quinta-feira, setembro 18, 2008

O xefe fala da Galicia imperceptíbel

Por X.L. Méndez Ferrín. Algúns galegos teñen escrito esta tempada na prensa sobre as palabras despectivas e arrogantes que George Steiner proferiu sobre a nosa lingua galega. Manuel Rivas, que é o escritor galego máis traducido e coñecido no estranxeiro, veu decer, entre outras cousas, que o que necesita a nosa lingua (e a nosa cultura) é facerse perceptíbel no mundo. Estou dacordo con el, pro mal poden conseguir facernos un perfil visíbel no mundo aqueles que se non consideran a sí mesmos e desprezan a propia identidade.Se vostedes atravesan as pontes internacionais que, felizmente, unen as dúas ribeiras do Miño, verán que ao entrar en Galicia non hai cartel ningún que informe de tal feito. Se vostede aterra nun aeroporto de Galicia despois dun vóo internacional non recibirán ningún tipo de información a respecto desta nosa "nacionalidade histórica". Tamén se veñen de fóra por tren e entran na librería da estación comprobarán que alí non hai libros escritos no noso idioma.Os pelegríns que chegan onda nós de lonxe non encontran no Cebreiro ningunha indicación de que entraron en Galicia e que Galicia é así e asá. Unha vez culminada a súa viaxe, se visitan a libraría da catedral non encontrarán ningún libro sobre o camiño de Santiago escrito na lingua do país. Hai xente que está a reclamar que a información sobre Galicia se lle ofreza aos pelegríns xa desde o Bierzo, pero iso sería pedir a lúa. De xeito que son milleiros os suxeitos que fan a rota xacobita e patean unha boa parte de Galicia para, regresando aos seus lugares de orixe, ignorar que estiveron neste vello Reino. Eu estou seguro que se lle preguntan a Shirley MacLange ou á filla de Bush, que fixeron a pé o camiño de Santiago, por Galicia, polo seu idioma, pola súa historia, non saberían contestar. A desaparición de Galicia ás veces é un feito deliberado. Fábricas de conservas de peixe que comercializan os seus productos con selo de Vigo, España sen mencionar a Galicia son un caso frecuente. Outro sería o de Colin Smith, que publicou o Merlín e Familia en traducción inglesa ocultando deliberadamente que a primeira edición da obra foi feita por Alvaro Cunqueiro en galego. Pro o caso máis estúpido da ocultación de Galicia é o do diccionario enciclopédico portugués de Lelo e Irmão, editorial do Porto cuxa matriz está á mesma distancia da miña casa que a sede da Academia Galega. Esta obra describe así o Miño: "Rio de Espanha e de Portugal, que nasce nas Astúrias, em Espanha, e deságua no Atlântico, em Caminha, Portugal". Se é así como perciben o Pai dos Nosos Ríos, sen ningunha relación cun país chamado Galiza, uns solventes editores da cidade de Porto, cómo nos verán os lisboetas ou os alentejanos? Sinxelamente, non existimos para eles. Certo, as raíces da ideoloxía nacional portuguesa son profundamente anti-galegas. Recoñecer a nosa existencia histórica sería, xustamente, negar o relato consensuado da fundación de Portugal. Deixemos o caso galegoportugués por imposíbel de ser solucionado. Nós estamos empeñados en ver Portugal e eles nin quixeron nin queren nin quererán nunca ver a Galiza. Os nacionalistas galegos chegan á madurez e ao uso da razón política o día no que renuncian a Portugal e á fantástica redención que desa república nos poida chegar. E, se os portugueses non nos ven, o resto dos humanos tamén non. Steiner si que nos vé, pero resultámoslle cativos e sen categoría.

50 anos do desecamento da Lagoa de Antela

RECUPERANDO A MEMORIA DA LAGOA DE ANTELA (1958-2008)
A lagoa de Antela foi unha das lagoas máis importantes da Península Ibérica,
tanto pola súa extensión (máis de 40 Km. cadrados), coma pola súa riqueza de
flora, fauna, bioloxía, historia, antropoloxía, toponimia, paisaxe e
folclore característicos.
O 8 de setembro de 1958* deron comezo as obras de desecamento da lagoa de
Antela co encauzamento de 6,6 km. do río Limia.
A lagoa de Antela foi un dos humedais de maior extensión da Península
Ibérica, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que
dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa
profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos”
chegaba ata os 3 metros. Nela atesourabase unha inmensa riqueza de flora,
fauna, bioloxía, historia, antropoloxía, toponimia, paisaxe e folclore.
Logo de innumerables intentos de desaugamento, en 1956 declarouse por Lei de
27 de decembro de alto interese nacional a colonización e saneamento da
lagoa de Antela, ó que provocaría a destrucción do humidal e a
transformación deste en terreos de labradio. O día 8 de setembro de 1958,
deron comezo as obras iniciadas co encauzamento de 6,6 Km. do río Limia, que
se continuarían con 7,5 km. do emisario da lagoa, e a partir de 1962, coa
construcción de 10 Km. de canles-dren no interior da mesma, para logo
continuar coas construccións dos desaugues terciarios, camiños, etc., ata
rematar coa entrega das parcelas ós colonos a principios dos anos 70.
Coincidindo con esta data o Concello de Sandiás ten previsto (si nos
conceden a subvención , claro esta!!!!) a realización dunhas xornadas sobre
a lagoa de Antela para recuperar a súa memoria histórica, e que versaran
sobre os aspectos xeográficos, históricos e medio ambientais da lagoa que se
celebraran na Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela)
así como na Casa da Cultura do Concello.. Tense así mesmo previsto a edición
dun número especial da revista ¨A Torre do Castro¨ (Revista Cultural e
turística do Concello de Sandiás) sobre os cincoenta anos do comezo das
obras (1958-2008), e outras actividades. Pretendese con esta serie de
accións dar a coñecer unha parte importante da nosa historia a todos
aqueles que non a coñeceron así como dar a coñecer o presente representado
pola recuperación medio ambiental das antigas areeiras abandonadas.
Lembrar que a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela)
situase no centro da vila de Sandiás nun edificio tradicional especialmente
rehabilitado para acoller o centro. Na Casa da Lagoa preténdese mostrar ós
visitantes a través de montaxes audiovisuais, experiencias interactivas,
paneis informativos, etc., os cambios acontecidos na comarca da Limia, e
máis concretamente no concello de Sandiás, a través dun percorrido polo
antes e despois da desecación da lagoa de Antela. Pondo un especial interese
en dar a coñecer as accións levadas a cabo para a recuperación da antiga
fauna e flora da antiga lagoa a través da recuperación das areeiras
abandonadas.

Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela ) – Praza de Dona Irene, 1 (Sandiás)
Teléfono do Concello de Sandiás para reservas (Visitas concertadas) : 988 46 50 01

segunda-feira, setembro 15, 2008

O xefe fala do atraso político de Galicia

Nos parlamentos autónomos de Cataluña e de Euskadi están presentes non sei se cinco ou seis formacións políticas. E isto ocorre en dúas das que oficialmente son chamadas "nacionalidades históricas" e que na práctica real, oral e escrita, ninguén chama así. Nas cámaras autonómicas definidas como rexionais, digamos Navarra ou Madrid, tamén hai pluralismo parlamentario. Pola contra, no Hórreo de Compostela non sentan máis ca tres partidos políticos, como é ben sabido: dous formando goberno de coalición e un na oposición. É a isto o que lle chamamos "o atraso económico de Galicia" modificando unha migalla un título famoso e fundacional de Xosé Manuel Beiras.
No parlamento de Galicia, non que non reside a Soberanía Nacional e no que as leis son só textos que deben regular as leis do Reino, o peso de oposición recai unicamente nun partido, de dereita e sucursalista. Os partidos coaligados que exercen o poder autonómico presentanse como progresistas; un, tamén sucursalista e outro nacionalista. Co cal ocorre que San Caetano e Monte Pío non reciben outra crítica nin outro estímulo parlamentario ca os procedentes da dereita. Dunha dereita de cultura franquista e enfaticamente contra-nacionalista. Dado que Rosa Díaz pode chegar a ter representantes no parlamento galego, faise máis necesario ca nunca o ouvir no Hórreo voces que, desde a esquerda e o nacionalismo, sexan oposición e que, coma tal, critiquen e estimulen un goberno que, despois das próximas eleccións, repita hipoteticamente a coalición pos-electoral que está a punto de extinguir o seu mandato. Tamén en hipotese, considero, desde o meu ángulo de preferencias, que outro ou outros partidos ou frontes de esquerda e nacionalistas entren a formar parte do futuro goberno autonómico de Galicia. Isto último pode semellar difícil pero a realidade da ACE de Cangas pode ser un aviso de que tal aspiración non constitúe un horizonte utópico ou inacadábel.
Non creo que haxa en Galicia "dous gobernos" e miro un só ánimo político moi ben solidificado. Polo tanto a opinión de masas que expresa cada día a súa decepción ("desencanto", dixo un día Haro Tecglen, non sei se se recordan) en materia de administración territorial, urbanística, ecolóxica, social, cultural, lingüística, debería organizarse electoralmente en lugar de dirixir os seus votos, segundo o principio do mal menor, ao sucursalismo que se presenta como progresismo e ao nacionalismo non independentista. Claro que Galicia está a venderse, e as amósegas de que isto é así son as que o goberno autonómico nos pón perante os ollos co plan acuícola, coa continuidade da predación da lousa e do granito (son patrimonio do pobo galego) e coa almoneda ecandalosa da concesión de muíños eólicos cuxa imaxe é hogano a do coloniañismo que un día representou o asolagamento dos nosos (de todo o pobo) vales e o levantamento dos encoros de Barrié de la Maza. Os movementos de defensa da Terra e a esquerda obreira xenuína e os que combaten con sinceridade pola permanencia do idioma terán que escoller entre ter representantes na cámara lexislativa autonómica (ou no goberno) ou ben perder en presencia pública. O atraso político de Galicia debe ser forzado avante; é o que penso eu.

sexta-feira, setembro 12, 2008

Metamorfose dos anxos

De neno, contáronme a estoria da sublevación de Luzbel, o máis belo dos anxos, contra Deus. Impresionoume a súa grandeza máis ca épica e o relato serviume para imaxinar nitidamente a invención do Inferno e aparición de Satán no mundo e no trasmundo. Anxos, Arcanxos, Serafíns, Querubíns, Dominacións, Tronos, Virtudes e Potestades son as diferentes castes de anxos ou espíritos puros que conseguín manter na memoria. Logo estaban o Anxo da Garda e os anxiños consistentes na cabeza dun pícaro con dúas aliñas apegadas que poboan os retábulos barrocos. O pior dos meus pesadelos infantís foi un no que me vin acosado por un enxamio de tales mostros cativos, que rían perversos. Mahoma veneraba estas figuras incorpóreas, que el herdara da Biblia, e nada menos ca o Corán lle foi transmitido por Deus a través dunha delas. De mozo, poucas veces me divertín tanto como o día no que lin no Padre Feixóo unha humorística distinción racionalizada ao modo tomista entre a natureza dos anxos e a dos trasnos, co fin de deixar en ridículo coido que aquel Padre Laínez que defendía a existencia dos segundos. Eu teño moita máis simpatía polos tardos ou trasnos galegos ca polos anxos inconsúteis e sobrehumanos. Unha extrañísima afección dos anxos revelouse en certos poetas do século XX, entre os que non se contan certamente Pound nin Maiakovski, afección producida pola irradiación que un día exerceu Rainer Maria Rilke. É certo que poetas crentes coma Gerardo Diego escribiron bonitas bagatelas sobre os Angeles de Compostela. Pro tamén contumaces materialistas (Alberti) foron capaces de convocalos como tal no libro Sobre los Ángeles. O comunista cristianizante e unamuniano Blas de Otero é autor dun duro libro titulado Ángel fieramente humano. En canto a Lorca, este poeta máximo meteu, entre ciganos inesquencibeis, figuras andróxinas ou asexuadas de arcanxos belísimos representados en estatuas públicas de Granada. Estes anxos literarios non deben, digo eu, de provir de Lost Paradise, o poema perfecto de Milton. Como tampouco pensaría nel Ricardo Carballo Calero cando deu á luz na Benito Soto o libro titulado Anxo de Terra, nin tampouco Aquilino Iglesia Alvariño, castelanizante ocasional, ao poñerlle ao seu, cuase contemporáneo do anterior, Contra el Ángel y la noche. A moda dos anxos literarios debeu de se ir cando Ánxel (tamén) Rei Ballesteros deu á luz a súa novela Dos anxos e dos mortos, coa cal o espírito da nova narrativa pareceu ter unha continuidade do máis esixente. De meniño non tiven demasiada fe na existencia dos anxos (había tantísimos seres invisibeis nos que crer!) e de maior nunca sentir a necesidade de xogar á fantasís fabricando anxos poéticos. Un día non lontano durmín incómodo nun hotel alemán debido a que este estaba situado nunha Engelstrasse. Coidei ao principio que se trataba dunha rúa á memoria de Federico Engels; pro non: era só a Rúa do Anxo.Vexo apegado nun farol da Porta do Sol, Vigo, un carteliño no cal calquera de esas sectas modernas que andan polo mundo captando diñeiro dos inocentes anuncia un curso sobre "Metafísica de los Angeles". Xa non se trata, ai, de anxos poéticos senón da nova relixión dos anxos que, procedente dos EE UU, irrumpeu con forza na cultura de masas hai anos. Por iso, na actualidade, cando me falan en anxos non penso en San Miguel, nin no da Garda, nin nos das cabeciñas aladas, senón na cara de apalambrado que pon Nicholas Cage cando fai de anxo no cine.

segunda-feira, agosto 25, 2008

A babel arraiana

O mito da Torre de Babel e da confusión das linguas gozou e goza dunha rara popularidade. Segundo el, houbo un día feliz no que todos os homes falaban a mesma lingua e nela se entendían. Logo, pola súa soberbia, foron castigados e cada grupo falou dunha diferente maneira, así que, sendo humanos e falantes, deixaron de comprenderse universalmente. Procedente da Biblia, o mito de Babel e da maldición que supón a pluralidade das linguas humanas áchase e moi arraízado e extendido.Naturalmente o mito de Babel explica como un castigo de Deus un paradoxo sobre o cal os humanos temos reflexionado escasamente: aquilo que nos caracteriza como especie é a facultade dunha linguaxe con primeira e segunda articulación que se organiza gramaticalmente. Ora ben, ese sistema de signos que é a lingua non é só un sistema de signos senón moitos milleiros de sistemas de signos. A lingua humana non existe: existen unicamente as linguas humanas. O que é propio e distintivo da lingua humana é o feito de que se manifesta en forma de linguas humanas. A maldición de Babel consiste en que a comunicación humana proxecta coma unha sombra imprescindible a incomunicación entre humanos.Perante o pluralismo lingüístico a actitude máis exdendida é a máis primitiva: paliemos o mal adaptando a unha lingua superior ás outras linguas. Esta lingua superior soe ser a dun pobo militarista, expansionista e predador de pobos máis febles: latin, grego alexandrino, castelán. O colonizado, perante o colonizador, síntese ínfimo, diferente, bárbaro. Unha vez que interiormente se rinde, o colonizado sinte que unha forma de se liberar (naturalmente falsa) e adopción á lingua dos seus señores e o abandono da lingua da súa tradición. É así como se producen as grandes asimilacións, como é a entrega de moitos galegos á lingua do imperio castelán. O colonizado seguirá a ser explotado pro, ao falar coma o Amo, sentirase falsamente situado á altura de el.Contra a maldición de Babel tamén foi formulada unha solución culta e aparentemente progresista: a fabricación dunha lingua universal que sirva para todos os humanos. Curros, en trance, traxicómico, pretendeu que esa lingua universal chegase a ser o galego. Pero moi en serio foron ideadas varias linguas artificiais, coma a volapük e o esperanto. A aspiración utópica dos seus inventores non tivo éxito: hoxe só son hábiles en esperanto os esperantistas. Para Castelao, nunha imaxe parabólica xenial, un can ladra igual na China que en Rianxo. "É que os cans aínda están na lingua universal" -considera o Mestre.O home e a muller avanzados do noso tempo saben que, ademáis da súa propia, herdada ou escolleita, é un ben coñecer outras linguas e, con elas, outras culturas e outras literaturas. Só os primitivos contemporáneos sinten que hai linguas mellores que outras e cada vez as minoritarias ou "inútiles" son máis estudiadas por políglotas e simpatizantes estranxeiros. O galego, que non é para nada unha lingua minoritaria, máis sí inferiorizada e rexeita por algúns colonizados, é procurado e estudado por centos de mozos e mozas do mundo enteiro nos nosos días. As películas de Mel Gibson faladas en arameo e en maya son un signo desta mentalidade moderna das que lles falo.Un días destes falaremos, non do mito de Babel, senón do de Pentecostés.

sexta-feira, agosto 22, 2008

Garay con Curros?

O concello de Vigo trasladou o monumento a Curros Enríquez desde o seu desterro no Monte do Castro, onde houbo tantos fusilamentos de boa xente a onde se asenta a que foi residencia de Eijo Garay, aos xardíns que levan o nome do dito prelado. Como as personalidades de Curros e de Eijo non casan ben chegamos a sospeitar que o novo asentamento da efixie do poeta de Celanova conteña unha mensaxe cifrada en clave de bulra. O caso é que non só eses xardíns, que antano eran máis grandes e lucían mellor coidados, están en Vigo dedicados a honrar a figura de Eijo Garay senón que tamén levan o seu nome unha rúa e un colexio público. Mais penso eu en realidade que o noso alcalde, que semella un neófito ardente do nacionalcatolicismo ao presidir con insignias do seu cargo público a procisión do Cristo da Victoria, tan cara a Eijo Garay, e o resto do seu equipo non sexan tan ocorrentes como para xuntar de propio intento os nomes dun poeta perseguido pola xerarquía católica e un bispo moi activo no réxime máis duro e reaccionario que coñeceu a España contemporánea, descontando o dos días ominosos de Fernando VII. Para min, que o alcalde de Vigo e o seu goberno, o que tratan é de non lle tocar ao nomenclátor urbano no que respecta a Eijo Garay. Naturalmente, a estes efectos, a sociedade franquista de Vigo está feliz con Abel Caballero polo confesionalismo que exhibiu na devandita procisión e seguramente lle agradece o seu interese en que aquela vella diocese que borrara do mapa San Olaf Haraldson e que Don García, rei de Galicia, restaurara, prescinda para sempre de Tui, degrade a súa catedral e adopte o nome único da cidade do Celta. A miña idea é que a conxunción bipartidiaria que goberna o municipio de Vigo está a tratar, por viguismo electoral seguramente, de que o nome de Eijo Garay se perpetúe nuns xardíns, nunha rúa e nun colexio público, conculcando a lei da memoria histórica. Non señor: Leopoldo Eijo Garay non foi só un bispo franquista ao modo en como o foron o resto dos seus colegas de España, incluindo algún que tivo a decencia de negarse a gravar nos muros dos seus templos a lista dos "caídos por Dios y por España". Eijo Garay foi parte inseparábel e consustancial do réxime sanguinario e o seu criterio inspirou de forma moi principal as institucións, os métodos represivos e o catecismo ideolóxico do partido unificado "Falange Española Tradicionalista y de las JONS". Franco respectou, admirou e ouviu sempre as recomendacións deste fillo de Vigo a quen nin Vigo nin Galicia lle deben nada. Franco tivo sempre ao seu carón a Eijo Garay e premiouno cos máis altos cargos, como foron o de presidente do "Consejo Superior de Investigaciones Científicas" e do "Instituto de España", postos ben políticos e nada eclesiais, no desempeño dos que Eijo Garay se convertiu en comisario do franquismo en materia cultural. Seguramente por iso o colexio cardealicio nunca o distinguiu co capelo de púrpura e o Vaticano, habilmente, limitouse a lle conceder o título esperpéntico e aparatoso de Patriarca das Indias Occidentais que, en rigor histórico, carecía de todo significado, ao tempo que lle vedaba calquera arcebispado e precisamente, o de Toledo que conleva a primacía das Españas. Certamente, somos moitos os veciños de Vigo que tememos que o nome de Eijo Garay permaneza no lapidario público, aínda que estamos seguros de que non será para sempre.

sábado, agosto 16, 2008

Viso Rock 2008

VISO-ROCK 16 AGOSTO 08
KÉRKENNAI
(Celta/Folk--Baixa Limia)
BAILEBURDIA
(Música Europeia e do mundo--Oporto)
A RAIZ
(Rock/Meta--Valença/Porto)
MOMENTOS DE DUDA
(Rock Clásico--Ourense)
THE JONYS
(Rock / Alternativa--Vigo)
O grupo Kérkennai tamén actuará na presentación da curtametraxe “O Limia, o río do esquecemento”
Acampada de balde
Polbo a feira
Xogos populares

quinta-feira, julho 24, 2008

Elixio en Compostela


A viúva, fillos e netos do Elixio Rodríguez Domínguez, enviamos os nosos parabéns aos
irmáns nacionalistas polo día da Patria Galega. Acompañámolos dende México co
corazón.

quarta-feira, julho 23, 2008

Dia 15 de Agosto de 2008, no lugar da vila de Castro Laboreiro, Hotel Castrum Vilae
10:30 NEP dos Montes Laboreiro
Abertura: Música de concertina e notas sobre o trabalho do NEPML
Realizador Aki Kaurismaki
Documentário video: "Notícias de Portugal"
Pequeno video gravado no lugar de Bico e transmitido em primeira-mão no programa Euronews.
Realizador Victor Coyote
Documentário video: "Só Concertinas" A concertina e alguns dos seus melhores interpretes no Alto Minho e no Olelas.
Paula Dacosta e Manuel António *
(Alua e Pólen)
Viver e Pintar em Castro Laboreiro
12:30
Debate / Encerramento
Exposição de pintura

Dia 16 de Agosto de 2008,
21:30
NEPML - Abertura
Fotos antigas, videos e música
NEPML / José Alfredo Cerdeira*
Lançamento do livro: "O Buraco da Serpe".
Romance ficcionado baseado numa lenda, com o enredo a desenrolar-se em locais de Castro Laboreiro e da Gavieira.
Angel Rodriguez Gallardo
A PIDE contra os Crastejos
Américo Rodrigues / José Domingues
Apresentação do Projecto: "Casa dos Refugiados"
NEPML / António "Bernardo"*
Lançamento do livro: "Ecos dos Montes Laboreiro".
Textos mistos, de ficção e realidade sobre modos de vida de tempos idos.
Manuel Rivero Perez
A Construção/Utilização de Poças de Aire na Montanha
José Domingues / Américo Rodrigues
Trajes de Montanha; Lenços de Pedidos (Namorados) em Castro Laboreiro
24:30
Debate / Encerramento

segunda-feira, julho 14, 2008

O xefe dille adeus a La vanguardia

Se eu fose profesor dunha escola ou facultade de xornalismo inculcaríalle aos alumnos a idea de que non se debe escribir nos periódicos sobre os periódicos. Tal especie de metaxornalismo só lles interesa aos profisionais, e penso que non demasiado. Todos temos un periódico e un periodismo moi definido na cabeza pro vémonos na obriga de escribir e de traballar nos periódicos que son propiedade de outros. Como todo periodista anda sempre á procura do xornal ideal, compra moitos periódicos e en cantas linguas como pode ler. Isto sábeno moi ben os donos dos quioscos de prensa. Con todo hai xornalistas cuxa curiosidade polo que escriben e publican os outros xornalistas exténdese aos xornais portugueses, franceses, ingleses, alemáns, segundo as posibilidades lingüísticas de cada un e abundan os xornalistas cuxa atención prioritaria é a prensa escrita de Madrid. Estes últimos son os xornalistas galegos que se sinten desterrados no Noroeste e que padecen unha sorte de saudade permanente da Corte. Nembargantes, existe un grupo, para min moi definido, de xornalistas galegos moi atentos a Cataluña e lectores habituais de La Vanguardia, como antes a miña xeración e a anterior o eran do inesquencíbel semanario Destino. Como tamén se dá a categoría de lectores non xornalistas de condición pro-catalá, pois as distribuidoras colocaban un lote de Vanguardias en todos os quioscos de Galicia que se vendían ao cen por cen. Segundo me di Raquel a de Sequeiros (o meu quiosco de Vigo), as distribuidoras deixaron de ofrecer La Vanguardia en toda Galicia e hai un grupo de clientes que se queixa. Queixárase xa diso José Manuel Ponte, pluma fina e lúcida que non soe queixar sen que poderosas razóns éticas o movan. Eu non son dos de La Vanguardia a diario, mais noto a súa falla só de saber que ela xa non estará nunca alí para eu ir a ela cando a necesite. É certo que hai internet, pero un xornal no ecrán da computadora non é o mesmo que un xornal en papel de periódico. La Vanguardia é o xornal que acolleu xeneroso Blanco Amor cando La Región, da súa amada Auria, lle diu coas portas nos fuciños, e tamén o medio que, lonxe das gadoupas de Fraga Iribarne, se abriu á campaña de Suso de Toro a propósito do Prestige e contra a barbarie do PP. Mesmo, o do Conde de Godó semella un xornal estranxeiro pesia a estar escrita integramente en castelán. Eu procuraba La Vanguardia cando ventaba un boicot totalitario de EFE, por exempo, secundado polos medios histéricos ou prepotentes de Madrid. Procurei La Vanguardia para me informar da verdade sobre o caso de Francoforte (feira do libro) e procureina para seguir o ascenso do independentismo escocés deica a victoria electoral. Deica pouco La Vanguardia informará moi ben do concontro internacional de embarcacións tradicionais de Brest, e suliñará sempre a presenza alí de Galicia como nación invitada especialmente, cousa que fará rabear a Corte e os exiliados da Corte que en Galicia ruminan os ácidos da galegofobia.
Os socios de Galicia Bilingüe, por exemplo, seguro que non notarán a ausencia de La Vanguardia nos quioscos pola razón de que ela, escrita en castelán, xamais combateu a recuperación do idioma catalán. Estou seguro de que alguén en algures tén moito interese en que La Vanguardia non circule en Galicia.

sexta-feira, julho 11, 2008

Á espera de Ramón Piñeiro

Por X.L. Méndez Ferrín. Logo de deixar claro para sempre o feito de que a editorial Galaxia non o foi todo na difusión da cultura galega nos anos cincuenta grazas a que o Día das Letras focou a figura de X.M. Álvarez Blázquez, a Academa Galega acordou que a próxima celebración terá como punto de interese, a vida e obra de Ramón Piñeiro. A partir de agora, os investigadores dos ramos, interesados pola personalidade de Ramón Piñeiro poñeránse a traballar duramente e a revista os preconceitos e as certezas que xiran arredor da persoa celebrada. Velaí a capacidade mobilizadora da autoridade da Academia: ela pon os deberes cada ano e moitas persoas (críticos, historiadores, profesores, editores, activistas culturais, xornalistas) reflexionan e difunden a figurar marcada con lapis vermello. Durante todo un ano se falase e se escribira se sobre Ramón Piñeiro, como se fixo sobre os autores anteriormente designados. Milleiros de persoas ouvirán falar del por primeira vez e outros expertos no tema, acharán novas interpretacións. Case ninguén con curiosidade sobre a historia contemporánea de Galicia vai sair do próximo ano da Letras Galegas coa idea sobre Ramón Piñeiro que tén neste momento, poden estar seguros. Quén foi Ramón Piñeiro? -Pregúntaranse algúns. E obterán respostas. O traballo ao que están chamados os estudosos e os interesados en xeral non é dos doados. A obra de Ramón Piñeiro é moi pequena e redúcese ao xénero esaístico. Haberá que ler de novo ese corpus e explicalo á luz do tempo en que vivimos. O Piñeiro que aspiraba a unha imposibel metafísica especificamente galegoportuguesa a partir da vivencia da soedade ontolóxica que el chamaba Saudade terá que ser analisado e divulgado para que os alumnos -digamos- o coloquen dentro da historia da filosofía tal como lla aprenden no Instituto. A Facultade de Filosofía e as revistas de pensamento poñamos A Trabe, terán que estar moi activas o ano que vén. E as Facultades de Filoloxía tamén, pois a teoría da linguaxe e a crítica literaria foron tocadas de xeito ben polémico por Piñeiro. Pro Ramón Piñeiro foi un escritor ao dez por cento e un activista político ao noventa por cento, máis ou menos. Se alguén non está dacordo comigo terá unha boa ocasión para explicarse perante o público adecuado. E a historia do galeguismo desde o final da guerra civil até o intre da Reforma política e da autonomía outorgada a Galicia poderá estudarse debidamente tendo como punto de partida as actividades clandestinas e legais de Ramón Piñeiro. Clamamos, xa moitos, porque a memoria histórica se exerza tamén sobre a Resistencia ao franquismo en todas as súas formas e sobre a repressión sobre ela. A figura de Ramón Piñeiro está implicada nesa Resistencia e padeceu esa represión e compre saber (primeiro) en que consistiu a pecularidade de Piñeiro como axente efectivo galeguista contra o franquismo. Logo, a figura de Piñeiro servirá de referencia para falar de outros e de outras: de todos os que, de Alexandro Bóveda a Moncho Reboiras, se enfrentaron á monstruosidade histórica con honor. Penso que a Academia certou, como certa sempre, ao nomear a Ramón Piñeiro como personaxe central do próximo Días das Letras Galegas.

quinta-feira, julho 10, 2008

No cabodano do coronel arraiano


Foise con el un dos bos e xenerosos. Era un deses homes que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar. Nado en 1910, Elixio Rodríguez Domínguez deixounos hai agora un ano. Esta é a imaxe do seu velorio en México, unha foto que nos enviaron os seus fillos, Paio Fiz, Denís, Iago Xes, Elixio Gael e Alda Olaia, o mesmo día en que o ían soterrar.
Uns meses máis tarde, no día do seu aniversario, rendémoslle ao aviador arraiano unha merecida e multitudinaria homenaxe en Lobios e Celanova. E agora xa por fin o seu libro de memorias, Matádeo Mañá, que levaba anos esgotado, volve estar nos andeis das librarías. Queremos mandarlle dende eiquí unha agarimosa aperta á toda a súa familia e moi especialmente á súa dona, Gloria, a quen lle mandamos un bico enorme dende a distancia para lle lembrar que o seu home segue e seguirá a ser sempre un referente para todos nós.

sexta-feira, julho 04, 2008

O cronopio en Celanova

Acabouse o silencio. Seica xa vai sendo hora de voltar ao triciclo xigante e de andar a rolos por entre as mámoas que se erguen nos Montes do Leboreiro, dende Cachiquimbra até a Peneda, dende Penagache até o Couto do Corno Dourado. Palabras e máis palabras... Só no monte son libre, e aínda sen unha perna. O certo é que sigo sen atopar nada humano que pague a pena e que me anime a baixar a Celanova para tomar uns tróspidos de licandorio de verán. Nótase que levo uns días a dieta de filosofía zen e que estou preparando unha orixinal peregrinación a Santiago e algunhas cousas máis das que aínda non podo contar ren. Mañá igual vou comer cos cans e bailar coa pianola da casa da collona. E é que a política sempre me turrou moito. Pero tranquilos, que seguiremos informando.

O Xefe homenaxea a Maite

Escribe Maite Gómez Tapia así: "O vindeiro sábado (por mañá) terá lugar no espigón do Parrote, na Coruña, a inauguración dunha imaxe adicada á Virxe do Carme que lle custa ao concello 15 millóns das antigas pesetas. Para instalar esta imaxe retirarase unha escultura adicada á expedición do médico Francisco Javier Balmis, que en 1803 partiu da Coruña coa finalidade de erradicar o virus da viruela (ou vixigas) en América. Por outro lado, o concello de Oleiros vén de inaugurar unha estatua adicada ao mítico guerrilleiro Ernesto Che Guevara... Nunha sociedade que debemos construir desde a democracia, a igualdade, a xustiza e o laicismo é totalmente disparatado que mentres o PP promove manifestacións contra un ser humano que loitou pola xustiza social, o PSOE levante cos cartos de todos unha representación relixiosa nunha zona pública, priorizando a relixión sobre a ciencia". O escrito esta asinado en Meicende-Arteixo.
Por as liñas transcriptas eu concederíalle a Maite Gómez Tapia o Premio Nacional de Xornalismo, se o houbese en Galicia. O "Fernández-Latorre" non penso que vaia ser para ela. En todo caso eu fago miñas tales palabras, ás cales simplesmente lles engadirei un escolio.
Debemos afastar de nós a impostura de que a da Virxe do Carme sexa unha devoción antiga e aceite pola Galicia mariñeira e que, consecuentemente, resulte democrático apoiar desde as institucións públicas o seu culto. O laicismo nega a totalidade, e a ciencia histórica clama á falacia. "Nosa Señora da Barca,/ dádeno-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traguemo-la vela rota". A da Barca si non a do Carme, que é un deserto dos interiores do Líbano. Por suposto: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ o cabo de Touriñana".
Na realidade, a da Virxe do Carmen, a do Monte (non Mar) Carmelo, era unha devoción particular da raíña María Cristina, rexente, mamá de Alfonso XIII. Tal Virxe sacaba as ánimas do Purgatorio mediante un cabo que lles tiraba en forma de escapulario. Escapulario que os frades carmelitas comercializaban e cuxa imposición aseguraba que, ao cumpriren os fieis a práctica de frecuentar a comuñón os primeiros venres de cada mes, eles irían o Ceo sen pasar nin polo fume do Purgatorio (promesa a Margarita María Alacoque). Logo a rexente dona María Cristina inspirou a Real Orde segundo a cal a Virxe do Carme se instituía en patroa da Mariña de Guerra Española, e ségue a selo oficialmente na España nacional católica na que vivimos. Da Mariña de Guerra, non dos mariñeiros.
Mañá a Coruña de Juan Canalejo, de Molina de Brandao/ Vázquez, de Millán Astray, en suma, a Coruña que bate hoxe todos os records en Galicia de permanencia da nomenclatura pública franquista, vai superarse a ela mesma e subsistuir o monumento a un episodio científico e humanitario e por un monumento a esa Virxe do Carme que, ao pouco tempo, o bisneto de María Cristina celebrará a tambor batido na Escola Naval de Marín a seguir da misa de campaña. O bispo ultraísta Del Río acaba de ser nomeado Vicario Xeneral Castrense (categoría arcebispal) con gran acumulado de tenente xeneral e cun soldo que gravitaría sobre min e sobre todo os posíbeis lectores. Ou como proferira o Celso: "Santo Cristo de Fisterra,/ santo da barba dourada,/ axúdanos a pasare/ a negra noite de España".

segunda-feira, junho 30, 2008

Rabo de porco

Lin na prensa que uns veciños do bairro de Rabo de Porco, coido que pertencente á freguesía de Combarro, concello de Poio, queren que o seu microtopónimo ou nome de lugar menor sexa suprimido polas autoridades por consideralo infamante. Cecais obre na reminiscencia destas persoas o sentimento, moi arraizado e antigo, de que os descendentes de xudeus conversos (ditos marraos) tiñan un rabo de porco como prolongación do espiñazo. Os alcumes de Rabino e de Rabiño teñen quizais esa orixe respectivamente en Vilanova dos Infantes e en Cangas do Morrazo. A min non me importaría nada vivir nun lugar chamado Rabo de Porco. "Alegría, alegrote;/ o rabo do porco no pote", que dicían as vellas da aldea.
E agora de súpeto véñenme á lembranza nomes de pequenos lugares próximos á miña cidade natal, que é Ourense. Soan ben e ledos, coma se fosen escenarios dunha obra de teatro para nenos: Rabo de Galo, Salto do Can, Regueiro Fozado, Cabeza de Vaca. Que eu saiba, os residentes nunca pediron, coma os de Combarro, a abolición dos nomes dos seus barrios. Pedir pediron algúns veciños da Praza da Miñoca e da Rúa das Teixugueiras de Sampaio de Navia que o concello de Vigo lle cambiase o nome ao lugar da súa residencia, pro este con moi bo criterio, non lles diu tino e non lle puxo os de María Moliner ou Clara Campoamor, que son denominacións de espazos públicos moi presentes na axenda do PSOE confeccionada en Madrid.
Despois dunha pequena esculca eu cheguei á conclusión de que a vila vella de Montenegro, nun intre incerto da súa existencia, considerou que tal nome era feo. En efecto, monte, en Galicia, ten unhas escuras e ancestrais resoancias negativas; é o sitio das feras e dos medos. Negro, por cima, relaciónase coa morte e con todo o nefasto. De xeito que algún señor do castelo chairego foi un día e decidiu mudarlle a denominación. O que era monte deshabitado pasou a ser vila e o que era negro e laido virou ao seu contrario en branca ou alba. Así naceu o nome da actual Vilalba. Con todo, os Montenegro fidalgos que levaban o M orgullosos no seu brasón non se sentiron afectados e seguiron chamándose de tal modo, como moitos dos seus servos e criados e así este é un apelido bastante usual en Galicia. Mesmo Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro se chufaban de Montenegro en terceiro ou cuarto lugar e aínda, non sei se en serio ou por enredar, dicían ser parentes.
O doutor Antón Palacios, da Facultade de Filoloxía da Universidade viguesa, é autor dun interesante artigo no que explica como algúns topónimos considerados vergoñentos polas xentes ou polas autoridades foron sustituídos por outros na Idade Moderna ou Contemporánea. O caso máis divertente é o da parroquia de Pérros (con é aberto), que en galego non significa nada pois é un topónimo seguramente prelatino. Pro a algún crego castelán, si que lle resultou irrisorio, e mudaron o nome de Pérros polo de Los Ángeles, moito máis celeste. No parou aí a cousa porque no actual Nomenclátor de Galicia aparece galeguizado como Os Ánxeles (concello de Brión). Tamén é verdade que en Samos existe a localidade de Pérros, onde naceu a nai do P. Sarmiento, que permanece co seu nome ancestral moi ben aceite polo veciñanza. E hai outros Pérros. Pois ben, o lugar de Cans, no Porriño, non só nunca quixo cambiar o seu nome, neste caso ben explícito no significado e en galego, senón que lle diu nome a un excelente festival de cinema en formato curto.

sexta-feira, junho 27, 2008

Do Galiñeiro e do Aloia


Para a segundo domingo de Xullo está sinalado o curro do Galiñeiro, certamente o máis urbano de Galicia porque a el van parar bestas que, alén de no termo municipal de Gondomar, pacen todo o ano no de Vigo, a primeira concentración urbana de Galicia. Así, o máis arcaico e o máis férridamente contemporáneo se conxugan no Curro do Galiñeiro como é uso na Terra de Turonio.O curro celebrarase no seu lugar habitual ao pé da penedía das Gallas e da Cova da Becha (temíbel serpe que devora mozas e cabritos se non lle ofrecemos cuncas de leite fresco) nun espazo que foi notabelmente mellorado coa desparición do eucaliptal. Non lonxe do curro, que aínda é de madeira como antano foran todos, está o campo dos Arruídos, topónimo considerado celta pola indoeuropeística e relacionado no significado co fluir das augas, como corga e arroiar. Nos Arruidos e na parede cuase vertical dun formidábel penedo deprégase o cadro festival da que foi chamada Pedra das Procisións. Trátase dunha colección espectacular de gravados prehistóricos nos que predominan motivos militares sobre os que destaca unha espada da Idade do Bronce de dimensións colosais. Seguramente trátase da espada dalgún deus vello que viviu no Galiñeiro.Este ano o curro do Galiñeiro celebrarase cunha especial ledicia. A Consellería do ramo do medio ambiente natural acaba de facer público que o parque natural do Monte Aloia, fundado nos anos vinte polo enxeñeiro Areses, vai extenderse a toda a Serra do Galiñeiro e nun futuro próximo os gandeiros da zona van gozar, e tamén o curro, dun trato especial. Todos os veciños dos concellos de Gondomar, Mos, Porriño e Vigo que habitan na zona protexida están de noraboa, como estamos todos os fieis frecuentadores do Monte Aloia e da Serra do Galiñeiro. Por suposto, Manuel Vázquez, conselleiro, e Xosé Benito Reza, director xeral, merecen o noso aplauso porque por fin o principal territorio natural montuoso do hinterland de Vigo que chamamos Turonio foi tido en conta pola administración autonómica. Todo parece indicar que nesta serra que desde o cabezo do Aloia sobre o Miño corra cara o Norte para afirmarse gloriosamente no que Fontán chama Corno do Demo sobre a Garrida de Valadares, as cousas van mudar para ben. As pedreiras e canteiras interromperan a ruina montium; as plantacións masivas de eucalipto coñecerán o seu fin; a apertura de pistas sen sentido terminará tamén e outra política será incentivada coa colaboración das comunidades de montes. A riqueza xeolóxica do Galiñeiro terá que ser divulgada; o casarío tradicional dos Cabreiros, de Prado ou de Vila, seguramente será protexido; o gado e avenza (cabalos, vacas, cabrío) coñecerá un forte e novo pulo; a riqueza arqueolóxica (petroglifos e murallas xémeas do Aloia e as Gallas) convertirán o parque nun museo a pleno ar. E outras moitas e boas cousas.

segunda-feira, junho 23, 2008

O xefe e os galeguistas de Marx

Primeiro foi o libro de Héitor Picallo (Laiovento) sobre Xohán Xesús González e, agora, aparece o de Santiago Prol sobre a figura histórica de Benigno Álvarez (ANT). Xohán Xesús e Benigno foron pezas moi importantes durante os anos trinta dun fenómeno de inmensa repercusión histórica: o da confluencia entre marxismo e nacionalismo ou galeguismo. Tal fenómeno é diverso e multiforme. Nacendo nos días da II República, non rematou de se completar deica os anos sesenta do século XX coa incorporación das novas promocións de activistas, ideólogos, poetas e artistas. Hai un tema á espera dun mozo dotado de pensamento e sensibilidade histórica que o convirta en ensaio: o do encontro entre socialistas ou comunistas e galeguistas ou nacionalistas en Galicia.
Certo que, no plano da política, Benigno Ávarez (comunista) e Xohán Xesús González (socialista) son os protagonistas da confluencia de que se trata nos días republicanos. A incansábel procura orgánica e teórica de Xohán Xesús emociónanos aínda hoxe. Noutro espazo, as eleccións da Frente Popular ligaron Alexandro Bóveda e Benigno con lazos moi fortes que estaban destinados a producir efectos políticos de longo alcance se non fose porque o golpe de 1936 acabou coa vida de ambos, e tamén coa vida do de Cuntis. E non se pode esquencer que no mundo universitario, a FUE, que xa chegaba a ser FUEG, contaba no seu seo con personalidades tales como un Luís Seoane que xa desde os derradeiros días da dictadura primorriverista amosaba as tendencias rexamente galeguistas pro abertas ao marximos.
O encontro segue a tomar corpo durante a Guerra Civil na que Ramón Esturao (de Xohán Xesús) está ao mando do Batallón Galego de Líster e Castelao, en funcións de lider lexítimo da Patria Galega, entra en contacto con Lois Soto Fernández, o mestre comunista camarada e amigo íntimo de Benigno Álvarez. Na viaxe de Soto e Castelao aos EEUU en 1938 o primeiro pon nas mans do segundo "O marxismo e o problema nacional", de Stalin. Castelao, daquela, caeu seducido pola nitidez e perfeccionismo do razoamento do líder soviético e o método de análise deste pasou ás páxinas perdurábeis do "Sempre en Galiza".
Morto Castelao, Lois Soto síntese o portador dunha antorcha. A súa revista, "Vieiros", móvese na dirección de reforzar o encontro de marxismo e nacionalismo. Luís Seoane vive lonxe de México, pero Arturo Souto e Carlos Velo está con Lois Soto e apoian a súa actividade, que se extende alén do mar até o noso grupo Brais Pinto. As redes están establecidas, os contactos flúen con facilidade nun e noutro sentido, as condicións parecen creadas. Coma unha tuba apocalíptica destinada a acordar a vivos e mortos, Celso Emilio Ferreiro entra en escena con "Longa noite de pedra". Lonxe pero dentro de nós, Xosé Velo concibe o DRIL e tomará o Santa María para admiración do Mundo. De xeito que, en 1963, resultou realidade o soño e os intentos de Xohán Xesús, de Benigno monolingüe e construído en rocha, do Soto pertinaz a aglutinante coma o corazón do acebiño: fundouse a UPG e unha nova etapa política abríase daquela nas entrañas do pobo galego. E a Historia continuou; abofé que continuou.

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

sábado, junho 21, 2008

A lavandeira coxa do xefe

Conta Xurxo de Vivero no seu libro sobre as aves urbanas de Galicia dunha lavandeira á que lle faltaba un pé e que nembargantes se deselvolvía moi ben polo mundo. Nunha beirarrúa da Avenida das Camelias de Vigo vexo todos os días peteirando ou facendo que peteira no chan unha lavandeira á que lle falta unha daquelas longas e finas patas que a converten nunha zancuda en miniatura. Estou a falar dunha especie que na miña infancia e mocedade só se vía próxima ao home polos camiños da aldea, e aínda polos tellados. Hoxe está no centro das cidades e forma parte do continxente ornitolóxico que modificou os seus costumes e se fixo urbano. Ningún neno acantaza xa paxaros, como faciamos nós con fondas ou tiragomas. Saberán que ás lavandeiras lles presta moito durmir nos canavais, do tipo dos que proporcionan canas para as videiras. A un canaval que eu sei chegaban á noitiña ducias de lavandeiras de toda unha contorna, en Mourente, Pontevedra. E coñecín un rapaz que se entobaba no canaval á espera das lavandeiras, que non o vían no luscofusco. El disparáballe coa espingarda de ar comprimido a moi pouca distancia e facía grande mortandade de lavandeiras. As correntes culturais dominantes respectan hogano moito máis que noutras eras as especies selvaxes. Por iso as especies selvaxes convértense en especies civilizadas, ou sexa cidadás.
Eu gosto da lanvadeira, así da esquiva e colorida dos ríos retirados, que non se civiliza nada, como da máis común que leva tamén en galego o nomes vulgares de pastoriña (Vilanova dos Infantes), pastoriza (con seseo, Morrazo) ou paxaro da neve (en castelán, aguzanieves). Seu nome científico é Motacilla alba, á que lle recoñecen unha subespecie máis escura que no é do caso agora.
A lavandeira, patilonga, ten o bico finiño, e nela destaca o rabo que sempre move ao andar. Cando escapa de nós en pequenas voaduras a lavandeira desprega a cola. Chía moi pouco e non asociamos a súa voz con canto ningún. É un paxaro fino, xentil, cuxa observación relaxa o paseante. É unha presenza femenil á que non lle imaxinamos macho.
En latín chamábanlle motacilla/-ae, de onde no século XVIII saiu o nome linneano. Pro este nome dispuña dunha variante, moticella, que os romanos, por etimoloxía popular, facían derivar do verbo moue, -es, moui, motum, mouere, que significa "mover". Lemos en Varrón, a respecto da lavandeira, isto: "semper mouet caudam". Quer decer que estamos a tratar dun paxaro caracterizado visualmente polo feito de que el "estás sempre a darlle ao rabo ou a mover a cola". Por iso mesmo o nome vulgar francés de lavandeira é o de hoche-queue: "a que move a cola de arriba a abaixo". O curioso é que os franceses tamén lle chaman bergeronnette que significa "pastora" en diminutivo, o cal ven ligar con outros nomes galegos da Motacilla alba que xa citamos: pastoriña e pastoriza.
Rematando esta columna vou dar unha volta pola Avenida das Camelias por ver se a miña lavandeira coxa sobrevive na cidade.