segunda-feira, março 31, 2008

O Xefe fala do Tibet

Vanlle levar a penicilina e o pensamento racional" -tivo o valor de nos decer en clase Francisco Cerviño o día no que algúns alumnos lle expresamos a nosa indignación pola primeira ocupación chinesa do Tibet. Cerviño, que non era comunista pero si home de progreso e moi galeguista, sen sabelo diunos unha lección que, polo que se refere a min, endexamais había de esquencer. Hoxe un disparatado Buda vivinte que significa perguiza e explotación dos campesiños, especialmente das mulleres, do Tibet (unha das rexións menos fértiles do mundo) aparece como "líder espiritual" e como símbolo de pureza en todos os medios de comunicación. Por iso me retornan as palabras do meu inesquencíbel profesor de Pontevedra.
Palabras que foron reaparecendo na miña vida cada vez que o movemento nacionalista era usado na dirección contraria do vento (se se me permite a expresión) da Historia. Nin todo o que se axita é revolucionario ("pas tout ce qui bouge est rouge") nin toda autodeterminación libera realmente un pobo ou nación. Claro que o Tibet ten dereito á súa independencia nacional, pro os homes e mulleres ceibes do mundo deberían desexar que tal independencia leve acompañada a supresión do poder dos lamas que fabricaron altares de ouro coa fame do pobo e que as mulleres saian da escuridade e da opresión máis terríbel das que o seu sexo sofreu nunca nin sofre. Antes de nos solidarizar co Tibet dominado por China teremos que nos preguntar a costa de quen viven os milleiros de lamas exiliados cuxo tempo non se ocupa no traballo útil e cuxa mentalidade xace nas sombras da alienación relixiosas nas que non penetra nin unha soa raiola de lucidez científica e racionalista. Se certamos a determinar quen paga o combustíbel do jet do Dalai Lama e alimenta a súa corte de frades sempre masculinos poderemos comezar a comprender o labirinto tibetano nos termos nos que se traza na actualidade o seu sistema de galerías segredas.
Despois do Tibet pasou pola miña vida o separatismo de Kaga contra o Congo popular de Lumumba, o independentismo zulú insolidario co proxecto multinacional e multilingüe da Sudáfrica de Mandela, a Padania de ópera bufa e intereses vulgares que trata de lle corrixir a historia á Italia alegre e tricolor que amaran Murguía e Curros. Vin con horror como a desfeita da URSS se apoiaba na alavanca dos mesmos nacionalismos que na miña nenez nutriran as fileiras do nacionalsocialismo e das SS no Leste de Europa. Coñecín como Yugoslavia, un modelo de sociedade libre e multicultural, estoupaba e volvía á barbarie na medida en que o seu discutido socialismo autoxestionario se extinguía ben conducido pola man segura do Vaticano, dos EEUU e da eterna política oriental dos alemáns de novo reunificados para o mal xeral da Humanidade. Por fin, asisto á independencia de Kosovo, velaí a criazón do paradiso do desorde que é Kosovo. Nun escamoteo pérfido do Capital, Kosovo, xa non é Serbia pero, oh milagre, tamén xa non é Albania. Só diñeiro desregulado e puro.
As bandeiras con barras e estrelas ondeando ao vento de Kosovo sírvenme para visualizar do xeito inequívoco a lección de Francisco Cerviño Gesteira en 1950. Todo nacionalismo é plástico e depende de cal contido e forma se lle dea á súa función no movemento da Historia. Iso dicía Étienne Balibar, n´ A Trabe de Ouro e iso penso tamén, modestamente, eu.

Sem comentários: