sexta-feira, março 27, 2009

O xefe e o balón intragástrico do galeguismo prehistórico

Como é sabido a Academia Galega dedicoulle o Días das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Esta figura é complexa. Por unha banda representa, en política, unha das posicións do lexitimismo galeguista de pre-guerra civil. Pola outra banda, Piñeiro é un autor dalgúns ensaios con intención filosófica e análise literarias. Eu sempre lembrarei con afecto que Ramón Piñeiro escribiu como prólogo a un meu libro un dos textos con máis intensa vontade de estilo dos que nunca producirá nin chegou a producir. Ou así o entendo eu, se cadra de xeito interesado. Pro, por cima e por baixo, de arca e de couso, Ramón Piñeiro foi sobre todo un activista político. É ben curioso o feito de que o autor lembrado no Día das Letras, sendo como era suxeito dedicado en corpo e alma á política, nunca escribiu verdadeiros textos políticos, aínda que as súas lucubracións sobre a filosofía da Saudade ben poderían ser lidas como textos políticos. Piñeiro foi o arquitecto principal do que podemos chamar o galeguismo da guerra fría. Dirixente incontestado e autócrata do seu grupo, liquidou o Partido Galeguista para organizar os seus seguidores no labor monográfico de facer literatura arredor da Editorial Galaxia de Vigo. Pro ese grupo non era só literario. Estaba dotado de ideoloxía. E os elementos constitutivos desta, que nós chamanos “piñeirismo”, con os seguintes: non nacionalismo, federalismo europeísta, anti-comunismo. No que se refire á literatura, Piñeiro era pragmático e sectario. Non aceptaba na literatura galega máis que tres direccións básicas: o lirismo, o humorismo e a fantasía. Así pensaba el e así o deixou escrito en varios lugares. Para el, o realismo, especialmente o socialrealismo, era unha tendencia altamente sospeitosa de infiltración comunista. Despois de abolir o Partido Galeguista e de negarse a acatar a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao, Piñeiro chegou á chamada Transición coas mans baleiras. Polo tanto, ao revés que os cataláns e os vascos, os galegos non puidemos facer valer o noso peso político cun goberno galego no exilio e, ao modo de Tarradellas, non fomos capaces de pór na pre-autonomía unha figura histórica do tipo de Antón Alonso Ríos. Así as cousas, Piñeiro tivo unha triste fin política. Condenou Martínez López e as boas persoas que intentaron tras a morte de Franco resucitar o Partido Galeguista. Montou, desesperadamente, unha pantasía chamada Realidade Galega con Carballo Calero e outros. Finalmente, foi deputado no Parlamentiño nas listas do PSOE, nun grupo chamado de “galeguistas históricos” no que estaban Benxamín Casal, Carlos Casares e Alfredo Conde. A verdade é que se os últimos eran iso, eu, poño por caso, podería chamarme a min mesmo “galeguista-pre-histórico” con total xustiza. Levamos xa meses con Ramón Piñeiro nomeado para o Días das Letras. O 17 de Maio aproxímase e a opinión pública de Galicia non recibe ninguna nova noticia sobre Ramón Piñeiro. Non vexo aportacións reveladoras nin sobre o seu pensamento teórico nin sobre a política (ou ausencia de política, máis precisamente) que el encarnaba con poder omnímodo sobre o estricto círculo dos seus seguidores. Por exemplo: seguimos sen saber por que Piñeiro foi preso nos anos corenta, cales foron os cargos da acusación e cal tribunal o condenou a unha severa pena de prisión. Nada do escrito por X.L. Franco Frande na súa obra Os anos escuros sobre Piñeiro e o piñeirismo foi, polo momento, acrecentado. Vexo que os que hoxe se consideran herdeiros de Ramón Piñeiro gardan un silencio moi extraño.

segunda-feira, março 23, 2009

O Furriolo no Fondo dos Espellos

Por Xosé Luís Méndez Ferrín, xefe dos arraianos
Aser Álvarez, fundador e responsábel da Asociación Cultural Arraianos, e a editorial Alvarellos envíannos ao Fondo dos Espellos un libro colectivo que se titula Represión, solidariedade e resistencia antifranquista na Raia. Trátase das ponencias presentadas a un congreso sobre ameteria que explica o título no ano 2006. A calidade dos poemas e o rigor e novidade da maioría das intervencións históricas fan deste volumen a única e mellor obra que se teña escrito sobre a historia da violencia política fascista nas Terras de Celanova e zonas fronteirizas con Portugal. É una das mellores aportacións ao coñecemento da represión en Galicia. O libro tén coma centro simbólico O Furriolo, que é una aldea, un importante castro e unha montaña de entre 700 e 800 m. de altitude que separa o Val do Sorga e do Arnoia da bisbarra da Limia. Lugar soedoso e apartado, aínda hoxe pode percibirse alí un hálito de morte. Pola sua proximidade ao convento de Celanova, onde se instalara unha cadea oficial e unha gornición militar a raíz do inicio da guerra civil, converteuse O Furriolo no lugar preferido para os paseos ou para, como se dicía na zona,“levar os roxos ás claudias”. Tamén asasinaron na Caseta de Ansemil e noutros lugares, pro O Furriolo convertiuse en símbolo e emblema do horror. Traten do que traten as diferentes colaboracións do volumen, O Furriolo está sempre presente, como o está Celso de Poulo, o alcalde frentepopulista de Gomesende, que alí foi morto e se convertiu nun mito popular, indestructíbel.
Na foto vemos a Xosé Vizoso pintando o Mural do Furriolo

A posgaleguidade imaxinada do xefe

¡Yo nunca leo a mis contemporáneos!” –exclamaba, estupendo, Mar Estrella. Eu adoito ler os meus contemporáneos (una excepción: a dos contemporáneos que no me interesa ler (nin ver, nin ouvir). Entre os que leo áchase J.J. Moralejo. Escribe este lingüista e amigo sobre a posibilidade, que el non desexa, dunha Galicia na que o idioma propio deixase de se falar e na que todos falasen o de Burgos. No xornal que fai do odio ao galego un pretexto de vida, Miguel Anxo Murado expón con naturalidade que ningún galego vivo verá o idioma galego morto. Grande verdade. Eiquí e acola, coma a herba de Cunqueiro, nace a nosa dor pola extinción do idioma, e fálase diso. Terá que ver, digo, o feito de que 23.796 veciños de Galicia votasen nas pasadas eleccións polo partido da vascoepañola Rosa Díez. O voto a UPyD claramente contra a lingua galega. Un voto a favor da desaparición do noso idioma, posición suicida que tamén se proxectou nos sufraxios ao PP e aínda á dimensión lerrouxista do PSOE. Masas do pobo galego, xa non falo en votos, consideran a súa lingua inferior, innecesaria, prescindíbel e non lla traspasan aos seus fillos e netos. Naturalmente existe a corrente contraria e esta chámase nacionalismo e ven sendo ideóloxica e culturalmente hexemónica desde Sarmiento e Murguía a acó. Eu fólgome de ver os contemporáneos atrevéndose a imaxinar unha Galicia posgalega. Se cadra ese exercicio de imaxinación e utopía sexa bon para perpetuar a nosa lingua e para ser conscientes de que todas as políticas lingüísticas practicadas desde a norte de Franco a hoxe conduce aos esmorecenento do galego e á hexmonía do castelán ou, se o preferen, español (por min, encantado). A Galicia posgalega será fea. Os nomes de Rosalía de Castro ou de Castelao serán retirados das rúas e sustituidos polos dos herois pioneiros a “Galicia Bilingüe” que abriron o camiño para a loita final. Algúns anciáns recordarán con orgullo que un seu trasavó estivo no combate anti-galego, pro el levará sempre coma estigma o apelido Pousada, cen por cen galego, e terállo que transmitir aos seus descendentes coma un emblema da traición. Moi pouquiños Brais ou Aldara, falarán castelán pero non saberán nada da orixe do seu nome de pía. Na Galicia posgalega a mayoría das persoas levarán apelidos galegos como Fernández (e non Hernández), Ferreiro, Cameselle, Ribadulla e milleiros máis, pero eles non saberán por que os usan.Outros Terán apelidos mestizos (Rajoy, Feijóo) pero non lles dirán o segredo de que tal mestizaxe indica a razón da perda do idioma galego. Os nenos de Vigo non poderán aprender na galescola os poemas de Martín Codax ninde Mendiño porque están escritos nunha lingua que non é a súa porque a lingua dos alumnos posgalegos será a do Cid Campeador. En canto á paisaxe, seguramente persistirá nos seus termos básicos. O Courel, o Hío, o Galiñeiro, o Xurés, a Capelada, o Miño, o Ulla, A Coruña (co artigo que queiran ou sen el), os nomes dos lugares, das ciudades, dos accidentes xeográficos non poderán ser mudados e seguirán en forma galega (mesmo na forma galega que perpetúa e perpetúa a existencia fantasmal de linguas prelatinas). Os falantes castelanizados da Galicia posgalega terán que convivir cun universo toponímico que cada día lles recordará a defección, a colonización e a derrota. Os habitantes posgalegos de Galicia non serán nada e ao mellor, senten vergoña. Seguiremos facendo o posíbel porque a Galicia posgalega nunca chegue a existir.

segunda-feira, março 16, 2009

Cos mortos ao lombo

Otero Pedrayo, atristurado e perseguido, retirouse á aldea e alí escribiu sobre os seus mortos unha obra conmovedora: O Libro dos Amigos (1945). Nela figuraban semblanzas vigorosas de varios presos, exiliados e afusilados antifeixistas. Moitos anos máis tarde, Celso Emilio Ferreiro daba á luz Cemiterio privado, unha colección de epitafios de defuntos respectados entre os cales se encontraba Ramón Otero Pedrayo. Ninguén se lembrará do libriño de Paulino Pedret Casado, de seu título Mis maestros gratuitos. Alí, o crego galeguista facía memoria dos que foran os seus profesores e mentores mormente universitarios.Acaba de me chegar ás mans unha obra de Alain Badiou na que, baixo o título de Pequeno Panteón Portátil, o grande filósofo do noso tempo fai recordatorio de mestres do pensamento e de contemporáneos que coincidiron con el na vida. A traducción ao galego, excelente, é debida a Francisco Sampedro. A casa editora é Laiovento.Pensou Badiou en titular este libro, só en apariencia menor, “Oracións Fúnebres”. Confesa que desbotou tal título por sentilo religado ao xenio oratorio de Bossuet, ao servizo orgánico do Despotismo e da preponderancia aristocrática. Cómo Alain Badiou, o marxista fulgurante da Francia de hoxe, podería unir as súas palabras funerarias ás daquel prelado que tonitroaba en Nôtre Dame facendo ecoar a súa voz nas abóbedas e titinar os vitrais en días monárquicos? Cómo non ver contaminada a súa disección do cadáver de J.-P. Sartre coas verbas de Bossuet dedicadas á raíña defunta e que comezaban, aparatosas, “Madame se meurt, Madame est morte”? Cómo, en fin, non querer arredar o seu discurso da perfecta, e perfectamente necia, oración fúnebre proferida por Malraux no Panthéon en ocasión do traslado definitivo dos restos de Xohana de Arco?Falemos do Panthéon de París, onda a morada ancestral de Santa Xenoveva, a dos Galos. Aló a República diulle cova para sempre aos fillos e fillas ilustres. Non espazo expropiado ao catolicismo formouse o sitio laico e nacional do respecto. La Patrie Reconnaissante, lese no frontispicio. Alain Badiou, no cumio da súa idade e potencias intelectuais, quixo edificar un panthéon persoal e portátil en honor dos amigos e mestres; todos eles franceses, como non podía ser doutro xeito.Galicia, que non é república soberá, carece de panteón nacional dado que Bonaval reverteu ao poder eclesiástico. Agora ocórreseme pensar que coñeceremos o mencer da nosa liberdade como pobo o día en que teñamos panteón en toda regra. O noso panteón nacional é provisorio e, no que excede ao cemiterio coruñés de San Amaro, só esta en Celso Emilio e en Otero. A nosa república aséntase sobre as palabras permanentes; só.O libro de Alain Badiou está estimulado para lealtade e nunca deixa de considerar a pulsión de beleza, de ben, de verdade. Un filósofo de toda a Humanidade e do noso tempo, na derradeira volta do camiño, olla aqueles homes do pensamento que lle iluminaron a conciencia notoriamente en anos de formación. Eu celebro que Badiou teña tido ollos para ver Galicia e para a distinguir no mundo. E alédome de que sexa Francisco Sampedro, outro filósofo, neste caso galego, quen tivese a amabilidade de nos ofrecer a traducción ao noso idioma de Pequeno Panteón Portátil. Algúns dos defuntos evocados por Badiou non entran no olimpo dos grandes e mesmo pertencen a penas ao escadrón dos simples coetáneos. Con todo, a morte igualou o conxunto e no libro certifícase a crenza popular de que todos os membros dunha familia se parecen no cadaleito por moito que en vida gastasen fasquías diferentes.Estes son: Jean Cavaillès, Jean-Paul Sartre, Jacques Lacan, Georges Canguilhem, Jean Hyppolite, Louis Althusser, Jean-François Lyotard, Gilles Deleuze, Michel Foucauld, Jacques Derrida, Jean Borreil, Philippe Lacque-Labarthe, Gilles Châtelet e Françoise Proust.

sexta-feira, março 13, 2009

O xefe contra o provincianismo

Leo as declaracións da deputada que acaba de conseguir o PSOE mediante os votos dos emigrantes galegos (residentes fóra de España).Di ela: “Quiero servir a mi ciudad, a mi provincia y a mi partido”.Paréceme moi ben que a recén electa se propoña servir a súa cidade, Ourense, tamén é a miña por nacemento e crianza. Que ela desexe sevir o seu partido, que non é o meu, seméllame un propósito dentro do norma. Ora ben, que poña como horizonte da súa actividade o servizo á provincia de Ourense resulta un algo anacrónico e avellentando. O que si que queda claro é que a nova deputada do PSOE non demostra o menor interese en servir a Galicia. Para ela existen as identidades local, provincial e de partido. Como ela respiran moitos e moitas na provincia de Ourense.A Francia revolucionaria considerou necesario liquidar as unidades territoriais do Antigo Réxime, por seren instrumentos de dominación da nobreza e do clero. Creou os departamentos, que Napoleón (con tilde no e) puxo en pleno vigor. Copia do modelo francés centralista foi a primeira división territorial española de Xosé Bonaparte, que no chegou a funcionar, e a de Javier de Burgos, que sigue en vigor.O centralismo burgués decimonónico fixo desaparecer o Reino de Galicia e no seu lugar fundou catro provincias (Coruña, Lugo, Ourense a Pontevedra). Viñeron os días da Xunta de Galicia e da comunidade autonómica (“nacionalidade histórica”, chámase oficialmente) e esta xustapúxose ao poder das provincias, desempeñado polas Deputacións Provincias. A chafallada é considerábel, pois se existe a Xunta non deberán existir as deputacións. Imponse, portanto, una división territorial de Galicia en parroquias asociadas en concellos e en bisbarras ou comarcas das que o Goberno ou Xunta de Galicia sería cumio.Todo o que digo é doutrina que procede do nacionalismo histórico de Galicia. E non estou a falar da República Galega.Os reaccionarios, aos que parace adherirse a nova deputa do PSOE, sempre defenderon a inexistencia de Galicia e a preponderancia das catro provincias centralistas. Parece que todo o pulo político de Rosa Díez aperta neste sentido de recuperación provinciana aínda que ataque con virulencia as linguas nacionais como punto sensible da súa demagoxia estratéxica.As provincias en Galicia no so senten como algo propio, non sendo entre algún sectores de opinión, sumamente anticuados, da provincia de Ourense. Non é imaxinábel un vigués de Vigo que se declare “pontevedrés” nin un de Compostela ou Ferrol que se considere “coruñés”. Aos de Mondoñedo ou Ribadeo quédalles Lugo lonxe e alleo. Nembergantes hai xentes orixinarias da provincia de Ourense que se notan peculiares por selo e pensan que a súa identidade non é galega. En Nuarca, ao pé de Nova York, florece un Centro Orensano cuxos socios son fillos exclusivamente de Ramiráns e de Cartelle. Victoriano Núñez fixo un día unas camisetas nas que a provincia de Ourense aparecía cartografiada coma una illa na que non había nin Galicia nin Portugal. En tempos pasados destribuíronse pegatinas nas que se dicía que “ser de Ourense, catedrático”. Aínda máis insignia da identidade “ourensana”. Mesmo algún escritores nacionalistas galegos cairon de Ourense senón á provincia inventada polo centralismo.Non o anterior gobernó bipartito fixo cousa encamiñada á disolución das catro provincias coas súas absurdas deputacións nin moito menos a nova Xunta vai facer nada nesta dirección nin na dirección de levantar as comarcas e establecer as Xuntas de freguesía. Todo segue e seguirá igual. A diferenza é que os que estaban no gobernó pasaron á oposición e viceversa. Ninguha voz nova no Parlamento, tan Parlamentiño coma sempre. Toda esperanza de anovamento está na rúa e nos locais do pensamento.

segunda-feira, março 09, 2009

O xefe sobre Darwin

En 1859 saía á luz a primeira edición do grande obra de Darwin sobre a orixe das especies mediante a selección natural e o mundo en teiro aplícase das especies mediante a selección natural, e o mundo enteiro aplícase á celebración deste centro e cincuenta aniversario. Alén das revisións de índole académica, proliferan os comentarios dos leigos, coma min, en materia de historia natural. Unha semana destas sacaremos a figura de Charles Darwin do Fondo dos Espellos e comentaremos como a súa teoría da evolución das especies repercutiu na Galicia do século XIX.Existen individuos únicos que souberon, nun intre prodixioso no que se conxugaron a tradición científica e a fúlgura dunha idea revela dora, mudar radicalmente a visión do mundo e a mentalidade dos humanos.Podemos escribir Copérnico, que acabou coa idea de que a Terra era o centro do universo. Ou decer Darwin, que nos ensinou o autodinamismo evolutivo dos seres vivos en proceso permanente de cambio. Ou lembrar Marx, cuxo pensamento desvelou para sempre as leis que rexen a sociedade e a Historia humanas. Ou reparar en que a cultura na que vivimos inmersos non sería a mesma sen as iluminacións de Freud nos derradeiros recunchos da nosa mente. E aínda poderían lucir nesta colección de guías colectivos outros nomes, de Newton a Einstein. Todos eles constitúen os alicerces da nosa civilización, que só é unha en todo o Mundo. Fora do alcance de tales luces non hai senón barbarie, mito e primitivismo.Unha das características destas personalidades é a seguinte: en apocas anteriores á formulación das súas teorías, por moito que todos tivesen precursores, o novo sistema de ideas era “impensábel” mesmo para os mais grandes filósofos e científicos. Despois, todos aceptaron a innovación. Por exemplo. Kant, na súa Crítica do Xuízo (1790), escribía: “…é absolutamente certo que non podemos coñecer por principios puramente mecánicos da Natureza os seres organizados e as súas posibilidades internas… É ben, o novo Newton apareceu, chamouse Darwin e a súa teoría explicou as leis que rexen a formación das simples herbas e de todos os seres vivos.O xenio de Kant, 69 anos antes da publicación da Orixe das especies, non podía concebir unha explicación evolucionista dos seres orgánicos. Ninguén pode, 150 anos despois, concebir outra cousa.A Charles Darwin foi, aprezado e querida polos contemporáneos. El carecía de calquera soberbia intelectual. Non foi profesor nin erudito. A súa infinita curiosidade viuse sempre, e felizmente, encaneirada pola sede de verdade e de teoría. Era consciente de que a relixión sufriría coas súas ideas un golpe do cal difícilmente podería recuperarse. Con humor e presenza de ánimo deixou escrito que o relato bíblico da creación lle producía a mesma incredulidade ca as cosmogonías dos hinduistas ou os mitos dos pobos salvaxes. Escritor ameno e fácil, a súa mensaxe vai endereitada ás camadas cultas e non só aos membros das sociedades científicas. Coido que tamén sabía que os máis dos seus lectores estábamos no futuro.