Estes días Xulio Fontes, pintor e escultor procedente de Quintela de Leirado, na mesma raia montuosa do Crastro Leboreiro, que vive e traballa en Vigo para Galicia e para o Mundo, abriu unha exposición no Hotel Junquera. É para min un gozo maior permitirme o luxo dun paseo pola rúa que tantos acordanzas de xuventude me trai para descansar na obra de Fontes. Exposición intensa e variada, como múltiples e incensantes son as preocupacións e as ideas deste autor sempre alerta, convén comezar a súa visita polas pedras. Hai anos, Xulio Fontes descobriu as ánimas ocultas no interior das pedras, dos seixos, dos cantullos, dos pandullos. El ve nestes refugallos xeolóxicos inútiles e perdidos no mundo sen función definida, nin práctica nin estética, unha forma oculta. E o artista, sen lle tocar ou case sen modificar a forma e a textura, fai emerxer unha mensaxe coa axuda das cores, e non só da intervención cromática. De pronto, a pedra, en contacto con Fontes, fai unha metamorfose e maniféstase como é ou, mellor dito, como o artista ve que é quer que sexa. Pezas inquedantes, misteriosas, sorpréndenos e transpórtanos a un alén do cal nin sabiamos a fondura nin a perigosidade. As pedra de Fontes son aparecidos que nos ollan desde o magma dos principios do Mundo; por veces intranqulízannos; sempre nos penetran. E non é só iso o que hai no Junquera, pois alí pendura Fontes, nun festival multicolor e rechamante, ás veces diriamos que "guineano" ou "bantu", unha pintura feliz que ás veces é tamén obxecto e, case sempre, é máis que cadro. Sendo forma "en si mesma", e volume, e textura, moitas pezas aparentemente pictóricas de Fontes rebordan a súa condición e convértense, máis alá das convencións, nunha cousa diferente que lle naceu á cidade. É tan potente o colorido das obras de Xulio Fontes que se aparenta moito a aquel estalido de luces e formas que se produce no interior dos nosos ollos cando recibimos un golpe neles.
segunda-feira, dezembro 15, 2008
O Xefe fala do artista arraiano Xulio Fontes
Estes días Xulio Fontes, pintor e escultor procedente de Quintela de Leirado, na mesma raia montuosa do Crastro Leboreiro, que vive e traballa en Vigo para Galicia e para o Mundo, abriu unha exposición no Hotel Junquera. É para min un gozo maior permitirme o luxo dun paseo pola rúa que tantos acordanzas de xuventude me trai para descansar na obra de Fontes. Exposición intensa e variada, como múltiples e incensantes son as preocupacións e as ideas deste autor sempre alerta, convén comezar a súa visita polas pedras. Hai anos, Xulio Fontes descobriu as ánimas ocultas no interior das pedras, dos seixos, dos cantullos, dos pandullos. El ve nestes refugallos xeolóxicos inútiles e perdidos no mundo sen función definida, nin práctica nin estética, unha forma oculta. E o artista, sen lle tocar ou case sen modificar a forma e a textura, fai emerxer unha mensaxe coa axuda das cores, e non só da intervención cromática. De pronto, a pedra, en contacto con Fontes, fai unha metamorfose e maniféstase como é ou, mellor dito, como o artista ve que é quer que sexa. Pezas inquedantes, misteriosas, sorpréndenos e transpórtanos a un alén do cal nin sabiamos a fondura nin a perigosidade. As pedra de Fontes son aparecidos que nos ollan desde o magma dos principios do Mundo; por veces intranqulízannos; sempre nos penetran. E non é só iso o que hai no Junquera, pois alí pendura Fontes, nun festival multicolor e rechamante, ás veces diriamos que "guineano" ou "bantu", unha pintura feliz que ás veces é tamén obxecto e, case sempre, é máis que cadro. Sendo forma "en si mesma", e volume, e textura, moitas pezas aparentemente pictóricas de Fontes rebordan a súa condición e convértense, máis alá das convencións, nunha cousa diferente que lle naceu á cidade. É tan potente o colorido das obras de Xulio Fontes que se aparenta moito a aquel estalido de luces e formas que se produce no interior dos nosos ollos cando recibimos un golpe neles.
terça-feira, dezembro 09, 2008
Un relato arraiano de Noelia Rodríguez
“Galicia, será a miña xeración quen te salve? “
Uxío Novoneyra
A xeración dos papaventos
Na tradición chinesa, cando fina unha persoa, acostúmase botar a voar un papavento na súa sepultura, coa esperanza de que a sua alma atinxa antes o firmamento.
Miña avó, que gostaba de falar cos ditos dos vellos, dicía a miúdo que nós eramos así porque nolo deron todo cociñado, e malia que non lle falta razón, eu teño a certeza de que non somos unha xeración perdida. Na miña xeración hai moitos que pensan que nunca vivimos mellor ca hoxe, pero moitos máis, estamos convencidos de que o mundo que lles deixemos ós nosos fillos merece ser mellor ca iste en que vivimos. Outra cousa non sexa, polo menos ensinarémoslles a voar papaventos.
Presentación do Caderno Arraiano en Celanova

TARDE
Lugar: Salón de actos do Concello de Celanova
Data: sábado, 27 de decembro
Organiza: Asociación Arraianos
sexta-feira, dezembro 05, 2008
O xefe sobre a represión franquista aos xudeus
Caso sonado foi o de Abraham Zsbarski, preso en San Simón e asasinado polos falanxistas sen formación de causa. Un fillo deste ocupa un lugar central na historia de Galicia en 1936. Médico pola Universidade Compostelana e tenente de complemento, Zsbarski o Mozo foi, no Goberno Civil de Pontevedra, elemento fundamental do Comité da Fronte Popular que intentou o 20 de xullo de 1936 resistir o golpe fascista. Zsbarski (entendo que comunista), Guiances (socialista) e Bóveda (galeguista) resultaron condenados á pena capital por un consello de guerra formado por xefes e oficiais sen honor. A Guiances conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua pro os seus compañeiros caíron baixo as balas do pelotón de fusilamento. O franquismo perseguiu e dispersou o que quedaba das familias Dainoff, Zsbarski e Kuper. O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos.
Voces e foros novos están a facer historia das mulleres galegas que destacaron en tempos recentes. A viguesa Lydia Kuper (ou Kúper de Velasco), ben pouco tida en conta, merecía unha investigación biográfica en regra. Sendo ela mociña asistiu na Facultade de Letras de Madrid (a dos finos e esguíos ulmeiros: Otero) ás clases de luminarias intelectuais da escola de Menéndez Pidal como Pedro Salinas. Lydia viviu no departamento feminino da Residencia de Estudiantes so a tutela de María de Maeztu e alí coincidiu con Teresa Díaz, outra ilustre viguesa que foi catedrática de inglés e directora do Instituto Feminino que hoxe leva o nome de San Tomé de Freixeiro. Destruída e dispersada a familia Kuper, a xoven Lydia asentou para sempre en Madrid.
"Que tendrán los novelistas rusos que los traduce del francés un catalán que no sabe castellano y aún así nos fascinan". Non sei se estas palabras atribuídas a Lorca foron ou non pronunciadas algunha vez na Cervecería de Correos, en Bakanik ou no paseo á lúa pola Quintana dos Mortos (ou Quintá de Mortos). En todo caso Lydia Kuper traduciu do ruso ao castelán maxistralmente, incluíndose no seu catálogo os autores soviéticos. Hai pouco, Lydia culminou (con case 90 anos de idade), o seu Guerra y Paz: a mellor traducción que da obra catedralicia de Tolstoi se teña feito a lingua románica ningunha, din os que saben. Mario Muchnik (Taller e Persoa) foi o editor entusiasmado.
Eu agora evoco o día no que esta intelectual recuperou emocionada de mans do gobernador de Pontevedra Virginio Fuentes a bolsa de papel que contiña unha presa de moedas de ouro que lle foran expropiadas á súa familia en 1936. Con Lydia estaba o seu curmao Elías, director dos deportes en Novidades de Moscova que sempre tiña presente o Celta nas súas crónicas nostálxicas. Luís Ferreiro Loredo, que estaba tamén no acto, poderalles contar mellor ca min todo isto.
terça-feira, dezembro 02, 2008
A represión franquista en Celanova

O día 27 de decembro imos celebrar en Celanova unha xornada de debate e reflexión sobre o que foi a represión franquista na comarca. Será presentada unha nova edición do I Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista na Raia Seca, que incorpora variado material audiovisual (Noutrora, de Xudit Casas e O aviador arraiano, de Alfonso Vázquez) e un documental de Patricia Nogueira (San Salvador) sobre o tempo en que o mosteiro foi usado como prisión. Tamén haberá unha charla dos investigadores do programa interuniversitario de investigación sobre a represión franquista en Galicia: os nomes, as vítimas, or lugares.
Foro Social Galego
Máis de 70 colectivos e 190 persoas a titulo individual xa fixeron a súa
adhesión previa ao Foro Social Galego (FSGal), malia que os propios días da
celebración tamén se poderán facer no espazo da organización, que estará
situado no Auditorio de Galiza. O FSGal terá lugar no Campus Norte de
Santiago de Compostela entre o 5 e 7 de decembro de 2008.
A adhesión ao FSGal responde a un compromiso con un proceso de reflexión,
debate, formulación de propostas e artellamento de redes e loitas sociais,
que pretende autofinanciarse na medida do posíbel, porén, os espazos do
FSGal están abertos a todos e todas. O FSGal é un espazo libre.
O Foro Social galego contará con 14 actividades autoorganizadas polos
movementos sociais, así como con 14 horas de proxección de audiovisuais de
índole social, a presentación de 15 iniciativas, libros, manifestos e
propostas de formación de redes e unha completa programación cultural.
Máis de 40 voluntarios e voluntarias coidarán de que toda a fin de semana
discorra o mellor posíbel e unha nómina de 12 xornalistas voluntarios e
voluntarias, profesionais e estudantes de Ciencias da Información na súa
meirande parte, encargaranse de cubrir os debates e publicalos na web do
FSGal: http://www.forosocialgalego.org
Tanto os grupos musicais, como de teatro ou circo que colaboran co proceso
do Foro, fano altruistamente. Entre eles estarán Ataque Escampe, A Compañía
do Ruído, Casilda Alfaro, García (Dios ke te crew), Leite de Nai, Leo
Arremecághona, Charanga Os Jalochos, Os Chiquilicuatres, Pel de Noz, Sacha
na Horta, Tino Vaz e Tonhito de Poi, entre outros.
Amais disto, e malia que non é un acto propio do FSGal, o domingo 7 ás 12:30
horas, no Auditorio de Galiza, desenvolverase un Asemblea de Movementos
Sociais autoconvocada e autoxestionada.
Homenaxe a Voces Ceibes
segunda-feira, dezembro 01, 2008
Experiencias coa censura franquista
A exposición "Editar en galego baixo a censura franquista", unha colección documental na Fundación Penzol de Vigo, fíxome remoer moito sobre as miñas experiencias naquel período sombrío.
Lembro, nos anos cincuenta do século pasado, un coloquio universitario no que Gonzalo Torrente Ballester, aínda intelectual do Réxime, glosaba un concepto que se atribúe, non sei se con exactitude, a Nietzsche. A idea sería esta: a grandeza do escritor ceibe consiste en decer o que pensa burlando a censura. Por aquela época Alfonso Sastre e Dionisio Ridruejo debateron nunha polémica pública (coido que na revista "Primer Acto") sobre a actitude do dramaturgo fronte á censura. Buero sostiña que o autor teatral debía esforzarse en transmitir as súas ideas sorteando con abstraccións e ambigüidades a censura e Sastre optaba por non ceder e expoñerse a que os textos dramáticos fosen prohibidos e non chegasen a ser postos en escena. A pureza e honradez máxima do autor de Escuadra hacia la muerte ocasionou que boa parte das súas obras non subisen aos escenarios nos tempos de Franco. Pola contra, o de "Historia de una escalera" foi un autor teatral aplaudido polas multitudes.
Teño agora enriba da mesa un volume coa obra galega completa de Curros Enríquez editado por Hernando en Madrid no ano 1943. Nada de "Aires da miña Terra" nin d´ O Divino Sainete foi suprimido nin corrixido pola censura. O libro estaba nos escaparates de Compostela en 1955, ano no que tiven ocasión de o comprar. Como é que uns versos que foron declarados anti-católicos e blasfematorios polo bispo de Ourense, incluído o famoso soneto/diatriba contra Iñigo de Loyola, pasaron intocados pola censura catro anos máis tarde do triunfo de Franco na Guerra Civil? Como uns poemas tan radicais políticamente pudieron ser publicados nun ano no que en España parecía que a democracia ía ser enterrada para sempre? Eu non o sei, pro si podo segurar que a censura actuaba con mayor ou menor severidade e contundencia de xeito aparentemente arbitrario.
En 1958 os censores permitiron a publicación dun meu conto que se titulaba "O asasino". Nel, nun país inexistente pro claramente fascista, o pobo se subleva contra o totalitarismo e axustiza un paseador. Moitos anos máis tarde, en 1972, eu sometín á censura outro conto, titulado esta vez "Elipsis", no que, tamén nun país imaxinario outro (e o mesmo) asasino fascista é submetido á xustiza popular despois de triunfar a Revolución. O segundo conto viu a luz sen problemas na revista do Centro Galego de Baracaldo pero non puido figurar no libro titulado igualmente "Elipsis", porque a censura tachou a totalidade do relato cunha aspa en lapis vermello.
En canto a Eduardo Blanco Amor, podo decer que tiven nas miñas mans o manuscrito de "A esmorga", masacrado polo famoso lapis vermello e definitivamente prohibido na súa totalidade. Foi entón cando a editorial Citania de Bos Aires se fixo cargo da obra e a publicou lonxe do alcance das gadoupas franquistas. Pouco tempo máis tarde a censura permitiu a posta en escena no García Barbón de Vigo, en galego e sen a menor supresión, de "A puta respectuosa" de Sastre e de "A raposa e as uvas" de Guilherme de Figueiredo, sen problema ningún, O "Hamlet" de Cunqueiro, sen embargo, foi recortado (non sei se polo seu mesmo autor), secuestrado nas librarias e reducido aos circuitos de "arte y ensayo", en xeral máis permisivos.
Conto isto para insistir en que todo o cúmulo de problemas históricos que presenta a acción da censura sobre a literatura galega dista aínda de estar hoxe ben analizado e interpretado.
sexta-feira, novembro 28, 2008
O xefe sobre a censura de libros no franquismo
A censura franquista de libros (segundo teño entendido e tamén padecido), divídese en dous períodos. No primeiro, as obras presentadas á censura (na calle Génova de Madrid, que parece ter unha especial vocación inquisitorial) eran examinadas por tres "lectores" que corrixían, tachaban e emitían os respectivos informes. Logo un xefe redactaba a resolución final na que se prohibía a totalidade, se autorizaba ou se suprimían partes da obra. Parece ser que os "lectores" eran anónimos e non se coñecían entre si. O secreto era tal que hoxe ignoramos o nome dos que foron censores ou "lectores" dedicados á vixilancia das letras galegas. A segunda etapa da censura franquista de libros ábrese coa posta en vigor da Lei de Prensa de Fraga Iribarne, que, para algúns, foi aperturista. Cousa, como veremos agora mesmo, completamente falsa.
O Ministerio de Información de Fraga Iribarne abriu un libro de rexistro editorial no que se relataban as editoriais máis de confianza política do Réxime. As editoriais rexistradas e numeradas segundo decisión personal de Fraga Iribarne podían publicar libros sen se someteren á "consulta previa". Ora si, se o libro publicado e distribuído contivese proposicións contrarias aos intereses do goberno e do Réxime podía ser secuestrado, retirado da circulación e os editores e autores procesados.
En canto ás editoriais que non gozaban do privilexio de figuraren no rexistro, seguían obrigadas a pasar os trámites da censura igual ca sempre. Fraga Iribarne non permitiu que Galaxia e as restantes editoriais galegas, a excepción da Val Lemos de Monforte, figurasen no grupo selecto das acollidas no "rexistro editorial". O cal quer decer que para Fraga Iribarne a cuase totalidade das editoriais galegas eran sospeitosas de desafección ao réxime franquista. E penso que non se equivocaba nada, a excepción da Val de Lemos que era inequivocamente antifascista e nacionalista galega.
E aínda había outras censuras. As conferencias culturais tiñan que ser aprobadas, previa presentación do texto ou dun guión pormenorizado, polos Gobernos Civís. Se resultaban desautorizadas non podían celebrarse e se algunha asociaciación se atrevía a facelo, recibía unha boa multa gobernativa ou mesmo era obxecto dun procesamento por parte do Xuzgado de Orde Pública. Aínda me lembro das 50.000 pesetas de multa que lle caíron á Asociación Cultural de Vigo por un coloquio informal e matutino protagonizado por J.L. Aranguren sobre 1968 ¡E da sanción a Manuel María! Determinados oradores nunca ou case nunca eran autorizados a falar en público. Houbo un período no que o mesmo Rector da Universidade de Santiago, García Garrido, prohibía as conferencias dos profesores de Instituto que figuraban na súa propia lista negra.
Naturalmente, nesta ínfima nota non se esgota a historia negra da censura exercida contra a cultura galega. Dos libros que eu publiquei co meu nome, o derradeiro que pasou a censura franquista foi o titulado Con Pólvora e Magnolias e fíxoo en 1976.
segunda-feira, novembro 17, 2008
O xefe no Porto
Resulta, así, simbólico o feito de o presidente da República Bernardino Machado, home ceibe e ligado co noso mundo de aquén Miño polos amargues días do exilio, ser quen oficiase na cerimonia da primeira pedra do predio físico que albergou a Institución por volta de 1930. Non convén esquencer que esta Associação foi e segue a ser a impulsora do Premio de Narrativa Galega e Portuguesa amparado polo Eixo Atlántico. Cando o tal Eixo Atlántico deixe de ser unha entidade virtual, como acaba de decer moi ben o señor Mao, e se faga substancia tanxíbel posibelmente co nome reconstituído de Gallaecia, a AJHLP terá a misión de liderar, coas institucións galegas coas que xa está ligada, as actividades culturais dunha Eurorrexión que reproduzca nos nosos días a morfoloxía exterior e a tradición milenaria da vella provincia romana e do cuase esquencido reino dos Suevos.
Nos anos cincuenta do século pasado, as relacións da AJHLP con Galicia eran moi fluídas a pesar do salazarismo e a pesar do franquismo. A "Asociación da Prensa de Vigo" non saía do Porto e a AJHLP estaba sempre en Vigo, na vella sede de Marqués de Valladares e xusto porta con porta do consulado de Portugal. A Academia Galega e o tamén venerábel Instituto Histórico do Minho mantiveron a tradición do Seminario de Estudos Galegos, clausurado polo fascismo español, e promoveron actividades de edición, congresuais e de todo tipo que non figuraban na axenda académica das dúas dictaduras. Aí estaba sempre a AJHLP que, precisamente no ecuador do século XX, promoveu o acontemento máis importante, pola súa simboloxía, das relacións galegoportugueses contemporáneas.
Refírome á erección na cidade do Porto dun monumento a Rosalía de Castro e á denominación de Praça da Galiza á que acolle a tal escultura pública. As cerimonias tiveron unha grande repercusión na imprensa galega e portuguesa, así como foron mirados con sospeitas, medo e repulsa polo goberno franquista e pola embaixada de España en Lisboa. En correspondencia, Vigo levantou un monumento (modesto, hai que o decer) no centro da cidade de Camoes, que a tradición di proceder familiarmente de Camos (Nigrán), e lle diu o nome de Praza de Portugal ao lugar.
Aínda a AJHLP e personalidades tais como Óscar Lopes e J. Viale Moutinho tiveron moito que ver coa creación dunha cadeira de cultura galega na Universidade do Porto despois do 25 de Abril, cadeira que desempeñou a nosa refuxiada política Margarita Ledo Andión e que, mais tarde, se extinguiu non sen deixar a tras un ronsel saudoso e un recordo imborrábel.
Este cronista, en canto que membro galego da AJHLP, felicita na persoa de Duarte Mangas os corpos xerentes da institución por estes 126 anos de labor incasábel que eles hoxe chaman, con humor e ánimo alegre, "carregar água com a peneira".
segunda-feira, novembro 10, 2008
5 cobras e o camiño do zen
A crise e mailos abondosos custos fixos e variables do noso enviado espacial non nos permitiron viaxar a Madriz para asisistir a este imprescindible concerto no Gruta 77, onde os vellos canallas se mesturan coa augardente e o gasóleo. O noso perfil inversor de alto risco foi o provocou esta ausencia de liquidez. Entrementres seguiremos a ler sobre o taoismo e o zen. A ver se conseguimos unha acreditación de prensa para ir empotrados, nunca mellor dito, a Xapón. O galego na Xustiza
Certo que Orencio Pérez González foi un modelo de eficacia no proceso de reintroducción do idioma galego na administración de Xustiza do onde fora expulsado a principios do século XVI. O uso exclusivo do castelán nos tribunais durante cincocentos anos de oprobio foi un dos factores que levou os galegos ao complexo de inferioridade pavoroso no que aínda en parte se encontran. Os tribunais que falaban en castelán revestidos coas togas e o cerimonial da xustiza xunto co da liturxia católica, coa súa pompa desvergoñada, falando tamén o castelán cando deixaba o latín e se facían actual, foron os dous factores principais do proceso de castelanización e de perda do idioma e da identidade de Galicia. A pesar da Igrexa católica e a pesar dos tribunais, e de toda a administración pública secularmente castelanizada, na que se inclúe a escola e a universidade, o noso idioma de Galicia perviviu até os nosos días. "Sodes, pois, uns imperialistas fracasados", dicíalle Castelao aos casteláns e aos colonizados de Galicia cunha daquelas súas imprecacións lapidarias.
O secretario de xulgado e maxistrado Orencio Pérez González foi, alén de galeguista, un home de principios e de ideas, seguindo aquela liña inmutábel que se inicia en 1846 (ou antes) e que se compón en partes iguais de democracia e de nacionalismo en Galicia. Un libriño editado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística acaba de sair a luz e nel recóllense diversos escritos de Orencio Pérez, moitos publicados nas páxinas do FARO DE VIGO. Percorrendo estes escritos concisos e claros chegamos ao interior do pensamento do autor, que é fondamente galeguista pero tamén fondamente republicano, aínda que este cronista non estea totalmente dacordo con algunhas das súas propostas. Se cadra a idea de Manuel Azaña que defendía Orencio ou a visión nidiamente negativa que o noso xurista tiña do Mariscal. Pero Pardo de Cela non coincidían coas que eu e outros pouideramos soster. Pero os seus textos sobre o laicismo e sobre o incomprensíbel cofisionalismo que domina a Galicia autónoma e a España monárquica-constitucional de hoxe constitúen para min textos ideolóxicos de primeiro orde que representan o pensamento que debería fundamentar toda a política contemporánea en materia de libertade de cultos. Estanse a celebrar estes días os fastos e conmemoración da francesada. Pois ben, e isto só é un exemplo, Orencio Pérez González foi dos poucos homes de letras (el tamén o era) que lle recordou ao pobo que a primeira constitución española foi a promulgada polo Rei Xosé en Baiona de Franza e que esta carta bonapartista poido abrir España á contemporaneidade, co cal as celebracións viguesas da Reconquista ficaron definitivamente reducidas a farsa. Así era Orencio Pérez González e así o lembramos.
domingo, novembro 09, 2008
Foro Social Galego
Onde están os movementos sociais galegos?
A existencia dun Foro Social Galego como espazo de intercambio entre os
movementos sociais cómpre máis ca nunca agora que o sistema amosa a súa
febleza. A consolidación dunha Asemblea de Movementos Sociais como aparello
de accións comúns para acadar obxectivos concretos aínda máis.
http://altermundo.org/portal/content/view/1921/1/
O Foro Social Galego (FSGal), que se vai celebrar entre o 5 e 7 de decembro
en Compostela amparado na primeira Asemblea de Movementos Sociais celebrada
o 26 de xaneiro na mesma cidade, podería ser o primeiro paso para que os
movementos galegos amosemos a nosa forza. Só facéndonos realmente visíbeis
diante do labirinto socio-político e mediático do país poderemos algún día
influír realmente nas decisións que toma o poder e, xa que logo, ser un
contrapoder a ter moi en conta. Temos as alternativas, mais non logramos que
estas se vexan. Velaí unha das nosas grandes eivas e velaí un dos obxectivos
urxentes dos movementos.
Eivas globais, eivas locais
Disque toda crise é tamén oportunidade. De cambio, claro está. A conxuntura
global multicrise que nos rodea crises ecolóxica, enerxética, alimentaria e
financeira como resume delas ten pois que ser aproveitada polos movementos
sociais para amosar á sociedade que existen alternativas válidas á relixión
economicista e militarista que, especialmente dende hai tres décadas, leva
a humanidade e o planeta ao desastre.
Mentres no cumio da pirámide os poderosos falan de refundacións, de
maquillaxes, de exquisitos clubes como o G-8 ou o G-20, dun Bretton Woods
II, de novas (des)regulamentacións e dun outro capitalismo; os movementos
aínda non fomos quen de erguer a voz para explicar nidiamente á sociedade
salvo nalgúns casos en América Latina, berce do Foro Social Mundial cales
son as nosas alternativas para chegar ao tan cacarexado outro mundo posíbel.
Témolas? Abofé que si, mais a poderosa estrutura político-mediática co que o
poder foi fornecéndose durante todo o nocivo proceso de globalización
encárgase de agachalas con fantástica efectividade. A atomización dos nosos
colectivos, o feito de que os recelos pesen moitas veces máis cós obxectivos
polos que loitamos e a moi mellorábel colaboración entre os movementos fai o
resto, todo hai que dicilo.
Deste xeito, o imprescindíbel traballo de base do amplo e hetereoxéneo
espectro de movementos sociais da Galiza fica as mais das veces mergullado
no máis periférico e invisíbel dunha arañeira social, política e mediática
que está tecida para ser totalmente desfavorábel e hostil a todo o que
signifique resistencia, nova proposta ou mesmo alternativa. Calquera
activista do país noso viviu algún día, senón todos e todas, nas súas carnes
a frustración de ver como os seus esforzos por facer visíbel esta ou aquela
loita ficaban en van. E nesta visibilización está a clave para que cada día
máis xente do país se sume ao activismo contra o sistema. Porque é diso do
que falamos. Ou non?
As loitas son moitas, sabémolo ben, mais os efectivos para dar conta delas
son tan escasos como os seus recursos. Válidos si, mais escasos e xa que
logo as máis das veces inefectivos. Cómpre pois que cando menos nos
obxectivos comúns, nas loitas que son de todos e de todas, que non son
poucas, sexamos quen de coordinarnos para exercer a presión da que sen
dúbida somos capaces. Se temos loitas globais fortes, teremos loitas locais
críbeis e efectivas.
Un Foro Social, urxente e necesario
Alén das loitas locais ou sectoriais de cadaquén xa dixemos que
imprescíndíbeis e sobre todo básicas, irrenunciábeis os movementos galegos
aínda non acertamos a confluír en accións e manifestacións conxuntas que
amosen un noso ³poder² como voces da sociedade civil, un poder hogano máis
potencial que real. Perder ocasións como a que nós mesmos, os movementos,
consensuamos hai case un ano cando no Día de Mobilización e Acción Global do
26X decidimos unanimemente camiñar cara a un Foro Social Galego sería
imperdoábel. E inxusto para as nosas causas.
O FSGal non vai ser, loxicamente, a solución, pois nin é unha nova entidade,
nin unha representación magna da sociedade civil, senón só un espazo de
reflexión, de intercambio e de artellamento de loitas. A solución está nas
mans dos movementos xa formen parte do proceso do FSGal ou none do seu
traballo. Mais o FSGal, como proceso horizontal e autofinanciado e
xestionado polos movementos, si pode ter dous efectos extremadamente
necesarios e sobre todo urxentes.
En primeiro lugar, a nivel interno pode contribuír á reafirmación das
loitas, o artellamento doutras en forma de alianzas, de redes, de campañasŠ,
o intercambio de experiencias, a aprendizaxe e a formación, a recarga
enerxética do e da activista, o exercicicio do poder da palabra e da
imaxinación.
En segundo lugar, a nivel externo, xa o dixemos, o foro pode ser un
excelente espazo para a visibilización das nosas propostas, un necesario
abrirse á sociedade para que esta comprobe que si que existen, que os
movementos sociais galegos son reais, loitan, traballan, teñen alternativas
e ademais son quen de confluír no obxectivo común de cambiar as cousas.
É por isto que a presenza masiva e activa nos debates que propuxeron os
movementos sociais, nos espazos transversais e na carpa de colectivos na
que terán espazo todos os que sexan adherentes do FSGal resultaría un golpe
de efecto fundamental para afrontar o noso labor como forxadores de
alternativas á nociva orde imperante.
A Asemblea de Movementos Sociais
O primeiro fin de semana de decembro é pois unha ocasión fabulosa, se cadra
histórica, para facernos ver, mais tamén para tomar decisións entre todos e
todas as que participen na nova Asemblea de Movementos Sociais que pechará o
evento o día 7 ao mediodía. Da dita asemblea, autoconvocada e aberta a
todas as persoas e colectivos do país, ao noso xuízo debería saír o consenso
para consolidar o FSGal como espazo periódico de intercambio entre os
movementos, mais sobre todo, deberían poñerse enriba da mesa unha serie de
accións concretas que todos asumamos para desenvolver durante 2009. Da
reflexión necesaria, á acción imprescindíbel.
Dende Altermundo pedimos xa que logo a todos os movementos sociais galegos,
dende os independentistas aos anarquistas, dende os de labregas e labregos
aos sindicalistas, dende os ecoloxistas aos de economía solidaria, dende as
organizacións de cooperación ás de acción directa, aos artistas e
intelectuais, ao mundo universitario, aos traballadores e traballadoras, a
todos e todas as que acrediten que si, que outra Galiza e que outro Mundo
son posíbeis, unha participación masiva e entusiasta no FSGal e na dita
Asemblea de Movementos Sociais. É a nosa responsabilidade. A nosa
oportunidade.quinta-feira, novembro 06, 2008
Programación Intercultural no Campus de Ourense
terça-feira, novembro 04, 2008
Visibilidade da nación galega
Usamos moito o substantivo abstracto visibilidade e invisibilidade para nos referir a que Galicia e o seu idioma sexan ou non perceptibles no mundo exterior. A concesión do premio nacional (español) de ensaio en Madrid a unha obra de Justo Beramendi titulada precisamente De Provincia a Nación e na que non se fai referencia á nación española senón á nación galega constitúe todo un fito histórico. De algún xeito, o feito de o Ministerio de Cultura de Madrid lle outorgar tamén a Agustín Fernández Paz o premio nacional de literatura xuvenil por un libro, O único que queda é o amor, escrito precisamente en idioma galego, vén completar o proceso de revelado ao final do cal a foto dun país con características e idioma de seu pode ser contemplada nidiamente. Haberá xente digamos o clube financiero de Vigo, onde funciona a variedade lingüística local na que o ver se confunde co ollar ou co mirar, que siga na contumacia. Por outra parte o PEN Club acaba de despregar a súa actividade maior do curso actual coa celebración da Bienal Literaria Internacional en Compostela na que escritores de diferentes mundos, entre os que se inclúe o premio Nobel de orixe chinés, falaron entre si e coñeceron Galicia como cultura diferente a todas as culturas humanas.
CSertamente, cada un dos visitantes viu o que quixo ou estaba capacitado para ver. O PEN galego cumpriu moi ben a súa misión de chamar a atención dos visitantes sobre a nosa existencia.
Galicia débelle unha homenaxe de masas a Manuel Rivas por dúas razóns principais. Unha, porque el é un grande escritor vivo e vastamente seguido por infinidade de lectores. Outra, porque é o autor noso máis aprezado, non só en Madrid senón tamén alén dos Pireneus en nunha chea de linguas ás que foi traducido. Francia e París xa non son o centro da República Mundial das Letras segundo nos explicara con intelixencia e donaire Pascale Casanova nun libro destinado a permanecer, pro aínda mandan moito, estabelecen xerarquías, e infunden respecto universal. E tamén é verdade que na tal República Mundial das Letras as edicións da Gallimard representan o Tabernáculo ou a Arca da Alianza na que os máis valorados tesouros literarios son facturados desde Francia para o Mundo.
E ben: a última novela de Manuel Rivas (brillante e conmovedora), Os libros arden mal, foi editada en francés por Gallimard co título moi cortante e feliz de L´ ´eclat dans l´ abyme (ou dans l´ abîme, non sei porque non vin a traducción aínda). Xosé Manuel Pereiro, sempre coa ollada posta (el si) na nosa realidade, infórmanos de que Radio France emitiu fragmentos de L´éclat durante unha semana e de que o noso querido O´ Rivas foi entrevistado a toda plana como escritor en galego en Le Monde e en Le Figaro. Libération, máis afín sen dúbida, colocou ao autor coruñés en primeira por causa da súa novela sobre a Coruña e sobre Galicia en días de horror. Finalmente, o Premio Medicis, sempre de Francia, que se concede á mellor obra literaria en lingua non francesa, escolleu esta novela en galego de Rivas entre as 15 finalistas. O clube financiero de Vigo, para quen o galego é perxudicail para os negocios, debería reparar en que ningún libro escrito en castelán foi escolleito para o Medicis.
Os que teñen ollos para ver que miren e os que teñan ourellas para ouvir que escoiten.
Compostela 68
TVG estrea o vindeiro sábado 8 de novembro "A revolta universitaria do
68" no Galicia Documental
O vindeiro sábado 8 de novembro TVG emite por primeira vez o documental
da Fundación 10 de marzo "A revolta universitaria do 68. Unha loita da
mocidade galega" as 16 horas no espazo Galicia Documental.
"A revolta universitaria do 68" é documental de 26 minutos de duración
producido por IBISAtv para a Fundación 10 de marzo. En conmemoración dos
feitos acontecidos en Santiago de Compostela no ano 68, a Fundación 10
de marzo levou a cabo varias inicitativas como a edición do libro Do
"Gaudeamus Igitur" ao "Vencemos nós", a exposición Do “Gaudeamus igitur”
ao “Venceremos nós”. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela
que estivo en Santiago de Compostela do 28 de febreiro ó 27 de marzo e
do 5 de xuño ó 6 de xullo Lugo ou este documental.
O documental conta a historia dun rapaz que chega a Santiago no ano 2007
para estudar na universidade. No piso que aluga atopa unhas caixas,
dentro das cales hai uns documentos que o mergullan na Compostela do ano
68.
A investigación do protagonista, levará ó espectador a coñecer a loita
que os estudantes universitarios mantiveron coas autoridades académicas
e civís en defensa dunha educación libre e democrática. Os feitos
descritos tiveron especial relevancia por anticiparse ás revoltas
iniciadas ese mesmo ano nas universidades de todo o mundo; ademais de
ser a folga máis prolongada do sistema universitario español e de
enfrontarse a un réxime totalitario.
Algúns dos protagonistas da revolta universitaria axudarán a conformar o
armazón deste relato. No curso 67/ 68 escribiuse unha das páxinas máis
fermosas da xuventude galega e da cidade de Santiago.
domingo, novembro 02, 2008
Afranio, o fuxido arraiano
Siñor Afranio" que organiza a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de
Galicia, coa colaboración do Concello de Tui, e que terá lugar o vindeiro
luns 3 de novembro de 2008 ás 20,30 horas na Sala Municipal de Exposición
A exposición fai un percorrido pola vida e o pensamento de Antón Alonso
Ríos, profesor e político, que tras o levantamento militar de 1936 pasou
varios anos percorrendo os montes de Galiza e Portugal facéndose pasar por
un cidadán portugués chamado Siñor Afranio. En 37 paneis a mostra percorre
tres etapas vitais: desde o seu nacemento ata o ano 1936, o período 36-39,
no que el estivo fuxido, e do ano 1939 ata o final da súa vida.
Tomiño é a primeira localidade galega en acoller esta mostra porque xoga un
papel moi importante na traxectoria de Alonso Ríos. Alí dirixiu a escola
Aurora del Porvenir e puido poñer en práctica o seu modelo educativo. Algún
tempo despois estivo fuxido polos montes deste municipio.
A exposición poderase visitar logo en Tui e noutras quince localidades polas
que pasou o Siñor Afranio fuxindo das autoridades franquistas. A
continuación a mostra chegará ao seu concello natal, Silleda, e ás
principais cidades galegas.
A mostra enmárcase nunha serie de actividades que co nome Roteiro do Afranio
organiza a Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración coa Comisión
pola Memoria Siñor Afranio e a Asociación Sociocultural Adellis. Este
proxecto pretende dar a coñecer a un público amplo a figura de Alonso Ríos.
Trátase dun proxecto que ademais da exposición inclúe unha web divulgativa
do roteiro e da figura do deputado agrarista e unha guía de turismo
cultural.
sexta-feira, outubro 31, 2008
Presentación do número dous da revista cultural A Torre do Castro
Nos 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela (1958-2008)
Dentro das actividades culturais programadas polo concello de Sandiás
durante este ano, está a edición do número dous da revista cultural e
turística do concello, A Torre do Castro, que ten como tema principal, o
cincuentenario do comezo das obras de desecación.
Este segundo número centrase sobre todo na recuperación da memoria
histórica da lagoa de Antela. Para iso botase man dun artigo publicado en
1958 co gallo do comezo da obras de don Ramón Otero Pedrayo, baixo o título
¨Se quiebra el mágico cristal¨, que ben puido se-lo epitafio da lagoa. Tamén
inclue unha serie de curiosidades sobre a lagoa de Antela, como son a
existencia de palafitas, o uso médico das coñecidas samesugas, etc.. Noutro
artigo dedicámonos a dar a coñecer a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación
da Lagoa de Antela), centro que comezou a funcionar coincidindo co ano no
que se cumpren os 50 anos do comezo das obras de desecamento. No apartado
dedicado ó noso patrimonio inmaterial temos neste número algunhas das lendas
que existen sobre a torre do Castro, un dos símbolos do noso concello, e o
san Bieito da Uceira, que foron publicadas na súa maioría na revista Nós no
ano 1931 polo veciño de Sandiás, Urbano Santana.
Rematamos este segundo número cunha mostra de vellas fotografías,
xentileza de dous veciños de Piñeira de Arcos, co que se pode xa falar da
creación dunha galería de imaxes da memoria colectiva do noso concello.
Galería que está aberta a todos aqueles que queiran achega-las súas fotos.
Co gallo deste aniversario faisenos imprescindible recupera-la
memoria histórica da lagoa de Antela, sobre todo para que os máis novos que
non a coñeceron poidan coñecela da man dos nosos maiores. O Concello de
Sandiás é conscientes de que existe unha clara demanda dos chamados bens
sociais (medio ambiente, historia e cultura), estes bens na súa maioría son
patrimonio do noso rural. Na posesión destes bens pode esta-lo futuro deste
medio. É por iso que o Concello de Sandiás puxo en marcha, coincidindo con
esta data, a Casa da Lagoa, un centro onde todos aqueles que non coñeceron
unha parte da nosa historia poidan coñecela de primeira man, así como
coñece-lo presente representado pola recuperación medioambiental das antigas
areeiras abandonadas.
A revista esta a disposición de tódolos interesados, ademais de en papel,
en formato PDF na web oficial do Concello de Sandiás (www.sandias.es)
terça-feira, outubro 21, 2008
Recuperación da memoria en Puxeiros
A Asociación Viguesa Pola Recuperación Da Memoria Histórica Do 36 convídao ao acto
25 de outubro 2008, ás 18:00 horas
Muro do cemiterio de Puxeiros (porta de entrada)
O acto homenaxe consistirá na inauguración dunha placa e ofrenda floral.
Intervirán :
Telmo Comesaña (presidente da Asociación)
Amante Caride (neta de represaliado)
Xan Carlos Abad Gallego (historiador nado en Lavadores)
Berta (filla de represaliada)e Amalia Collazo (neta de represaliado).
Antonio Vázquez (Membro da Asociación e memoria viva de Cabral).
Pepe A. Cáccamo (Escrtor e Poeta)
Grupo de gaitas da A. de V. Camiño Vello
Presentación de Unión Libre en Lugo
do monográfico A VOZ DAS VÍTIMAS DO 36, número 13 de Unión libre. Cadernos
de vida e culturas, que terá lugar o luns, 27 de outubro, ás 8 da tarde.
Intervirán os escritores Carmen Blanco, María Lopo e Claudio Rodríguez Fer,
coordinadores deste volume, que está dedicado á memoria de Manuel Sarille Lanceiro,
presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
segunda-feira, outubro 20, 2008
Memoria tabernaria
Desde a Praia de San Sebastián até Bouzas, en realidade, todo era un areal, aínda que eu agora falo máis de ouvido que do que teña visto. Alí onde na actualidade termina a Rúa da Coruña foi o campo de fubol de Coia e, fronte ao mar e a area, estaba e está unha pequena casa de boa pedra. Na casa, de planta baixa e un alto, abría e abre as súas portas sempre verdes unha das tabernas históricas de Vigo: "María de la Playa". A praia desapareceu tragada por grandes vías e recheos nos que se foron instalando fábricas e talleres que convirten a zona, con Barreras no centro do sistema, nun dos territorios industriais máis característicos de Vigo. Pero a taberna e casa de comidas "María de la Playa" sigue onde sempre estivo e moitos vigueses con memoria e dotados de lealdade sentimental parece que conspiran para que os poderes públicos de Vigo, sempre indiferentes aos signos da permanencia, propicien a deste local da vella freguesía de Coia. E digo Coia porque os límites históricos deste termo parroquial na súa zona costeira co de Santa María de Vigo están situados máis ou menos onda "María de la Playa". A taberna, por parte, aínda desempeña a función ancestral de gardiana da fronteira entre dous territorios cuxa orixe se perde nos neboeiros da prehistoria: Vigo e Coia. Non lonxe de "María de Playa" encóntrase "Casa Argibay", coa súa parra de latas cunha grande videira gaveante á porta, de características semellantes. Algún día falaremos tamén de "Casa Argibay". Por algunha razón misteriosa eu asocio agora o "Cabaret des Assassins" e a casiña azul de Montmartre con "María de la Playa" e "Casa Argibay".
Xulio Alonso acaba de publicar (Ir Indo) un hermoso libro de prosas. De vivos e de mortos é o título, cun prólogo de Manuel Villar Villaverde que fai aínda máis atractiva a súa lectura. Pasando as páxinas da obra, de capítulo en capítulo, fun cair nun no que se fala de "María a da praia". Comeza o texto así: "As viguesas e vigueses constitúen unha poboación que non se preocupa polas súas propias orixes. Isto explica que sexan moi poucas as pegadas da historia viguesa que conseguiron perdurar no tempo. Algunhas se salvaron porque pasaron inadvertidas baixo terra, e outras, porque de momento non constitúen ningunha ameaza para os intereses urbanísticos e industriais". Merece a pena ler todo o libro de Xulio Alonso e, en especial, o que di dese milagro de supervivencia que é "María de la Playa" a onde vou ir deica un pouco pra botar un vaso, gozar do ambiente e sentir o arrecendo da permanencia.
Na outra banda do mar, fronte a Vigo, a cidade de Boston protexe e agarima a mítica taberna que leva o nome de "Cheers
sexta-feira, outubro 17, 2008
O xefe e o nobel
Houbo galegos amigos das letras, pro non seguidores das letras galegas, que se sorprenderon estes días pola concesión do Nobel a un escritor descoñecido. Nembargantes, os que len en galego habitualmente saben que Jean-Marie Le Clézio publicou en Edicións Xerais (Merlín) no ano 1987 un libro no noso idioma. Libro que reza no orixinal "Mondo et autres histories", o que o relaciona cun título paródico de Alberto Avendaño. O volume vai acompañado dunha intro- ducción e notas dos seus versionistas: Raquel Villanueva e Valentín Arias, hoxe considerado o patriarca da traducción ao galego. En canto a Villanueva, diremos que ela é entusiasta responsable da existencia en Galicia dun núcleo de clézistas moi influínte no noso campo literario (Figueroa).
(Le Clézio, naturalmente, é lido en Galicia por persoas que non necesitan da axuda da traducción, pero estas hoxe son poucas xa que o francés cada vez perde máis terreo como lingua central da República das Letras capital París que fora, ai, antano).
Antes da proclamación (de Estocolmo para o Orbe) do premio Nobel do presente ano, o secretario da Academia Sueca fixera unhas declaracións nunha publicación norteamericana nas que acusaba o mundo literario de lingua inglesa de "insular" e nas que reivindicaba a forza e novidade das letras producidas en Europa. O fallo académico produciuse nesta dirección.
Le Clézio ten por patria a illa Mauricio, naceu nunha Niza que sabemos parte de Occitania e a súa familia é de torgueira bretona. Os espazos narrativos del sitúanos na alteridade sen caír xamáis no pintoresquismo romántico do autor metropolitano que descobre calquera dos tristes trópicos realmente existentes no Planeta. Os coñecedores de Le Clézio invocan con frecuencia un multiculturalismo moi á moda nos nosos días, pro aínda insuficiente. A imaxinación, a felicidade dos achados poéticos e un estilo de fluencia orixinal colocan Le Clézio nun lugar de privilexio grazas a este Nobel que eu celebro. Ou sexa: no centro da diferencia. A descolonización non deu chegado á fase na que se farán mundialmente visibeis as linguas e as literaturas hoxe subalternas. En canto isto non ocorre, ver Le Clézio no foco da atención máxima do universo oculto prodúcenos unha especie de alivio. Este é un premio Nobel contra a insularidade da que falaba o secretario da Academia Sueca Horace Engdahl, en todo caso. O máis prestixioso dos xornáis de Madrid publicaba ao respecto este titular necio: "Premio Nobel a la indiscreción".
quarta-feira, outubro 15, 2008
Na memoria do Foucellas e dos guerrilleiros antifranquistas
Memoria Histórica da Coruña, a Asociación Cultural Obradoiro da Historia, de Ordes,
e a Asociación Cultural Eira Vella, de Betanzos, organizan diversos actos para
homenaxear a todas as persoas que loitaron pola liberdade e a democracia; a miles de
heroes anónimos da Resistencia antifascista galega, mortos, torturados, desterrados,
encadeados, represaliados e perseguidos por defenderen a legalidade democrática da
II República.
1. As actividades comezarán en Curtis o xoves, 23 de outubro, ás 19,30 horas na
Casa da Xuventude e contará coa presenza de Pepiña, filla de Foucellas.
2. O venres, 24 de outubro, ás 20,30 horas, haberá outro acto na Casa da Cultura
de Ordes.
3. O sábado, 25 de outubro, haberá un roteiro polos lugares da guerrilla da
comarca, con saída en autobús ás 15,30 horas do cárcere da Coruña e parada en
Betanzos ás 16,15 horas na praza do Campo. Ao final da xornada, ás 21 horas, haberá
un acto no Liceo de Betanzos e, finalmente, unha cea.
4. No mes de novembro haberá en Betanzos unha semana de cine sobre a guerrilla
galega antifranquista.
En todos os actos haberá unha homenaxe ás familias represaliadas, lectura de
poemas, presenza de vellos guerrilleiros, intervencións de historiadores, gaiteiros,
actuación do grupo A Quenlla.
Fernando Souto Suárez
Telf.: 695 26 27 28
segunda-feira, outubro 13, 2008
O xefe sobre os traficantes de insectos
Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
terça-feira, outubro 07, 2008
O arraiano xefe
quarta-feira, outubro 01, 2008
Memoria d´A Estrada
A Asociación "Comisión pola memoria Siñor Afranio" da Estrada e a
Comisión pola Memoria de Vilagarcía, convocan un acto de lembranza dos
feitos producidos o 9 de outubro de 1936, cando foron "paseados" 6
cidadáns provenientes de Concellos da contorna e o enterro dos seus
cadáveres nunha foxa común no cemiterio local.
Estas persoas son Severino García Teijeiro, José Domingo González
Boullosa, Juán Bacariza Sánchez, Ramón Muíños Lorenzo, Manuel Guillán
Abalo e Jesús Froiz Gómez.
O pobo da Estrada, e nomeadamente persoas de releve como o crego Nicolás
Mato Varela e o xuíz Fermín Bouza Brey, amosaron un comportamento
exemplar fronte este crime e aínda que as vítimas non son deste
concello, é un feito histórico que compre lembrar para honra da
dignidade dun municipio coma este que manifestou a súa solidariedade e
apoio aos represaliados nun momento de especial perigo para calquera que
así expresase estes sentimentos humanitarios.
Os actos a celebrar o día 9 de outubro serán a sinalización do lugar
onde foron inmolados os 6 na Ponte do Regueiro, ás 19:30 h.. O
descubrimento dunha lápida na foxa común onde están enterrados no
Cemiterio da Estrada ás 20:00 h. E un acto público ás 21 h. no Teatro
Principal no que intervirán familiares das vítimas (Leonor Guillan de
Barrio y Rosalia Gonzalez Genova) e o profesor Manuel Igrexas, quen
recuperou a historia destes feitos.
Para máis información:
http://www.blogoteca.com/autoestrada/quarta-feira, setembro 24, 2008
quinta-feira, setembro 18, 2008
O xefe fala da Galicia imperceptíbel
Por X.L. Méndez Ferrín. Algúns galegos teñen escrito esta tempada na prensa sobre as palabras despectivas e arrogantes que George Steiner proferiu sobre a nosa lingua galega. Manuel Rivas, que é o escritor galego máis traducido e coñecido no estranxeiro, veu decer, entre outras cousas, que o que necesita a nosa lingua (e a nosa cultura) é facerse perceptíbel no mundo. Estou dacordo con el, pro mal poden conseguir facernos un perfil visíbel no mundo aqueles que se non consideran a sí mesmos e desprezan a propia identidade.Se vostedes atravesan as pontes internacionais que, felizmente, unen as dúas ribeiras do Miño, verán que ao entrar en Galicia non hai cartel ningún que informe de tal feito. Se vostede aterra nun aeroporto de Galicia despois dun vóo internacional non recibirán ningún tipo de información a respecto desta nosa "nacionalidade histórica". Tamén se veñen de fóra por tren e entran na librería da estación comprobarán que alí non hai libros escritos no noso idioma.Os pelegríns que chegan onda nós de lonxe non encontran no Cebreiro ningunha indicación de que entraron en Galicia e que Galicia é así e asá. Unha vez culminada a súa viaxe, se visitan a libraría da catedral non encontrarán ningún libro sobre o camiño de Santiago escrito na lingua do país. Hai xente que está a reclamar que a información sobre Galicia se lle ofreza aos pelegríns xa desde o Bierzo, pero iso sería pedir a lúa. De xeito que son milleiros os suxeitos que fan a rota xacobita e patean unha boa parte de Galicia para, regresando aos seus lugares de orixe, ignorar que estiveron neste vello Reino. Eu estou seguro que se lle preguntan a Shirley MacLange ou á filla de Bush, que fixeron a pé o camiño de Santiago, por Galicia, polo seu idioma, pola súa historia, non saberían contestar. A desaparición de Galicia ás veces é un feito deliberado. Fábricas de conservas de peixe que comercializan os seus productos con selo de Vigo, España sen mencionar a Galicia son un caso frecuente. Outro sería o de Colin Smith, que publicou o Merlín e Familia en traducción inglesa ocultando deliberadamente que a primeira edición da obra foi feita por Alvaro Cunqueiro en galego. Pro o caso máis estúpido da ocultación de Galicia é o do diccionario enciclopédico portugués de Lelo e Irmão, editorial do Porto cuxa matriz está á mesma distancia da miña casa que a sede da Academia Galega. Esta obra describe así o Miño: "Rio de Espanha e de Portugal, que nasce nas Astúrias, em Espanha, e deságua no Atlântico, em Caminha, Portugal". Se é así como perciben o Pai dos Nosos Ríos, sen ningunha relación cun país chamado Galiza, uns solventes editores da cidade de Porto, cómo nos verán os lisboetas ou os alentejanos? Sinxelamente, non existimos para eles. Certo, as raíces da ideoloxía nacional portuguesa son profundamente anti-galegas. Recoñecer a nosa existencia histórica sería, xustamente, negar o relato consensuado da fundación de Portugal. Deixemos o caso galegoportugués por imposíbel de ser solucionado. Nós estamos empeñados en ver Portugal e eles nin quixeron nin queren nin quererán nunca ver a Galiza. Os nacionalistas galegos chegan á madurez e ao uso da razón política o día no que renuncian a Portugal e á fantástica redención que desa república nos poida chegar. E, se os portugueses non nos ven, o resto dos humanos tamén non. Steiner si que nos vé, pero resultámoslle cativos e sen categoría.
50 anos do desecamento da Lagoa de Antela
A lagoa de Antela foi unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica,
tanto pola súa extensión (máis de 40 Km. cadrados), coma pola súa riqueza de
flora, fauna, bioloxía, historia, antropoloxía, toponimia, paisaxe e
folclore característicos.
O 8 de setembro de 1958* deron comezo as obras de desecamento da lagoa de
Antela co encauzamento de 6,6 km. do río Limia.
A lagoa de Antela foi un dos humedais de maior extensión da Península
Ibérica, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que
dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa
profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos”
chegaba ata os 3 metros. Nela atesourabase unha inmensa riqueza de flora,
fauna, bioloxía, historia, antropoloxía, toponimia, paisaxe e folclore.
Logo de innumerables intentos de desaugamento, en 1956 declarouse por Lei de
27 de decembro de alto interese nacional a colonización e saneamento da
lagoa de Antela, ó que provocaría a destrucción do humidal e a
transformación deste en terreos de labradio. O día 8 de setembro de 1958,
deron comezo as obras iniciadas co encauzamento de 6,6 Km. do río Limia, que
se continuarían con 7,5 km. do emisario da lagoa, e a partir de 1962, coa
construcción de 10 Km. de canles-dren no interior da mesma, para logo
continuar coas construccións dos desaugues terciarios, camiños, etc., ata
rematar coa entrega das parcelas ós colonos a principios dos anos 70.
Coincidindo con esta data o Concello de Sandiás ten previsto (si nos
conceden a subvención , claro esta!!!!) a realización dunhas xornadas sobre
a lagoa de Antela para recuperar a súa memoria histórica, e que versaran
sobre os aspectos xeográficos, históricos e medio ambientais da lagoa que se
celebraran na Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela)
así como na Casa da Cultura do Concello.. Tense así mesmo previsto a edición
dun número especial da revista ¨A Torre do Castro¨ (Revista Cultural e
turística do Concello de Sandiás) sobre os cincoenta anos do comezo das
obras (1958-2008), e outras actividades. Pretendese con esta serie de
accións dar a coñecer unha parte importante da nosa historia a todos
aqueles que non a coñeceron así como dar a coñecer o presente representado
pola recuperación medio ambiental das antigas areeiras abandonadas.
Lembrar que a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela)
situase no centro da vila de Sandiás nun edificio tradicional especialmente
rehabilitado para acoller o centro. Na Casa da Lagoa preténdese mostrar ós
visitantes a través de montaxes audiovisuais, experiencias interactivas,
paneis informativos, etc., os cambios acontecidos na comarca da Limia, e
máis concretamente no concello de Sandiás, a través dun percorrido polo
antes e despois da desecación da lagoa de Antela. Pondo un especial interese
en dar a coñecer as accións levadas a cabo para a recuperación da antiga
fauna e flora da antiga lagoa a través da recuperación das areeiras
abandonadas.
Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela ) – Praza de Dona Irene, 1 (Sandiás)
Teléfono do Concello de Sandiás para reservas (Visitas concertadas) : 988 46 50 01
segunda-feira, setembro 15, 2008
O xefe fala do atraso político de Galicia
No parlamento de Galicia, non que non reside a Soberanía Nacional e no que as leis son só textos que deben regular as leis do Reino, o peso de oposición recai unicamente nun partido, de dereita e sucursalista. Os partidos coaligados que exercen o poder autonómico presentanse como progresistas; un, tamén sucursalista e outro nacionalista. Co cal ocorre que San Caetano e Monte Pío non reciben outra crítica nin outro estímulo parlamentario ca os procedentes da dereita. Dunha dereita de cultura franquista e enfaticamente contra-nacionalista. Dado que Rosa Díaz pode chegar a ter representantes no parlamento galego, faise máis necesario ca nunca o ouvir no Hórreo voces que, desde a esquerda e o nacionalismo, sexan oposición e que, coma tal, critiquen e estimulen un goberno que, despois das próximas eleccións, repita hipoteticamente a coalición pos-electoral que está a punto de extinguir o seu mandato. Tamén en hipotese, considero, desde o meu ángulo de preferencias, que outro ou outros partidos ou frontes de esquerda e nacionalistas entren a formar parte do futuro goberno autonómico de Galicia. Isto último pode semellar difícil pero a realidade da ACE de Cangas pode ser un aviso de que tal aspiración non constitúe un horizonte utópico ou inacadábel.
Non creo que haxa en Galicia "dous gobernos" e miro un só ánimo político moi ben solidificado. Polo tanto a opinión de masas que expresa cada día a súa decepción ("desencanto", dixo un día Haro Tecglen, non sei se se recordan) en materia de administración territorial, urbanística, ecolóxica, social, cultural, lingüística, debería organizarse electoralmente en lugar de dirixir os seus votos, segundo o principio do mal menor, ao sucursalismo que se presenta como progresismo e ao nacionalismo non independentista. Claro que Galicia está a venderse, e as amósegas de que isto é así son as que o goberno autonómico nos pón perante os ollos co plan acuícola, coa continuidade da predación da lousa e do granito (son patrimonio do pobo galego) e coa almoneda ecandalosa da concesión de muíños eólicos cuxa imaxe é hogano a do coloniañismo que un día representou o asolagamento dos nosos (de todo o pobo) vales e o levantamento dos encoros de Barrié de la Maza. Os movementos de defensa da Terra e a esquerda obreira xenuína e os que combaten con sinceridade pola permanencia do idioma terán que escoller entre ter representantes na cámara lexislativa autonómica (ou no goberno) ou ben perder en presencia pública. O atraso político de Galicia debe ser forzado avante; é o que penso eu.



