domingo, maio 31, 2009

Impresio Mertens

En dúas palabras... Xa había tempo moito que non chorabamos nun concerto. E o cabrón de Win Mertens conseguiu emocionarnos coa súa actuación redonda. O Teatro Jofre de Ferrol foi unánime no veredicto. Patalexou, púxose en pé e soñou co bandullo do arquitecto. "De diez", dicía aos seus colaboradores en baixavoz o alcalde da cidade, o Irisarri, sentado diante dos cronistas co seu look de Ramón y Cajal, meneando a cabeza.
O enorme pianista e compositor belga (flamenco) non dixo unha palabra en todo o concerto a maiores da presentación da banda. Pero para que falar cando se fai unha música tan fermosa. O vello Mertens é unha especie de mago guasón e carralleiro pero rigoroso, un clown vestido de negro, que se move coma peixe na auga nun mar misterioso e magnético que se atopa entre Anthony and the Johnsons e Rodrigo Leao. Na súa banda, a Win Mertens Ensemble só están os mellores. Contrabaixo, chelo, viola e dous violíns. Supinos virtuosos con moita alma e pouca pose parva. Mertens rouballes a alma a todos eles e a nós tamén. Non canta, bafexa, supura, susurra nunha linguaxe antiga de raiz indoeuropea que nos arremuíña, nos eleva e nos mete debaixo da terra. Mertens consegue facernos chorar, rir, bailar e cantar e pechar os ollos e soñar. Unha vez máis. E dámoslle as nosas beizóns. Imposible enfocar ben tanta emoción.

sexta-feira, maio 29, 2009

Mestre troitólogo e filólogo

O vindeiro luns, 1 de xuño, ás 8 do serán, o catedrático arraiano Juan José Moralejo, autor entre outras moitas obras, do xenial libro As troitas, miñas señoras, vai falar sobre os nomes dos ríos galegos na sede da Fundación Caixa Galicia, na rúa do Vilar de Santiago de Compostela. Coma sempre, imprescindible este Moralejo. Vémonos nos ríos, aínda que dea bastante noxo ver como están.

Win Mertens en Ferrol

Os nosos expertos musicólogos arraianos acuden este sábado ao Teatro Jofre de Ferrol para escoitar ao pianista e compositor Win Mertens. Daremos boa conta do concerto neste caderno de bitácora. A ver de que vos sona este tema... http://www.youtube.com/watch?v=dmtY6U0KwoI

terça-feira, maio 26, 2009

A Raia Seca e o principio do mundo

O parque natural transfronteirizo máis grande da UE, o da Peneda e Xurés, que engloba 33.000 hectáreas entre Galicia e Portugal, ten sido declarado Reserva Internacional da Biosfera pola UNESCO. Esta declaración de protección internacional para o macizo granítico arraiano Gerês-Xurés pode significar un salto cualitativo na promoción e na defensa do noso principio do mundo ou tamén pode ser máis do mesmo que vai para ningures. Sexamos optimistas e confiemos en que a idea non pase por convertelo nun parque temático, se non por facer partícipes da súa xestión coordinada aos poboadores destas zonas, arraianos de pro, que son os que manteñen vivo o territorio.

segunda-feira, maio 25, 2009

Agás o xefe

Ano tras ano saltan voces críticas contra o Día das Letras Galegas. O curioso é que os contradicores desta festa político-cultural adoitan ser persoas que se presentan a elas mesmas como nacionalistas. En moitos casos os que posfazan da celebración son mesmamente escritores en lingua galega algúns dos cales, dez anos despois da súa morte, serán celebrados en actos, conferencias e congresos como figuras centrais dos Días das Letras Galegas como porvir lle reserva a Galicia. En realidade a festa de que falamos contribúa a que haxa mil días máis para as Letras Galegas nun futuro no que idioma estea vivo na boca dos compatriotas. Este ano, as rúas das nosas ciudades foron invadidas polas voces de milleiros de nenos que se manifestaban, en Correlingua, a favor do idioma da súa estirpe. Estes nenos estaban autorizados e animados polos seus pais e protexidos polos mestres e os órganos regulares dos seus centros educativos. Cando Correlingua se manifestaba pola rúa de vigo no que vivo, comprobei que eran moitos os coches que pitaban rítmicamente ao compás dos slogans da leda rapaciada. Para cousas coma esta serve o Días das Letras Galegas. Logo, como estamos en tempos de tribulación para o idioma noso, a Mesa pola Normalización convocou unha manifestación en Compostela que foi apoiada por todas as organizacións sociais, políticas e culturais verdadeiramente galegas (polo Club Financeiro de Vigo coido que non). O resultado foi que as multitudes galegófonas (milleiros e milleiros de suxeitos indignados) invadiron a cidade levítica e convertérona na capital real da nación incesante (Beiras). E isto ocorreu no Días das Letras Galegas. Letras que se celebraron con innumerables actos e festas, de Norte a Sul e de Leste a Ueste, por todo o territorio poboado por humanos en Galicia. Cada ano, a Academia Galega designa un escritor cuxa figura centrará a reflexión culta e a actividade divulgadora durante un ano. Tal figura será a clave que explique unha época da nosa Historia como pobo deferente a todos os pobos do mundo, ou sexa como nación. Este ano, a Academia escolleu Ramón Piñeiro, personalidade complexa e central dunha controversia política que chega aos nosos días. Ao finalizar o ano, a Academia porá en pé un congreso no que a vida, a obra e a época de Ramón Piñeiro será sometida a exame en profundidade. Tamén para alumear os currunchos da nosa Historia serve o conmemoración das Letras Galegas. O pasado día 17 e ao regresar do acto académico que tivo lugar en Láncara, cruceime en Vigo cun meu coñecido, de seu oficio carpinteiro de ribeira nun esteleiro da ría.
–Na Praza da Independencia –díxome– vin un sinal de prohibición para os vehículos cun letreiro que di: "Agás residentes". Eu non sei o que é "agás".– Significa "a excepción de", "non sendo", "excepto" –aclareille eu. O meu interlocutor ficou pensativo. Logo preguntou: –Entón "agás" é unha desas palabras que nos quitaron?–É -asentín. Claro que o Días das Letras Galegas serve para moito.

domingo, maio 24, 2009

A derradeira sesión


Este é o nome da exposición realizada por Manuel Sendón e Olaia Sendón, que estes días podedes ver na Casa da Parra de Compostela. Paga a pena a visita. Altamente recomendable. Material evocador, luminoso e decadente. Fotografía cirúrxica do pai e un fermoso documental da filla que nos levan a viaxar polas vellas salas de cine de Galicia. A maxia e a decadencia do cinema. Cheiro a humidade das butacas. Evoco a miña infancia celanovesa, correndo polas traseiras do cine Regueiro, co Luis do Avenida e co Miguel Músico, detrás do Jesús Cagalleta, o derradeiro operador cinematográfico de sala que houbo en Celanova; para que nos deixara ver os catálogos e as películas NRM dende o caseto de proxección.
Alí, no vello cine Regueiro e tamén no Cine Clube Solpor de Celanova, coñecín a Bruce Lee, a John Wayne e a Bud Spencer, a Woody Allen, a Bertolucci, a Coppola, a Ford e aos Monty... Hoxe voltaron todos a visitarme mentres paseaba pola exposición da Casa da Parra de Compostela. Vémonos no cine e tralas fiestras da memoria. Nas traseiras do cine Regueiro, na canella e na finca do LLoves. Só ata o 10 de xullo.

sábado, maio 23, 2009

O gran Seun Kuti e a orquestra Egypt 80

Fela Kuti xa pode descansar tranquilo, pois o seu fillo anda solto e seguindo os seus pasos. Tan solto que, ao mando da orquestra herdada do seu vello, Egypt 80, puxo en pé a todo o auditorio do pazo da cultura de Pontevedra. Cando morreu seu pai, en 1997, Seun só tiña 15 anos. Pero hai cousas que a estirpe perpetúa, couas que melloran xeración tras xeración, pola fixación xenética e o legado dos antergos.
Puro lume foi o que puidemos sentir os poucos espectadores deste xenial concerto. Calor, cores vivas e soños nixerianos cada vez que danzamos cos ollos pechados. Poucos foron quen de permanecer sentados todo o concerto. A banda é pura enerxía afrobeat: catro ventos, dúas guitarras, teclados, batería, dúas coristas-danzantes deliciosas e tres percusionistas máis. Seun Kuti semella un rebelde seminarista nixeriano, con pantalóns brancos aptretados, zapatos brancos de vendedor de churros e camisa branca axustada, que sacou contra o final da actuación para apoteose das féminas. Algúns machos imitaban malamente as danzas das dúas mozas africanas. Este home segue a pegada musical e o compromiso político do seu vello. Os seus concertos son coma unha oración pagana de ledicia, saxo rompente e sabor africano. Se non fora por algúns cambios de ritmo soberbios, as dúas horas semellarían unha soa canción circular, sen acougo. O sosego só se acada ao final. Iso si, Seun Kuti baila moito mellor que o seu pai, quen falaba con bastante máis propiedade e tiña a cabeza mellor amoblada ca el. A pesar de todo, un notable alto. Festa rachada. Funki, jazz, percusión, electricidade e paixón.

sexta-feira, maio 22, 2009

inter cultural


En clave australiana: II-SP e o boomerang

Publiquei eu hai moito un conto titulado "Ela, boomerang" que agoa me vén á acordanza. Escribo esta columna despois de o Tribunal das Salesas ordenar a disolución da candidatura ás eleccións europeas Iniciativa Internacionalista-A Solidaridade dos Pobos (en diante). Eu pensó que esta ilegalización constitúe un disparate político en forma de boomerang mal dirixido. A arma australiana, usada para ferir o que eles chaman "entorno abertzale", ao voltar ao cazador bátelle a este na testa en lugar de ocupar o seu lugar mansamente na man. Un periódico a fin ao PSOE, El País, editorializa poñendo en dúbida a corrección e necesidade da ilegalización e, nos artículos de fondo, Javier Pradera e algunha notabre asinatura máis sosteñen que o fallo do Supremo é feble e non se basa amáis que en indicios non demasiados racionais da afinidade dalgúns compoñentes da listas coa antiga Batasuna. Na realidade, El País e o vello raposo de Javier Pradera están moi preocupados pola ilegalización xa que esta se encontra denunciada no Tribunal de Estrasburgo ao o cal II demandou amparo. Se o Tribunal Constitucional non bota abaixo o fallo do Supremo, sen dúbida Estrasburgo condenará a ilegalización e España amosará de novo diante do mundo a faz sinistra de Torquemada e da Santa Inquisición. Ninguén cre en España que II sexa unha candidatura encoberta de Batasuna. Moito menos en Galicia. E non falo da FPG, que partipa nas listas, senón de intelectuais como Fernán-Vello ou Dionisio Pereira, este seguido de trinta asinaturas en Vieiros e noutros sitios de internet, nin tampouco da Aula Castelao de Filosofía, entidades e persoas que condenan con firmeza o que consideran un atentado aos dereitos civís, incluidos os dereitos civís dos galegos. En efecto, II está integrada por persoas e colectivos de todas as nación e territorios do Estado Español e reflecte moi ben unha esquerda realmente existente, no plano intelectual, nos movimentos sociais, na esquerda obreira xenuína, que inclúe os nacionalismos galego, vasco e catalán pero que os reborda e anchea. Se cadra o medo a unha verdadeira esquerda solidaria en todo o Estado servise de estímulo para esta ilegalización. En todo caso II non é unha Galeuzka segundo o modelo histórico tan caro a Castelao, nin unha Galeuscat. II é unha alianza dos pobos e das nacións da España anticapitalista en tempos de crise. Alianza que defende o principio de autodeterminación, que non está na Constitución española pero si no consenso democrático internacional e na letra e no espírito das Organización das Nacións Unidas. Os componentes de II son considerados perigosos polo goberno de Madrid e este move os órganos xurídicos que dependen xerarquicamente do executivo (Avogacía do Estado e Ficalía) os cales lle apresentan a unha sala ad hoc do Supremo un documento mal construído, apresurado e redactado, con palabras de cafetín (fálase de "infección", de "banderín" de engache" lexionario…). Ora ben: esa sala, especializada en grandes disidencias, cunha Lei de partidos ben anti-democrática na man, non consigue unanimidade no seu fallo. De 16 membros, 5 maxistrados votaron en contra da ilegalización de II. Non houbo unanimidade. O boomerang, no intre mesmo do fallo do Supremo, comezou a virar na dirección da testa do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. En todo caso, se o Constitucional non recompón o erro, verémonos en Estrasburgo.

Morre a avoa blogeira

Morre María Amelia, a blogueira más anciá do planeta aos 98 anos de idade, dous anos e medio despois de estrear, o día que fixo 95, un blog que se converteu en todo un fenómeno da Internet. Nacida en Muxía (A Coruña) en 1911, a aboa da Rede levaba una par de meses sen facer novas aportacións na súa páxina, coa que se comunicaba con milleiros de amigos dos cinco continentes. Un agarimoso saúdo blogueiro para ela dende esta beira da pantalla.

quarta-feira, maio 20, 2009

Arraianos no feisbuc


Como non podía ser doutro xeito, os arraianos estamos alí onde se coce algo importante. Reproducimos eiquí o primeiro tema de discusión da ágora arraiana no feisbuc ese famoso.
1. Hoxe imos falar das Chegas de Bois, unha tradición ancestral que se está a perder na parte galega da Raia Seca polas denuncias dos "ecoloxistas". Antigamente cada aldea arraiana tiña o seu boi totémico, que loitaba co da aldea veciña ata que un deles vencía. Xa nunca voltaban loitar porque xa se lembraban de quen era o máis poderoso. Así de nobles son os bois, pero non podemos dicir o mesmo dos humanos... Trala prohibición das chegas en Mugueimes, único lugar de Galicia onde se facían, polas denuncias dos presuntos defensores dos animais, o concello decidiu subtituir a chega por un penoso espectáculo portátil no máis puro estilo baltaril tauritón. Como se o que subxacera a esta celebración telúrica fose realmente unha pulsión taurina. En Montalegre está a capital das Chegas de Bois. Menos mal que nos queda Portugal. Aquí aínda non houbo quen se atrevera a declarar as chegas de bois un elemento fundamental da tradición galaico portuguesa. Neso estamos... loitando coa forza telúrica do totémico boi dos arraianos...
2. Facelo ben aínda que non vaia a ningures... Veleiquí unha máxima dos arraianos, establecida por Henry Miller no seu día e incorporada recentemente ao noso ideario polo doutor Boullosa, o enfeitizado de malasaña. Para que os "ecoloxistas" non poidan denunciar as chegas de bois abondaría conseguir unha declaración pública dese ritual ancestral como parte do patrimonio inmaterial galaico portugués. Deste xeito, non se podería invocar o cumprimento da lei de protección de animais, porque as chegas de bois quedarían á marxe dese texto legal por tratrase dunha tradición. Dado que a ninguén lle interesa demasiado este tema, e posto que non dubidan en substituir as chegas de bois por touradas portátiles a la spanish omelette, sería bo facer unha recollida de sinaturas e unha campaña de divulgación para conseguir esa declaración e o recoñecemento público e a defensa dunha das tradicións arraianas máis ancestrais e auténticas, canda o contrabando, o espírito irredento e a dobre nacionalidade.

terça-feira, maio 19, 2009

Seun Kuti en Pontevedra


Seun Kuti é o derradeiro fillo de Fela Anikulapo Kuti. O seu vello foi o creador do Afrobeat, corrente musical arraiana onde as haxa, e non podemos resitir a tentación de ir comprobar este sábado 23 de maio, no Pazo de Cultura de Pontevedra, se estamos ante o seu digno herdeiro. Imos á procura do espíritu arraiano do vello Kuti, para ver se a continuación da estirpe está garantida.

Fela Kuti, nixeriano e creador do Afrobeat, morto en 1997 segue sendo un dos referentes da música africana máis comprometida e brillante. Seun Kuti, na foto, aterra agora en Pontevedra coa lendaria banda do seu vello, Egypt 80, liderándoa como saxofonista e vocalista. Imos ver se arde ou non arde a cidade do Lérez e se os músicos nos fan arder a nós tamén, para arrincarnos o cheiro da celulosa. Neste caderno arraiano daremos boa conta deste concerto argallado pola xente da fábrica de chocolate. Seguiremos a informar...

segunda-feira, maio 18, 2009

Arredor do mapa de cores do xefe

En 1956 un valioso narrador galego da miña xeración, Xohán Casal, morto novo, fechouse no seu cuarto e escribiu un auto-manifesto en castelán que levaba o título de "Hacia un mapa de colores". Trataba da necesidade de que todas as nacións sen estado do mundo se convertisen en repúblicas libres e autodeterminadas. Fortemente utópico, o escrito de Xohán Casal fundamentábase nun libro que poucos galegos vivos leron: "Doutrina nacionalista" de Ramón Vilar Ponte con prólogo de Vicente Risco. Despois, Casal pasouse ao galego. Está moi divulgada a idea de que os nacionalismos (das nacións sen estado) son perxudiciais; especialmente, na circunstancia española, o vasco, o catalán e o galego (por orde de displicencia). Soe argumentarse contra estes nacionalismos que o mundo camiña cara unidades políticas superiores e que as nacións de poboación pouco numerosa son inviabeis como estado. Deixemos a unha banda o feito de que Islandia (mesmo en crise) é a república do mundo capitalista (controlado) máis próspera e feliz, a pesares de non ter senón uns centos de milleiros de habitantes. O caso é que a profecía de Xohán Casal resultou realidade. Desque el escribiu "Hacia un mapa de colores" deica hoxe, no mundo xurdiron infinidade de novas repúblicas independentes. Antes de Casal, e a raíz da Revolución de Outubro e da Guerra Europea, Finlandia, Checoslovaquia e outros países pintaron o mapa de Europa con matices inéditos. Eu relembro o continente africano sen outros estados que Liberia, Unión Sudafricana e Exipto, pois Etiopía na miña nenez fora invadida polas valentes forzas expedicionarias do Duce para crear o Novo Imperio Romano. E ben, ao longo da miña vida fun vendo como Africa enteira se descolonizaba, para ben unhas veces e outras para regular, e aquel mapa ia sendo coloreado con todas as cores e combinacións da cuatricomía e do Arco da Vella. Asia e Oceanía tamén se vestiron de tintas rechamantes; por veces coa cor do sangue, caso Viet Nam, Laos e Cambodja. O comunismo e o neutralismo progresista chamábanlle a éstes "movementos de liberación nacional". E fomentábannos a Unión Soviética, as democracias populares, China, Cuba. Israel apareceu no mapa político, esta vez con cores sombrizas de inxustiza en permanente expansión cartográfica. Un vento contrario da Historia fomentou, despois, os nacionalismos capitalistas seguindo a directiva dos EEUU. A consigna era aniquilar a URSS e, na queda do estado federal do socialismo real, accederon á independencia repúblicas que xa intentaran ter pintada a súa cor no mapa da "nova" Europa deseñada pola Alemaña nazi: as bálticas, Georgia, Ucraíña, Bielorrusia. Nas estepas da Asia Central, coa música de Borodin ao fondo, apareceron as cores dos novos estados petroleiros. Logo foi preciso destruir Yugoslavia, e o odio relixioso e o fanatismo incitado polo estranxeiro culminou en repúblicas independentes tan inverosimeis coma é Kosovo. Non sei con que cor figura Kosovo no mapa desta triste Europa en que nos tocou vivir. Ao mellor resulta ser de cor Ilusión, coma dicía Quevedo.Escribiu Étienne Balibar: o nacionalismo é plástico. Todo pende de que contido de clase teña e a quen sirva. Penso en Tibet e en que de acadar a independencia que lle procuran as forzas negras da historia, levará ao mapamundi a cor da alienación relixiosa e da tristura pre-lóxica.

domingo, maio 17, 2009

Manifesto das Redes Escarlata

Ante a ilegalización da candidatura Iniciativa Intenacionalista, que tiña previsto concorrer ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo, as Redes Escarlata queren deixar constancia do seguinte:
1.-Aínda que a nosa militancia pertence a diversas opcións políticas, consideramos boa nova o artellamento dunha candidatura que defende a autodeterminación desde posicións inequívocas de esquerda.
2.-O Estado marcou no seu horizonte a eliminación física de calquera ideoloxía hostil á monarquía constitucional. Nese proxecto común do PSOE e do PP quedan significativamente dentro da legalidade -así o advertimos no seu momento ao denunciarmos a Lei de Partidos- as organizacións ultradereitistas de signo xenófobo, nazi, católico, etc.
3.-A resposta contra este novo esmagamento das ideoloxías que España desexa expulsar da libre confrontación nun proceso electoral non debe vir só das propias institucións europeas, senón dos partidos, sindicatos e plataformas que se din democráticas. De non se dar unha inmediata reacción por parte do resto do espectro político galego, coidamos que no futuro será realmente difícil evitar a sospeita de que o silencio e a insolidariedade sirvan outro amo diferente do que, unha vez máis, criminaliza a defensa da autodeterminación e do anticapitalismo.
Saúde e República
Compostela, 15 de maio de 2009

sexta-feira, maio 15, 2009

A morte de John Ford

Agora que só me dedico ao cultivo profisional de bonsais, xa o podo contar, porque eu estaba alí, ao pé da súa cama. Podo dicir que hai tres versións sobre as derradeiras palabras de John Ford antes de morrer e que as tres son verdadeiras, porque seica a verdade sempre é unha mentira que aínda non ten sido descoberta, ou algo así dixeron pola radio... Velaí van as tres versións da mesma realidade (algún día voltaremos falar aquí de Connemara e de homes tranquilos).

1. Un cura irlandés está a facer unha cerimonia de extrema unción interminable. Ford está en coma, deitado na cama do hospital, pero milagreiramente abre un ollo para dicir: Santa maría madre de Dios...

2. O cura moe aos santos todos coa extrema unción. Non dá rematado e Ford sae do seu letargo comatoso para dicir: Coooortén!, como se estivera rodando O home que matou a Liberty Valance.

3. Estamos na mesma situación, no leito de morte, co cura e coas uncións extremas e, de súpeto, o director abre un ollo e di: non teredes un puro por ai?

terça-feira, abril 28, 2009

Gripoume o porco

Vendo os sempre estimulantes informativos da TVG, que onte fixeron un directo coa reporteira informando sobre a gripe porcina enfundada nun marciano traxe branco entre os porcos, pero asegurando que non había perigo de consumilo, vaia imaxe de tranquilidade e normalidade que trasnmitía, veume ao maxín un tempo remoto en que todo cheiraba a tubarrete e carbonilla de carburador. Lembro aqueles anos de adolescencia no taller do Patacas de Celanova, cando soñabamos con atracar a algún vello para mercarnos, por fin, unha moto trucada ou de serie, que os nosos pais se negaban a mercarnos. Daquela había anxos do inferno que percorrían a comarca e eran a nosa envexa. Nós tiñamos chupa de coiro, pantalóns e camisetas de xevi, e escoitabamos aos chicos e aos calis. Incluso tiñamos casco e luvas. Só nos faltaba a moto para ser plenamente felices.
Daquela tamén soñabamos espertos que as chuchis se nos espetaban, cando as levabamos de paquete, nas apuradas de frenada que caracterizaban aos machotiños. Só podiamos soñar, e de cando en vez, mangar algunha moto na vila e darlle unhas voltas co ferro a fondo ata toupala. A aquilo chamábaselle gripar. Popopopooooooo.... e había que levar rectificar o motor onde o angelito de ourense e blablablá...
Seica os porcos tamén griparon nestes días, con tanto chourizo, tanta cachucha e tanto xamón que lle jalamos non é de estranar, é o seu xeito de protestar... o mesmo que griparon os informativos infumables da TVG, onde fan directos ata para dicir que chove no inverno e que fai sol no verán, sen importar o que lle custan eses alardes técnicos a todos os galegos. Nada mellor para animar a comer porco que poñer á reporteira vestida de badiola nunha granxa porcina. Mágoa dunha entrevista en directo co porco xefe supremo dicindo: "home, xa se sabe que somos marisco de curral e que uns picamos e outros non, pero a todos nos chega o san martiño e a gripe do porco voando que ás veces te pilla coa pezuña de pé"... e esas cousas espontáneas e informativas que tranquilizan aos consumidores. Tamén gripou o bicéfalo bipartito, coa súa lingua bífida de beizos insaboros. Os que non griparon foron os medios de comunicación galegos, que foron untados con máis de 50 millóns de euros polas "nosas" consellerías, para logo metela dobrada por onde empezan os cestos. Toda unha lección de independencia e democracia nun país excesivamente civilizado, onde os porcos falan e gripan, son trucados e levan tubarro. Claro que o que non chupa por un lado, chupa polo outro. Pero que conste que nós non levamos un can desa tarta de santiago con purín que se repartiu entre os avutres, aínda que somos un medio de referencia no país onde os cerebros adoptan forma de lacón. Gripoume o porco e eu sen paracetamol na casa. Haberá que embimbalo, que a augardente cura todo...

segunda-feira, abril 27, 2009

Mulleres da raia


Mulleres da Raia, documental dirixido por Diana Gonçalves, recibiu o Premio da Prensa á mellor película no Festival Caminhos do Cinema Português, que se desenvolveu do 18 ao 26 de abril en Coimbra. Durante estes días semana, o numeroso público que se achegou ao Teatro Académico Gil Vicente, puido ver unha mostra da mellor produción nacional. Un total de 69 películas participaron na sección competitiva, e entre elas Mulleres da Raia, que competía en tres categorías: Premio del Jurado Oficial, Premio de la Prensa e Premio de la Federación Internacional de Cineclubs. Os nosos parabéns a Diana Gonçalves, arraiana maior.

domingo, abril 26, 2009

Reflexións arraianas de domingo pola mañá


Seica o galego perdeu un 35% de falantes, sobre todo entre as xeracións máis novas, durante os últimos dez anos. Non teño nin idea de que técnicas cualitativas e cuantitativas de investigación social serían precisas para chegar a esa fuxidía conclusión, pero este modesto servidor do exército pacifista armado arraiano teríalles aforrado moitos esforzos aos devanditos investigadores. Abonda con dar unha volta polos centros comerciais das cidades galegas ou vermos o pouco bo hip hop que se fai en galego. Un agarimoso saúdo ao Leo, ao García e ao Hevi dende esta palestra.

A verdade é que non sei por que nos estrañamos, xa que todos sabemos que somos un incivilizado non país dividido entre estriñidos crónicos e diarreicos ocasionais, arraianos e non arraianos como dicotomía transversal. Xa dicía o outro que non hai gusto máis cumprido que cagar cando se está estriñido... Pois si, amigos, chegou o momento do cambio... Xa está aquí... Os tractores xaponeses, vendidos como chatarra no país nipón, entran en Galicia de contrabando a través de Portugal. Quero ter un kubota coma o da foto, un kubotiña, que non un cubata manchiqueiro, ou tamén... tomarme un kubata no kubota... Disque algunha xente volta ao campo. O agro é agora o colchón sen muelles das contradicións do sistema. Voltan os chimpíns sen papeis, pero agora son chimpíns zen. A terra trabállase e abandónanse os solariums e os ximnasios. A xente nova e non tan nova volta a Chaguazoso dende Hospitalet e os ourensáns de Vigo cargan os seus remolques e citroninas con patacas, cebolas e verduras, para non ter que ir ao alcampo. Os avós voltan ao centro do sistema para dicir como carallo se sementa. Claro que sempre nos quedará o grumir, protección civil, o exército ou as oposicións a policía e garda civil. Estabilidade na incertidume. Son tempos de cambio e lemos con ledicia na prensa provinciana deste non país a segreda confesión do novo conselleiro de cultura, Roberto Varela, toda unha perversión nocturna que quere compartir cos galegos máis arraianos: seica lé poemas de Méndez Ferrín todas as noites antes de durmir, e que non o debera dicir porque é moi radical e de esquerdas. Pero, que máis ten iso se escribe bos poemas. O xefe é o puto xefe. Mentres haxa vida haberá esperanza. Se a crise fai que esquezamos as burbullas de xabón e voltemos poñer os pés na terra, en contacto coas raizames e cos ósos dos ancestros, benvida sexa. Porque a nosa terra de acidez extrema precisa o cal dos esqueletes para dar novos froitos. Xa o dicía o poeta galés Dylan Thomas: somos un país musicaaaaaaaaaaaaaaaaal, eeeeeeeeeeeeeeeeei carballeira!! ou vaiche booooooa vilaboooooa!! Calquera escusa é boa para ir tomar un viño un domingo pola mañá na compaña do vello e sabio Prisiciliano...
a palla mental non continuará... polo dagora

segunda-feira, abril 20, 2009

Mouros en Celanova e cánabo en Vilanova

Lembro que o xeneral Enrique Líster púñase feroche cando sentía falar de Guerra Civil Española. El sostiña, e coido que con moita razón, que en España houbera unha guerra do pobo ou dos pobos de España contra unha coaligación de forzas militares estranxeiras. Os alemáns, coa temíbel aviación da Lexión Condor (a simpatía pola ave que come carniza delatábaos). As ben armadas e alimentadas unidades fascistas de Italia: aquelas Frechas Negras que o propio Líster esmigallara en Guadalajara. E os mouros. As Brigadas Internacionais tiveran que retirarse. As democracias fixeron eclipse. Entendamos como mouros, en sentido non pexorativo, os habitantes do protectorado español de Marrocos que se alistaron máis ou menos voluntariamente para loitaren con Franco contra a República. Foron recrutados, alén de na zona do protectorado español, nas prazas de soberanía plena de Ceuta e Melilla, en Sidi Ifni e no territorio de Río de Oro ou Sahara Occidental. O Sultán Azul foi un mito. Acabo de ler, nun interesantísimo artigo (El País, 10-VII) asinado por Goughaleb El Attar, que estes continxentes de tropas mouras sumaron uns 100.000 homes. Eu aínda case lembro, moi vagamente, unha compañía de mouros acuartelada no convento de Celanova, á fin, da guerra, que facía servizo de garda cando aqueles edificios estaban habilitados para prisión política de exterminio. Contaban os vellos que, a escuso, estes soldados cultivaban a grifa ou cannabis no espazo que rodea o castelo de Vilanova dos Infantes. Chamábanlle “te”, seica. Di El Attar que estas tropas foron levadas á guerra de España mediante a seducción e o engano e que procedían da miseria e da ignorancia. Seguro que foi así. Tamén afirma que a lenda de ferocidade e crueldade das tropas mouras foi parte da propaganda intimidatoria do propio franquismo. En todo caso, a nosa propaganda insistiu moito no odio aos mouros en canto que forza de choque incivilizada e cruel contra as Luces que representaba a República. Así fomos nós. Chámame moito a atención unha afirmación do articulista. Dinos el que a maioría dos combatentes marroquinos de exército fascista procedía das montañas do Rif. Cómo pode ser esto posíbel se poucos anos antes da guerra (non civil) precisamente no Rif houbera un levantamento dirixido por Muhamad Ábd al-Karim (Abd el-Krim) (1921) cuxo episodio máis notábel foi o desastre de Annual e que culminou no desembarco de Alhucemas en 1925. Nesta guerra, terríbel, participaron o mesmo Franco e a crueldade contra os independentistas rifeños foi extremadamente violenta e contraria, por parte española, ás regras internacionais e aos máis elementais dereitos humanos.O Rif sentiuse daquela derrotado e humillado. Abd el-Krim, heroi do seu pobo, era un líder béreber de lingua tamazigh e non árabe que detestaba o sultán alawita. Era republicano, un intelectual e un precursor do movemento de liberación nacional do Terceiro Mundo, e do Norte de Africa en particular. Mesmamente Abd el-Krim morreu en 1963, cando nacía en Galicia a UPG, no Cairo e protexido polo partido socialista de Nasser. E se Abd el-Krim, lider do Comité para a Liberación antifranquista, cómo pode ser posibel que a maior parte dos 100.000 combatentes franquistas marroquinos na guerra de España procedesen do Rif, bastión hoxe mesmo do nacionalismo bérbere?Tería moito gosto en que Boulagheb El Attar me aclarase esta cuestión. En todo caso eu estou moi dacordo con este señor cando di que a participación marroquina no bando franquista da guerra de España aínda non foi estudada debidamente.

sexta-feira, abril 17, 2009

Eloi Lozano, cineasta arraiano

Viña do fondo dos espellos rotos da miña cidade natal. Ourense era o negror e o seu contrario que impelía Eloi sempre avante. Nunha reunión (dicía Reboiras: “xunta”) do cumio central da UPG, e un aparte para petiscar tortilla, díxome Muñiz que había alguén en Ourense que quería facer unha película sobre a noveliña que eu titulara Retorno a Tagen Ata e que X.M. Álvarez Blázquez publicara na Castrelos de Pi i Margall (fronte á igrexa da Asemblea de Irmáns), Vigo verdadeiro. Chocoume porque o relato ía contra Ulm Roan, cuxa derradeira encarnación é Francisco Rodríguez, e que ao tempo se facía chamar Ramón Piñeiro. Predecía tal noveleta a autonomía e a súa función de opera bufa, simulacro e representación para aproveitados. Entrevisteime con Eloi Lozano, coido que no Espolón ourensán da Praza Maior, tan memorado por Otero Pedrayo no seus textos canónicos, nos seus textos dispersos e esquencidos. Paseo arriba, paseo abaixo do Espolón, entre a escalinata de Santa María a Madre e a libraría de Álvarez, expliqueille ao incipiente director como entendía eu que unha novela debía ser levada ao cine.Ou sexa: de ningunha maneira. A literatura é a literatura e o cine é o cine. Se Eloi quería pór Retorno a Tagen Ata en cine tiña que ser él, non eu, o autor. Podía aproveitar da miña obra o que quixese. Pro a responsabilidade era del. Podía facer sobre a miña noveliña unha película mellor ca o pretexto; de igual mérito ou notoriamente inferior. Eu non quería intervir. Eloi Lozano fixo no seu Retorno a Tagen Ata o que quixo, o eu sentinme moi satisfeito. Decididamente o que eu non vira no meu relato, porque estaba tan oculto que nin podía aparecer diante dos meus ollos de autor consciente, estaba alí, na película. Elidiu o que lle pareceu e acentuou o que considerou oportuno. O resultado foi, para min, sorprendente Acordeime moito das películas norteamericanas sobre novelas de Steinbeck e de Faulkner que ben pouco tiñan que ver cos libros pretendidamente orixinais. Outro caso é o do meu vello amigo Mario Camus, quen, cando pasa ao cine unha novela que lle gusta, é fiel a ela coma o can de palleiro é fiel ao amo.Pasados moitos anos, Eloi Lozano pediume uns poemas para ilustrar uns debuxos de Francisco Leiro. Veu a Vilanova dos Infantes e entrevistámonos na miña casa, para despois tormarmos uns cafeses en Via Veneto, ou sexa no Café da Praza de Celanova. Falamos longo sobre a relación entre a literatura e as artes plásticas. Ficamos dacordo. Eu dinlle uns poemiñas e Leiro aportuou os seus valiosos debuxos á marxe da formidabel obra escultórica que sempre nos abraia. O resultado foi un libro que o mesmo Eloi Lozano, non eu nin Leiro, titulou Erótica. Título unha migalla redundante, pois a sustancia irónica das poesías e dos debuxos era de natureza carnavalesca no sentido que o soviético Bahtín daba ao adxectivo. Descoñezo se Erótica conseguiu moita ou pouca difusión. O que si que sei é que a película Retorno a Tagen Ata non tivo ocasión de ser demasiado visionada, neste último caso polo caracter político que nidiamente se transfere do texto literario meu ao cine da autoría de Eloi.Morreu, leo na prensa, Eloi Lozano. Para min foi un visionario e un adiantado do cine galego. As súas outras películas son ambiciosas, posúen acuidade interventiva e demostran un pesado e amabilísimo talento. Doime moito a morte de Eloi Lozano, que se foi do mundo á idade de 56 anos e 38 despois de rematar a montaxe de película cuxo argumento me pediu emprestado. Certo, certo que Abril pode ser así de cru.