terça-feira, agosto 25, 2009

Franco fóra da RAG

Despois do triunfo do golpe militar do 1936 en todas as gornicións dependentes da capitanía xeral da Coruña e da marítima de Ferrol en Galicia, a Academia Galega entrou en crise. Crise que estuda admirabelmente ben X.L. Axeitos nun artigo histórico que verá a luz en breve. Durante a guerra había algún académico en zona republicana (Cabanillas, Castelao) e outros, represaliados, na franquista (Otero Pedrayo). Temeuse seriamente pola desaparición do Instituto, inda que este debeu de ter bos padriños no corazón da besta (pensó sempre en Eugenio Montes). Entraron novos membros, como Filgueira Valverde, Cuevillas ou Bouza Brey, que permitiron que a Academia, se ben, desnaturalizada, seguise estando máis ou menos viva.Naqueles días negros, coa Academia intervida políticamente e posta baixo o poder absoluto do rector da Universidade Compostelana, a institución nomeou a Franco "presidente de honor" ou "membro de honor" –non sei ben. Nunca este suxeito, na súa dilatada vida como dictador omnoímodo, tivo o menor contacto coa Academia Galega, que eu saiba. Xa leremos o que Axeitos publique, sen dúbida definitivo.E ben, na súa última reunión plenaria na Rúa das Tabernas a Academia Galega acordou retirarle a Franco o seu título honorífico. Na cidade da Coruña, que é a que en Galicia conserva con maior lealtade e contumacia os nomes públicos do franquismo, a repercusión do acordó acatado pola corporación que vela oficialmente polo idioma vai ter un especial significado. Coido que a fórmula usada para expulsar a Franco das Tabernas foi algo así: dado que o nomeamento foi forzado polas circunstancias golpistas da 1936, Franco nunca foi en realidade membro honorífico da Academia e, en diante, non o será en absoluto nin sequera de xeito irregular. Así, discretamente e sen demasiada publicidade, a Academia de Curros, Murguía, Castelao, Cabanillas ou Otero Pedrayo sumouse á Universidade de Compostela e a todas as altas institucións que eliminaron dos seus protocolos herdados o nome do galego que máis daño lle fixo a Galicia en todos os días da súa Historia. Algúns pensan, e non sen razón, que a resolución tomada pola Academia é algo serodia. Pro, en troques, resulta moi oportuno expulsar a memoria de Franco da nosa Academia nun intre no que o goberno autonómico de Núñez Feijóo está a tomar medidas destinadas á destrucción da lingua galega e, polo tanto, franquistas.Durante a sesión académica na que se tratou do asunto de referencia, este seu cronista estivo pensando en Philippe Petain, mariscal de Francia, vencedor de Verdun, escritor con méritos propios e membro da Academia Francesa desde 1925. Foi considerado traidor á Patria por colaborar co III Reich e coa ocupación de Francia, e por presidir unha república satélite de Alemaña e fascista. A pena de norte a que foi xustamente condenado resultou xenerosamente conmutada. Pero a súa norte moral republicana executouse de veras ao lle seren retirados os graus militares e as condecoracións. Perdeu Petain a condición de académico en 1945, ao día seguinte da Liberación. O mariscal Petain era moi admirado por Franco, tanto que este lle ofreceu un exilio dourado en España. Agora Franco xa foi radiado da Academia Galega por razón semellantes ás que asistiron á Academia Francesa para radiar Philippe Petain.

terça-feira, agosto 11, 2009

Homenaxe ás vítimas do franquismo no Furriolo

Os dous cartaces dos actos que imos celebrar os arraianos o día 29 de agosto, sábado, no Furriolo e no cemiterio de San Breixo de Celanova, son obra do artista celanovés, Baldo Ramos.

terça-feira, agosto 04, 2009

MANIFESTO ANDAINA

A VISTA DOS MEUS OLLOS...
Atopámonos enriba do carballo do Santo, en Ludeiros. Dende eiquí descansa a vista dos meus ollos. Refírome con este verso ás terras asulagada de Buscalque, encoradas pola lingua negra dun Lindoso que o afastou para sempre de min, do meu primeiro ollar de cada mañá, xunto con Aceredo, O Bao e A Reloeira, un dos vales máis fermosos dos que podíamos gozar os arraianos, a terra da infancia da miña muller e o val que nunca coñecerán os meus fillos.
O Limia debuxa os contornos dunha terra que se viste de gris e verde para coroarse nos altos de cornos de cabras ceibes e aguias que empreñan un ceo sempre azul. As urces e os toxos arnaus agochan ollos que adormecen de día para na noite camiñar polo mundo das ánimas, e é que eiquí onde os Lobos son guerrilleiros.
Nestas terras de contos, lendas e xentes labregas os Padres son admiradores das meigas e percuran o coñecemento do máis alá, eiquí, ao carón do lume que arde azul e que aquece os corpos arrefecidos.
O coto que é a nosa Serra de Santa Eufemia, martirio da nomeada santa, é unha ledicia para os ollos, que dende o alto se perden en Viana neses días limpos (coma o de hoxe), e que se agudizamos os ouvidos co ar que nos envolve, escoitaremos os Sons das baleas dos que nos fala a poetisa de Riocaldo.
Estas torgas apelidan ao poeta ibérico que decía: “Há sitios do mundo que são como certas existencias humanas: tudo se cojuga para que nada falte á sua grandeza e perfeiçao. Este Gerês é um deles”.
Os valentes eran os que se enfrontaban á vida coa esperanza de cambiar o futuro, os que nunca tiñan medo porque o medo era covarde e a liberdade había que gañala coa loita e cos ideais; os valentes foron os que puxeron os alicerces para unha liberdade duradoira e un mundo libre do fascimo, un deles foi o noso irmán aviador, Elixio Rodríguez, arraiano entre os arraianos. E valentes foron tamén aqueles que cada noite saían a percurar o pan co que encher os bandullos baleiros dos seus polos vieiros do contrabando, e enchían de vida a noite nas quenllas nas que camiñaba o xabón e o aceite, os cravos e a fariña, os ovos e os motores, as boinas e as armas, que como di o novo poeta de Celanova, Baldo Ramos, esas son aguias que aniñaron na nosa memoria.
Nesta nosa terra os camiños son de privilexio e os personaxes das nosas lecturas habitan en Arraianos. Entre eles están Nicasio Remuñán, Obdulia ou Dorinda.
Eiquí o noso mundo chámase Ludeiros, Lindoso, Soajo, Padrendo, Manín, Olelas, e o noso maio é frorido coma o de Curros, e os poemas son coma flores, así os retrata Joao Luís Días.
Compañeiros arraianos, comezamos a nosa andaina onde se atopan as chaves do ceo, agasallados polo centenario carballo de fondas raizames, raizames coma as do Pepe do Pementa (meu pai), un home que acumula multitudes de vivencias neste o seu terruño e que amablemente compartirá con nosoutros.
Este texto de Xesús Díaz abriu a xornada do Recoñecemento ao Arraiano Maior da Raia Seca de 2009

segunda-feira, agosto 03, 2009

Lástima de bois!!

XL Méndez Ferrín no Faro de Vigo. 3 de agosto. O famoso chiste de Castelao sempre se me representou en Pontevedra. Un paisano olla para a comida e ceiba con medio riso o ironia lapidaria: "Lástima de bois!. Hai uns anos tal frase constituiuse, con éxito, en lema dun movemento contra as corridas de touros en Ourense. Hoxe non lle dirá moito a vastos sectores da nosa sociedade porque no contexto xa non hai bois e, mesmamente, cuase xa non hai agricultores. Hoxe xa non existen bois de tiro (os colludos son outros) en Galicia, pero a súa memoria aínda alenta. Cando García Lorca escribe en galego fainos ver cos ollos da nocturnidade fantástica os "lentos bois a iauga" e toda Galicia fica evocada. "Aran os bois e chove"- dixera Díaz Castro nun dos mellores poemas da historia da literatura galega. Traduzámos isto á lingua do norte de Burgos e verán que desastre: "aran los bueyes y llueve".No seu libro "As Tres Columnas" Sabino Torres danos curiosas noticias do misérrimo universo taurino de Pontevedra. Faise acordante das putiñas de antano cando daban o salto do Campo do Boi da Moureira ao Campo da Torre, e mesmo relaciona Pepe Hillo de Barrantes con aquel bairro de tolerancia. Sempre no ambiente da prostitución triunfou o espírito español e andalucista cuxos símbolos son a baixa canción aflamencada e os touros.Faime moita graza saber por Sabino que esas tropas chamadas "peñas" que, uniformadas ao estilo Pamplona, se puxeron de moda en Pontevedra haberá vinte e tantos anos tiveron como autor intelectual o bibliófilo ligado á Misión Biolóxica de Galicia Antonio Odriozola. A imitación dos sanfermines, na vila de Pontevedra, xorde unha amósega do profundo auto-odio de moitos galegos. (Uns queren ser españois, outros vascos, outros pamplonicas, outros portugueses, outros escoceses ou irlandeses). Póñanse como se poñan, o certo é que a corrida de touros da Peregrina de Pontevedra é unha festa absolutamente allea ás tradicións e á cultura galega. Aínda que a patronice o concello de BNG-PSOE.Vexo por aí movementos anti-taurinos que basean os seus argumentos abolicionistas na crueldade da festa. Respecto esa liña de protesta, tan vella que nos fai acordantes do que Jovellanos chamou "policía de espectáculos". Pro eu gosto das corridas de touros en España e en Portugal, ainda que en Galicia me parezan unha presenza incongruente e provinciana. Confeso, pois, que me sinto ben, por exemplo, en Coria, vendo a bárbara tourada na praza da vila como a vería un turista norteamericano do tipo Welles ou do tipo Hemingway, admirándose da salvaxada.Tamén declaro ser partidario da demolición da praza de touros de Pontevedra e de destinar tan considerábel superficie a un edificio cultural digno da cidade que chamamos vila. En todo caso o único bon que lle debe Pontevedra á súa praza de touros é a revista Litoral. Fundada esta por Sabino Torres a principio dos cincuenta, a súa cabeceira foi adquirida uns dez anos despois por Domingo Dominguín, empresario da praza de touros. Como este era membro activo do PCE, entregoulle o periódico aos comunistas e a outras persoas simpáticas e animosas da intelectualidade local. Entre todos conseguiron facer de Litoral a revista máis ceibe, culta e progresista do territorio franquista na época. "Deus escreve direito com linhas tortas"- como reza a Biblia protestante dos portugueses.

sexta-feira, julho 31, 2009

A deusa Nabia vive

Por XL Méndez Ferrín. Son varias as Santa Eufemia que se moven no mundo imaxinario de Galicia: todas máscaras católicas que ocultan alguna poderosa deusa galaica, se cadra a que, rebelde, permanece agochada en nomes de ríos e de localidades de poboación: Nabia, Navia, Návea, Neiva. A Eufemia de Baiona está moi difuminada ente sete irmás dun parto das cales só ten relevancia popular Liberata ou Librada. A grande Eufemia é a que lle dá nome á Serra de Santa Eufemia, arrombada contra o Jurés, Gerês ou Xurés nunha poderosa montaña na que o gado ceibe vive espiado polo lobo, onde un año tenro pode ser raptado pola águia maior de europa e onde, nos picoutos, senta as catro uñas o castrón da capra hispánica lusitánica, subespecie á que fariamos mellor decer gallaica. Esta Serra de Santa Eufemia, ou da Madanela, ficou para Portugal na partición de don Afonso Henriques e logo, en 1864, foi parar a España ao tempo que as provincias centralistas facían desaparecer o Reino de Galicia. Hoxe a Serra de Santa Eufemia fai parte do parque natural autonómico galego do Xurés adxacente ao grande parque nacional portugués da Peneda Gerês: faremos o posíbel para confundilos nun só.Na Serra de Santa Eufemia está viva a memoria da deusa reinventada como mártir do cristianismo. Sábese onde foi enterrada cunha man fóra e no dedo mendo o anel que una rapariga que andaba na veceira roubou. E os males que viñeron. E logo en conforme inventaron ou acharon o corpo que fora terribelmente atormentado. E por fin os bois que levan á súa vontade o carro onde vai Eufemia morta. E como bois e santa non paran até chegar a Ourense, a case cen quilómetros de alí. Finalmente Eufemia, a mociña mártir que morreu nunha roda moi enigmática, despois doutras moitas e complicadas sevicias, recibiu cova en Ourense (definitiva).Vista a persistencia do culto a Santa Eufemia, mormente no suleste de Galicia, esta santiña foi declarada patroa da diocese de Ourense e da capital episcopal, facéndolle certa sombra a Santa Martiño de Tours, que nos chegara desde o mundo suevo.Durante a nova contrarreforma católica que sucedeu aos días da desamortización, algún bispo de Ourense ordenou una división parroquial da cidade reutilizando os templos das antigas comunidades dos Xesuítas e de San Domingos. A un púxolle o nome de Santa Eufemia "del Norte" e ao outro o de Santa Eufemia "del Centro". Ninguén lle fixo caso o bispo e só se confirmou o nome de Santa Eufemia na ifrexa da antiga Compañía. Eis o caso ben curioso dunha antiga deusa da Gallaecia pagá que estivo a piques de se converter na principal santa e protectora dunha cidade e dunha diocese católica tan antiga e importante como é a de Ourense. Non ocorreu así e o culto de Santa Eufemia, ou sexa posibelmente Nabia, concéntrase nos seus sitios de orixe: nos cabezos enormes que se erguen na marxe esquerda do rio Limia ao seu paso polo concello arraiano de Lobios.Alí, na Serra de Santa Eufemia: o monte está cheo de relatos e as estorias faladas agurgullan como o fan as cargas que can en cachoeira. Procisións de defuntos con estandartes nas noites de luar, a misteriosa "seda dos reis" onde os nosos de antaño pactaban as fronteiras e resolvían os conflictos, o lobo que nuns tempos do ano só se alimenta de barro e ar. Nesta masa mítica tan densa que semella material sólido, destaca a presenza de Santa Eufemia torturada até morrer. O que non fará nunca na imaxinacións das xentes.

quarta-feira, julho 29, 2009

Recoñecemento a Ferrín como Arraiano Maior do 2009

O Arraiano Maior da Raia Seca 2009 recibe a boina, a guillada e o diploma, distintivos que o acreditan como tal, de mans do presidente dos arraianos, Aser Álvarez. O acto de entrega tivo lugar na carballeira da Madalena, na freguesía de Lindoso, no marco da Festa da Fronteira. As fermosas fotos desta inesquecible xornada son de Suso Díaz, o fotógrafo oficial con licencia para ignorar as fronteiras.

As fotos do roteiro literario

Dona Gloria Díaz, a viúva do aviador arraiano, Elixio Rodríguez, en primeiro termo, coa camiseta amarela. Con 85 anos, dona Gloria quixo estar con nós durante o roterio literario entre Ludeiros e a Madalena. Atrás vemos a sobreira centenaria do Bubán e, ao fondo, os Montes do Laboreiro, coa Pena da Anamám marcando os límites do Principio do Mundo.

segunda-feira, julho 27, 2009

Méndez Ferrín, Arraiano Maior


Un hombre de la "raia" que ayer recibió un título nobiliario, pero en este caso por lo tradicional y popular. El escritor Xosé Luis Méndez Ferrín fue nombrado Arraiano Maior da Raia Seca, durante un acto que se celebró, como no podía ser de otra forma, en una centenaria carballeira de la frontera de la Magdalena, en concreto en la freguesía portuguesa de Lindoso."Es mi realidad, de la que gozo", proclamó el nuevo arraiano mayor después del acto de reconocimiento al que asistieron numerosos amigos, tanto gallegos como portugueses.

V. RODRÍGUEZ - OURENSE (Faro de Vigo 27 de xullo) Es un hombre de la raia y no lo puede negar. El escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, que no puede vivir a menos de 20 kilómetros de Portugal, ayer acudió al “kilómetro cero”, en la frontera de la Magdalena, aunque en la parte lusa, en concreto en la freguesía de Lindoso. Fue allí donde recibió un título nobiliario de los más galaicos, el de Arraiano Maior da Raia Seca, que tuvieron a bien conceder la Asociación de Arraianos que preside Aser Álvarez, que recalcó la “longa traxectoria na defensa e na proxección exterior da identidade e da cultura arraiana”. Unos méritos que forman parte del devenir vital del propio Méndez Ferrín. Así, no resultó extraño que después del agradecimiento por tan alta distinción, que dijo no esperaba recibir, Ferrín dejase patente su apego a la realidad arraiana, al proclamar que “es mi realidad, de la que gozo”, y la que siempre le acompaña. Es por eso que después del acto de reconocimiento, que tuvo lugar en una centenaria carballeira en la frontera de la Magdalena, ya en el lado portugués de la Raia Seca, en la freguesía de Lindoso, dijo sentirse “más arraiano que nunca”, y recalcó que “son de esta raia”, además de sentirse espacialmente satisfecho por celebrarse el acto en una de las fronteras más antiguas de Europa que “siempre quixemos abolir”.
Fiesta arraiana Un día de fiesta arraiano, en la que convivieron gallegos y portugueses, “confundímonos, uns e outros, e falamos todos o mesmo idioma”, comentó Ferrín mientras sostenía en sus manos un libro de poemas del autor luso Xoán Luis Díaz, y una flor. Después del xantar popular, que tuvo lugar en el mismo paso fronterizo, tuvo lugar el acto de reconocimiento, al que acudieron los alcaldes de Lobios, concello limítrofe con Portugal, José Lamela; el de Entrimo, Ramón Alonso; y el alcalde de Bande, José Antonio Armada, así como representantes de colectivos culturales y vecinales, y un gran número de amigos del escritor. Antes del sencillo acto, tuvo lugar un roteiro literario guiado con un recital poético, que partió de la aldea de Ludeiros, en el Concello de Lobios, hasta la frontera, y que transcurrió por el corazón del Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

sexta-feira, julho 24, 2009

Conuslta o encuesta?

Se usó la palabra encuesta de tan mala forma en los medios de comunicación que ahora ese mal uso se transfiere incluso a una Consejería de Educación, la de la Xunta de Galicia, que llama enquisa (encuesta) a lo que sólo es una irregular consulta a los padres (no a los hijos, no a los profesores) sobre el uso del gallego en la enseñanza no universitaria. Una consulta sin el menor control democrático que ha sido realizada de espaldas a las organizaciones que trabajan por la lengua nacional de Galicia. Una encuesta es un hecho matemático que se apoya en métodos de esa especie y responde a corroboraciones metodológicas de esa misma clase. No toda pregunta es una encuesta, y ni siquiera toda encuesta es una encuesta, valga el juego de palabras. En realidad, una buena parte de las encuestas no responde a los supuestos mínimos de una muestra estadística, que es aquella muestra avalada por esa parte de las matemáticas que llamamos estadística. O, como decía aquel señor a la visita de un Testigo de Jehová o algo similar: “pero si no creo en el catolicismo, que es la religión verdadera, como voy a creer en esto que me trae usted?”. Es decir: si las encuestas de verdad ya son problemáticas en si mismas, e incluso la propia Estadística no goza de toda la confianza posible de la madre Matemáticas, cómo vamos a creer en una encuesta que no es encuesta, contabilizada a escondidas, redactada de forma dudosísima y sin consenso, etc, etc.?. Qué prepara el bueno de Feijóo, que no ha tardado ni unas semanas en comenzar la reducción del gallego al estado gaseoso, o su jibarización social definitiva? No me canso de advertir que estos abusos, disparates y humillaciones se acaban pagando carísimo en forma de tensión y división social, y que a la vuelta de la esquina puede estar esperando un conflicto que no necesitamos ni deseamos, y todo por la inconsistencia política de unas personas que a veces dan más el perfil de auténticos aventureros de la política que de gente seria y centrada en conseguir lo mejor para la Polis.
Publicado no blog de Fermín Bouza http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=3981

segunda-feira, julho 20, 2009

O xefe fala dunha Galicia a monte

Subo ao máis alto adarve da torre da homenaxe, ou de menaxe, do castelo de Vilanova dos Infantes. Ollo cara a corga que flúe Fontao abaixo en dirección ao río Sorga. Os prados ou panascos, alí ditos lameiros, desapareceron por completo. Xa non hai vacas na contorna. Todo é herba brava e un verdor selvático énchenos os ollos. O curuto do Castromau case desapareceu oculto polo arboredo novo. Medraron, si, as árbores e case tapan o vello castro. Uns soutos que ninguén demouca ameazan, coa ramallada en estoupido, con agachar a torre en que me encontro, se a miramos desde Carfaxiño. Dirixo a vista cara o Leste e déixoa pervagar pola cunca do citado Sorga e do seu pai o Arnoia. So continúa calvo o monte de San Cibrao, que nos separa da Limia. As aldeas de Xixín, Sorga, Bobadela, Berredo, xa non teñen cultivos darredor. Non hai milleirais. O mato verde invade todo. As árbores, mesmamente, vense medrar. Máis carballos e carballizas ca nunca. Os bidueiros coñecen unha explosión de nova vida multiplicada. As casas dispersas dos humanos, habitadas por anciáns que non cultivan a terra e que nin porco nin galiñas teñen xa na casa, vense cercadas pola fronda. Non hai moitos anos que as granxas de Coren branquexaban aló ou acolá, coas súas considerabeis estructuras de betón. As máis delas están grises e abandonadas. Insisto, non hai vacas. O título de Rivas ("Un millón de vacas") envelleceu coa creba da Patria, coas súa destrucción. A Natureza, ao non ser intervida e mantida a raia polo humano agrícola, regresa á selva europea arcaica. Desde a torre da miña vila sinto que ese retorno se acelera. Se nos achegarmos aos sitios, é pior; inzaron as silvas. Hai moitos anos un xeógrafo económico francés estudou o conxunto de Galicia coma "un grande complexo agrario". Así coñecín eu o noso País. As persoas labouraban arreo (Celso Emilio) e mantiña lonxe o xabarín. Hoxe este porco bravo xa non só é o emblema dos vellos Andrade. Hoxe o xabarín é o símbolo perfecto dunha Galicia da que desapareceu a agricultura. Para Beiras, os propietarios campesinos foron exterminados. Non penso que a expresión que usa sexa enfática. Regreso á casa e vexo nos xornais a noticia estremecedora de varios milleiros de tractores amosando a desesperación das xentes activas no campo. Como di Lidia Senra: só queremos producir leite en liberdade. O capitalismo de España e a UE non llelo permiten. Velaí os gandeiros de leite que actualizaron as súas unidades de producción por eles mesmos (sempre labregos con ciencia: Fernández Prieto) e que agora son exterminados polo sistema colonial que aflixe Galicia. Hai algo de tráxico na súa acción. Núñez Feijóo insúltanos ao dicir que Galicia non debe verse coma un Medulio. Algo de heroico e nobilísimo teñen os productores de leite de Galicia (só restan uns milleiros no vello "complexo agrario"). Espero que este Medulio que vivimos se resolva, agora cunha victoria indíxena. Todo indica que Galicia debe manifestarse cunha folga nacional contra tanta ignominia e tamén contra a invasión da selva primitiva.

quinta-feira, julho 02, 2009

VIII Congreso de Historia Local no Castro Laboreiro

Veleiquí vai un avance do programa:

Dia 07 de Agosto de 2009, no lugar da vila de Castro Laboreiro, Hotel Castrum Vilae

21:30 - Abertura: Fotos antigas, vídeos e música NEPML
22:00 - A tomada do castelo de Laboreiro, nos 900 anos do nascimento de D. Afonso Henriques José Domingues
22: 20 - Cinema da raia Júlio Medela
22:35 - Projecção do documentário: "O carro e o home"
Realizado no lugar de Lobeira – Galiza, em 1940, António Roman, c/c de Xoaquin Lorenzo
22:50 - Projecção do documentário: "O homem montanhês"
Realizado em Castro Laboreiro no final dos anos 70, Ricardo Costa (Aguardamos confirmação da sua presença)
00:20 - Mundo Arraiano - Debate Aberto. Moderador: Aser Álvarez

Dia 08 de Agosto de 2009, no lugar da vila de Castro Laboreiro, Hotel Castrum Vilae
21:30 - Abertura: Fotos antigas, vídeos e música
22:00 - Rocha Peixoto 1909-2009 (centenário da sua morte)
A confirmar os palestrantes
22: 30 - Apresentação do livro: "Olelas na lembranza"
Alberto Pérez Adán (autor) - Textos de ficção e realidade sobre modos de vida do lugar do Olelas - Galiza
22:50 - Apresentação do livro: “Eugénio de Castro e a Galiza. Epistolário” de Eloísa Álvarez e Isaac Alonso Estraviz
23:00 - Apresentação do livro: "De Roncesvales a Compostela" de Manuel Rivero Pérez
23:15 - Tradição oral: "Levar os velhos ao monte para morrerem". Manuel Rivero Pérez
23:30 - Património arqueológico na serra do Leboreiro (parte Galega). David Pérez López
00:00 - Lugares mágicos de Castro Laboreiro. Américo Rodrigues/José Domingues
00:20 - Debate Aberto.


terça-feira, junho 30, 2009

Recoñecemento ao Arraiano Maior da Raia Seca


Coincidindo coa Festa da Fronteira, o colectivo Arraianos quere distinguir a Xosé Luís Méndez Ferrín co recoñecemento como Arraiano Maior da Raia Seca pola súa traxectoria na defensa da identidade e da cultura arraianas. Haberá un roteiro literario e un xantar popular abertos a todos os que queiran participar neles. Para anotarse no xantar hai que presentar no día da comida un xustificante de ter ingresado 20 euros no número de conta 2080 0329 31 0040005303 antes do 20 de xullo de 2009.
Para calquera aclaración poden poñerse en contacto con nós.

segunda-feira, junho 29, 2009

O xefe viaxa de Bernardino a Novoneira

Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a "etiqueta" a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de "asas negras" nos chamados (por quen?) Séculos Escuros. Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de "nacionalismo" ou de "comunismo". Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo.

sexta-feira, junho 26, 2009

Na memoria de Juan Vidal

Lendo o artigo do xefe sobre o noso benquerido amigo Juan Vidal , vennos á lembranaza aquela inesquecible sobremesa que compartimos na casa de Luis Carlos Boullosa, en Sisán. Foi unha deliciosa e moi interesante conversa sobre a vida e a morte, a literatura e o talento, a arte, o destino e a vontade, as mulleres e a política, o talante, a actitude e o viño; e todo co cheiro do tabaco da paipa de Juan Vidal na atmósfera dun caluroso día de finais do mes de agosto, co arrecendo do albariño a entrar polas fiestras do luminoso salón da fermosa casa dos Boullosa. Juan Vidal segue a fumar na súa paipa e xoga xadrez cos deuses do gambito letón, mentres os búfalos pacen na gran penechaira que se estende ao seu arredor. Deunos a mala nova da súa perda o Doutor Boullosa Jr, nunha sms urxente dende Madrid, deixando un baleiro no alto da Algalia de Arriba, en terras de Prisciliano, onde estudou Dereito Vidal. Veleiquí o artigo do Xefe do Faro de Vigo, na memoria de Juan Vidal Fraga, un home bo, humilde e entrañable, dos que xa quedan poucos, un home ao que un día descubrín na memorable festa de San Pancracio de Sisán:
"Escribía na fin de semana pasada dos sucesos de Irán. A medida que a miña columna progredía, representábanseme na memoria uns lonxanos acontecementos que tiñan tamén aquel país como teatro. Lembraba os días nos que os servizos secretos norteamericanos e ingleses promoveron un golpe de estado que, derribando o goberno do autor Mosaddeq, apoderouse aló do petróleo. Era o ano 1953 e, eu, un adolescente que discutía a actualidade política en Pontevedra, logo dunha valente intervención en clase de xeografía feita polo noso profesor Francisco Cerviño. Discutía con Juan Vidal Fraga, meu compañeiro de pupitre, mentres dabamos paseos Rúa da Oliva arriba e abaixo.Digo que recordei con forza a Juan Vidal Fraga a finais da semana pasada. Eu non sabía que naqueles mesmos intres el estaba a morrer. Chegou Juan cos seus pais e irmáns desde Cambados para establecerse nunha bela propiedade rural próxima a Pontevedra, non me acorda se situada na parroquia de Tomeza ou na de Marcón. Era moi novo pro algo había nel de precoz e avanzado á súa idade. Fumaba por cachimba (fíxoo durante toda a vida) e era temíbel adversario nas tardes chuviñentas diante do taboleiro de xadrez, digamos que no Moderno.Juan conversaba admirabelmente, sempre cortés, cos que se movían en territorios ideolóxicos distantes dos seus. Desde moi novo, Juan Vidal Fraga sentiu paixón polas ideas, especialmente pola filosofía da historia e pola teoría política. A pesar de padecer unha xordeira grave durante toda a vida, o noso amigo esforzábase en ouvir o que lle diciamos e nunca renunciou á polémica de altura intelectual. Dito todo isto, eu agora evoco a biblioteca.Aínda el andaba de pantalón curto e xa era lector e bibliófilo, dúas inclinacións que non cadran sempre xuntas. En épocas pasadas había en Galicia moitos alfarrabistas de vello, orientados na súa maioría ao libro en rústica e non ao libro antigo de calidade. Eu sempre recordarei o Juan Vidal Fraga na do libreiro que abría as súas portas diante das arruínas de San Domingos. Coido que o meu amigo gastaba, de rapaz, a totalidade da paga paterna en libros vellos e tabaco de picadura para a paipa. Ao cine ía pouco e aos bailes nada. Sobre esta base, Juan foi formando unha espléndida biblioteca centrada nas áreas do seu interese. Logo, unha vez licenciado en Dereito pola facultade compostelá, a súa biblioteca incrementouse cos libros necesarios para o exercicio profisional á aos que se sumaron os procedentes do despacho do seu pai, que levaba o mesmo nome e apelidos ca el: Juan Vidal Fraga.Procedente dunha familia de varias xeracións de avogados en Cambados, o noso amigo, curioso e ben escoitador de estorias de familia e locais, perpetuou unha rica crónica noticiosa de xentes e sucedidos, da política e da vida privada, de toda a capital e provincia de Pontevedra. Ligado familiarmente a Ramón Cabanillas, Juan diume preciosas noticias da orixe e vida do noso grande poeta, noticias que logo a investigación e os documentos foron corroborando. Poñamos un exemplo da súa curiosidade: cando nos anos cincuenta os nosos poetas (Cunqueiro, Castroviejo, os Álvarez Blázquez, Celso Emilio) decidiron inventar o viño de albariño, xa Juan Vidal Fraga sabía todo sobre tal caste de uva e poido informarnos a cerca das súas particularidades. Especialmente Juan combatía o mito incipiente da orixe renata destes bacelos. Juan era bon, de ideas profundas, serio no razonamento, humilde e orixinal nas conclusións teóricas ás que chegaba logo de longa meditación e debates. Para min, Pontevedra vai ter menos luces de sabedoría e lealtade despois da morte de Juan Vidal Fraga. E agora á lembranza de Juan únese a do noso grande amigo Remigio Nieto González.

terça-feira, junho 23, 2009

PATRICIA NOGUEIRA ESTREA N´A CORUÑA “SAN SALVADOR. PRESOS EN CELANOVA”


Con motivo do 30 aniversario da morte de Celso Emilio Ferreiro, Patricia Nogueira estrea en A Coruña o documental “San Salvador. Presos en Celanova”.

O filme relata a historia do mosteiro que se converteu en cárcere durante a guerra civil.

A historia do poeta engaiolado na súa Longa noite de pedra, a do galeguista Elíxio Rodríguez ou a de Celso de Poulo, alcalde asasinado nos arredores de San Rosendo, forman parte da película.

O acto terá lugar este xoves, 25 de xuño, as 20 h. no Museo de Arte Contemporáneo UNION FENOSA “MACUF”, e contará coa colaboración do escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, o dramaturgo Gustavo Pernas e Celestino Poza, concelleiro de Cultura de Culleredo e presidente do Instituto de Estudios Políticos e Sociais, que intervirán na homenaxe e posterior faladoiro.

segunda-feira, junho 22, 2009

O xefe fala verdade sobre Piñeiro

Ao comezar o ano dedicado, polas Letras Galegas, ao político e pensador Ramón Piñeiro circulaba unha versión interpretativa da vida e da obra desta persoa que fabricara algúns dos seus seguidores de derradeira hora. Aseguraban que, sendo Ramón Piñeiro deputado do PSOE na primeira lexislatura autonómica, promoveu, co apoio dos "galeguistas históricos" do mesmo partido (Casares, Casal e Conde) esa Lei de Normalización Lingüística que Núñez Feijóo soña con botar abaixo. Pois non, a Lei de Normalización foi proposta por Camilo Nogueira, deputado nacionalista do partido chamado entón POG. A actividade lexislativa do grupo do PSOE liderado por Ramón Piñeiro foi nula ou cuase inexistente, como se pode comprobar achegándose un ao diario de sesións. Iso si, o alter ego de Piñeiro en funcións de Delegado do Goberno e de presidente da Academia Galega, Domingo García-Sabell, recorreu en Madrid a Lei de Normalización Lingüística por considerala excesivamente favorábel ao noso idioma nacional.Fálase das intensas relacións suprapartidarias de Ramón Piñeiro cuxos dotes suasorios se farían notar no Parlamento sobre todos os grupos representados. Con facer un chisco de memoria, comprobaremos que Ramón Piñeiro e os seus seguidores (Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde) nas fileiras do PSOE votaron a expulsión dos deputados do Bloque que se negaban a xurar a Constitución e o Estatuto, a saber: Lois Diéguez, Claudio López Garrido e o meu vello amigo Bautista Álvarez.Montres os "galeguistas históricos" e Ramón Piñeiro votaban a expulsión do Bloque nun acto que, no seu día, clamou ao escándalo, o tamén nacionalista (aínda que "xuramentado") Camilo Nogueira diu a cara en defensa dos seus próximos. As boas relacións suprapartidarias e benevolentes de Piñeiro cos seus colegas parlamentarios excluían os nacionalistas do Bloque. Estas e outras estorias sobre Ramón Piñeiro e o seu conxeito van saíndo á luz aquí e acolá e serven para coñecer mellor a nosa historia política durante o período franquista e pos-franquista. Encóntrase a Academia Galega encetando xa os debates sobre a figura á que o ano próximo lle será congrado o Días das Letras Galegas. Pro novas visións, máis amplas e veraces que as que circulaban nos pequenos círculos piñeiristas que sobreviven moi diminuidos, van saíndo á luz e contribúen a dispersar as miudenzas do mito de Piñeiro. Nantronte foi un espléndido ensaio de Fernando Pérez-Barreiro (Universidade de Compostela). Onte mesmo, o estudo de Garrido Couceiro sobre as relacións de Piñeiro con Castelao en vida deste (A Nosa Terra). Recoméndolles o artigo histórico de X.L. Axeitos que sobre tal personaxe verá a luz axiña na Trabe de Ouro. X. Ramón Pena e o citado Garrido Couceiro dialogaron o pasado xoves sobre dúas enteiras páxinas de FARO DE VIGO e alí apareceron perspectivas novas e datos referidos a Ramón Piñeiro e ao exilio republicano que xaceran coidadosamente soterradas por aqueles a quen lles interesa un Ramón Piñeiro á medida das propias necesidades prácticas. Por fin, cando finalice o ano, a Academia organizará un congreso sobre Ramón Piñeiro que servirá para rematar, e rematar ben, as liñas encetadas e para que todos poidamos chegar a conclusións. A Che Guevara gostáballe repetir que a verdade é sempre revolucionaria, e a Academia Galega non se equivoca nunca ao escoller a figura memorábel do Días das Letras Galegas.

segunda-feira, junho 15, 2009

Presentación Lethes 9


Este venres 19 de xuño, ás 20:15, na Casa da Cultura de Xinzo, presentación dun novo número da revista Lethes, Caderno Cultural do Limia.

O xefe fala sobre a lingua de Deus

Anda por territorios do BNG a crenza de que o Islam é una doutrina que expresa o nacionalismo de certos pobos orientais e africanos no noso tempo. Nada máis falso que esta ideoloxía supletoria do internacionalismo verdadeiro.No pasado, Mahoma e os seus descendentes foron uns déspotas militaristas que chegaron até Galicia e que mais ou menos por aquí pararon a súa expansión. Por onde pasaron, impuxeron polas armas a lingua árabe e a súa relixión. No Norte de África, só en condicións precarias sobrevive nos nosos días a lingua bérbere autóctona.É verdade que o Islam é una relixión universal e non étnica. Os musulmáns non son racistas. Se non ao xudaísmo, eu podo converterme á fe de Mahoma se Deus movera o meu corazón igual que moveu o de Roger Garaudy. Eu e Vostede, lector ou lectora, seriamos ben recibidos no Islam. Naturalmente na relixión de Moisés non tería sitio eu nin ninguén que non fose de raza hebrea porque o Deus dos xudeos elixiu este como pobo superior aos restantes pobos. Centos de linguas e de culturas desapareceron fagocitadas (lean I. J. Calvet) pola lingua e a cultura árabe dos invasores: entre elas as linguas romances da metade Sul da Península. Por isto último, e mercé á reconquista, a metade Sul de Hispania fala portugués (do galego), dialectos andaluces e meridionais (do castelán) e valenciano e balear (do catalán). O Islam borrou os dialectos latinos ou mozárabes do Sul. A Reconquista impuxo, tamén pola forza das armas, as linguas do Norte a expensas do árabe. Eis una historia sintética das actuais linguas ibéricas descontando a astur-leonesa, a aragonesa e a euskera, por razóns obviamente distinta.Na actualidade, o árabe, mediante a relixión, perturba a lingua de Irán (indoeuropea) á que encheu de arabismos e impúxo o seu alfabeto. Cada día, o muecín recita os versículos do Corán en árabe para pobo iraniano ouvir. Millóns de meniños do mundo enteiro e de linguas tan diversas como as malaias e as de China occidental son indoctrinados no árabe coránico. No citado Irán non se estuda a Omar Khayyan, por heterodoxo e bebedor de viño, e a historia deles comeza coa islamización e ignora Persia. Os meus amigos tuarejhs, só superficialmente islamizados, están hoxe sendo sometidos a unha arabización orixinada nos petrodolares wahabíes procedentes de Arabia Saudita. O Islam recoñece a existencia de todas as linguas e nacións do mundo. Pro a só a lingua árabe é a lingua de Deus. Co que xorde á luz, se ben reparamos, unha diclosia que procede da cega e brutal alienación relixiosa. Os bérberes de Kabilya alxerina decapitados por falaren a súa lingua e seren mahometanos tépedos son a imaxe do martirio das nacións a mans do islamismo.Sabían moi ben o Bass e Nasser e o socialismo e o nacionalismo árabe o que facían ao proclamar a liberdade de cultos e o laicismo. E sabían moi ben os EEUU o que facían armando os fanáticos de Afghanistan contra o seu goberno nacional-popular e prosoviético, no que as ministras non levaban panos na cabeza. O que acontece é que, por veces, aos que disparan lles saen os tiros pola culata.

sexta-feira, junho 12, 2009

O xefe na defensa de Torres Queiruga

Agora que Occidente profundiza no seu camiño á descrenza masiva, o Papa Ratzinger viaxa a Palestina. Viaxa aos sitios onde naceu a súa fe e desde onde se espallou mediante o auxilio dos poderes terrenais do Imperio Romano. É esta viaxe un acto de fe ou unha desas peregrinaxes que Lutero condenaba, razón pola cal non hai protestantes en Terra Santa? Seguramente que si, pro tamén, coma todas as peregrinaxes dos notabeis, foi una viaxe política.O islamismo adopta a forma furifunda ou almorábide ou derviche, e as diversas manifestacións do fanatismo atemorizan as cristiandades de Oriente Próximo, algunhas das cales xa existían alí cando os galegos adorabamos a Navia fermosa e a Larouco forte coma as rochas. Melquitas, nestorianos, armenios, maronitas, coptos, vivían coma peixe na auga das republicas árabes laicas de antaño, e aínda o fan no Líbano, en Siria e, por días, en Exipto. A tradición estratéxica do Vaticano viña sendo a de atraer estas comunidades á obediencia romana, pois xa se sabe que para eles, a única igrexa verdadeiramente cristiá, fóra da cal non hai salvación, é a Católica.Segundo tal método, Roma ofrécelle a estas igrexas autocéfalas a seguinte solución: corrixen as súas discrepancias dogmáticas e recoñecen a autoridade máxima do Papa. Logo o Papa permitíralle continuar coas tradicións autóctonas, nas que se inclúen as liturxias expresadas nas linguas propias (copto, arameo ou caldeo, armenio…). Igualmente, e despois da adhesión, a disciplina romana tolerarálle aou clero oriental a práctica de contraer matrimoño pouco antes de recibir o sacramento da orde para que ambos estados sexan felizmente compatibeis.Un dos segredos mellor gardados da igrexa católica europea é que nas comunidades orientais de obediencia romana os cregos poden ser homes casados e con familia. Coido que os monxes non.Naturalmente a viaxe de Ratzinger aos Santos Lugares, seguindo a carreira da nosa Exeria, tiña como obxectivo acelerar a corrente de aceptación da autoridade romana por parte das igrexas orientais. Perseguidos ou acosados polo fanatismo muslime do que tanto gustan Francisco Rodríguez e o seu BNG, aquelas comunidades poderán sentirse máis seguros co amparo de Roma. Ás porcións de igrexas orientais que manteñen a independencia, o Papa ofrécelle tamén a súa protección á espera de que dogmaticamente "se convirtan". Con isto, a influencia do Papa na rexión aumentará sen dúbida.O Vaticano sabe que un entendemento profundo co xudaísmo é imposíbel constitutivamente, entre outras causas porque a mosaica é unha relixión étnica que acredita nun Deus exclusivo para Israel. Co Islam tamén non hai confluencia doada xa que o seu Deus único (non trino, por suposto) pode ser universal pro descoñece a moitedume de seres e espacios subrenaturais que achegan o catolicismo a un politeísmo, alén da persistencia da memoria das Cruzadas. Imponse, pois, atraer as minorías árabes cristiás para evitar que, como no caso do falangismo libanés, se alien co sionismo. Así, Roma exercerá o seu poder e autoridade en Oriente. Co esmagamento militar do baasismo laico en Irak e con Tarik Aziz (nesteoriano de orixe) prexo ou se cadra morto, prodúcese a circunstancia farorábel á ofensiva vaticana en Oriente.Non, ao doutor Ratzinger non lle falta fineza. Fáltalle aos bispos españois, sempre tan bouzáns, que queren perseguir polas súas ideas a Torres Queiruga.