segunda-feira, julho 09, 2007

Eloxio de Elixio Rodríguez

Dicímoslle adeus cunha fonda dor ao noso admirado e benquerido amigo Elixio Rodríguez Domínguez, quen hoxe vai ser soterrado en México. Dámoslle dende eiquí unha forte aperta tamén a Gloria, dona e apoio incondicional deste grande home de honor, e tamén aos seus fillos e descendentes.
Nos últimos anos Elixio pasaba a metade do ano en México, e a outra metade no Val do Limia, onde están as súas raizames. A estas alturas do ano xa deberan estar na súa terra, pero o mal estado de saúde do Elixio durante os últimos meses obrigounos a cancelar a súa travesía anual e sempre puntual, coma unha ave migratoria, sobre o Atlántico.
As fiestras pechadas da súa casa de Bande, despois de pasadas as festas do Viso de Lobeira, eran un mal agoiro que hoxe nos confirmou por teléfono a súa neta Isa dende Madrid.
Nacido en 1910, Elixio era unha desas persoas tan apaixoadas e vitalistas que semellaban ser inmortais. E en certa medida si que o é, porque o noso Aviador Dro Arraiano, quen co seu testemuño e conversa nos fillo ollar as cousas da nosa historia recente doutro xeito, vai seguir sobrevoando eternamente cun Breguet XIX as chairas do Laboreiro e os curutos do Xurés, sempre co seu pito de tabaco rubio aceso entre os beizos. Precisamente co mesmo avión un día que lles chourizou aos franquistas nunha base aérea andaluza para fugarse cruzando o estreito de Xibraltar e pasarse á aviación republicana.

quarta-feira, julho 04, 2007

Presentación d´O ourego e o compás


Veleiquí unha nova edición deste poemario do poeta arraiano
Baldo Ramos

O ourego e o compás

Editado pola Fundación Curros Enríquez

O acto de presentación, ao que estades todos convidados, vai ser este venres, 6 de xullo ás 20:00 horas, na Casa dos Poetas en Celanova e vai contar coa presenza do autor celanovés, que vai estar acompañado na mesa polo poeta Manuel Vilanova

segunda-feira, junho 25, 2007

Vexo Vigo, Vigo Beat

EDICIÓNS XERAIS DE GALICIAcomprácese en convidalo/a ao acto literario-musical de presentación do libro FÓRA DO SAGRADO de Anxo Angueira.
O acto, que contará coa intervención de X. L. Méndez Ferrín,co recitado de Anxo Angueira acompañado musicalmente de Leo e Arremecághona e Aser Álvarez e coa intervención plástica de Xosé Luís de Dios e Xoán Carlos de Dios,terá lugar o mércores, 27 de xuño, ás 20,00 horas no Salón de Actos do Instituto Santa Irene de Vigo. Este novo poemario de Anxo Angueira é un canto centrado en Vigo, na persoalfisionomía da cidade, na súa capitalidade cultural, literaria e política arespecto de Galicia. Enxurrada onomástica que escolle a propia palabra Vigocomo centro dun remuíño, e que especialmente se refire a nomes de persoas damemoria política do autor; o texto é un único poema en que se dilata e sefragmenta, se prende e se leixa, se fía e desenfía arredor de Vigo. Arredor dosmúltiples Vigo, pois “Fóra do sagrado” fálanos dun Vigo que, a pesar da súacentralidade, resulta moitas veces contracanónico, arraiano, exterior, maldito,irredutible. E fálanos de Vesteiro Torres e Martín Códax, de Lavadores e doBerbés, dun Vigo de Rosalía de Castro e de Rotbaf Luden, do 36 e do 72, deBembrive e de Príncipe, o Vigo dos trasantlánticos e o dos cabalos bravos doGaliñeiro. En definitiva, Vigo asalta o papel protagonista que para o autormerece na paisaxe literaria de Galicia.

terça-feira, junho 19, 2007

Arraianos en Alaska

Non, amigos, este non é o título da nova serie sucursalista e mimética do tan cacarexado, patético e endogámico mundo audiovisual galego: impúdica tragadeira de diñeiro público e divertimento de aristócratas seudo progresistas e cuchipandas de modernez paleta... Non podo tomar máis viños pola mañá.
Monsieur de Malesherbes dirixe a distancia a nosa viaxe de ultratumba a través do Canadá, na procura de mapaches e castores arraianos cos que poder salvar o pouco que queda aínda da podre estirpe malferida trala desfeita eleitoral. Chateubriand vai polo libro VIII do seu literario monumento funerario. Hoxe é 20 de xuño de 1821, fago 31 anos, e xa me dixo este carallo de gabacho que non iamos voltar ao Penagache nunca máis. En tal caso a Saint Maló, reconquistar a Bretaña. Só no Corno Dourado deixamos un pequeno chalé adosado con parcela e ao vello Medela a coidar o eterno lume de San Xoán. A verdade é que non teño morriña ningunha e me estou voltando algo conservador e libertario de máis durante as miñas andanzas por América do Norte. Imos cara ó norte, sempre norte, Arrabaldo do Norte. Só escoito ouveos de cando en vez ao pechar o cú e os ollos, pero seica por aquí tamén hai lobos ibéricos que xogan a fuxir dos homes e a comer carniza política. Ou iso nos dixo aquel protestante medio cuáquero de Nova York, que nos vendeu peles de leitón por catro cadelas, un birimbao de ferreiro e sete corzas con cornamenta de caramelo líquido para nos propulsar sobre o xeo. Non nos movemos demasiado, pero pensamos moito, pescamos troitas e salmóns e vemos a aurora boreal antes de nos retirar a meditar. Chateaubriand non para de escribir e eu leo a súa prosa chea de sabedoría para que un día destes Pedrayo poida morrer cun libro soberbio sobre o peito....

domingo, junho 17, 2007

Roteiro de Frei Gonçalo Coelho

Os amigos do colectivo Arnau (Muínos) e do Fiadeiro (Pitoes) organizan unha vez máis o Roteiro de Frei Gonçalo Coelho con motivo do San Xoan, entre A Cela (Lobios) e Pitoes das Junias (Montalegre). Os que seguides a Revista Arraianos, xa sabedes deste fermoso roteiro. É un percurso histórico, que cruza o corazón mesmo do Xurés-Geres, e que foi recuperado polos compañeiros de Arnau e do Fiadeiro, con quen xa o fixemos en varias ocasións. Este ano vai haber un coloquio de dous historiadores portugueses sobre a historia do camiño e pola noite haberá lume, licandorios e boa música para espantar os malos espíritos. Roteiro arraiano onde os haxa.
Os que queirades anotarvos podedes poñervos en contacto co Xabier no 609 98 54 50. A cita é o sábado ás 9 da mañá portuguesas e 10 galegas, 9.30 arraianas...

terça-feira, junho 12, 2007

San Xoan Arraiano

Adxuntamos programa do SAN XOAN ARRAIANO que se vai perpetrar en Celanova o 23 e 24 de Xuño de 2007
Día 23:
Ás 18 horas haberá reparto de acreditacións e entrega de documentación na Praza Maior, seguida dunha visita guiada á Capela de San Miguel e un acto litúrxico paghano, seguido dunha pausa para o sagrado licor café e visita a Vilanova dos Infantes con cata de diversos caldos e licandorios profanos
Cando se poida desenredar o choio dos caldos, haberá churrascada e sardiñada, seguida de lume purificador e resaca sagrada
Día 24:
Lavado de cara e colloadas con auga de rosas e herbas de San Xoán
Sobre as 12 da mañá vanse arranxar os desperfectos da noite anterior e o que deba, pedirálle desculpas a quen corresponda
Tres afamadas Pitonisas farán a predicción anual a quen queira polo rito da leitura da clara de ovo
Despedida até o ano que ven
Notas:
Todos os actos estarán amenizados polo grupo “ Os Lóstregos da Raia “ e a charanga
“ Que ven o Lobo “, e ademáis está coprometida a asistencia dun gaiteiro de renome,
e un afamado cantante de Moaña.
O cuota por articipante se estima nuns quince eurs por persoa incluindo o custo dun
manto para a Virxe do Cristal e algo de dinamita para un temiña
Prégase confirmar con antelación a asistencia para calcular as sardiñas, churrasco,
viño e aloxamento
Vai vir o Pío, ainda que non saberá nada até o mesmo dia, en previsión de posibles
actos de boicot
O que queira saber futuro deberá traer o seu ovo con clara

segunda-feira, junho 11, 2007

Contra o Himno Galego


Hai xornalistas dedicados a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Á Presidente do Parlamentiño e á Mesa que a asiste parece que non lles chista o Himno Galego de Pascual Veiga e Eduardo Pondal, por iso ordenan a antroidada de facelo soar en plan "Café de Chinitas" na inauguración da lexislatura ou o que sexan as sesións que se procesan na antiga Escola de Veterinaria do Hórreo. Nantronte lin a X.C. Caneiro e coñezo que, para o autor de Verín, a letra do Himno Galego é detestábel como poema. Tamén é verdade que nese mesmo día vin, que na opinión de Bieito Iglesias, o poema Os Pinos de Pondal que lle dá as palabras ao Himno constitúe a mellor de todas as letras posibeis porque só a poden entender os críticos especialistas en lírica simbolista. É corrente ouvir falar por aí contra os nosos símbolos nacionais, mormente á medida en que o cardume madrileño se fai mesto, toldado e ameazante contra todo nacionalismo que non sexa o español. Característica do colonizado é mimar, case sempre con resultados ridículos, as maneiras do colonizador. As raparigas africanas con sosténs impostos polo misioneiro a lles cubrir os peitos e o régulo antropófago toucado con chapeo de copa sempre foron considerados, senón o retrato, si a triste caricatura do colonizado. Este fai usualmente ostentación da súa subalternidade e o primeiro que o Amo lle esixe é que careza de símbolos abstractos que excedan a condición tribal. Entre nosoutros: empanada e polbo si; Himno Nacional non. Hai xornalistas dedicados todo o tempo a converter en cómica a vindicación nacional de Galicia. Estes son os "bufóns d´El Rei" cuxa misión non é outra ca a de facer rir o Amo. Outros columnistas, con aspecto demacrado de náufragos nas praias finistérricas dos xornais de Galicia, imitan aquilo que nunca serán, ou sexa asinantes de textos nas páxinas metropolitanas de El Mundo ou El País. Son lúgubres, malencónicos e están doídos. Soen usar da ironía ou do sarcasmo para asemellarse cos seus modelos superiores en canto se afanan en tratar unha e outra vez das "miserias" do nacionalismo incesante. Agora, aqueles que marcan en Madrid a axenda dos media, decidiron que toca tratar da letra da Marcha Madrid. Pois ben, pillando bola, o columnista colonizado aproveita para poñer a feder o Himno Galego, naturalmente esperando o aplauso do Amo e a acollida na Casa Grande do Pensamento Hexemónico. Os máis biliares, con moito, parecen ser os que proceden da esquerda e do nacionalismo, o cal, como facía Vicente Risco, consideran pecados de xuventude. E estes mesmos son os máis contumaces en recorrer á imitación do pésimo columnista metropolitano e en insistir no tema monográfico da ruptura de España adobiando o gorigori monorcorde coa burla de todo o que en Galicia é alto, non español, nobre, soberbio: poño por caso a poesía de Eduardo Pondal. E ben, se queren tratar do Himno, trataremos do Himno. De momento non porque xa esgotei o espazo que este xornal xenerosamente me concede: "O fel de ter que vivir/ entre badulaques tantos...": por Celso Emilio Ferreiro.

domingo, junho 10, 2007

Coidado coa memoria

Como sabedes, hai poucos días foi admitida a trámite polo Xulgado de 1ª Instancia de
A Estrada unha demanda contra min por parte da familia de Manuel Gutiérrez Torres, "camisa vella", antigo xefe local de Falanxe e ex alcalde de Cerdedo ate os anos 60. Non abundarei na cuestión, porque vos supoño coñecedores/as (ver a páxina web
www.sinhorafranio.com ) dos detalles do asunto; tan só informarvos que a miña avogada considerou interesante a publicación na prensa dun manifesto a prol da liberdade de creación científica, na que se insire o labor do/a historiador/a, apoiado polo maior número de persoas adicadas a este tipo de traballos. O devandito manifesto, apoiado polas sinaturas, podería ser presentado no xulgado no momento procesal máis indicado, de acordo coa evolución do xuízo ou dun posible recurso.
En consecuencia, envíovos o devandito manifesto (redactado por colegas solidarios) no arquivo adxunto e solicito a voso apoio.
A efectos de posible presentación no Xulgado, sería preciso o voso DNI, así como o lugar de residencia e a profesión. As sinaturas recolleríanse neste correo
dpereirag@terra.es ou no de Xoán Carlos Garrido, xcgarrido@yahoo.es .
Obrigado a todos e todas de antemán.
Saúde
Dionísio Pereira

sábado, junho 09, 2007

Vigo Arraiano



Fóra do sagrado é un soberbio poemazo épico de Anxo Angueira con cheiro a salitre e a folga do metal, a ferruxe, aceiro e activismo político, a caos que vive de costas ao mar e palabras enfiadas coma un remuíño druídico e cosmopolita, arrecendo pólvora sobre a barra das húmidas tabernas do porto, cráneos furados e garraos que agardan a chegada da loita final pola liberdade no curro do Galiñeiro. Veleiquí unha guía turística en forma de poema que dá fame, o mapa sonoro e hipnótico dun arraiano visionario , un bafexo vital auténtico e moi persoal que nos fai ir tralas sombras que proxectan as afiadas palabras vigangueiras do Dylan Thomas deste país a medio facer... Isto é puro Vigo arraiano, caótico e brutal, múltiple, ambiguo e caleidoscópico, dialéctico e potente sico-trópico urbano e rural, bestial, comprometido e contamporáneo, un cantar universal baixo a peneira sonora, evocadora e de máxima precisión de Anxo Angueira

terça-feira, junho 05, 2007

Homenaxe aos votantes

A esquerda e o nacionalismo votante espera dos partidos vencedores unha política municipal contraria ao neoliberalismo
X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Coas pasadas eleccións municipais o retroceso do PP vese que continúa, e continuará sen dúbida deica o afundimento total cando perda as deputacións que aínda goberna. Logo abrirase o período de reacción da dereita que seguramente pasará por unha refundación en clave non sucursalista, ou así o pensan algúns que claman sempre polo partido nacionalista de dereita ou centro. Converterse niso parece que é ao que tende o BNG e no proceso parece que perde votos e se converte nunha especie de teloneiro do PSOE. Esta columna está moi alegre pola derrota, coido que irreversibel, do PP de Fraga Iribarne. Outras dereitas virán, pero non terán eses seus ollos. E, agora, aquí manda un partido que se di de progreso e ás veces de esquerda e que depende en todo dun Madrid onde perde as eleccións e máis un partido que di non ser de esquerda senón non se sabe de que, que non fala do Pobo senón de cidadanía e xente e que, sendo unionista, é de dirección galega e reclámase do nacionalismo. Asi e todo, sabemos que as multitudes, as masas, o pobo, o proletariado, as camadas populares, a pequena burguesía ilustrada (disimúlenme este cúmulo de palabróns prohibidos: é deliberado) que votaron PSOE e BNG si que pensaban votar esquerda real e independentismo. E pensaban votar para que nos concellos se leven a cabo reformas, algunhas adiadas desde a noite dos séculos XIX e XX. Non falo de "revolución", como cantaba estúpidamente a propaganda electoral do BNG, polo menos en Vigo. Falo de reformas necesarias que adecuen, no plano da administración local, as institucións que constitúen aparellos xa innútiles, ás nosas realidades do século XX. E outras cousas.Naturalmente que a esquerda e o nacionalismo votante espera dos partidos vencedores unha política municipal contraria ao neoliberalismo e que recupere os servizos cedidos a empresas privadas que, sinxelamente, están a nos colonizar e a se bulrar de nosoutros. Claro que eses votantes queren apoio ao galego e posta en vigor de ordenanzas e é prácticas de política lingüistica eficaces nos municipios e non lle tolerará a Abel Caballero o desprezo que lle merece o noso idioma igual que non llo tolerou a Ventura Pérez Mariño. Por suposto que os votantes esixirán unha planificación democrática do urbanismo e non aceptarán máis a dictadura do empresariado da construcción. E pedirán cultura en forma de bibliotecas, arquivos e museos reais e tanxibeis. E esixirán a creación das Xuntas de Freguesía e, xa que son dúas as deputacións liberadas do sistema arcaico do PP, pensan que diante dos novos gobernantes se abre a tarefa da comarcalización como paso previo á extinción das catro provincias decimonónicas e inútiles. Naturalmente a esquerda dos votantes reais non aceptará a privatización do porto acompañada de recheos e novas pontes sobre a ría en Vigo, nin a gasificación de Ferrol, nin a universalización das eólicas por todas partes e reclamará políticas medioambientais orientadas ao ben común como mandaba nada menos que Tomás de Aquino, sempre tan aristotélico. E así poderíamos seguir porque os votantes nacionalistas e de esquerda non piden a lús, ao meu xuízo, senón reformas que entran no terreo do posíbel. Estarán PSOE-BNG á altura do programa implícito das multitudes que os votaron nos lugares nos que, ao revés que Cangas, ou Ferrol, non teñen presenza municipal partidos de esquerda xenuína e ambición independentista?

A ínsula Baltaria

Entrevista a Baltar no Pais do domingo, 3 de xuño
Perla enviada por Xurxo Dorrego á sala de des composición deste Caderno Arraiano

P. ¿Cree que los partidarios del anterior alcalde se quedaron en casa el domingo?
R. Hombre, no lo creo. Es difícil que se queden en casa porque todo el mundo sabe que yo examino las elecciones con los listados en la mano. Yo sé quién votó y quién no votó, lo que no puedo saber es a quién votaron. Pero me sorprende que haya tantos votos para Democracia Orensana y tantas papeletas en blanco. Pero yo no quiero culpar a nadie, cuando tenga datos lo diré.

quarta-feira, maio 30, 2007

Ereccións municipais en Celanova

Urnas fúnebres e votos de cinza, tapar o nariz para votar, espirrar papeletas nulas e chupiños de Lei D´Hondt. Esta é a festa da democracia, banda de gaitas, polbo e grupo municipal de intervención rápida. Benedita ereción, cousa do demo e da bimbacracia, miseria para todos, e caldo de cemento, chapapote de incapacidade, roña de miseria entre os dedos dos pés. Foguetes e bombo a discreción. Somos os mellores pero a xente non nos entende...

Aínda sigo empalmado e intelectualmente teso coa fodida realidade que me trouxo esta resaca bestial de carallo coma un puño. O licor café é o que ten... Pura evasión arraiana. Que nada, ou moi pouco, cambie para que todo siga igual. Igula de patético e apocalíptico. Que ten que acontecer para integrérmonos... Cambio (insuficiente) non é cambio nin é nada. Que todos gañen e que ninguén queira facer autocrítica é normal. É a nosa mala sorte ou os votos do Galo. Uf, por un chisco de nada, catro anos máis de desfeita.
Pero todo está ben feito. Que haxa un corenta por cento de abstención é normal. Que a oposición non teña feito nada en catro anos é normal. Aínda así, xa decidín seguir vagando por entre as mámoas e os marcos da fronteira coa escopeta na man. Alongaremos a xornada de reflexión uns séculos máis. Estamos fodidos e xa non hai que reflexionar máis. Acción. Se non chega a ser por Chateubriand, Tocqueville e Pedrayo, que andan a pastorear nas cachenas e en min, xa tería baixado do Penagache cun exército invencible de mercenarios arraianos, e cos lobos da noite comandados por Tomás das Congostras ou Quingostras, para falar de política con algún que outro moinante deses que nin comen nin deixan comer...
Como dixo o Codias, "uns non merecían gañar e os outros aínda tiveron máis votos dos que merecían". Neste caso, ninguén ten o que merece. Só os de Lobios, Entrimo, A Bola e algúns outros arraianos poden respirar tranquilos o aire fresco da fachenda de ser de onde son. Despois de 16 anos, os de Celanova tamén podemos mirarnos e embigo un pouco máis, falar de meigallos e ir tomar polo cú ben contentos.

REGA non é NOSA

Os graves sucesos de onte no peirao de Ferrol, trala inútil tentativade entrada dun vello gaseiro (28 anos) a Reganosa, teñen continuidadeno día de hoxe nos seguintes feitos:
Hoxe 30 de Maio, a Policía Nacional e a Guardia Civil impediron ós mariscadores ,desde a madrugada, acceder ás súas embarcacións, perdendo asemade outro día de traballo e de salario. O Patrón Maior, Bernardo Bastida, segue detido no Cuartel da Guardia Civil. Ás 15 horas, convocados polo Comité Cidadán de Emerxencia, varios centos de cidadáns concentráronse no peirao para rexeitar a entrada desa bomba flotante, a unha pranta ilegal e perigosa. O porto deFerrol estaba tomado por un enorme aparato policial e varias patrulleiras da Guardia Civil, e só así foi quen de entrar o gaseiro, e así será cada vez que o intenten de novo. Unha hora mais tarde, os concentrados dirixíronse en manifestación polas ruas de Ferrol, ó Xulgado, onde foi trasladado Bernardo Bastida a prestar declaración. As 19,30 horas segue a manterse esta situación, e varios centos de persoas permanecen concentrados ás portas do Xulgado, á espera da resolución xudicial reclamando:
LIBERDADE PARA BASTIDA, PRANTA DE GAS FÓRA DA RIA E NO PORTO EXTERIOR
Desde Ferrol, solitamos a axuda e a solidaridade de tódolos galegos para conquerir o fin deste atropelo, en salvagarda das nosas vidas, da nosa ría e dos postos de traballo de centos de traballadores do mar.
Pregamos a máxima difusión e seguiremos a informar.
Enviado polos compañeiros da AC Fuco Buxán

segunda-feira, maio 28, 2007

Divagación ferriniana sobre a Terra de Turonio


É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Acaba de publicar Xaime Garrido Rodríguez coa colaboración de Natalia Zunzunegui Pérez en Revista de Estudos Miñoranos un artigo sobre dous antigos castelos da Terra de Turonio: o de Morgadáns e o de Santa Helena. Observamos que a mención da Terra de Turonio é cada vez máis frecuente, naturalmente con referencia ao pasado histórico medieval. Turonio era chamado o país e demarcación que limita ao S. polo Río Miño, ao N. pola Ría de Vigo, ao L. por unha porción imprecisa de montañas que poden ser as da Paradanta, a Fontefría e Avión e, naturalmente, ao W. con Nova Inglaterra Océano por medio. Trátase dun espacio xeográfico e cultural dotado de coherencia. Non é un territorio artificial senón unha rexión determinada pola natureza e arriquecida polo traballo do home que constituiu en Turonio unha cultura e identidade que chega aos nosos días. Por un cúmulo de coincidencias nas que o determinismo natural se combina co azar e coa necesidade, na Terra de Turonio naceu e deselvolveuse Vigo. O que Castelao, Paz Andrade, Bóveda e a perspicacia do Partido Galeguista republicano chamaban o hinterland de Vigo e que hoxe é moda dicir "área metropolitana", coincide exactamente con aquilo que no pasado feudal floreceu como Terra de Turonio.A conciencia política e social de Vigo deberá, se quer dar no albo ou sexa na diana, pensar a cidade como centro dunha Terra de Turonio ben pensada, en termos de século XXI, polos xeógrafos, os historiadores, os sociólogos, os antropólogos sociais, os economistas, os administrativistas, naturalmente atentos ás vontades do pobo (eu nunca direi xente) e das comunidades que vivan e penan neste territorio do Sul de Galicia. Pensar Turonio é pensar Vigo e facer isto é pensar Galicia pois en Vigo, desde que Murguía e Alexandre Chao fundaron La Oliva, constituise un dos centros de Galicia, nación que moitos desexamos policéntrica e articulada, aínda que non magmática e frouxa como está hoxe por falta de política propia. Pensar os límites de Turonio é tarefa prioritaria. Extenderse ao Morrazo sería ir literalmente contra-natura.Os intereses e plans inmobiliarios e do diñeiro rápido e non sometido á lóxica industrial que en Vigo é tradición, queren colonizar o Morrazo e, os especuladores, digo, esíxen que lles paguemos unha segunda ponte innecesaria sobre a Ría de Vigo. Pola contra, a expansión natural de Vigo e de Turonio é cara o Sul. Tantas pontes sobre o Río Miño como hai en París sobre o Sena -así rezaba unha proposta histórica de Camilo Nogueira. Porque a Turonio, capital Vigo, médralle desde sempre un tentáculo que repta en dirección Leixôes e o Porto do mesmo modo que desde o hinteland do Porto sobe en dirección a Vigo un tentáculo comercial e industrial chamado pola Historia a conectar co primeiro. É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar baixo o nome de Nova Gallaecia, porque isto e aquilo, ao Sul e ao Norte do Miño e do Xurés, foi Gallecia do mesmo modo que a Terra entre Miño a Vigo foi Turonio. Crear unha nova provincia española en Vigo é unha das propostas máis reaccionarias e absurdas que se teñen ouvido ultimamente na Terra de Turonio, onde eu escribo agora.

quinta-feira, maio 24, 2007

Arraiano de Ultratumba


Amados arraianos do mundo cibernético:
Xa non estou entre vós e quería despedirme conforme é debido, porque un é algo zulú, pero ante todo un cabalerio.
Dende que lle metín o dente ás Memoria de Ultratumba, ese monumento panteísta de Chateubriand, en catro volumes, que me regalou o Doutor Boullosa McGowan na súa última visita a Prisciliano, téñovos abandonadodos e funme deste mundo. Pero a verdade é que non teño moita saudade de case ninguén. Cando remate esta farturenta lectura, que me fai roubarlle horas á noite, ao traballo, á patética campaña eleitoral e ao estudo, dende hai xa non sei cantos días, vou ser un ghicho novo.

Se me queredes ver, insultar ou dicir algo agarimoso, podedes contactarme na webcan arraiana do máis aló, marco 23 da Raia Seca. Estarei rañando os collóns no Couto do Corno Dourado para todos vós e cazando pegureiros, garraos e vacas cachenas co meu espeto mortal de pedra e dente de xabarín.
Tamén vou facer unha mámoa contemporánea ao pé do Penagache, para a posteridade, se a hai. Vaime axudar neste choio o vello bretón Chateubriand, resucitado e máis arraiano ca nunca, e tamén o seu sobriño Alexis de Tocqueville. Aínda que xa se sabe. Estes franceses, moito escribir, moito falar e pouco traballar. Paga a pena. Se morro non me veñades chorar. Podedes ficar tranquilos porque a obra continúa. O consello de vellos sabios arraianos segue a sementar frondosas publicacións e cadufilolios papiros de liberdade no lombo das salamandras que suben dos Mociños polo Laboreiro arriba, esturruxadas contra a terra quente do Principio do Mundo.
Teño que deixar os medicamentos e morrer tranquilo no monte, pero non sen antes soterrar a algún alcalde.

quinta-feira, maio 17, 2007

Prohibida a Memoria

Da Comisión pola Memoria Siñor Afranio chéganos esta información arredor da demanda ao historiador Dionisio Pereira con petición de difusión.
Compañeir@s: Tal e como ameazaron no seu día, o xulgado de 1ª Instancia de A Estrada acaba de admitir a trámite a demanda interposta contra min pola familia do ex-alcalde falanxista e xefe local de Falange de Cerdedo nun par de ocasións, Manuel Gutiérrez Torres. Na demanda, rebáixanse as esixencias que contiña a inicial demanda de conciliación, posto que renuncian á indemnización, se eliminan algúns nomes e tamén as referencias ao libro publicado no ano 2006 pola Asociación "Verbo Xido". Manteñen, non obstante, a esixencia de retirada da frase que fai referencia á "presunta" participación na represión de Manuel Gutiérrez Torres e do falanxista cerdedense Francisco Nieto, contida nas actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón e organizado pola Asociación Memoria Histórica Democrática. Malia que a masiva resposta solidaria acontecida hai tres meses semella que dou os seus froitos, considero que a presentación da demanda continúa a ser unha agresión contra a liberdade de expresión e de creación científica, na que se enmarca a actividade dos historiadores, que en ningún caso debera ser xudicializada. Tamén pretenden, na miña opinión, perpetuar a impunidade dos "presuntos" protagonistas da represión, intimidando aos historiador@s e, sobre todo, aos nosos informantes. En consecuencia, este non é tan só un problema individual a engadir aos que xa tiveron lugar en Galiza (caso da páxina web censurada a Fabien Garrido polo Xulgado de Cambados) e noutras zonas do Estado español (Asturias, Andalucía....), senón algo que pode afectar a tod@as as persoas amantes da liberdade e conscientes da necesidade imperiosa de recuperar a memoria da represión franquista. Máis unha vez, sen desbotar outro tipo de alternativas que podemos debater en torno ás asociacións debruzadas na recuperación da memoria caso da recén nada Iniciativa Galega pola Memoria, solicítovos a vosa solidariedade que xa demostrou ser efectiva meses atrás. Polo momento, podedes enviar os vosos apoios e opinións á páxina web www.sinhorafranio.com , sitio onde se poderán seguir as novidades e iniciativas que nos vindeiros días entre todos e todas tomaremos.
Saúde e memoria, Dionísio Pereira

segunda-feira, maio 14, 2007

O Xefe fala de vacas e containers

O desexo burgués contemporáneo de facer renacer o esclavismo aflora á luz: non recoñecen os compromisos adquiridos X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Parece que en Vigo arderon algúns caixóns de lixo propiedade das señoras de Koplovitz que tanto diñeiro levan de nosoutros, e moitas persoas de orde se incomodaron. Eu, que prefiro a xustiza á desorde, vexo que iso é un chiste en comparanza cos dous mil coches que levan ardido en Francia desde que Sarkozy lle gañou as eleccións ás esquerdas agrupadas, como manda a letra da Internacional, arredor de Ségolène Royal. As voces das xentes de orde, que soen amparar a desorde se esta se produce en Ucraíña ou en Tiflis ou en Belgrado ou en Venezuela mesmo en forma de golpe de Estado, escandalízanse de que se lle prenda lume a uns containers ou, máis exactamente, ao lixo que levan dentro uns containers. Como dicía Ortega y Gasset ao explicar a súa doutrina do perspectivismo: Unha mesma vaca da cow parade é vista desde o flanco esquerdo e desde o flanco dereito por dous espectadores diferentes. Cada un deles ve unha vaca distinta pro, sen embargo, a vaca é a mesma. Coido que Ortega, que escribiu o seu primeiro artigo moi perto de onde eu escribo este, ou sexa na parte da finca de Dona María Gasset que hoxe é Avenida das Camelias, non usou como exemplo a vaca que trouxen agora eu aquí porque as vacas reais están a retirarse do outrora País do Millón de Vacas.Os que censuran as desordes postelectorais das grandes cidades de Francia din que os seus promotores son individuos asociais que non respectan o Estado de Dereito co cal falou moito ben aquí José Manuel Ponte. Non son demócratas pois non acatan os resultados dunhas eleccións limpas e transparentes. Isto non é acéptabel en Democracia, di o home que mira prá vaca desde determinado ángulo.Hai pouco tempo asinouse un convenio colectivo entre as pequenas e medias empresas do ramo do Metal da Provincia de Pontevedra e os traballadores. A patronal asinou cos sindicatos unha serie de medias a cumprir entre as que se encontra esta: 45% por cento dos traballadores destas empresas terán que ser fixos. Moitas empresas non cumpren nin este nin outros puntos do convenio. Queren botar éste abaixo e practican o boicot patronal. A Inspección de Traballo nin inspecciona nin abre expedientes de incumpremento. A Xunta de Galicia volatilízase. Os grandes asteleiros, que están obrigados a revisar se se encontran na legalidade as empresas auxiliares desde o intre en que lles entran polo portón, tamén miran para o infinito. A patronal colócase entón obxectivamente, contra o Estado de Dereito. O desexo burgués contemporáneo de facer renacer o esclavismo aflora á luz: non recoñecen os compromisos adquiridos. Colócanse fóra da lei.É aí onde os traballadores esixen xustiza, e esta lles é negada. Queren facer prevalecer o Dereito. Obxectivamente, os traballadores do Metal, ao se defenderen a eles mesmos, estarían defendendo o orde e o Estado de Dereito. É entón cando ocupan as rúas e queiman algúns, poucos, moi baratos e antiestéticos caixotes de propiedade das señoras de Koplovitz. E é o momento no que o home que mira para a vaca desde o lado contrario do anterior, constata que é moito maior o dano social e público que está a causar a patronal do Metal que o lume pegado ao lixo dos caixotes de plástico. Este segundo home (ou muller) ve a mesma vaca ca a anterior pero, orteguianamente percibe unha vaca diferente.

quinta-feira, maio 10, 2007

Presentación de Volverlles a palabra en Vigo


Lugar: Casa do Libro de Vigo
Data: Venres 11 de maio. 20.00 horas

Participan: An Alfaya, Xesús Alonso Montero, Anxo Angueira, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marcos Juncal, Paula Mariño, Francisco Pazos, Baldo Ramos, Elvira Riveiro, Xurxo Sierra Veloso, Vítor Vaqueiro, Manuel Veiga, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova.

O libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo foi coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e Baldo Ramos e editado pola Consellería de Cultura e Deporte, a Difusora de Letras, Artes e Ideas, coa colaboración da Asociación Arraianos, de Celanova.

segunda-feira, maio 07, 2007

O Xefe fai memoria de Líster


"O seu fillo desexa que o legado histórico de Líster sexa custodiado en Galicia"
Anda a asociación A Oliveira de Teo no labor de facer memoria do xeneral Líster, quen sempre tivo empeño en ser identificado como galego. Hemingway menciona a Líster como galego nun paso da súa novela Por quen tocan a defunto que eu penso que aínda circula censurado na versión que corre en castelán. Alí Hemingway fai que o voluntario norteamericano e o xefe da guerrilla escoiten, achantados, falar en galego a dous soldadiños do exército de Franco. Os soldadiños falan o galego. O guerrilleiro comenta que os galegos poden ser desprezabeis coma Franco ou valentes e xenerosos coma Líster: algo dese tipo.Nun intre avanzado da súa vida, Líster separouse do PCE para refundalo co nome de PCOE. Desfechou a mediados dos anos setenta unha ofensiva ideolóxica en forma contra Carrillo e contra o eurocomunismo disolvente que se concretou en libros poderosos como Memorias de un luchador (1976). O poder dos seus argumentos caeu sobre os carrillistas de Galicia e contra a sucursal política coñecida como PCG, tamén. E Líster regresou a España en 1978 sen participar nos pactos da II Restauración Borbónica. O 30 de Maio, se a memoria histórica de meu non falla, o xeneral Líster presentouse na capital de Galicia.Unha multitude concentrada na Alameda de Compostela acolleu a Líster. Homes e mulleres, vellos e novos, xentes procedentes da comarca de Santiago e de toda Galicia estaban alí. Primeiro, nun silencio emocionado; deseguida, estoupando en víctores e aplausos. Eran xentes da aldea e das cidades, na súa mor parte traballadores. Naturalmente, alí non estaban os carrillistas en xeral nin moito menos os carrillistas que hoxe, sen un átimo de vergoña, teñen o atrevemento de se sumar aos actos organizados pola Oliveira de Teo. Líster abriu o seu discurso memorábel en galego e logo, cortesmente, pediu permiso para seguir en castelán. Ao meu carón, unha velliña de pano negro á cabeza botouse a chorar.Líster afincouse en Madrid pro a cada pouco viña a Galicia onde estaba Luis González Tosar, o Che, termando do PCOE e en contacto permanente con Aurora, a irmá militante do xeneral, seu sobriño Eduardo e outros activistas do seu círculo. Son memorabeis as intervencións de Líster na Universidade, na libraría de Fernando Pereira en Vigo, na CXTG, que lle había de conceder o primeiro Premio 10 de Marzo, na TVE-G de Cribeiro. Moitos lembramos a Líster na manifestación de Galicia Ceibe-OLN, cos independentistas. Vese moi oufano e contente nas fotografías, a carón de Foz e de Lois Soto, aquel 25 de Xullo do ano 1980, cando a policía cargou contra a marcha na que ían o Xeneral e seu fillo, tamén Enrique Líster, autor da mellor obra teórica que foi escrita en castelán a propósito do eurocomunismo. E nunca poderá esquencerse o feito de que Líster autorizase un día a coalición do PCOE e de Galicia Ceibe-OLN ás eleccións municipais de Vigo, coalición na que figuraba en posto de honra o antigo militante comunista e ex-guerrilleiro Paco Piñeiro, que foi un leal amigo noso. Máis tarde, e só cando Santiago Carrillo desapareceu, Enrique Líster disolveu o PCOE e reingresou no PCE. Non por iso deixou de manter contactos amistosos con Luis González Tosar nin con Galicia. O seu fillo desexa que o legado histórico de Líster sexa custodiado en Galicia. Sería boa cousa.

X.L. Méndez Ferín no Faro de Vigo do 7 de maio de 2007

quarta-feira, maio 02, 2007

Arraianos pola ordenación do territorio


MANIFESTO 6 DE MAIO 2007

A situación do territorio galego é catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ata o de agora, unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.

Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que conduce á catástrofe no que ao medio ambiente se refire. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos temos que acelerar ese final.

Pensamos que a actual Xunta de Galicia e que os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.

Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!

A mobilización do 6 de maio na Alameda de Compostela, ás 12 da mañá ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.