terça-feira, março 28, 2006

As "Vias do Imperio" arraiano

Para arraianos con inquietudes históricas, facémonos eco do Coloquio Internacional que se celebrará do vindeiro 30 de marzo ó 1° de abril nos concellos de Terras de Bouro -vila do Gerês- e Lobios, baixo o reclamo "Vías do Imperio".

O tema central diste congreso será a Via Nova, -Geira, para os veciños lusos-, que une Bracara Augusta(Braga) con Asturica Augusta (Astorga), a máis moderna e máis curta das catro vías que coexistiron en tempos do Imperio Romano, e que atravesa a raia a altura da Portela d'Home. Pero os datos de carácter histórico ímosllos deixar mís ben aos expertos que debatirán no devandito congreso, pois entre os ponentes estarán entre outros: Antonio Rodríguez Colmenero, catedrático da USC e descubridor do campamento romano Aquis
Querquennis na beira do Riocaldo, Jorge Alarcão, profesor da Universidade de Coimbra ou Francisco Fariña Busto, Director do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Quedades informados, pois, sobre iste novo acontecemento arraiano. Atoparedes mais información no site oficial da Cámara de Terras de Bouro:
http://www.cm-terrasdebouro.pt/06noticias/noticias/principal.asp?numn2=601&categoria=Eventos&numnot=229

ou entón, dirixíndovos ó e-mail:

geira@cm-terrasdebouro.mail.pt




segunda-feira, março 27, 2006

SOS Dous bandidos perdidos no Xurés

A cousa puido ser moito peor...
Xúroche que vimos a cabeza dun lobo relambéndose por tras dunha peneda... e resultou ser unha xesta azoutada polo vento; escoitamos polo GPS as voces ancestrais do principio do mundo, dicíndonos que a noite nos quería bravos e sen teito, rodeados do neboeiro da morte, vento e chuvia reconfortantes e os buxatos rindo de nós...
Imaxínanos, que par de bandidos!!... querendo seguir a raia seca polos curutos esgrevios do Xurés, e cos marcos da fronteira a dar chimpos corga abaixo; soñando coma dous parvos con adivinar as coordenadas exactas da nosa posición na serra, cando o mapa se revirou e nos fixo a puñeta con estilo esborrallandose nunha bola de papel mollado e ilexible. De verdade!! Incluso nós estivemos a piques de ser borrados do mapa, cando a sensación de absoluta perda nos enganchou coas súas poutas de lobo polo pescozo de collóns cruzados.
Non puidemos nin voltar sobre os nosos pasos, e tivemos que meter monte abaixo por unha bimbarreira entre d√∫as corgas. Seica hai que perderse totalmente para recuperarse totalmente...
De onde vimos?, Onde vamos?, Quen somos?. Xúroche que a certidume só nos deixaba respostar a terceira cuestión: somos dous toliños na procura de aventura o día menos indicado. Nas outras dúas cuestións non había acordo posible... Igual foi por iso que nos abrazamos coma dous meniños cando por fin alviscamos a chairada de Pradoseco.

terça-feira, fevereiro 14, 2006

arraianos III


En pleno recital musical antipoético o 17 de maio de 2005, en Vilanova dos Infantes, no patio da casa do Mago Ferrín.





Na presentación do sonado monográfico sobre
Represión e Resistencia Antifranquista
ARRAIANOS III

segunda-feira, fevereiro 06, 2006

No centro do Universo Arraiano


Velaí vai unha foto do Cerne do Noso Mundo...
O cumio da serra do Xurés; nas relacións arraianas reais, non virtuais ou político-universitarias, tamen concertamos para coroar a cumieira do Jurês (eu defendo este topónimo e xa explicarei por que) 2 galegos non virtuais con 2 portugueses non virtuais...aconteceu o 7 de Xaneiro deste ano...ESTE É XUSTAMENTE O CENTRO DA GALIZA, O BERCE DOS GALAICOS E O LUGAR DESDE O CAL SE INICIARÁ, E NON SÓ SIMBOLICAMENTE, A DESAPARICIÓN DA RAIA...

Foto enviada polo correspondente X. Perdiz (na foto co irmau e con outros dous buxatos galaicos do sur)


domingo, janeiro 29, 2006

Estas tecnoloxías dan cabo de nós...


Ferrín vixía os curutos do Xurés dende Salgueiro, por se houber buxatos en formación agardando a comitiva

sábado, janeiro 28, 2006

AS FOTOS por fin


Paseando ó Arraiano Maior pola Serra do Xurés
O noso correspondente invisible no Triángulo Máxico envíanos unha pequena mostra fotográfica (fica sen palabras dende entón) da visita de X.L Méndez Ferrín a Muíños, co gallo da entrega do I Dolmen de Prata ao Arraiano Maior da República.
Beizón por tan mística, etílica, emotiva e gastronómica xornada, onde o mellor foi a visita a Prado e Salgueiro na compaña do Ferrín e da Moncha, sen esquecer o arroz con corzo do Lusitano...


sexta-feira, janeiro 13, 2006



16 YEARS LATER...


Dolmen de Prata para o Mago Ferrín

Deixamos aberta a fiestra radiofónica do señor Lamela, para achegarnos ó cónclave arraiano que se celebrará en Muíños, coa entrega do Dolmen de Prata a X.L. Méndez Ferrín, 16 anos despois de ser aprobrado pola corporación municipal de Muíños, sendo concelleiro Lino Perdiz...
Así anda o país... dez anos despois. Xa pode ser boa a prata.
Mañá tentamos espetar as fotos do acto (enviamos reporteiro arraiano), se aínda nos queda mecha no módem...

Mais información sobre o acto e sobre a Répública da Raia Seca na paxina web do Camarada Ludeiros (pincha eiquí)





Pincha na pestana de escolta la rádio EN RADIO CORNELLÁ... e escoita de 6 a 7 do serán, hoxe sábado 14 de xaneiro o programa SEMPRE EN GALIZA, dirixido polo Camarada Arraiano Joe Lamela

sexta-feira, janeiro 06, 2006

Res P√∫blica Arraiana


Viva a Res P√∫blica Arraiana

Era a nosa intención adxuntar unha nota de prensa para comprender o titular, mais foinos imposible...
O caso é que acaba de nacer o lobby máis trasngresor da raia: a Federación de Asociacións Arraianas. Tumaaaaaaaa!!!!.
Sentimos a incapacidade técnica no escaneo, mais é cousa do noso Cabaleiro Arraiano, Lord Medela de Lobeira, que adoita mandar virus nos arquivo e levar o bocadillo de anchoas ao traballo envolto en papel de xornal....
Non sei como, amigos meus, pero fomos primeira páxina na Región. O titular: La Raia se declara Republicana

A falta deste pan, que escanearei cando as meigas estean fóra, ei vai esta notiña da web do Consello da Cultura Galega.


Santiago. Redacción o 4 de xaneiro de 2006

As rep√∫blicas da fronteira
Unimiño é o nome da primeira comunidade transfronteiriza de concellos que existe no noso país. Esta entidade está conformada quince concellos do sur de Pontevedra e as cinco cámaras municipais do Val do Minho, no norte de Portugal, quere traballar conxuntamente en áreas que van desde as obras públicas ou a agricultura, ao turismo, o ambiente, a educación ou a cultura. Ao tempo, desde a Raia Seca, chéganos a nova da vindeira proclamación da República Arraiana.
Quince asociacións culturais do sur de Ourense e do norte de Portugal reuníronse onte en Celanova e acordaron solicitarlle á Xunta o recoñecemento simbólico desta República a xeito de recoñecemento da identidade cultural que existe das dúas bandas da fronteira. Ademais, programaron actividades comúns coma un Congreso Internacional sobre a Represión na Fronteira, a homenaxe aos fusilados no Alto do Furriolo ou a creación da Orde dos Cabaleiros (e damiselas) da Raia.
Máis información en
El Correo Gallego e en La Región

Manda carallo!!!!

E nós, coma sempre, a loitar polo agromar da sociedade civil.






sábado, dezembro 24, 2005

ARRAIANOS E ARRAIANAS DO MUNDO!!


CÓNCLAVE ARRAIANO o vindeiro 30 de Decembro en Celanova
Benqueridos arraianos. O sábado, 30 de decembro, estades convidados a achegarvos á xuntanza que teremos ás 18:00 horas no Bar Agarimo de Celanova (na Praza Maior). Nesta reunión imos avaliar as actividades da Asociación Arraianos durante o pasado ano e tamén planificaremos as accións de cara ó ano que entra. Todas as ideas, propostas e proxectos serán benvidos. Hai moito traballo por diante. Contamos coa vosa presenza. Unha aperta arraiana. Agardámosvos.

quarta-feira, novembro 30, 2005

Baldo Ramos


Apresentamos duas obras deste artistazo arraiano que monta cadernos de haikus con ilustracións. Os marcos abrense por detras para poder pasar as follas de xeito que cando queres cambias de obra.

sexta-feira, novembro 25, 2005