elvira, a miña amiga e filla do mestre ourensán. En breve, as páxinas descoñecidas de Cuevillas sairán da longa noite na que xacían e verán a luz n´ A Trabe de Ouro. Trátase dun escrito político, posibelmente dirixido ao Partido Galeguista en ocasión de alguna súa asamblea nos días republicanos e na década dos tinta. Entre outras cousas, Cuevillas descorre sobre o profundo sentido de inferioridade que prendeu en masas de galegos. Masas que, para Cuevillas, se sentiron humilladas e se desprezaron a si mesmas. Moitos galegos, a partir dos inicios da Idade Moderna, condo Pardo de Cela foi decapitado e no noso Reino resultou devaluado, se envergoñaron de si mesmos e desexaron ser outra cousa. A lingua e as características culturais propias parecéronlle "desprezabeis". E víronse impelidos ao suicidio colectivo como pobo. Suicidio cultural cuxo resultado foi considerar o noso como ruín e o alleo (castelán) como excelente. Milleiros de galegos dos tempos modernos e contemporáneos desexaron non ser galegos. Esta é a razón pola que castelanizaron a súa lingua galega e, cando puideron facelo, sustituírona polo idioma que sentían superior. Este idea de Galicia como un pobo suicida, en parte, foi empregada tamén por Castelao nas súas argumentacións patrióticas.
A partir do reinado de Isabel a Católica, a raíña usurpadora, instálase en Galicia un funcionariado real que usa o castelán. Nos cabidos, nas notarías, nos tribunais, en toda a administración faise desaparecer o galego. A oligarquía nobiliaria convertese en absentista e as grandes rendas son xestionadas por persoas procedentes de fóra. Os mosteiros benidictinos pasan a depender de Valadolide e outras relixións teñen temén as súas cabezas rectoras no exterior. Unha avenida de diñeiro infinito sae de Galicia para Castela a partir do século XV e deixa eiquí unha seca de recursos e un reino colonizado que a cidade de Zamira representa nas Cortes. É así como se modela o individuo galego subalterno que desexa non ser galego e falar castelán sen acento. Eis como se orixina o que Cuevillas e Castelao chamaron "a Galicia suicida". Sigue a haber unha parte do corpo social galego que desexa desnaturalizarse por completo o e deixar de ser galega.
Durante os séculos XIX e XX, e a partir das palabras fundacionais do P. Sarmiento, fóronse consolidando elites culturais e políticas recoñeceron o galego como idioma (non dialecto) e Galicia como nación con aspiracións de autogoberno. O orgullo de ser galego foise extendendo e medrou a masa dos descolonizados. Nos nosos días a conciencia de ser galego prendeu nos sindicatos obreiros, nas organización campesiñas e en franxas importantes da pequeña burguesía, especialmente nas camadas máis cultas. Certamente, a tendencia ao suicidio non foi erradicada e tal pulsión anima a grupos de acción política e cultural. Mesmamente, no gobernó autonómico existen hoxe proxectos tendentes a abolir, a curto prazo, a lexislación protectora do galego.
Esta a situación na que nos achamos. Os galegos e as galegas leais á propia a lingua e orgullosos de ela vanlle facer unha será advertencia ao gobernó autonómico actual. O próximo domingo Compostela vai acoller unha manifestación máxima que fará mudar o rumo da política lingüística da Xunta de Galicia. Aló estaremos.

sexta-feira, outubro 09, 2009

O xefe fala de esquecementos e memorias

Por X.L. Méndez Ferrín. A memoria é infiel, interesada, treidora. Hai páxinas imperecedeiras, e aínda ben grazosas, de Freud a respecto diso.Á figura de Ramón Piñeiro, á que lle dedicamos as pasadas Letras Galegas, está sendo obxecto de acordanzas e desmemorias que me teñen desconcertado. Por exemplo, algúns discípulos tardíos do filósofo e político lancarao veñen sostendo, desde hai tempo, que este, deputado polo PSOE, resultou ser o pai da Lei de Normalización Lingüística que hoxe se ve ameazada por Núñez Feijóo. Sen embargo na miña memoria está ben gravado o feito de que foi Camilo Nogueira o autor da proposición de lei cando era deputado único do partido que se foi chamando POG, EG, PSG-EG. Logo todos os deputados e partidos presentes na cámara do Hórreo aprobaron a lei nun exercicio de patriotismo precisamente memorábel. Pro non convén esquencer que tres deputados nacionalistas e defensores interxérrimos do noso idioma, Bautista Álvarez, Claudio L. Garrido e Lois Diéguez, foron expulsados do Parlamento Galego por se negaren a xurarlle acatamento á Constitución Española. Parece que moitos borraron este episodio totalitario da memoria. Pero eu lembro que todos os deputados, a excepción do citado Camilo Nogueira, votaron a favor da exclusión.Por aquel entón D. García Sabell acumulaba na súa persoa os cargos de delegado do goberno en Galicia e de presidente da Academia Galega. Este coñecido médico e ensaísta era unha das persoas máis unidas á actividade de Ramón Piñeiro desde 1950. E ben, bo número de individuos galeguistas esquenceron o feito de que tal presidente da Academia recorreu, en funcións de delegado do goberno, contra a Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Hórreo, por considerala contraria á Constitución e excesivamente favorábel á nosa lingua. Eu recórdome ben daquel acto infame. E recórdome hoxe do recurso de García Sabell porque Núñez Feijóo ameaza con derrogar a Lei de Normalización Lingüística que o doutor humanista non conseguira botar abaixo.Acabo de ler un libro colectivo, Homenaxe a Ramón Piñeiro, editado polo "Centro Ramón Piñeiro", no cal non se trata con especificidade suficiente a fundación a práctica política de "Realidade Galega". Dá a sensación de que a amnesia a respecto de Piñeiro non só domina as rexións máis recuadas da súa vida política, como é o caso da participación no nomeamento de Castelao como ministro do goberno republicano de Giral, participación que tan agudamente acaba de analizar criticamente X. Ramón Pena na serie de tres densos artigos titulados, con bon xorne humorístico, A verdade sobre o caso Piñeiro. Tan vasto exercicio de esquencemento afecta tamén a importantes conxunturas da vida do filósofo da Saudade en tempos ben recentes e na súa derradeira etapa política. Amigos e seguidores de Piñeiro e do seu modo político esquenceron o significado, non evidentemente metafísico, de "Realidade Galega". Sen embargo eu lembro con intensidade o seu manifesto de 1980 e os efectos que desencadeou na vida pública da nova autonomía. Acórdome ben de que Ramón Piñeiro, que pronunciaría un famoso discurso en favor da Lei de Normalización Lingüística no Parlamentiño, foi o principal promotor de "Realidade Galega" e tamén relembro que García Sabell, que ía recorrer esa Lei, exerceu como portavoz do acto fundacional da citada organización.

segunda-feira, outubro 05, 2009

A revista Vieiros en Celanova

Benqueridos arraianos. Como ben sabedes, este sábado, 10 de outubro, as Redes Escarlata organizan unhas xornadas en Celanova sobre a mellor revista galega do mundo: a Revista Vieiros, editada polo Padroado da Cultura Galega de México e símbolo da vangarda xornalística do seu tempo e da resistencia política no país e no exilio fronte ao franquismo. As xornadas desenvólvense no salón de actos do claustro barroco, dende as 10 da mañá. Alí nos vemos.

sexta-feira, outubro 02, 2009

O xefe fala da revista Vieiros

Otero Pedrayo, fino coleccionista de perfumes históricos, evocou en diversas ocasións aqueles pálidos e atormentados que cambiaron frecuentemente de habitación no século XIX europeo. Cando a Revolución asegurou os seus pés na terra en forma de bonapartismo, os aristocratas e os intelectuais reaccionarios mudaron de aires, puxéronse tristes e escribiron belas páxinas, no caso de Chateubriand. Ao triunfar a reacción absolutista, a nove orde europea impeleu fora dos seus países numerosas figuras políticas e intelectuais, que escribiron mellores páxinas en terras de refuxio, como foi o caso de Victor Hugo. A sentimentalidade intensiva que chamamos Romantismo tivo que ver moito con estas situacións de desterro. A palabra que Europa usaba para designar os desterrados políticos era, traduccida a todas as nosas linguas, emigrados. Case todos ían parar a Inglaterra e alí morou e produciu o grande emigrado do século XIX: Karl Marx. Nos días do grande confronto entre socialismo e democracia nunha banda e fascismo na outra, púxose en circulación a palabra refuxiado, que aínda é usada na linguaxe do dereito internacional. Non sei por que, un día comezouse a usar en España para referirse á situación dos refuxiados políticos, un cultismo até entón de emprego restrinxido: exilio e exiliado. Mormente, soemos chamar exiliados aos escritores, artístas e políticos que tiveron que abandonar o territorio español a continuación da victora franquista. O curioso é que en México, e até 1976, seguiu usándose o termo refuxiado. Cando eu visitei México en 1972, alí distinguíase ben entre emigrantes que procedían de España ("gachupines", palabra despectiva) e "refuxiados", estes últimos moi ben considerados polo estamento público e pola poboación. Na percepción común considérase o exilio político e intelectual de Bos Aires como o máis relevante no que respecta a Galicia. O feito de que alí radicasen personalidades como Castelao, Luís Seoane, ou Dieste, converteu aquel desterro en lugar mitico e de referencia preferente. Pero a importancia dos refuxiados galegos en México é grande e tivo unha singular repercusión na resistencia cultural e política que se exercía no interior de Galicia. Individualidades como Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán, López Durá, Elixio Rodríguez, Caridad Mateos, Vázquez Humasqué, souberon traballar en equipo frentepopulista e influír en nós, os máis novos residentes na Terra, de modo decisivo. Eran, os de México, exiliados ou refuxiados aos que non se lles parara o reloxio en 1939, precisamente. Exportaron o modelo "Padroado da Cultura Galega" a outros puntos de América. Apoiaron a reactivación do Consello de Galiza nos anos cincuenta e fundaron, connosco, a UPG. Estaban, digamos pedíndolle emprestadas as verbas a Gamilo Gonsar, "lonxe de nós e dentro". Non conectaron, é certo, cos emigrantes económicos galegos de México, pero si trataron de traballar en común cos labregos, obreiros e mariñeiros do interior do País. O seu labor foi colectivo aínda que entre eles había suxeitos de excepción: neste sentido representaban o anti-piñeirismo mesmo. A obra pública máis considerábel dos refuxiados galegos en México foi a revista Vieiros, cun ensaio previo que se chamou Saudade. Verba galega nas Américas. Despois dos estudos de Margarita Ledo e dos que se conteñen na publicación Raigame de Ourense, proximamente en Celanova, patria de Soto (nacera en Podentes), as Redes Escarlata van celebrar un xuntoiro no que persoas que ben coñecen a revista Vieiros tratarán dela e, seguramente, do significado non metafísico dos refuxiados políticos nosos en México e da súa aportación á resistencia antifranquista galega.

segunda-feira, setembro 28, 2009

O xefe e o viño de mazá, PRG

O grau de civilización dun pobo coñécese polo coidado que ten coas castes e razas de animais domésticos e prantas que herdou dos antepasados. Non vou citar a infinidade de tipos de rosa que os xardineiros ingleses obteñen incesantemente e coas cales compiten coa paixón dun deporte. Direi só que en Cataluña existen catro ou cinco razas de galiñas autóctonas recoñecidas en canto que en Galicia só o está a de Mos. Hai máis razas de pitas galegas, pero a indiferencia está ocasionando que o seu patrimonio xenético desapareza diante dos nosos ollos. Leo que os fabricantes da cervexa nacional-popular, Estrela (así lle decimos moitos dos seus bebedores) Galicia, anda preparando unha boa sidra feita a base dalgunhas das ceno u máis castes de mazá autóctona que ningún de vostedes poderá mercar na froitaría habitual de onda a súa casa nin das chamadas grandes superficies. Todos os anos a Ulla é percorrida polos camións que levan toneladas e toneladas de mazán para en Asturias fabricaren as súas famosas sidras. Ocorre noutras comarcas. A noticia de que se prepara unha sidra comercial de carácter galego éncheme de ledicia. Eiquí onde en vivo, en Vigo, consérvase aínda unha certa tradición sidreira nas parroquias (no legalizadas) en Bembrive, Valadares, Beade, Candeán. Houbo uns días nos que unha señora de Cabral, que fora moi perseguida en 1936, nos levaba garrafonciños de sidra ás reunión da Liga Democrática na de Leopoldo García Ortega. Ela chamáballe á sidra, non sei se en serio ou por xogo, "viño de mazán" (seseaba, obviamente).Todo o mundo sabe que unha das grandes relixións vinícolas do mundo é a dos socalcos do Rhin e do Mosela. Aló prodúcense grandes viños brancos, non desprezando os de nosotros. E ben, na Renania propárase simultáneamente unha excelente sidra ou viño de mazán que eles chaman Vitz. Esta palabra dialectal renana procede, segundo Dieter Kremer, do latín "viceversa". Ou sexa que vostede, poñamos que en Tréveris, pode beber viño ou viceversa. Casa coma no chiste de Barrio Dovale. Os bretóns, os asturianos e os vascos pasan por seren os monopolistas do viño de mazán. Espero que Estrela (sic) Galicia lles abaixe un chisco a soberbia.A raza, arcaica e autóctona, do cabalo galego está a vivir un intre crítico. Por unha banda, nos montes dexenera e se desnaturaliza debido aos cruzamentos forzados ou non controlados. No sentido contrario, a Xunta regulou por decreto as características morfolóxicas do noso cabalo e estableceu o libro de rexistro oficial, co nome de PRG (Pura Raza Galega). Existe unha asociación que vela pola preservación do PRG e un centro a ela dedicado en Sergude, contra Compostela. Hoxe o PRG está a ser revalorizado e aprezado como un ben patrimonial e como parte da nosa herdanza ancestral. Próximamente poderán vostedes visitar, no Museo do Pobo Galego da capital da Galicia autonómica, unha exposición que, titulada "Ceibes no monte", tratará por extenso das nosas bestas e cabalos propios.Entre tanto, vaian o próximo domingo ao campo de xogos da Pasaxe, Vincios, Gondomar (extremando co municipio de Vigo). Poderán gozar da final do XII Campionato Galego de Andadura. Como temos dito eiquí máis dunha vez, a "andadura" ou "marcha" é unha especialidade hípica que case só se conserva na Gallaecia e en Islandia. Foi a raza do cabalo galego domado polo home galego a través dos séculos a mazo o que mantivo até hoxe a andadura. Se van a Vincios verán os cabalos galegos facendo o que poucos cabalos do mundo saben facer.

sexta-feira, setembro 25, 2009

Sobre a sidra de Maeloc

Chegou aos meus ouídos a nova de que os cervexeiros da Estrela (sic) Galicia están a preparar unha sidra autóctona de noso. Hai cuestión dun par de mesiños fun convidado por un grupo de propagandistas a probar unha sidra galega en proceso de lanzamento ou promoción para lle eu dar a miña opinión nunha enquisa, seguramente máis de confianza ca a da consellería de educación da actual Xunta. A sidra pareceume ben arrecendente e unha migalla picando no acedo. Vagamente recordoume os sabores da sidra ou viño de mazán que bebera nun xantar memorábel en Karnac, Bretaña, ao pé dun cronlech monumental. O deseño da botella da nova sidra era de carácter celtista e, o nome do producto MAELOC. Eu non sei se esta Maeloc é a sidra ou viño de mazán que a fábrica de cervexa da Coruña está a preparar ou, siescaso, a vender xa.Teño entendido que os historidadores traballan na hipótese de que unha migración de bretóns da Grande Bretaña veu asentarse en Galicia no século VI do mesmo xeito que outros continxentes, obviamente máis numerosos, facían o propio na Armórica, que así pasou a se chamar Pequena Bretaña (no Amadís de Gaula, por exemplo). Esta crenza fúndase no feito de que so o reinado de Teodomiro e por obra de San Martiño de Dume foi redactado un catálogo das dioceses de Galicia que, como é sabido, foi o primeiro reino que se constituiu en Europa sobre as arruínas do Imperio Romano de Occidente. Tal peza histórica é coñecida co nome de Parroquial Suévico ou Divisio Teodomiri. Parece ser que no Parroquial figura unha diocese chamada Britonia da que era bispo un certo Maeloc ou Mailoc, aínda que a min paréceme un mundo raro que este nome de persoa figure así nun documento en latín. Como eu son leigo na materia non podo opinar con seguridade sobre estes temas. Especúlase con que a Britonia de Maeloc estivese situada na actual freguesía de Bretoña, concello, da Pastoriza, onde vive a miña amiga Luz Galocha e de onde penso que proveñen o escritor Carlos Reigosa e o profesor novi-yorquino Diño Pacios Lindín. Pode que si e pode que non, xa que hai outra Bretoña en Galicia, exactamente no concello de Barro e moi lonxe da primeira por tanto. O apelido Bretaña é coñecido na cidade de Ourense e Roxelio Rodríguez de Bretaña destacou no exilio mexicano na etapa da revista Saudade, verba galega nas Américas da que se falará a próxima fin de semana en Celanova.En fin, que a Historia de Galicia tén lugares misteriosos e novelescos que, ai, non figuran nos programas educativos.Cando están presentes, daquela din que os nacionalistas están a manipular todo e que hai unha conspiración para rachar en cachos España. Xa saben.Por esta razón a min goréntame moito que a Estrela Galicia, ou quen queira que sexa, estea a crear ou creara xa unha nova sidra de sabor galego e que esta leve o nome comercial de Maeloc ou Mailoc. A Brittannia Minor, ou sexa a que hoxe xace baixo dominio da República Francesa, é país de viño de mazán pois viño de uva alí dase mal e as poboacións soen recurrir tradicionalmente ao consumo do muscadet cultivado no veciño Anjou. E as relacións entre os Fisterras atlánticos a través do mar son antigas e están documentadas desde Paulos Orosio. Pregúntenlle se non á Torre de Breogán, que é como a Historia de Galicia, sen manipular nada, lle chama á da Coruña (no Roman de Ponthus La Coulogne e en inglés Corunna). XL Méndez Ferrín.

sexta-feira, setembro 18, 2009

O xefe fala da andadura en Vincios

"Andadura" ou "marcha" (en francés "amblure", en italiano "ambiatura") é un aire non innato que os domadores expertos lles aprenden aos cabalos. Groseiramente, direilles que consiste en lograr que a cabalaría se desprace movendo ao mesmo tempo a man e a pata de cada lado. Cando montamos un cabalo á andadura sentimos como se o bruto esbarase sobre a terra, e resulta moi cómodo. O defunto de meu pai dicía sempre que a andadura reciben entre nós o nome de "marchadores".Antano preparábanse cabalos e machos ou mulas para a andadura en todo o mundo. Coñécense pinturas chinesas moi antigas nas que a parecen cabalarías á andadura. Na Idade Media Europea este aire era moi aprezado.Por exemplo, no Pélerinage de Charlemagne, belísimo poema francés do século XIII (anónimo) que narra a viaxe do Emperador de Occidente a Constantinopla, menciónase o feito de que o protagonista e as persoas de alta condición se moven coas súas monturas (xeneralmente poderosos e tranquilos machos) en andadura. "Alí foi visto Carlos, sobre un forte macho marchador! ", "O rei esporeou o macho, e faise en andadura…" ("Li reis brochet le mul, si s´ en vait l´ ambreüre…"Logo a andadura esmoreceu e hoxe non forma parte do repertorio da doma ecuestre, non sendo en lugares moi concretos de Europa e América. Galicia e norte de Portugal (Gallaecia, digamos) é un dos lugares dos que nunca desapareceu aquela marcha que parece que tanto agradaba a Carlomagno.Eu fecho os ollos e vexo de neno cabalos en andaduras polas beiras areosas das estradas camino das feiras de Ourense ou Vilanova, cos cabaleiros estribados dianteiros e o caxato cruzado sobre a albarda de paseo con cobertor a raias.Para ben da cultura ecuestre, Joaquín González Troncoso tomou sobre si o cargo de facer renacer a andadura en Galicia, e a bofé que o conseguiu. Conseguiu, desde a vocalía de actividades rurais da Federación Hípica Galega, poñer a andar (ou marchar) o Campionato Galego de Andadura, que agora coñece a súa XII edición. Escribiu Troncoso e publicou, co título de Nós, andadura, o único tratado coñecido sobre o asunto. Por parte, el persiste, ano tras ano, en animar esta actividade.As probas finais do Campionato de Andadura celébranse o próximo día 27 por primeira vez na Terra de Turonio: onda o campo de fútbol da Pasaxe, parroquia de Vincios, concello de Gondomar. Presidentes e membros dos curros miñoranos, IES Terra de Turonio, Asociación do cabalo PRG (Pura Raza Galega), Federación Hípica Galega, e outras entidades e individuos entusiastas e desinteresados e empresas da zona colaboran no acontecemento cultural e deportivo, que é de primeira orde. Hoxe faise a presentación da final do Campionato de Andadura no IES Terra de Turonio de Gondomar. Todos os que queiran coñecer "de vis" e na realidade o maravilloso espectáculo da andadura poderán facelo en Vincios. Nós estaremos alí. Porque nós (tamén) andadura. A aplaudiremos cando un vello mestre domador de marcha do Val Miñor sexa premiado solemnemente no marco desta I Festa Cabalar de Vincios (Gondomar estremando con Vigo).

sexta-feira, setembro 11, 2009

O Xefe pon as cousas no seu xusto lugar

Realmente son homes e mulleres fanatizados que senten fobia da lingua propia de Galicia. Sabe o Demo os escuros complexos e as historias de vida que hai por trás desta contumacia. As tímidas medidas que se viñeran tomando nas administracións a favor do galego desde os inicios do actual réxime monárquico están sendo coidadosamente desactivadas perante os nosos ollos.Desde os días no que o piñeirista García-Sabell recorría como Delegado do Goberno a Lei de Normalización non se coñecera outra igual. O propósito estratéxico de Núñez Feijóo é agora o de lograr aquilo que García-Sabell non conseguiu. Entre tanto, todas as enerxías que a Xunta tería que mobilizar gobernando realmente nos sectores agrogandeiro, pesqueiro, da ordenación do territorio, de medioambiente, cultural, de reforma administrativa e modernización en xeral, sen esquencer as políticas sociais nestes tempos feos e duros, parecen pervertirse na dirección monográfica dunha política lingüística obsesivamente españolista e anti-galega.Unha enquisa fraudulenta aos pais dos alumnos serviu de preparación artilleira para a derrogación dun decreto que, moderadamente, trata de establecer unha paridade entre o idioma que crearon os nosos antepasados e o que naceu no norte da provincia de Burgos. En operación de comando secreto, interviuse na normativa de pre-escolar. Con astucia, decidiuse que o fomento no mundo fashion podía beneficiar e normalizar o uso do galego e os acordos que houbera ao respecto foron reducidos á nada, co que se pretende que as masas vexan cos ollos da carne e cos do desexo que o luxo e a fastuosidade non casan coa lingua proletaria dos avós. O galego foi arredado das oposicións a fin de que os numerosísimos aspirantes a funcionario considerasen a lingua do País definitivamente inútil. O PP executa un programa de guerra psicolóxica cuxo fin é conseguir que o pobo perda o orgullo de ser galego e se someta facilmente aos dictados de Madrid. Promóvese unha política cultural no que os productos literarios en galego se presentan como "provincianos", ou como "subversivos" (Vidal Bolaño), mentres que se fala de "cosmopolitismo" ao se referir aos rexistros culturais envolveitos en castelán, que rima con celofán.Pro a acción do PP non se limita á Xunta en materia de inquina contra o galego. Nantronte o grupo municipal reaccionario do concello coruñés teimaba en recuperar o La como símbolo místico. Onte os tamén reaccionarios da cámara de Vigo intentaban (e seguirán facéndoo) botar abaixo a Ordenanza de Política Lingüística que, coa retirada dos símbolos e nomes franquistas da rúa, fora acollida con aplauso popular pois se considerou ambas como actos simbolizadores do espírito democratico e antifascista. A Deputación de Pontevedra, dominada polo reaccionarismo maioritario, cobre de beneficios e de diñeiro as falanxes anti-galegas e convoca todo un congreso español no que se darán cita as mellores autoridades en materia de furia e odio contra as linguas galega, vasca e catalá. Nesas xornadas Galicia, grazas á protección do PP pontevedrés, no centro do sectarismo carpetovetónico de todo o Estado Español (expresión esta que doe moito, moito).Certo, non foi a Academia Galega (Real, para a tristura deles) a que acirrou os cans nesta crise de encobremento na que parece que certos defuntos do franquismo recobran os corpos e as almas que tiveran.

terça-feira, agosto 25, 2009

Franco fóra da RAG

Despois do triunfo do golpe militar do 1936 en todas as gornicións dependentes da capitanía xeral da Coruña e da marítima de Ferrol en Galicia, a Academia Galega entrou en crise. Crise que estuda admirabelmente ben X.L. Axeitos nun artigo histórico que verá a luz en breve. Durante a guerra había algún académico en zona republicana (Cabanillas, Castelao) e outros, represaliados, na franquista (Otero Pedrayo). Temeuse seriamente pola desaparición do Instituto, inda que este debeu de ter bos padriños no corazón da besta (pensó sempre en Eugenio Montes). Entraron novos membros, como Filgueira Valverde, Cuevillas ou Bouza Brey, que permitiron que a Academia, se ben, desnaturalizada, seguise estando máis ou menos viva.Naqueles días negros, coa Academia intervida políticamente e posta baixo o poder absoluto do rector da Universidade Compostelana, a institución nomeou a Franco "presidente de honor" ou "membro de honor" –non sei ben. Nunca este suxeito, na súa dilatada vida como dictador omnoímodo, tivo o menor contacto coa Academia Galega, que eu saiba. Xa leremos o que Axeitos publique, sen dúbida definitivo.E ben, na súa última reunión plenaria na Rúa das Tabernas a Academia Galega acordou retirarle a Franco o seu título honorífico. Na cidade da Coruña, que é a que en Galicia conserva con maior lealtade e contumacia os nomes públicos do franquismo, a repercusión do acordó acatado pola corporación que vela oficialmente polo idioma vai ter un especial significado. Coido que a fórmula usada para expulsar a Franco das Tabernas foi algo así: dado que o nomeamento foi forzado polas circunstancias golpistas da 1936, Franco nunca foi en realidade membro honorífico da Academia e, en diante, non o será en absoluto nin sequera de xeito irregular. Así, discretamente e sen demasiada publicidade, a Academia de Curros, Murguía, Castelao, Cabanillas ou Otero Pedrayo sumouse á Universidade de Compostela e a todas as altas institucións que eliminaron dos seus protocolos herdados o nome do galego que máis daño lle fixo a Galicia en todos os días da súa Historia. Algúns pensan, e non sen razón, que a resolución tomada pola Academia é algo serodia. Pro, en troques, resulta moi oportuno expulsar a memoria de Franco da nosa Academia nun intre no que o goberno autonómico de Núñez Feijóo está a tomar medidas destinadas á destrucción da lingua galega e, polo tanto, franquistas.Durante a sesión académica na que se tratou do asunto de referencia, este seu cronista estivo pensando en Philippe Petain, mariscal de Francia, vencedor de Verdun, escritor con méritos propios e membro da Academia Francesa desde 1925. Foi considerado traidor á Patria por colaborar co III Reich e coa ocupación de Francia, e por presidir unha república satélite de Alemaña e fascista. A pena de norte a que foi xustamente condenado resultou xenerosamente conmutada. Pero a súa norte moral republicana executouse de veras ao lle seren retirados os graus militares e as condecoracións. Perdeu Petain a condición de académico en 1945, ao día seguinte da Liberación. O mariscal Petain era moi admirado por Franco, tanto que este lle ofreceu un exilio dourado en España. Agora Franco xa foi radiado da Academia Galega por razón semellantes ás que asistiron á Academia Francesa para radiar Philippe Petain.

terça-feira, agosto 11, 2009

Homenaxe ás vítimas do franquismo no Furriolo

Os dous cartaces dos actos que imos celebrar os arraianos o día 29 de agosto, sábado, no Furriolo e no cemiterio de San Breixo de Celanova, son obra do artista celanovés, Baldo Ramos.