segunda-feira, fevereiro 25, 2013

O xefe deixa a RAG



Velaivai a carta na que Xosé Luís Méndez Ferrín, arraiano entre arraianos, anuncia que deixa a RAG
 
Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega.
Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución.
Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta.
De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.
Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.
Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.
            Viva e floreza a Academia Galega!
            Viva Galicia ceibe!

1 comentário:

Parderrubias disse...

Vaia alivio para as arcas da RAG. E marcha sen dar unha explicación sobor da axencia de colocación familiar que tiña montada. Aplicou un "pois agora non respiro".