sábado, maio 20, 2006

Cando Celanova deixe de ser unha illa...



Será un referente para a Memoria da Represión

Esta tarde fixemos un pase en Celanova do documentario de Antonio Caeiro Aillados sobre a represión na illa de San Simón. Contamos coa presenza do director do documentario e coa dun fillo (Arturo Pérez) e o neto (Carlos Pereria) de Celso de Poulo, o alcalde de Gomesende asasinado polos falanxistas no Furriolo. Unha tarde para non esquecer...
Grazas a todos.

Recital poético e presentación de Arraianos V

O Día das Letras Galegas presentamos o novo número da Revista Arraianos en Vilanova dos Infantes. Foi un acto moi emotivo, no que contamos coa inestimable presenza de Xulio Medela, Baldo Ramos, Xoan Carlos, Uxía, Aser Álvarez (que foi posuído polo espíritu lírico de Luis Boullosa) e Anxo Angueira. Este último emocionou ó numeroso público congregado na sala do centro comarcal Terras de Celanova, co seu apaixoado recitar de trobador arraiano.



Na foto vemos a Medela e Aser atravesados pola luz arrepiante da axitación lírica arraiana. En primeiro termo, a gorra inconfundible de Plácido Romero o Enfeitizado.

terça-feira, maio 16, 2006

ARRAIANOS V




Qué mellor día para presentar o novo número da nosa revista que do Día das Letras Galegas. Qué mellor lugar para facelo que Vilanova dos Infantes, centro espirtual da República dos Arraianos.

O acto oficial de presentación ante os medios de comunicación será ás 12 da mañá no centro comarcal Terras de Celanova. A continuación faeremos un recital poético no local da Livraría Torga, no marco da Romería Etnográfica Raigame.


É preciso ter moito coidado con estes arraianos...


quinta-feira, maio 11, 2006



E porriba tamén son arraianas !

E ben sabido de todos, propios e alleos, que a vaca constitúe un sector importante da poboación galega, -Rivas dicía daquela que habitaban o noso país 1 millón de vacas-, hoxe, co das cotas leiteiras impostas igual as vacas tamén decidiron emigrar, pero en todo caso, non hai dúbida de que ainda moran en territorio galego en número considerable.

Por eis, para os que nunca dubidamos sobre a procedencia do leite, pois non coñecemos os tetrabrick até ben entrados na adolescencia, as vacas son un elemento familiar da nosa xeografría. De aí, cicais, a miña fixación con istes animais, máis concretamente, cos seus enormes ollos de mozas feitiñas, que semellan encantarte cando te fitan de preto.

Na serra do Xurés, habitan as que, de celebrarse un concurso de mises no mundo das vacas, sen dúbida terían todas as de gañar : as cachenas ; cos seus corpos miúdos e ben feitos, co seu aquel sosegado e cos seus grandes ollos negros, que lle confiren un ar infantil e inxénuo restándolle importancia a ameazante envergadura da sua cornamenta. As cachenas percorren a serra, a iste e aquiloutro lado, en pequenos e harmoniosos grupos familiares. Cando o camiñante divisa un distes grupos, sente un pracer fondo e sentido en cotemplalos; e elas, a sua vez, déixanse fotografiar imperturbables, talmente coma se fosen estrelas acostumadas ós flashes.

Con tanta calidade de seu, merecida tiña a raza cachena a festa que lle adican os da Terrachán –Entrimo- o próximo 21 de maio. Os estomagos curiosos poderan ademais degustar a sempre apetitosa empanada de Forquellas.

segunda-feira, maio 08, 2006

Telepatía arraiana extremeña


Estivemos esta fin de semana cos outros arraianos nun festón que organizaron na zona da Serra de Gata, no noroeste de Cáceres. Ía escribir algo sobre a sorpresa que me causou escoitar un galego ben xeitoso polas rúas de Valverde do Fresno, Ellas e San Martín de Trevello, pero a resaca perudara. Seica temos algo de telepatía arraiana, porque Ferrín xa fixo o traballo por nós.

Para Ibarra non falan galego. Falan fala: sic X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Tímida proposta do neo-rexionalismo (BNG). Saltou Ibarra coma unha serpe: en Extremadura ninguén usa para nada o idioma galego. En plan carasol, como dicía Celso. Sotén Ibarra: a penas hai na Extremadura (española) uns tristes municipios chamados Eljas, Valverde del Fresno e Trevejo nos que as xentes persisten en comunicarse dun xeito para nada castelán. Di o temíbel Ibarra que os veciños de tais concellos (na lingua propia As Ellas, Valverde do Fresno e Trevello (con us e is finais moi lindas), va que é bonito) usan un dialecto derivado do antigo tronco galegoportugués que el chama fala. Grande verdade, abofé! Para Ibarra non falan galego. Falan fala: sic.Acabo de chegar de Vincios, no Val Miñor, onde bebín un chanqueiro na compaña do Piringallo, tratante de bestas e amigo meu. Todas as persoas que estabamos na taberna de Vincios (novos/as, vellos/as) faciámolo nunha fala procedente do tronco común galego-portugués. Ou sexa que se nas Ellas, Valverde e Trevello, se usa unha fala procedente do tronco común galegoportugués, en Vincios, Gondomar, Val Miñor, os naturais tamén usan unha fala procedente do tronco común galegoportugués. Polo cal debemos concluir que nos Tres Lugares de Cáceres o pobo se expresa da mesma maneira que o fai o pobo de Vincios. É mais, dúas horas máis tarde estaba eu en Vilanova dos Infantes e comprobei in situ que todos os habitantes daquela histórica poboación insistían en lle dar a razón a Ibarra ao usaren unha fala procedente do antigo tronco galegoportugués.Ibarra está furioso porque hai quenlle anda a chamar galego á lingua das xentes dos Tres Lugares da "súa" provincia de Cáceres sitos no val do Xálima e contra a Serra de Gata. Non pensaba o mesmo ca el Isabel López Laxas, autora literaria que sostiña a unidade do seu valverdeiro natal e do distante galego. Tamén supomos que Ibarra lle chamara fala procedente do antigo tronco galegoportugués á lingua portuguesa inequívoca da vila de Olivença, poboación extremeña que Godoy lle conquistou a Portugal na Guerra das Laranxas; mesmo onte.Sigamos as poderosas argumentacións do presidente Ibarra. Todo o mundo sabe que o castelán aleonesado fixo desaparecer a lingua árabe que se falaba no reino antigo de, como dicía Afonso o Sabio, Badallouce. Consecuéntemente, Ibarra e a maioría dos extremeños expresáronse, non en español, senón nunha habla procedente do antigo tronco castellano ou castelán. Se nas Ellas, Valverde e Trevello non hai galego senón fala, no resto de Extremadura, excepto Olivença, non haberá español senón habla. Ibarra non fala castelán senón unha habla que, por parte, tamén ten os seus clásicos: El miajón de los castúos e algunhas poesías de Gabriel y Galán. Ven a qué idioteces nos pode levar a visceralidade españolista de Ibarra ao negar que a lingua dos Tres Ligares sexa, mesmo milagrosamente, galega?A lingua das figueiras chombas falada en Valverde do Fresno, as Ellas e S. Martín de Trevello é galego con algúns elementos leoneses da mesma maneira que a lingua falada no resto de Extremadura, excepto Olivença e outros enclaves, é español tamén con elementos (máis que no caso dos pobos de lingua galega) leoneses. O resto é odio á minoría e odio e desprezo ancestral por todo o galego. Infórmanme de que Alvarez Areces e Rodríguez Ibarra están a preparar contra o galego incómodo e presente nos seus feudos un eixo de defensa das identidades asturiana e extremeña. Chamaránlle Fala Ceibe, segundo me contan.

terça-feira, maio 02, 2006

INCOMUNIDADE NA RAIA


O colectivo artístico Incomunidade, ben coñecido pola celebración dos seus sonados Filo-Cafés, promove a celebración dunhas xornadas arraianas multidisciplinares na Casa da Eira Longa de Vilar, Boticas, os días 13 e 14 de maio, onde terán acollida artistas galegos e portugueses. Daremos conta, nos próximos días, deste importante evento artístico transfronteirizo no CADERNO ARRAIANO e tentaremos mandar un enviado especial da nosa república virtual mediática, se o xefe así o decide.
Para máis información e consultar programa pica en:
www.incomunidade.blogspot.com

Na foto, o coordinador da Revista Arraianos e Porco Redactor Xefe, en plena arenga política aos desorientados xabaríns da Raia Seca... oink, oink, oink.
Que perfil, que poderío, que facilidade de palabra, que oratoria, que espíritu xeneroso!!!!!! Meu amado Porco Redactor Xefe

segunda-feira, maio 01, 2006

Enviada esp-a-e-cial


Veleiquí un pequeno aperitivo da reportaxe da nosa enviada especial a Noruega, que publicaremos nun vindeiro número da Revista Arraianos...

Arraianos en Noruega


Quen dixo que os arraianos non andabamos polo mundo enteiro?.- Uns polo sur, outros polo norte...
Neste caso, unha arraiana de Compostela na busca dun loiro non noregués, senón tamén arraiano, de Redes (Ares), que acabou chegando por aire, terra, e mar a outro mundo mitolóxico coma a noso, terra de trolls, ananos, xigantes e fadas. Noruega foi o destino. Un país onde os actuais poboadores viven aínda coma os seus antepasados, en casiñas de madeira, nun entorno natural deslumbrante que continúa sendo a Walhalla, ou paraíso dos deuses nórdicos. Montañas nevadas, cascadas xeadas e impresionantes fiordos de orixe glaciar e auga salgada foron o escenario destas andainas arraianas… verémolo máis polo miúdo no próximo número da Revista Arraianos.

sexta-feira, abril 28, 2006

Arraianos en T√°nxer



Eí vos vai un adianto da nosa recente e accidentada incursión marroquí, e maila presentación do noso correspondente arraiano en Alxeciras, Don Lucho Arraiano, sempre ollando o estreito de Xibraltar, eses 14 km que deberan unir Europa e África.
Estivemos en no norte do país visitando a Bowles, Haro Tecglen e outros arraianos da xeración Beat. Na seguinet entrega conatremos como onseguimos parar o ferri no porto de Tánxer...
Continuar√°.

quarta-feira, abril 26, 2006

O pegureiro e o lobo


Damos conta do acto de presentación do libro O Pegureiro e o Lobo, do crastejo Manuel Domingues, que congregou na Livraría Torga de Ourense a numerosos e ilustres arraianos, entre eles, o noso discursólogo e home mediático onde os haxa, Julius Medulius, na foto en plena acción, xunto ó autor do libro. No número 4 de Arraianos publicamos unha reseña desta recomendable lectura, escrita polo inefable Doutor Medulius.
O relatorio que leu Medela neste acto, un texto que deixou abraiado a máis dun asistente, igual o publicamos no vindeiro número da nosa revista. Todo dependerá do seu bo comportamento e da interrelación dialéctica relaxación-tensión da Putísima Inquisición Arraiana nesta primavera.

segunda-feira, abril 24, 2006

O refuxio de Arnau










Para comezar ben a semana achegámonos ós nosos amigos do Colectivo Arnau (Muíños), camiñantes arraianos e montañeiros bravos onde os haxa...

Velaiván unha fotiños:

A burra é a nosa correspondente arraiana A seguinte é a vista que hai dende o refuxio que teñen os nosos amigos na Regada, en plena Serra do Xurés, e a outra é do propio refuxio de Arnau, que algún día será o centro do mundo arraiano. Amén.

quarta-feira, abril 19, 2006

PERIODIPESCA visita a raia

Seguindo a liña de actualidade arraiana, chegou ós nosos ouvidos que entre o vindeiro 27 de abril e o 2 de maio terá lugar no concello de Entrimo, Periodipesca. Para os interesados, comentar que se levarán a cabo Exposicións de revistas -especializadas-, Exhibicións de cetrería e cans de mostra, Rehalas, Cata oficial de viños galegos e portugueses e visitas culturais entre outras actividades.
Este acontecemento periodístico, o máis importante e de máis rango da prensa especializada en temas de caza, pesca, turismo rural e de aventura, escolleu Entrimo como lugar de encontro para aproveitar, probablemente o intercambio transnacional de saberes que favorece a nosa estratéxica situación xeográfica. Poderíamos dicir que a raia se está a converter nun dos activos con maior proxección tanto no eido cultural como económico, algo que non é novidade para os máis de nós, pero que semella non ter cuallado ainda na estreita perspectiva de algúns dos nosos governantes.
Benvido sexa pois iste novo acontecemento arraiano.

segunda-feira, abril 03, 2006

As Vías do Imperio Arraiano...seguirán pechadas??


A Vía Nova, unha das principais vías de comunicación da Península Ibérica na época romana, e que en tempos unía Braga con Astorga, podería ser a porta de entrada dun novo turismo na procura de natureza, historia, cultura, calidade, benestar e a beberaxe da autenticidade arraiana na Portela do Homem. Pero todo depende, en último termo, da vontade política e do grao de esixencia da sociedade civil (dúas cousas das que non andamos nada sobrados neste recuncho panteísta do Auriense´s Far West)
Estivemos o pasado fin de semana en Lobios, na clausura das xornadas internacionais sobre as Vías do Imperio, unha iniciativa moi interesante que pode marcar un antes e un depois no desenvolvemento desta zona, ou ficar nunha carallada académica de paparota raiota e abondosos honorarios para uns poucos profesores, e totalmente allea á realidade. O tempo dirá. Polo dagora eí vos vai unha foto.

terça-feira, março 28, 2006

De Carrís e Sombras... Borrando Fronteiras




...e, como xa sabe toda a xentiña boa e xenerosa, dende aquel día da Nevosa non paramos de borrar a Raia; o noso grupo anda na parte que parece mais difícil, a dos territorios quebrados e indómitos das montañas, ui as montañas!, pero que na verdade é a mais doada de borrar porque os homes e a natureza que a habitan nunca souberon dela ou nunca a tomaron en serio, mais ben é unha raia retranqueira!...coma o vento que sube e baixa, que corre ora cara acá ora cara alá, os homes e a natureza destas serras nunca viron raia por ningures e cando, por mor das fantasías demenciais daqueles que se dín mais sensatos, tiveron que asumir a imposición dunha fronteira fixérono sempre cun desexo do demo de avantala.
Pois é, velaí vai a tropa Xurés arriba buscando o alto para ourear en terra de ninguén e de todos, como fan esas vacas-vaquiñas da serra cando nos suores do verao soben buscar o fresco nas ourelas venteadas dos cumios; subimos por ese val do río Homem que riscou o xeo do fermoso glaciar que miraba ao mar da vella Galiza bracarense, paseamos e oureamos nas alturas dos vellos mineríos dos Carrís e das Sombras, lugares onde moitos soñaron unha mellor vida ripando da terra o mineral que os homes malos precisaban para a guerra dos seus soños, soños imposibles tornados pesadelos e que tampouco teñen fronteiras coma todas as dores do mundo e coma todas as miserias.
E baixamos por ese val do Río Vilameá que riscou o xeo do fermoso glaciar que miraba ao corazón da nosa Galiza orfa...E colleunos a noite, como collía aos pigureiros co gado no monte, como (a)collía aos contrabandistas monte fora en fuxida-libre das fames, como (a)collía aos fuxidos do fascio e lles daba unha noite máis de vida. Unha cervexa fría e unha cea entre amigos á lareira na casa abrigo do Pisco valeunos para saber certo que o que estabamos facendo non era un soño, que cando saimos por esa terra vereada era certo que estabamos borrando fronteiras. Terémosvos ao tanto dos novos anacos de raia que vaian desaparecendo. Até á próxima.

As "Vias do Imperio" arraiano

Para arraianos con inquietudes históricas, facémonos eco do Coloquio Internacional que se celebrará do vindeiro 30 de marzo ó 1° de abril nos concellos de Terras de Bouro -vila do Gerês- e Lobios, baixo o reclamo "Vías do Imperio".

O tema central diste congreso será a Via Nova, -Geira, para os veciños lusos-, que une Bracara Augusta(Braga) con Asturica Augusta (Astorga), a máis moderna e máis curta das catro vías que coexistiron en tempos do Imperio Romano, e que atravesa a raia a altura da Portela d'Home. Pero os datos de carácter histórico ímosllos deixar mís ben aos expertos que debatirán no devandito congreso, pois entre os ponentes estarán entre outros: Antonio Rodríguez Colmenero, catedrático da USC e descubridor do campamento romano Aquis
Querquennis na beira do Riocaldo, Jorge Alarcão, profesor da Universidade de Coimbra ou Francisco Fariña Busto, Director do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Quedades informados, pois, sobre iste novo acontecemento arraiano. Atoparedes mais información no site oficial da Cámara de Terras de Bouro:
http://www.cm-terrasdebouro.pt/06noticias/noticias/principal.asp?numn2=601&categoria=Eventos&numnot=229

ou entón, dirixíndovos ó e-mail:

geira@cm-terrasdebouro.mail.pt




segunda-feira, março 27, 2006

SOS Dous bandidos perdidos no Xurés

A cousa puido ser moito peor...
Xúroche que vimos a cabeza dun lobo relambéndose por tras dunha peneda... e resultou ser unha xesta azoutada polo vento; escoitamos polo GPS as voces ancestrais do principio do mundo, dicíndonos que a noite nos quería bravos e sen teito, rodeados do neboeiro da morte, vento e chuvia reconfortantes e os buxatos rindo de nós...
Imaxínanos, que par de bandidos!!... querendo seguir a raia seca polos curutos esgrevios do Xurés, e cos marcos da fronteira a dar chimpos corga abaixo; soñando coma dous parvos con adivinar as coordenadas exactas da nosa posición na serra, cando o mapa se revirou e nos fixo a puñeta con estilo esborrallandose nunha bola de papel mollado e ilexible. De verdade!! Incluso nós estivemos a piques de ser borrados do mapa, cando a sensación de absoluta perda nos enganchou coas súas poutas de lobo polo pescozo de collóns cruzados.
Non puidemos nin voltar sobre os nosos pasos, e tivemos que meter monte abaixo por unha bimbarreira entre d√∫as corgas. Seica hai que perderse totalmente para recuperarse totalmente...
De onde vimos?, Onde vamos?, Quen somos?. Xúroche que a certidume só nos deixaba respostar a terceira cuestión: somos dous toliños na procura de aventura o día menos indicado. Nas outras dúas cuestións non había acordo posible... Igual foi por iso que nos abrazamos coma dous meniños cando por fin alviscamos a chairada de Pradoseco.

terça-feira, fevereiro 14, 2006

arraianos III


En pleno recital musical antipoético o 17 de maio de 2005, en Vilanova dos Infantes, no patio da casa do Mago Ferrín.





Na presentación do sonado monográfico sobre
Represión e Resistencia Antifranquista
ARRAIANOS III

segunda-feira, fevereiro 06, 2006

No centro do Universo Arraiano


Velaí vai unha foto do Cerne do Noso Mundo...
O cumio da serra do Xurés; nas relacións arraianas reais, non virtuais ou político-universitarias, tamen concertamos para coroar a cumieira do Jurês (eu defendo este topónimo e xa explicarei por que) 2 galegos non virtuais con 2 portugueses non virtuais...aconteceu o 7 de Xaneiro deste ano...ESTE É XUSTAMENTE O CENTRO DA GALIZA, O BERCE DOS GALAICOS E O LUGAR DESDE O CAL SE INICIARÁ, E NON SÓ SIMBOLICAMENTE, A DESAPARICIÓN DA RAIA...

Foto enviada polo correspondente X. Perdiz (na foto co irmau e con outros dous buxatos galaicos do sur)


domingo, janeiro 29, 2006

Estas tecnoloxías dan cabo de nós...


Ferrín vixía os curutos do Xurés dende Salgueiro, por se houber buxatos en formación agardando a comitiva

sábado, janeiro 28, 2006

AS FOTOS por fin


Paseando ó Arraiano Maior pola Serra do Xurés
O noso correspondente invisible no Triángulo Máxico envíanos unha pequena mostra fotográfica (fica sen palabras dende entón) da visita de X.L Méndez Ferrín a Muíños, co gallo da entrega do I Dolmen de Prata ao Arraiano Maior da República.
Beizón por tan mística, etílica, emotiva e gastronómica xornada, onde o mellor foi a visita a Prado e Salgueiro na compaña do Ferrín e da Moncha, sen esquecer o arroz con corzo do Lusitano...